Saltar ao contido

Xiyouji

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 24 de agosto de 2024 ás 16:27 por Vanicorps (conversa | contribucións) (Traducido de zh:西游记)
(dif) ← Revisión máis antiga | Revisión actual (dif) | Revisión máis nova → (dif)

Xiyouji
Título orixinal西遊記
Autor/aWu Cheng'en e Li Chunfang
OrixeDinastía Ming
Linguachinés escrito
Xénero(s)Fantasía, shenmo xiaoshuo e ficción de aventuras
Data de pub.1592
Na rede
BNE: XX2234928
editar datos en Wikidata ]

Xiyouji (chinés tradicional: 西遊記; chinés simplificado: 西游记; pinyin: Xīyóujì; Wade-Giles: Hsi1-yu2 chi4; lit. "Viaxe ao Oeste") é unha novela chinesa da dinastía Ming, publicada no século XVI. Atribúeselle ao escritor Wu Cheng'en. Está considerada unha das Novelas Clásicas Chinesas, así como unha das obras literarias máis populares da historia de Asia Oriental.

O libro narra a lendaria peregrinación do monxe budista Xuanzang, da dinastía Tang, que viaxou cara ás rexións occidentais (Asia Central e mais a India) na procura de sutras. Na obra, o protagonista recibe o nome de Tang Sanzang. Malia recoller os trazos xerais da viaxe de Xuanzang, tal e como aparece no seu libro Da Tang xiyuji 大唐西域記 ("Rexistro dos Tang das rexións occidentais", 646), o Xiyouji engade elementos da literatura popular e da propia imaxinación do autor. Por exemplo, a figura de Gautama Buddha aparece para encomendar ao monxe a súa misión, na que será asistido por tres protectores que buscan penitencia polos seus pecados. Trátase do rei mono Sun Wukong, Zhu Bajie e Sha Wujing, xunto cun príncipe dragón que actúa como montura de Tang Sanzang, o cabalo-dragón branco. O grupo logrará a iluminación grazas ao poder e a virtude da cooperación.

O Xiyouji ten unha grande influencia da relixión e da mitoloxía tradicionais, do budismo chinés, do confucianismo e mais do daoísmo. Así, aparecen inmortais daoístas ou bodhisattvas budistas. A obra e as súas personaxes inspiraron á banda deseñada (manhwa, manhua e manga) e á animación actual. Aínda moi popular, a novela é unha mestura de comedia de aventuras, sátira da burocracia chinesa e fonte de reflexión espiritual; ademais, é considerada un clásico do shenmo xiaoshuo.

A versión completa máis antiga conservada do Xiyouji publicouse anonimamente en 1592, aínda que existen dúas versións máis breves anteriores.[1] A cuestión da autoría complícase aínda máis polo feito de que gran parte do material da novela existía xa en forma de relatos populares.[2]

En 1942, o intelectual e embaixador Hu Shih defendeu a autoría de Wu Cheng'en. O seu argumento basease na poboación da aldea natal de Wu, que lle atribuíron a obra ao seu compatriota dende, polo menos, o ano 1625. Xa que logo, segundo Hu, o Xiyouji é unha das primeiras novelas chinesas cunha autoría documentada oficialmente.[3]

Esta atribución foi posta en dúbida por moitos expertos. En 1983, David Lattimore afirmou que "a confianza do embaixador é bastante inxustificada. O que os documentos din é que Wu escribiu algo chamado Xiyouji, mais non especifican que se trate dunha novela. Podería ser outra versión da mesma historia, ou algo totalmente diferente".[4] Pola súa banda, o tradutor W. J. F. Jenner sinalou que, malia que Wu posuía un amplo saber sobre a burocracia e a política chinesas, a información que contén a novela sobre estes temas é de coñecemento común.[2]

En xeral, a trama do Xiyouji "formaba xa parte da tradición literaria popular da China, na forma de historias en lingua coloquial" antes da redacción da novela.[5] Con independencia das súas orixes e autoría, o Xiyouji converteuse na versión oficial da historia,[2] e o nome de Wu pasou a estar asociado coa mesma.[6]

Contexto histórico

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Xuanzang.
A Gran Pagode do Ganso Salvaxe (Xi'an)
A Gran Pagode do Ganso Salvaxe, construída baixo a dirección de Xuanzang (Xi'an)

O Xiyouji está baseado en sucesos históricos. Xuanzang (602-664) foi un monxe budista do templo Jingtu (situado na capital, Chang'an) durante o remate da dinastía Sui e comezos da Tang. Interesado en obter mellores traducións das escrituras budistas da época, saíu de Chang'an en 629, malia a prohibición de viaxar establecida polo emperador Taizong de Tang. Axudado por outros budistas, chegou a Kumul pasando por Gansu e Qinghai, dende onde continuou polas montañas Tian até Turpán. Despois, pasou polas rexións dos actuais Kirguistán, Uzbekistán e Afganistán. En 630, estivo en Gandhara, no norte de Paquistán. Durante os seguintes trece anos, trasladouse polos principais lugares de peregrinación da India, entre os que destaca o mahavihara de Nalanda, onde estudou e debateu cos grandes mestres.

Xuanzang abandonou a India en 643, chegando a Chang'an en 646. Malia ter ignorado unha prohibición imperial, o monxe foi ben recibido polo emperador Taizong. Neste sentido, recibiu unha compensación económica e apoio para os seus proxectos. Xa que logo, Xuanzang asentouse no mosteiro Da Ci'en, onde dirixiu a construción da Gran Pagode do Ganso Salvaxe, un edificio que albergaría as escrituras e iconas traídas do estranxeiro. Ademais, principiou a redacción do seu Da Tang xiyuji, un rexistro da súa viaxe. Coa beizón do monarca, fundou un instituto no mosteiro Yuhua Gong dedicado á tradución dos textos obtidos na India. Coas súas traducións e comentarios, Xuanzang fundou unha nova seita budista, a Escola das Características do Dharma. Faleceu o 7 de marzo de 664, e as súas cinzas foron depositadas no mosteiro Xingjiao (construído para este mesmo propósito) en 669.

O Xiyouji consta de cen capítulos, que se poden dividir en catro partes de diversa duración. A primeira parte, que inclúe os setes capítulos iniciais, narra o nacemento do protagonista, Sun Wukong, e o seu posterior castigo de cincocentos anos na montaña dos cinco elementos por rebelarse contra o ceo.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]