Vulpes (grupo de música)
Vulpes | |
---|---|
Orixe | Bilbao, País Vasco |
Período | 1982-1983, 2003-2005 |
Xénero(s) | Punk rock |
Selo(s) discográfico(s) | Dos Rombos, Oihuka |
Membros | Loles Vázquez "Anarkoma Zorrita" Mamen "Evelyn Zorrita" Begoña "Ruth Zorrita" Lupe Vázquez "Pigüy Zorrita" |
Na rede | |
Vulpes foi o primeiro grupo punk rock feminino de Bilbao, e un dos primeiros a nivel estatal. Formouse durante o verán de 1982. Fixéronse famosas a partir do 23 de abril de 1983 por aparecer interpretando a canción "Me Gusta ser una Zorra" no programa de Televisión Española Caja de ritmos, dirixido por Carlos Tena, que servía de escaparate da actualidade musical do momento e se emitía en horario infantil.
Logo da polémica disolvéronse (cun só single no seu haber). En 2005 volveron ó estudio para gravar o álbum Me Gústa Ser. Unha vez editado o álbum, volveron separarse.
Compoñentes
As catro mozas tiñan entre 17 e 21 anos no momento da fundación da banda. Eran:
- Loles Vázquez "Anarkoma Zorrita" (guitarra).
- Mamen "Evelyn Zorrita" (voz).
- Begoña "Ruth Zorrita" (baixo).
- Lupe Vázquez "Pigüy Zorrita" (batería).
A compoñente máis antiga, Anarkoma, quería formar un grupo de punk-rock feminino, e no caso de non conseguilo estaba disposta a formalo mixto.
Os seus gustos musicais son dispares. Así, Evelyn e Pigüy eran fans de Bruce Springsteen, mentres que Anarkoma e Ruth tiraban máis polo punk (Sex Pistols, Ramones) e rockabilly (The B-52's).
O 29 de novembro de 2003, como homenaxe a Lupe, falecida en 1993, comezaron a dar novos concertos, algúns deles con notable asistencia de público.
En 2005, entraron ao estudo para gravar o álbum que non puideron facer no seu momento. Para iso contaron coa axuda de Joakin «Killer» Gonzalez á guitarra.
Logo duns anos intentando seguir na esfera musical, cada unha seguiu unha traxectoria distinta, uníndose a outros grupos musicais.
A polémica
A súa intención como grupo era basicamente provocar, tanto coa súa estética, como coas súas declaracións e coas letras das cancións.
«Gústanos ser como somos e pensamos que a ninguén debe escandalizar que digamos que nos masturbamos, porque iso é natural, iso faino todo o mundo. É mais forte pór películas violentas ou obrigar a nenos a seguir determinado tipo de relixión»
A emisión da súa canción "Me gusta ser una zorra" no programa de televisión Caja de Ritmos provocou un escándalo considerable, ao que contribuíu non pouco a publicación da letra, quince días despois, nunha editorial do diario conservador ABC. Desde este diario esixiuse á dirección de televisión que tomase medidas. Tamén o Partido Demócrata Popular protestou ante a emisión do vídeo e mesmo o Fiscal Xeral do Estado presentou unha querela por escándalo público. Ao final produciuse a dimisión do director do programa, Carlos Tena, e o peche de Caixa de Ritmos.
A letra da polémica canción, con música orixinal de Iggy Pop e The Stooges, comezaba:
- Si tú me vienes hablando de amor,
- qué dura es la vida,
- cual caballo me guía,
- permíteme que te dé mi opinión:
- mira, imbécil, que te den por culo,
- me gusta ser una zorra.
Discografía
- "Me gusta ser una zorra" / "Inkisición" (dos Rombos, 1983). Sinxelo
- Me Gusta Ser (Oihuka, 2006).
Notas e referencias
O nome correcto é Vulpes e non Vulpess (como adoita escribirse). É corrente o erro de pór o nome con dous eses, xa que así apareceu na portada do seu sinxelo "Me gústa ser una zorra / Inkisición", pero as dúas eses só eran unha referencia provocadora ao anagrama das SS nazis.