My Bloody Valentine

Banda de rock alternativo Irlandesa formada en 1984

My Bloody Valentine é unha banda de rock alternativo formada en Dublin en 1984. Os seus fundadores foron o guitarrista e vocalista Kevin Shields e o batería Colm Ó Cíosóig, e dende 1987, tras varios cambios, completaron a grupo a vocalista e guitarrista Bilinda Butcher e a baixista Debbie Googe.

My Bloody Valentine
OrixeDublín, Irlanda
Período1983 - 1997
2007 - presente
Xénero(s)rock alternativo, shoegazing, post-punk, noise pop, dream pop
Selo(s) discográfico(s)Tycoon, Fever, Kaleidoscope Sound, Lazy, Creation, Sire, Island, MBV
MembrosKevin Shields
Bilinda Butcher
Debbie Googe
Colm Ó Cíosóig
Antigos membrosDave Conway
Tina Durkin
Joe Byfield
Na rede
mybloodyvalentine.co.uk
IMDB: nm2044531 Facebook: mybloodyvalentine Twitter: theofficialmbv Instagram: mbvofficial MySpace: mybloodyvalentine Youtube: UCtmftE9d_FKl3ZUzPaB1etw BNE: XX237774 Souncloud: thisismbv Spotify: 3G3Gdm0ZRAOxLrbyjfhii5 iTunes: 206711 Last fm: My+Bloody+Valentine Musicbrainz: 8ca01f46-53ac-4af2-8516-55a909c0905e Songkick: 399500 Discogs: 6516 Allmusic: mn0000937003 Deezer: 2465 Editar o valor en Wikidata

A medida que a súa música progresaba, o seu uso da distorsión, o pitch bending e a reverb dixital convertéronse nun son que deu a coñecerse como shoegazing. O seu aclamado álbum de 1991 Loveless tardou dous anos en saír adiante debido a problemas de financiamento. Despois da súa edición, My Bloody Valentine estivo inactiva tras a marcha de Googe e Ó Cíosóig en 1995 e separaríase en 1997.

No ano 2007 Kevin Shields anunciou unha reunión do grupo, que xiraría por Europa, Norteamérica e Asia. Tras as reedicións dos seus álbums, Isn't Anything e Loveless, e a publicación do seu recompilatorio EP's 1988–1991 (2012), o longamente atrasado terceiro álbum de My Bloody Valentine, m b v, foi lanzado o 2 de febreiro de 2013, 22 anos despois da edición do seu anterior álbum.

Historia

editar

Formación

editar

En 1978 Kevin Shields e Colm Ó Cíosóig foron presentados nun campionato de karate no sur de Dublín.[1] Os dous fixéronse amigos e posteriormente formaron The Complex, unha banda de punk rock con Liam Ó Maonlaí, un amigo de Ó Cíosóig no colexio Coláiste Eoin.[2] O grupo, que realizou un feixe de concertos e tocaba temas dos Sex Pistols e Ramones, separouse cando Ó Maonlaí deixouno para formar Hothouse Flowers. Shields e Ó Cíosóig formarían máis tarde A Life in the Day, un trío post-punk, pero non foi capaz de tocar diante de máis de cen persoas.[1] Tras a disolución de A Life in the Day, Shields e Ó Cíosóig crearon My Bloody Valentine a principios de 1983 co vocalista David Conway. Conway, que actuaba co seudónimo Dave Stelfox, suxeriu varios nomes de banda, como Burning Peacocks, antes de que o trío se decidise por My Bloody Valentine.[3] Shields afirmou que non sabía que My Bloody Valentine era o título dun filme de terror canadense de 1981 cando se suxeriu o nome.[4]

My Bloody Valentine experimentou varios cambios na formación nos seus primeiros meses. O guitarrista Stephen Ivers e o baixista Mark Ross foron recrutados en abril de 1983 e a banda puido ensaiar con frecuencia preto de Smithfield e Temple Bar en salas de ensaio propiedade de Aidan Walsh. Walsh, que reservou algunhas das primeiras actuacións do grupo, dixo que os ensaios eran "demasiado ruidosos" e "tolos". Ross deixou a banda en decembro de 1983 e foi substituído por Paul Murtagh, que marcharía a comezos de 1984. No mes de marzo Shields, Ivers e Conway gravaron a primeira demo nunha gravadora de catro pistas na casa dos pais de Shields, en Killiney. Shields e Ó Cíosóig gavarían por riba as pistas de baixo e batería nos Litton Lane Studios, e a cinta foi usada posteriormente para asegurar un contrato con Tycoon Records.[5]

Pouco despois de gravar a demo Ivers deixou My Bloody Valentine e a moza de Conway, Tina Durkin, uniuse como teclista.[6] Nese tempo, Conway, suxerido por Shields, contactou con Gavin Friday, o vocalista da anda de post-punk Virgin Prunes. Segundo Shields, Conway achegouse a el no barrio de Finglas pediulle consello e este díxolle que tiñan que "saír de Dublín". Friday proporcionoulle á banda contactos que lle asegurou un concerto en Tilburg, nos Países Baixos. A banda mudouse a ese país despois do concerto e viviu alí nove meses, abrindo un concerto para R.E.M. o 8 de abril de 1984. Debido á falta de oportunidades e a que non tiñan a documentación correspondente,[6] o grupo transladaríase a Berlín a finais de 1984 e gravaría o seu mini-álbum de estrea, This Is Your Bloody Valentine. O disco non recibiu moita atención e a banda regresaría temporalmente aos Países Baixos, antes de establecerse en Londres a mediados de 1985.[7]

Lanzamentos independentes

editar

Tras mudarse a Londres os seus membros perderon o contacto entre eles mentres buscaban onde acomodarse. Tina Durkin, que non confiaba nas súas habilidades tocando o teclado deixaría o grupo.[5] Cando o resto dos compoñentes recuperaron o contacto decidiron busar baixista xa que nunca tiveran un baixista permanente dende a súa formación. Shields conseguiu o teléfono de Debbie Googe grazas a un contacto na cidade e convidouna a unha audición, recrutándoa como baixista. As sesións de ensaio facíanse regularmente nos Salem Studios, que estaban conectados ao selo independente Fever Records. Os administradores da discográfica estaban impresionados coa banda e accederon a publicar un EP, sempre e cando o grupo puidese financiarse as sesións de gravación. Editado en decembro de 1985, Geek! non cumpriu as expectativas da banda. Porén, pouco despois do seu lanzamento My Bloody Valentine estaba tocando no circuíto de concertos londiniense xunto con grupos como Eight Living Lags, Kill Ugly Pop e The Stingrays.[5]

Debido ao lento progreso da banda, Shields contemplou moverse a Nova York, onde vivían algúns membros da súa familia. Porén, o cofundador de Creation Records Joe Foster decidira crear o seu propio selo, Kaleidoscope Sound, e convenceu a My Bloody Valentine a gravar e editar un EP. The New Record by My Bloody Valentine, producido por Foster, publicouse en outubro de 1986 e conseguiu algo de éxito, chegando ao número 22 da lista indie británica tras o seu lanzamento.[8] Debido á forza gañada con este traballo a banda comezou a actuar con máis frecuencia, desenvolvendo un pequeno grupo de seguidores co que viaxou fóra de Londres para tocar, abrindo concertos de grupos como The Membranes.[5]

Lazy Records e fichaxe de Butcher

editar
 
Butcher en 1989

A comezos de 1987 My Bloody Valentine asinou con Lazy Records, outro selo independente que fora creado pola banda de indie pop The Primitives e o seu mánager, Wayne Morris. O primeiro lanzamento de My Bloody Valentine coa discogr´fica foi o sinxelo "Sunny Sundae Smile", aparecido en febreiro de 1987. Este chegou ao número 6 da lista indie británica[9] e a banda saíu de xira tras a súa publicación. Despois de varias actuacións polo Reino Unido, o grupo chegou a abrir concertos de The Soup Dragons. En marzo de 1987, durante a xira con The Soup Dragons, David Conway anunciou a súa decisión de deixar a banda debido a unha enfermidade gástrica, disilusión coa música e ambición de converterse en escritor.[10]

A marcha de Conway deixou a My Bloody Valentine sen vocalista principal, unha situción que Shields, Ó Cíosóig e Googe decidiron arranxar poñendo anuncios na prensa musical local. O proceso de audicións, que Shields describiu como "desastroso e doloroso", non tivo éxito debido a que Shields "mencionou a The Smiths, porque lle gustaba as súas melodías", feito que atraeu a varios vocalistas que el definiu como "fruitballs".[5] Aínda que considerou formar outro grupo a banda foi recomendada a varios vocalistas por compañeiros e probaron a dous deles, Bilinda Butcher e Joe Byfield. Byfield foi consederado inaxeitado e recrutaron a Butcher. Butcher, cuxa anterior experiencia musical fora tocar a guitarra clásica de nena e cantar e tocar a pandeireta "con algunhas mozas por diversión", enterárase de que My Bloody Valentine precisaba un vocalista polo eu compañeiro, que coñecera a Colm Ó Cíosóig nun ferri nos Países Baixos. Na súa audición para o grupo cantou "The Bargain Store", unha canción de Dolly Parton do seu álbum de 1975 do mesmo nome.[11]

Debido á chegada de Butcher, Shields converteuse en co-vocalista, dividindo e a miúdo compartindo estas tarefas con Butcher. Comentando a transición, Shields destacou que Butcher "soaba ben e podía cantar unha das nosas cancións, polo que nós só tivemos que ensinarlle a tocar a guitarra".[5] Shields inicialmente era reticente a ter un papel vocal na banda, pero dixo que "sempre cantaba na sala de ensaios [...] e compoñía as melodías". Coa nova formación o grupo intentou abandonar o nome My Bloody Valentine, pero segundo Ó Cíosóig e Shields, a banda foi incapaz de decidir outro e mantivo ese "para ben ou para mal".

Baixo presións de Lazy Records para publicar un álbum, My Bloody Valentine comprometeuse e aedeu a lanzar un sinxelo e un mini-álbum, citando a necesidade de tempo para estabilizar súa nova formación. "Strawberry Wine", un sinxelo de tres temas, publicouse en novembro de 1987 e Ecstasy un mes despois. Ámbolos dous lanzamentos rcibiron unha atención moderada por parte da crítica, acadando os postos 13 e 12 nas listas independentes de sinxeos e álbums respectiamente.[8] "Strawberry Wine", porén, foi descrita como "sen dúbida o mellor dos dous lanzamentos", xa que Ecstasy estivo inzado de dificultades na produción, incluídos erros no proceso de masterización. Ecstasy foi criticado por amosar "un grupo que semellaba que quedara sen cartos a metade da gravación",[5] algo que se confirmou máis tarde, xa que a banda pagou as sesións de estudio cos seus propios medios. O contrato de My Bloody Valentine con Lazy dicía que o selo se encargaría da promoión dos lanzamentos, mentres que a banda debía pagar as gravacións. Tras a súa saída da discográfica, que posteriormente editou "Strawberry Wine" e Ecstasy no recompilatorio Ecstasy and Wine (1989) sen o permiso do grupo, Rough Trade Records ofreceulles un contrato para financiar a gravación e edición dun disco, pero a banda rexeitouno.[5]

Creation Records e Loveless

editar
 
Kevin Shields en 1989

En xaneiro de 1988, My Bloody Valentine actuou en Canterbury, abrindo para Biff Bang Pow!, unha banda na que tocaba o fundador de Creation Records Alan McGee. Despois de "arrebatarlle o escenario" a Biff Bang Pow!, My Bloody Valentine foi descrita como "o equivalente irlandés de Hüsker Dü" por McGee,[12] que se achegou ao grupo tras o concerto e ofreceulles a oportunidade de gravar e editar u sinxelo con Creation. A banda gravou cinco cancións nun estudio en Walthamstow, no leste de Londres, en menos dunha semana e en agosto de 1988 publicaron You Made Me Realise. O EP foi moi ben recibido pola prensa musical independente e estreouse no número 2 da lista indie británica.[13] Tras o éxito de You Made Me Realise, My Bloody Valentine publicou o seu primeiro álbum de longa duración, Isn't Anything, en novembro de 1988. Gravado nunha zona rural de Gales,[14] o álbum tivo un grande éxito, recibindo a aclamación de gran parte da crítica, chegando ao número 1 da lista indie británica[8] e influenciando a un bo número de bandas shoegaze.[15]

En febreiro de 1989 My Bloody Valentine comezou a gravar o seu segundo álbum nos Blackwing Studios en Southwark, Londres. Creation Records crí que o disco poería terse gravado "en cinco días". Porén, ao pouco tempo "fíxose claro que iso non ía ocorrer".[16] Tras varíos meses improdutivos,[17] durante os cales Shields asumiu as principais tarefas musicais e técnicas das ssións, a banda pasou por un total de 19 estudios e contratou a varios enxeñeiros, incluídos Alan Moulder, Anjali Dutt e Guy Fixsen. Debido á duración da gravación, Shields e Alan McGee acordaron publicar outro EP[18] e o grupo editou Glider en abril de 1990. O seu sinxelo principal era "Soon", que contaba coa primeira gravación da técnica "glide guitar" por Shields.[19] O P chegou ao número 2 da lista independnte británica e a banda saíu de xira no verán de 1990 para promocionar o lanzamento.[20] En febreiro de 1991, mentres aínda estaban gravando o seu segundo álbum, My Bloody Valentine publicou Tremolo, que foi outro éxito da crítica e chegou á cima da lista independente británica.

Publicado en 1991, díxose que Loveless custou máis de 250.000 libras e quebrou Creation Records, feito que Shields negou.[21] O disco foi loubado pola crítica de xeito case unánime[22], aínda que o álbum non foi un éxito comercial. Chegou ao número 24 da lista británica de álbums[23] pero internacionalmente non entrou en ningunha lista. McGee botou a My Bloody Valentine de Creation Records pouco despois do lanzamento de Loveless, debido ao longo período de gravación do disco e a problemas persoais con Shields.[24]

Island Records e separación

editar

My Bloody Valentine asinou con Island Records en outubro de 1992 por un contrato de 250.000 libras. O adianto que recibiu o grupo gastouse na construción dun estudio caseiro en Streatham, no sur de Londres, completado en abril de 1993. Varios problemas técnicos no estudio levaron ao grupo a un estado de "semi-fusión", segundo Shields,[25] que dicíase estar pasando por bloqueo creativo.[11] A banda estivo longo tempo inactiva, porén gravaron e editaron dúas versións de 1993 a 1996, o tema de Louis Armstrong "We Have All the Time in the World" para o recompilatorio Peace Together[26] e "Map Ref. 41°N 93°W" de Wire para o álbum tributo Whore: Tribute to Wire.[27]

En 1995 Debbie Googe e Colm Ó Cíosóig deixaron My Bloody Valentine. Googe, que traballou brevemente como taxista tras a súa marcha, formou o supergrupo de indie rock Snowpony con Katharine Gifford, que tamén actuou con Stereolab e Moonshake,[28] e Ó Cíosóig mudouse aos Estados Unidos, formando Hope Sandoval & the Warm Inventions con Hope Sandoval de Mazzy Star.[29] Shields e Butcher intentaron gravar un terceiro álbum de estudio, que Shields dixo que sairía en 1998, pero Butcher deixaría a banda en 1997.[11] Incapaz de rematar o traballo Shields illouse, e segundo as súas palabras "volveuse tolo" debuxando comparacións na prensa musical ao excéntrico comportamento doutros músicos, como Brian Wilson de The Beach Boys e Syd Barrett de Pink Floyd.[24] Posteriormente Shields sería membro de xira de Primal Scream, colaborou con varios artistas como Yo La Tengo, Dinosaur Jr. e Le Volume Courbe[30] e gravou cancións para a banda sonora da película de 2003 Lost in Translation.[31]

estendéronse os rumores entre os seguidores do grupo de que fora gravado material para varios álbums antes da ruptura da banda. En 1999 informouse de que Shields entregara 60 horas de gravacións a Island Records, e Butcher confirmou que existía "probablemente suficiente material para encher dous álbums".[11] Shields posteriormente admitiu que un disco de material "a medio acabar" fora abandonado, dicindo que "Estaba morto. Non tiña ese espírito, esa vida nel".[32]

Reunión e m b v

editar

En agosto de 2007 apareceron informes que suxerían que My Bloody Valentine podería reunirse para o festival de Coachella de 2008.[33] Informes semellantes circularan xa en 2003, dicindo que Shields, Butcher e Ó Cíosóig estaban xuntos en Berlín regravando cinco temas gravados para Glider, e que serían publicados nun futuro box set;[34] e en 2007 os informes suxerían que My Bloody Valentine estería a piques de actuar nunha serie de concertos organizados pola promotora Pod no Irish Museum of Modern Art en Kilmainham, Dublín.[35] Shields confirmou posteriormente a reunión e dixo que o terceiro álbum de estudio da banda, que comeara a gravar en 1996, estaba case rematado.[36] No mes de novembro de 2007 anunciáronse tres concertos no Reino Unido[37] e o 13 de xuño de 2008 My Bloody Valentine actuou en público por vez primeira en 16 anos en dous ensaios ao vivo no Institute of Contemporary Arts en Londres.

 
Bilinda Butcher e Debbie Googe en 2008

My Bloody Valentine comezou unha extensa xira mundial durante o verán e o outono de 2008. A banda comezou actuando en festivais europeos, como o festival de Roskilde en Dinamarca,[38] o Øyafestivalen en Oslo[39] e o Electric Picnic en Irlanda,[40] ademais de tocar no Fuji Rock Festival en Niigata, Xapón.[41] Do 19 ao 21 de setembro o grupo foi comisario e actuou no All Tomorrow's Parties en Nova York, e posteriormente tocou por Norteamérica, con datas Chicago, Toronto, Denver, San Francisco, Os Ánxeles e Austin.[42] A banda gastou 200.000 libras en equipo para a súa xira mundial,[43] a primeira destas características dende a xira de promoción de Loveless en 1992.[44]

Tras outra xira en 2009, My Bloody Valentine dedicou o seu tempo a completar o seu terceiro disco. O rumores dun box set de My Bloody Valentine, que estiveran en circulación entre o público en abril de 2008 tras unha lista publicada na páxina xaponesa HMV,[45] comezaron a escoitarse novamente. En marzo de 2012, tras varios atrasos, Sony Music Ireland anunciou a edición do álbum recompilatorio EP's 1988–1991, unha colección dos EPs, sinxelos e temas inéditos da banda con Creation Records. O recompilatorio foi publicado o 4 de maio de 2012, xunto con versións remasterizadas de Isn't Anything e Loveless.[46]

En novembro de 2012 Kevin Shields anunciou plans para editar o terceiro álbum de My Bloody Valentine en liña antes do final de ano.[47] En decembro a banda anunciou a través de Facebook que o disco estaba rematado e masterizado,[48] e o 27 de xaneiro de 2013, durante un concerto no Electric Brixton de Londres, Shields díxolle á audiencia que o álbum "podería estar fóra en dous ou trs días".[49] O álbum, titulado m b v, publicouse a través da páxina oficial do grupo o 2 de febreiro de 2013, aínda que a páxina caeu debido ao alto tráfico.[50] Tras o seu lanzamento m b v recibiu "aclamación universal", segundo Metacritic,[51] e a banda comezou unha xira mundial.[52]

Presente

editar

En 2013 Shields anunciou intencións de publicar un EP de My Bloody Valentine EP "de material totalmente novo", ao que continuaría un cuarto álbum de estudio.[53]

No mes de setembro de 2017 informouse de que Shields estaba traballando en material para un novo álbum de My Bloody Valentine que estaba proxectado para saír no ano 2018.[54] En 2018 a banda agardaba publicar dous EPs para o ano seguinte.[55] A comezos do ano 2020 non se producira aínda ningún destes lanzamentos.

En abril de 2020 a marca de roupa estadounidense Supreme anunciou unha colaboración con My Bloody Valentine, que licenciaba a arte de Glider, Feed Me With Your Kiss e Loveless para a colección primavera 2020 da compañía.[56][57]

Discografía

editar

Álbums

editar
Álbum Ano Selo
Isn't Anything 1988 Creation Records
Loveless 1991 Creation Records
MBV 2013 Pickpocket
Álbum Ano Selo
This Is Your Bloody Valentine 1985 Tycoon
Geek! 1985 Fever
The New Record by My Bloody Valentine 1986 Kaleidoscope Sound
Sunny Sundae Smile 1987 Lazy
Strawberry Wine 1987 Lazy
Ecstasy 1987 Lazy
You Made Me Realise 1988 Creation
Feed Me with Your Kiss 1988 Creation
Glider 1990 Creation
Tremolo 1991 Creation
  1. 1,0 1,1 North, Aaron. Buddyhead, ed. "Kevin Shields: The Buddyhead Interview" (PDF). Consultado o 26 de outubro de 2016. 
  2. Murphy, Peter (2004). "Lost in Transmution: Kevin Shields". Hot Press. 
  3. McGonial 2007, p. 21
  4. AOL (ed.). "Entrevista a Kevin Shields". Consultado o 26 de outubro de 2016. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 Brown, Nick (1991). "My Bloody Valentine". Spiral Scratch. 
  6. 6,0 6,1 Britton 2011, p. 134
  7. McGonial 2007, p. 23
  8. 8,0 8,1 8,2 Lazell 1997, p. 155
  9. Lazell 1997, p. 157
  10. Booth, Vachel (febreiro de 1989). "My Bloody Valentine: Weep For You". Underground (25). 
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 Johannesson, Ika (2008). Totally Dublin, ed. "TD Archive: My Bloody Valentine's Bilinda Butcher Interviewed". Arquivado dende o orixinal o 31 de outubro de 2016. Consultado o 27 de outubro de 2016. 
  12. McGonial 2007, p. 26–27
  13. Lazell 2007, p. 155
  14. Blashill, Paul (maio de 1989). "My Waking Dream". Spin. 
  15. Allmusic (ed.). "Shoegaze". Consultado o 29 de outubro de 2016. 
  16. McGonial 2007, p. 41
  17. McGonial 2007, p. 43
  18. McGonial 2007, p. 44
  19. [25]DiPerna 1992, p. 26
  20. McGonial 2007, p. 47
  21. McGonial 2007, p. 66–67
  22. McGonial 2007, p. 97
  23. Official Charts Company (ed.). "Resposta nas listas de My Bloody Valentine". Consultado o 1 de novembro de 2016. 
  24. 24,0 24,1 The Guardian (ed.). "I lost it". Consultado o 1 de novembro de 2016. 
  25. McGonial 2007, p. 101-102
  26. Allmusic (ed.). "Peace Together". Consultado o 1 de novembro de 2016. 
  27. Allmusic (ed.). "Whore: Various Artists Play Wire". Consultado o 1 de novembro de 2016. 
  28. Creation Records (ed.). "Interviews: My Bloody Valentine". Consultado o 1 de novembro de 2016. 
  29. Pop Matters (ed.). "My Bloody Valentine: Loveless". Consultado o 1 de novembro de 2016. 
  30. Allmusic (ed.). "Kevin Shields". Consultado o 1 de novembro de 2016. 
  31. NPR (ed.). "From My Bloody Valentine to 'Lost in Translation'". Consultado o 1 de novembro de 2016. 
  32. KUCI (ed.). "My Bloody Valentine -- interview with KUCI". Archived from the original on 12 de setembro de 2010. Consultado o 1 de novembro de 2016. 
  33. Billboard (ed.). "Report: My Bloody Valentine Mulling Coachella Reunion". Consultado o 1 de novembro de 2016. 
  34. Hot Press (ed.). "My Bloody Valentine back in the studio". Consultado o 1 de novembro de 2016. 
  35. Phantom 105.2 (ed.). "My Bloody Dublin Reunion?". Archived from the original on 21 de outubro de 2007. Consultado o 2 de novembro de 2016. 
  36. Billboard (ed.). "Shields Confirms My Bloody Valentine Reunion". Consultado o 2 de novembro de 2016. 
  37. The Guardian (ed.). "Slow news day: My Bloody Valentine will gig". Consultado o 2 de novembro de 2016. 
  38. Gaffa (ed.). "My Bloody Valentine: Roskilde Festival, Arena". Arquivado dende o orixinal o 29 de abril de 2013. Consultado o 2 de novembro de 2016. 
  39. NRK (ed.). "Shoegazer-comeback på Øya". Arquivado dende o orixinal o 04 de novembro de 2016. Consultado o 2 de novembro de 2016. 
  40. The Irish Times (ed.). "My Bloody Valentine playing Electric Picnic". Arquivado dende o orixinal o 04 de novembro de 2016. Consultado o 2 de novembro de 2016. 
  41. Smash (ed.). "Fuji Rock Festival 2008". Consultado o 2 de novembro de 2016. 
  42. Pitchfork (ed.). "My Bloody Valentine Announce North American Tour!". Consultado o 2 de novembro de 2016. 
  43. The New York Times (ed.). "Reunited, Loud and Finding the Love". Consultado o 2 de novembro de 2016. 
  44. NME (ed.). "My Bloody Valentine to play first shows in 16 years". Consultado o 2 de novembro de 2016. 
  45. Exclaim! (ed.). "My Bloody Valentine Box Set For Sale Through HMV Japan". Consultado o 3 de novembro de 2016. 
  46. NME (ed.). "My Bloody Valentine to release new compilation album ‘EP’s 1988-1991’". Consultado o 3 de novembro de 2016. 
  47. NME (ed.). "My Bloody Valentine announce ‘Loveless’ follow-up and Tokyo Rocks appearance". Consultado o 3 de novembro de 2016. 
  48. Pitchfork (ed.). "My Bloody Valentine Finish Mastering New Album". Consultado o 3 de novembro de 2016. 
  49. Stereogum (ed.). "My Bloody Valentine New Album Could Be Released In “Two Or Three Days”; Hear New MBV Song". Consultado o 3 de novembro de 2016. 
  50. NME (ed.). "My Bloody Valentine’s website crashes after midnight launch of new album ‘mbv’". Consultado o 3 de novembro de 2016. 
  51. Metacritic (ed.). "M B V by My Bloody Valentine". Consultado o 3 de novembro de 2016. 
  52. Fact (ed.). "My Bloody Valentine add dates to world tour". Consultado o 3 de novembro de 2016. 
  53. Pitchfork (ed.). "Entrevista a Kevin Shields". Consultado o 3 de novembro de 2016. 
  54. "My Bloody Valentine may release new album in 2018". Consequence of Sound (en inglés). 2017-09-19. Consultado o 2020-04-29. 
  55. "Kevin Shields says My Bloody Valentine will release two new albums, debuts Brian Eno collaboration "The Weight of History": Stream". Consequence of Sound (en inglés). 2018-10-11. Consultado o 2020-04-29. 
  56. Monroe, Jazz. "My Bloody Valentine and Supreme Launch Clothing Collection". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2020-04-29. 
  57. "Supreme x My Bloody Valentine Spring 2020 Collection". HYPEBEAST. Consultado o 2020-04-29. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Belhomme, Guillaume (2016). My Bloody Valentine / Loveless. Discogonie. France: Editions Densité. ISBN 978-2-9192-9605-7.
  • McGonial, Mike (2007). Loveless. 33⅓. Nova York: Continuum. ISBN 978-0-8264-1548-6.
  • Britton, Amy (2011). Revolution Rock: The Albums Which Defined Two Ages. AuthorHouse. ISBN 978-1-4678-8710-6.
  • DiPerna, Alan (1992). "Bloody Guy". Guitar World. Harris Publications (marzo de 1992).
  • Lazell, Barry (1997). Indie Hits: 1980–1989: The Complete Guide to UK Independent Charts (Singles & Albums). Londres: Cherry Red. ISBN 0-9517206-9-4.

Ligazóns externas

editar