Wikipedia:Consenso
Esta páxina contén políticas e normas oficiais da Galipedia. Ten unha ampla aceptación entre os editores desta Wikipedia e considérase un estándar que todos os usuarios deben seguir. Agás para edicións pequenas, por favor, use a páxina de conversa para propoñer cambios nestas directrices. Esta política aprobouse nesta votación que tivo lugar desde o 18/11/2016 ata o 18/12/2016. |
O consenso fai referencia á principal forma de toma de decisións da Wikipedia, e está aceptado como o mellor método para conseguir os obxectivos da Wikipedia marcados polos cinco piares. O consenso na Wikipedia non significa sempre unanimidade necesariamente, nin é o resultado dunha votación. A toma de decisións involucra un esforzo para incorporar as preocupacións lexítimas de tódolos editores, ó mesmo tempo que se respectan as políticas e normas da Wikipedia.
Esta política describe como se entende o consenso na Wikipedia, como determinar cando se acada un consenso e como proceder en caso contrario. Tamén se inclúen varias excepcións ó principio de que tódalas decisións se toman por consenso.
Acadar un consenso
editarOs editores adoitan chegar a un consenso seguindo un proceso natural. Despois de que un editor realice un cambio nunha páxina, outros editores que a lean poden escoller se editar ou non a maiores. Cando os editores non chegan a un acordo por medio da edición, a discusión na páxina de conversa asociada continúa o proceso para conseguir o consenso.
Unha decisión de consenso ten en conta tódalas preocupacións indicadas ó respecto. De forma ideal acádase o consenso sen ningunha obxección, pero a miúdo os editores se deben conformar co acordo máis amplo que sexa posible conseguir. Cando non existe un amplo acordo, a construción do consenso involucra a adaptación da proposta para incluír a aqueles que se opoñen orixinalmente sen excluír a aqueles que concordan co proposto orixinalmente.
Por medio da edición
editarO consenso é un proceso normal e habitualmente implícito e invisible da Wikipedia. A presunción é que calquera edición non disputada ou revertida por outro editor está feita baixo consenso. Esa edición pode ser revisada posteriormente por outro editor sen mediar disputa, asumindo entón que se acada un novo consenso. Desta forma a enciclopedia medra e mellora de forma gradual co tempo.
Tódalas edicións deben ir acompañadas dunha explicación (agás que o motivo da edición sexa obvio). Isto faise ó indicar un resumo de edición claro no que se explica o motivo do cambio, ou por medio dunha mensaxe na páxina de conversa do artigo. Os resumos de edición son de especial importancia á hora de reverter as edicións de boa fe doutros editores. As reversións repetidas e guerras de edicións son contraproducentes para a Wikipedia. A excepción a isto son as reversións de vandalismos e o cumprimento de políticas como a de biografías sobre persoas vivas.
Agás naqueles casos nos que aplique algunha das políticas da Wikipedia, a maioría de disputas sobre o contido poden resolverse por medio de cambios menores no lugar de tomar unha posición de todo ou nada. Normalmente un cambio na redacción será suficiente para satisfacer a maioría das preocupacións dos editores. Tanto se os cambios proceden do proceso de edición ou do de conversa, a mellor forma de mellorar a Wikipedia é a través da colaboración e o consenso, e non por medio da disputa e da capitulación.
Por medio da conversa
editarCando non é posible chegar a un acordo unicamente por medio das edicións, o proceso para acadar un consenso tórnase máis explícito. Os editores comezan unha nova sección na páxina de conversa correspondente e tratan de solucionar a disputa a través da conversa. Neste proceso os editores tratan de persuadir ó resto, empregando o seu razoamento baseado nas políticas, fontes e sentido común. Poden tamén suxerir solucións alternativas ou compromisos que satisfagan tódalas preocupacións indicadas polos editores involucrados. O resultado pode ser un acordo que non satisfaga a tódalas partes ó completo, pero que todas recoñezan como unha solución razoable. O consenso é un proceso continuo na Wikipedia; normalmente resulta mellor aceptar un compromiso non perfecto, entendendo que a páxina está a mellorar de forma gradual, que tentar pelexar por deixar feita a versión preferida de forma inmediata. A calidade dos artigos con editores "combativos" é por norma menor que a calidade dos artigos nos que os editores procuran centrarse no longo prazo.
Cando os editores teñen dificultades para acadar un consenso, poden botar man de varios procesos adicionais dispoñibles, como pedir unha terceira opinión ou a participación doutros editores non involucrados, e nos casos máis extremos a petición de accións administrativas ou a realización dunha votación formal. No caso dos administradores, estes céntranse principalmente na aplicación das políticas e normas e no comportamento dos editores, polo que non decidirán sobre o contido de forma autoritaria. Poden bloquear editores por comportamentos que interfiran co proceso de acadar un consenso, como as guerras de edicións, o abuso de múltiples contas de usuario ou a falta de civismo, e tomar decisións firmes sobre unha edición conforme a súa validez segundo unha política ou norma concreta, pero polo xeral non irán máis aló deste tipo de accións.
Construír un consenso
editarOs editores que manteñen unha actitude cívica, neutral e desinteresada na maioría dos casos serán capaces de acadar o consenso nun artigo determinado por medio dos procesos detallados anteriormente. Malia todo, en ocasións pode darse unha situación de punto morto, na que os editores non sexan capaces de atopar motivos racionais para finalizar unha disputa ou porque un dos bandos da discusión se torne emocional ou ideoloxicamente implicado en "gañar" a discusión. As indicacións detalladas a continuación son suxestións para a resolución de disputas aparentemente inamovibles, así como a descrición de varios procesos formais e informais que poden axudar no proceso.
Nas páxinas de conversa
editarSé ousado, mais non imprudente. Na maioría dos casos o primeiro a tentar é facer unha edición no artigo, e en ocasións esa edición resolverá a disputa. Usa resumos de edición claros que expliquen o propósito da edición. Se alguén desfai a edición, tenta facer unha edición comprometida coas indicacións dos outros editores. Os resumos de edición son útiles, pero non se debe tratar de resolver unha disputa por medio de múltiples resumos de edición, xa que isto polo xeral considérase unha guerra de edicións e pode dar lugar a sancións. Se alguén reverte unha edición e as próximas edicións semellan ter un destino semellante, crea unha nova sección na páxina de conversa do artigo para discutir a cuestión.
Na determinación do consenso cómpre considerar a calidade dos argumentos, a historia de como suceden, as obxeccións dos que non están de acordo e as políticas e normas existentes. A calidade dun argumento é máis importante que o feito de se representa unha visión minoritaria ou maioritaria. Os argumentos non razoados de tipo "non me gusta" e "simplemente gústame desta forma" non teñen ningún peso específico en absoluto.
Limita as discusións nas páxinas de conversa dos artigos á revisión das fontes, ó enfoque do artigo e á aplicación das políticas. Se unha edición é disputada ou é potencialmente disputable, os editores deben empregar as páxinas de conversa para explicar o porqué dun engadido, cambio ou eliminación para mellorar o artigo, e polo tanto a enciclopedia. Polo xeral asúmese que existe un consenso se non hai obxección de ningún outro editor para un cambio. Os editores que ignoran as discusións nas páxinas de conversa pero aínda así continúan a editar ou reverter material disputado, ou aqueles que rexeitan continuar unha discusión, pode considerarse que están rompendo a edición e isto dar lugar a sancións. O consenso non pode tampouco asumirse sempre simplemente porque outros editores non continúen a responder nunha discusión dunha páxina de conversa na que xa teñan participado.
O obxectivo dunha discusión que procura construír e acadar un consenso é o de resolver disputas de forma que reflicta os obxectivos e políticas da Wikipedia ó mesmo tempo que "enfada" ó menor número posible de editores.
Solicitar outras opinións
editarCando unha discusión nunha páxina de conversa fracasa, xeralmente porque dous editores ou grupos de editores non son capaces de chegar a un acordo nun tema determinado, a Wikipedia ten varios procesos establecidos para atraer a outros editores non involucrados para que ofrezan a súa opinión. Isto é útil para desfacer puntos mortos sinxelos de boa fe, xa que os editores non involucrados poden achegar novas perspectivas e axudar ós editores involucrados a confluír nun punto intermedio que eles sós non son capaces de ver. Os principais métodos e recursos para este fin son os seguintes:
- Pedir unha terceira opinión
- Pedir a opinión dun terceiro non involucrado pode ser útil nos casos nos que exactamente dous editores estean en disputa. Un terceiro neutral pode achegar unha opinión non vinculante á disputa.
- Abrir un fío na taberna
- As notificacións neutrais na taberna dunha disputa en curso poden atraer a editores adicionais que poden axudar na procura do consenso.
- Procurar a asistencia dun administrador
- Cando se precise un mediador neutral ou unha visión dende o punto de vista das políticas e normas da Wikipedia con respecto á disputa en curso.
- Comezar unha votación formal
- Debe reservarse para os casos máis extremos e para cuestións de alcance global, sendo máis recomendable procurar o consenso por algunha das vías establecidas anteriormente.
Intervención administrativa ou da comunidade
editarNalgúns casos as disputas poden ser persoais ou ideolóxicas no lugar de simples desacordos sobre o contido, e poden requirir a intervención dos administradores ou do conxunto da comunidade. Os administradores non regularán no contido, pero poden intervir para obrigar ó cumprimento de certas políticas (como WP:BPV) ou impoñer sancións a aqueles editores que estean a obstruír o proceso de procura dun consenso.
En ocasións pode ser suficiente chamar a atención dos administradores nunha páxina de conversa, pois é probable que algún deles vexa a páxina e responda. De non ser así, pode indicarse o problema da disputa en curso no taboleiro dos administradores para que se teña en conta.
Obstáculos e erros
editarDetállanse a continuación algúns dos erros comúns nos que poden caer os editores á hora de tratar de construír un consenso:
- As conversas fóra do wiki. As conversas noutras páxinas webs, foros, canles de IRC, por correo electrónico ou de calquera outra forma fóra do proxecto están polo xeral desaconselladas, e non se toman en conta ó determinar un consenso "dentro do wiki". Nalgúns casos este tipo de comunicacións externas poden xerar sospeitas e desconfianzas. A maioría das discusións relacionadas coa Wikipedia deberían manterse na propia Wikipedia, onde todos poden velas.
- O proselitismo e/ou o uso de monicreques. Os esforzos para atraer participantes cara a unha discusión da comunidade que teñan o efecto de decantar a propia conversa son inaceptables. Malia que sexa aceptable, e en ocasións recomendable, notificar de forma neutral a terceiras partes para que participen nunha discusión achegando novos puntos de vista e argumentos na procura dun consenso, non é aceptable invitar só a editores favorables a un punto de vista particular, ou invitar a editores de forma que se prexudique a súa opinión no tema. O uso de contas alternativas (monicreques) para influenciar a procura do consenso está prohibido. As mensaxes neutrais e informativas na taberna, wikiproxectos ou páxinas de conversa de usuarios están permitidas. Porén, as accións que poidan ser razoablemente interpretadas como un intento de "alterar o resultado das urnas" ou que comprometan claramente o proceso de procura dun consenso poden considerarse unha rotura da edición e un xogo co sistema.
- As edicións tendenciosas. A procura agresiva e continua dun obxectivo editorial considérase unha disrupción e debe evitarse. Os editores deben escoitar, responder e cooperar para construír un mellor artigo. Aqueles que rexeitan a procura dun consenso máis aló do que eles insisten e aqueles que bloquean indefinidamente unha conversa para acadar o seu obxectivo poñen en risco o proceso de consenso.
- A protesta indiscriminada. Indicar o mesmo problema en múltiples lugares e páxinas de conversa ou perante múltiples administradores, ou calquera destas accións de forma repetitiva, resulta nun comportamento que non axuda na procura dun consenso. Na procura dun consenso non axuda trasladar a discusión a diferentes foros na espera de que nun deles se atope a resposta que un procura. As indicacións dunha disputa en curso nos taboleiros e páxinas de conversa deben indicarse da forma máis neutral que sexa posible, para conseguir opinións adicionais o máis neutrais e non involucradas que sexa posible.
Determinar un consenso
editarO consenso establécese pola calidade dos argumentos fornecidos nos distintos puntos de vista do tema, vistos baixo a lente das políticas da Wikipedia. O consenso como tal defínese como o acordo conseguido trala discusión. O editor ou administrador que "pecha" a discusión le os argumentos presentados e determina se existe ou non un consenso e en que consiste o devandito consenso.
Nivel de consenso
editarO consenso entre un grupo limitado de editores, nun determinado lugar e tempo, non pode ignorar o consenso comunitario a maior escala. Por exemplo, agás que poidan convencer á comunidade xeral de que unha acción é correcta, os participantes dun wikiproxecto non poden decidir que unha política aceptada globalmente non aplica ós artigos que están baixo o seu obxectivo.
A Wikipedia ten un estándar máis restritivo de participación e consenso para os cambios nas políticas e normas que noutro tipo de páxinas. Isto é debido a que estas reflicten un consenso xa establecido e a súa estabilidade e consistencia son importantes para a comunidade. Como resultado, os cambios substanciais nunha política ou norma deben proporse primeiro na páxina de conversa correspondente e na maioría dos casos someterse a unha votación formal. Os cambios menores poden realizarse sen unha discusión previa, pero estarán suxeitos a un gran nivel de escrutinio para asegurar que non están mudando a base e obxectivo da proposta. A comunidade é máis receptiva a aceptar edicións en políticas se se fan de forma pausada e conservadora, cun esforzo activo pola procura de achegas e acordos do maior número posible de editores.
Cando non se acada un consenso
editarEn ocasións unha discusión non acadará un consenso claro en relación a se tomar ou non algunha acción. Segundo o contexto poden pasar varias cousas nestas situacións:
- Nas discusións ou propostas para engadir, modificar ou eliminar determinado material dun artigo, unha falta de consenso habitualmente resultará no mantemento do estado do artigo como estaba antes da proposta ou edición disputada. Porén, nos casos relacionados coas biografías de persoas vivas, unha falta de consenso sobre un determinado material resultará na maioría dos casos na súa eliminación.
- Cando unha acción dun administrador sexa disputada e a discusión non acade un consenso na aprobación ou reversión da acción, a acción habitualmente será revertida.
- Nas disputas sobre ligazóns externas, as ligazóns disputadas elimínanse agás que se acade un consenso para incluílas.
O consenso pode cambiar
editarOs editores poden propoñer un cambio nun consenso establecido, especialmente para indicar un argumento ou circunstancia non considerado previamente. Por outra banda, unha proposta de cambio a un consenso conseguido recentemente pode resultar contraproducente e chegar a considerarse unha disrupción do mesmo. Os editores poden propoñer un cambio nun consenso por medio da conversa ou da edición. Porén, cando o cambio proposto pretenda modificar unha cuestión resolta previamente por discusión deben propoñer o devandito cambio por medio dunha conversa que teña en conta os argumentos da discusión previa.