Saltar ao contido

Afgani

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Afgani
افغانۍ (linguas paxta e dari)
Código:AFN
Ámbito: Afganistán
Símbolo:؋ (U+060B) ou Af (singular) e Afs (plural).
Fracción:100 pul.
Moedas:1, 2 e 5 afganis.
Billetes:1, 2, 5, 10, 20, 50, 100, 500 e 1.000 afganis.
Emisor:Da Afghanistan Bank.
Taxa de troco:
4-01-2021
1 EUR = 94,76 AFN
1 USD = 77,32 AFN
Troco actual

O afgani (paxta: افغانۍ; dari: افغانی) é a unidade monetaria da República Islámica de Afganistán desde o 7 de outubro de 2002, cando substituíu o antigo afgani, vixente desde 1925, cun perído de conversión que rematou o 2 de xaneiro 2003.[1][2][3][4]

O seu código ISO 4217 é AFN e o seu símbolo monetario é ؋ ou Af, para singular, e Afs, para plural. A entidade emisora é o banco central do país: Da Afghanistan Bank.[5]

O primeiro afgani dividíase en 100 pul (پول), aínda que desde 2002 carece de moeda fraccionaria.[3]

En xaneiro de 2020, a súa equivalencia co euro era 1 EUR = 94,76 AFN.[6]

1925-2002

[editar | editar a fonte]
1 afgani de 1961.[7]

O primeiro afgani (código ISO 4217: AFA) foi introducido en 1925 en substitución da rupia afgá, en uso desde 1891.[8] Tamén se dividía en 100 pul e, simultaneamente, 20 afganis equivalían a un amani. A taxa de conversión da rupia estableceuse en 1 AFA = 1 rupias e 6 paisas, baseándose no contido de prata das derradeiras rupias cuñadas e no das novas moedas afgás. Inicialmente, este primeiro afgani contiña 9 gramos de prata.[3][9][10]

En 1935, o afgani fixou a súa taxa de cambio con respecto á rupia india en 4 AFA = 1 INR.[3] Desde 1940 pasou a vincularse ao dólar estadounidense, con taxas de cambio moi flutuantes: o afgani tiña un cambio de 67 AFA por dólar en 1973 e, despois da guerra civil de 1992, o mesmo dólar equivalía a 16.000 afganis.[11]

100 afganis de 1963

En decembro de 1996, cando os talibáns tomaron o control do país, designaron un novo titular do banco central afgán, o mulla Ehsanullah Ehsan. Ao mesmo tempo, señores da guerra, partidos políticos e potencias estranxeiras comezaron a imprimir os seus propios billetes con valores faciais en afganis, carentes de calquera normalización e de números de serie. As novas autoridades anunciaron que os billetes en circulación eran obsoletos por mor do seu escaso poder adquisitivo, de xeito que se suspendeu a emisión da moeda afgá e se cancelou o contrato coa empresa rusa que imprimía o papel moeda oficial. O presidente do banco central, Ehsanullah Ehsan, acusou o goberno ruso de enviar novos cargamentos de afganis en billetes ao derrocado presidente Burhanuddin Rabbani, localizado na provincia setentrional de Takhar.[12]

Logo do nomeamento de Ehsan á fronte do banco central afgán, anunciou por medio dun decreto que 21.000 AFA equivalían a un dólar estadounidense. Daquela, a Alianza do Norte empezou a vender os billetes impresos en Rusia á metade do seu valor oficial nos mercados de Cabul. Nese momento o afgani viuse envolto nunha espiral inflacionaria que terminou deixando esta unidade monetaria sen peso ningún no mercado internacional. Só en 2000, a unidade monetaria afgá logrou certa estabilidade, cando foi reavaliada e cotizou en 6.400 afganis = 1 dólar. Logo da caída dos talibáns en 2002, o dólar en Afganistán subiu ata os 43.000 afganis.[12][13]​​

Logo da reforma monetaria de 2002

[editar | editar a fonte]
Símbolo monetario do afgani.

En 2002, o afgani sufriu unha fonda reconversión e adquiriu o novo código ISO 4217 AFN. Para este novo afgani non se estableceu moeda fraccionaria ningunha. A substitución do antigo afgani polo novo baseouse en dúas taxas de cambio diferentes: as emisións do Goberno do expresidente Burhanuddin Rabbani (de iure 1992-2001) substituíronse a razón de 1.000 vellos por un novo afgani, en tanto que as emisións do señor da guerra Abdul Rashid Dostum (1992-1997 no norte de Afganistán) tiñan unha taxa de 2.000 vellos por cada un novo.[3] A creación da nova moeda supuxo un esforzo por estabilizar a economía e deter a rápida inflación. Os billetes do novo sistema foron impresos en Alemaña.[14]

O creador da nova moeda, o 4 de setembro de 2002, foi o presidente Hamid Karzai. O novo afgani foi introducido no mercado o 8 de outubro dese mesmo ano e a reforma tivo un bo acollemento por parte da poboación, xa que se tomou como un signo de seguridade económica e de estabilidade, no marco da reconstrución do país.[15] A xente deixou de verse obrigada a portar grandes cantidades de diñeiro para as súas compras cotiás e foi a primeira vez en moitos anos en que a moeda afgá estivo baixo o control único do banco central do país, no canto do dos señores da guerra.[11] A maior parte dos billetes antigos foron destruídos a finais de 2002.[16]

O Banco de Afganistán adoptou un réxime de taxa de cambio flutuante e deixou que a taxa se determine libremente polas forzas do mercado.[17] O novo afgani foi avaliado cun cambio de 43 unidades por cada dólar estadounidense.[18]

Logo de desvalorizarse fortemente durante o derradeiro trimestre de 2003, o afgani pasou a revalorizarse de xeito constante, gañando un 8 % en relación co dólar entre marzo e xullo de 2004. Este aumento, nun momento en que a inflación crecía, semella reflectir unha vontade meirande da poboación de utilizar o afgani como medio de cambio e como reserva de valor. Esta tendencia pódese atribuír á relativa estabilidade da taxa de cambio acadada logo da introdución da nova moeda, así como ás medidas administrativas para a promoción do seu uso, entre elas a obriga aos comerciantes de indicaren os prezos das mercadorías en afganis. Os investidores efectúan cada vez máis pagamentos en afganis no canto dos dólares estadounidenses. En 2009, o afgani revalorizouse a un cambio de 45 AFN = 1 USD. En 2019, o afgani acadou os 75 AFN = 1 USD.[19]

Moedas do vello afgani

[editar | editar a fonte]
5 afganis de 1961.[20]

En 1925 puxéronse en circulación moedas de bronce e de latón de 2, 5 e 10 pul, moedas de billón de 20 pul, de prata de medio e dun afgani, e de ouro de medio e dun amani. O ano seguinte engadíronse as moedas de ouro de 2,5 afgani e de 2,5 amani. En 1930, sumáronse as moedas de bronce e de latón de 1 e de 25 pul, e en 1937 completouse a serie cos valores de 3 pul (bronce), e de 10 e 20 pul (cuproníquel).[21]

En 1952 introducíronse moedas de aluminio de 25 pul e de aceiro niquelado de 50 pul, seguidas polas de 2 e 5 afgani, tamén de aluminio, en 1958. En 1961 emitíronse os valores de 1, 2 e 5 afganis en aceiro niquelado.[21]

En 1973, a nova República de Afganistán emitiu moedas de 25 pul de aceiro bañado en latón, de 50 pul en aceiro bañado en cobre, e de 5 afgani de aceiro revestido de cuproníquel.[21]

Entre 1978 e 1980, a República Democrática de Afganistán emitiu moedas de bronce-aluminio de 25 e de 50 pul, e de cuproníquel de 1, 2 e 5 afganis.[21]

O Estado Islámico de Afganistán puxo en circulación, así mesmo, moedas conmemorativas entre os anos 1995 e 2001.[21]

Moedas en circulación

[editar | editar a fonte]

Logo da reforma monetaria de 2002, en 2005 puxéronse en circulación moedas de curso legal con valores de 1, 2 e 5 afganis.[22]

Imaxes Valor Data Metal Diámetro

(mm)

Peso
(g)
Motivos e lendas
Anverso Reverso Anverso Reverso
1 afgani

[23]

2005 Aceiro bañado en cobre 19,5 3.25 Armas de Afganistán. د افغانستان بانک - ١ - يو افغانۍ

(Banco de Afganistán. 1 afgani 1383)

2 afganis

[24]

2005 Aceiro 22 4,1 Armas de Afganistán. د افغانستان بانک - ٢ - دوه افغانۍ

(Banco de Afganistán. 2 afganis 1383)

5 afganis

[25]

2005 Cobre, níquel e cinc 23,5 5,26 Armas de Afganistán. د افغانستان بانک - ۵ - پنځه افغانۍ

(Banco de Afganistán. 5 afganis 1383)

Billetes do vello afgani

[editar | editar a fonte]

Entre 1925 e 1928 o Tesouro afgán emitiu billetes con valores faciais de 5, 10 e 50 afganis. En 1936 engadíronse os valores de 2, 20 e 100 afganis. O Banco de Afganistán asumiu as competencias para emitir diñeiro en 1939 e introduciu os valores de 2, 5, 10, 20, 50, 100, 500 e 1.000 afganis. En 1958 substituíronse os billetes de 2 e 5 afganis por moedas. En 1993 engadíronse os billetes de 5.000 e de 10.000 afganis.[26][27]

Billetes en circulación

[editar | editar a fonte]

A primeira serie de papel moeda logo da reforma monetaria pola que se creaba o novo afgani púxose en circulación o 7 de outubro de 2002 e estaba composta por billetes cos valores faciais de 1, 2, 5, 10, 20, 50, 100, 500 e 1.000 afganis. Os billetes de 1, 2 e 5 afganis foron substituídos por moedas dos mesmos valores en 2005.[3][27]

En 2004 e en 2008 melloráronse os elementos de seguranza dalgúns destes billetes e en 2014 introduciuse un novo billete de 1.000 afganis para previr a súa falsificación.[3][27]

Serie de billetes de 2002
Imaxe Valor Dimensións

(mm)

Descrición
Anverso Reverso Anverso Reverso
1 afgani

[28]

131 × 55 Emblema do Banco de Afganistán. Mesquita en Mazari Sharif.
2 afganis

[29]

Xardíns en Paghman.
5 afganis

[30]

Bala Hissar, Cabul.
10 afganis

[31]

136 × 56 Mausoleo de Ahmed Shah Durrani. Xardíns de Paghman.
20 afganis

[32]

140 × 58 Tumba de Mahmud de Ghazni. Palacio presidencial, Cabul.
50 afganis

[33]

144 × 60 Mesquita Shah Do Shamira Paso de Salang.
100 afganis

[34]

148 × 62 Mesquita Pul e Khishti Arco de Bost.
500 afganis

[35]

152 × 64 Gran Mesquita de Herat. Torre do aeroporto de Kandahar.
1.000 afganis

[36]

156 × 66 Mesquita azul. Tumba de Ahmad Shah Durrani.
  1. "Afgani". En Digalego. Dicionario de galego.
  2. "Afgani". En Alfaro Asins, C. et al. (2009). Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura, Madrid. Páxina 31. ISBN 978-84-8181-405-7
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 "World Currencies: Afghani". Online Coin Club.
  4. "Afghani". Encyclopaedia Iranica.
  5. "About Monetary Policy". Da Afghanistan Bank.
  6. Cambio entre afgani e euro. Nataf.net
  7. "1 Afghani - Muhammed Zahir Shah". Numista.com
  8. "Coins And Banknotes". Da Afghanistan Bank.
  9. Krause, C. L.; Mishler, C. (1991)
  10. "Currency Afghanistan: Afghan Afghani". Worldtravelserver.com
  11. 11,0 11,1 Shoib Safi (2002). "All Change for Afghan Currency". En Media Monitors Network (MMN). 14 de setembro.
  12. 12,0 12,1 Llc Books Editors (2009). Currencies of Afghanistan: Afghan Afghani, Afghan Rupee, Afghan Abasi. Books Llc., Memphis, Tennesse.
  13. Mohd, A. (2011). "The Tale of Afghan Currency". En Daily Outlook Afghanistan. 24 de outubro.
  14. "Afghanistan redenominates currency". En BBC News. 4 de setembro de 2002.
  15. "Afghanistan banks on new currency Arquivado 20 de xuño de 2021 en Wayback Machine.". CNN World. 7 de outubro de 2002..
  16. Abdul Qadeer Fitrat. (2018). The Tragedy of Kabul Bank. Page Publishing Inc. ISBN 978-1-64027-368-9
  17. Fry, M.l J. (1976). "A Monetary Approach to Afghanistan's Flexible Exchange Rate". En Journal of Money, Credit and Banking. Vol. 8 (2): 219-225.
  18. "Currency and Banking Arquivado 25 de xullo de 2020 en Wayback Machine.". Afghanistans.com
  19. Arman, R. (2019). "Afghani Falls Against Dollar By 3% In A Month". En TOLOnews.‎ 18 de abril.
  20. "5 Afghanis - Muhammed Zahir Shah". Numista.com
  21. 21,0 21,1 21,2 21,3 21,4 "Afghanistan: First afghani (1925-2003)". Numista.com
  22. "Afghanistan: Second afghani (2003-date)". Numista.com
  23. "1 Afghani". Numista.com
  24. "2 Afghanis". Numista.com
  25. "5 afghanis". Numista.com
  26. "Bank notes from Afghanistan Pashto Persian". Alamy.com
  27. 27,0 27,1 27,2 "Afghanistan". Banknote.ws
  28. "1 afghani. SH 1381". Banknote.ws
  29. "2 afghanis. SH 1381". Banknote.ws
  30. "5 afghanis. SH 1381". Banknote.ws
  31. "10 afghanis. SH 1381 & 1383". Banknote.ws
  32. "20 afghanis. SH 1381-1395". Banknote.ws
  33. "50 afghanis. SH 1381-1395". Banknote.ws
  34. "100 afghanis. SH 1381 & 1383 (2002 & 2004)". Banknote.ws
  35. "500 afghanis. SH 1381 (2002)". Banknote.ws
  36. "1.000 afghanis. SH 1381 (2002)". Banknote.ws

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]