Metamónadas
Metamónadas | |||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
Giardia intestinalis, unha diplomonadida parasita | |||||||
Clasificación científica | |||||||
| |||||||
Clases e ordes | |||||||
Eopharyngia |
As metamónadas ou Metamonada son un amplo grupo de protistas flaxelados.[1][2][3] Os grupos principais que inclúe son Retortamonadida, Diplomonadida e posiblemente tamén Parabasalia e Oxymonadida. Estes catro grupos son todos anaerobios e na súa maioría simbiontes de animais. Certas especies de Parabasalia e Oxymonadida viven no tracto dixestivo das térmites, desempeñando un papel importante na degradación da celulosa. Algúns outros membros de Metamonada son parasitos, como Giardia intestinalis.
Morfoloxía
editarEstes flaxelados son infrecuentes por careceren de mitocondrias. No pasado eran considerados os Eukarya máis primitivos, e coidábase que diverxeran do resto antes de que aparecesen as mitocondrias. Porén, agora sábese que perderon as mitocondrias secundariamente e que conservan os orgánulos e xenes nucleares derivados delas. Os vestixios mitocondriais inclúen orgánulos especiais como os hidroxenosomas e os mitosomas e, nalgunhas especies, tamén se descubriron xenes mitocondriais no xenoma nuclear.
Todos os subgrupos comparten a posesión de flaxelos en grupos característicos de catro, que a miúdo se asocian ao núcleo, formando unha estrutura chamada cariomastigonte. Ademais, os xéneros Carpediemonas e Trimastix son parentes próximos ás liñas Retortamonadida-Diplomonadida e Oxymonadida, respectivamente. Ambos os dous son formas de vida libre e amitocondriais.
Retortamonas é un Retortamonadida e ten un único núcleo, dous flaxelos emerxentes e unha fenda de alimentación ventral. Hexamita e Giardia son Diplomonadida que presentan dous núcleos e oito flaxelos dispostos en dous grupos iguais de catro flaxelos.[4] Cada núcleo está asociado a un grupo de flaxelos e cun conxunto de cinetosomas asociados. Hexamita ten dous citostomas que se abren na parte posterior da célula. Giardia ten un corpo aplanado ventralmente e dispón dun disco adhesivo soportado por un complexo citoesqueleto; non presenta citostomas; os dous grupos de flaxelos están dispostos xuntos no centro da célula, entre os dous núcleos.
Clasificación
editarMetamonada forma parte de Excavata, un supergrupo de Eukarya que inclúe flaxelados cunha "boca" ou fenda de alimentación ventral e os seus parentes próximos. As relacións entre os subgrupos son incertas e non sempre aparecen xuntos nas árbores moleculares. É posible que Metamonada tal como se describiu aquí non forme un grupo monofilético.
Especies notables
editarNotas
editar- ↑ T. Cavalier-Smith (2003). "The excavate protozoan phyla Metamonada Grassé emend. (Anaeromonadea, Parabasalia, Carpediemonas, Eopharyngia) and Loukozoa emend. (Jakobea, Malawimonas): their evolutionary affinities and new higher taxa". International Journal of Systematic and Evoluionary Microbiology 53: 1741–1758. Arquivado dende o orixinal o 09 de xaneiro de 2011. Consultado o 21 de xuño de 2012.
- ↑ Sina M. Adl; et al. (2005). "The New Higher Level Classification of Eukaryotes with Emphasis on the Taxonomy of Protists" (PDF). Journal of Eukaryotic Microbiology 52 (5): 399. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de maio de 2007. Consultado o 21 de xuño de 2012.
- ↑ Laura Wegener Parfrey, Erika Barbero, Elyse Lasser, Micah Dunthorn, Debashish Bhattacharya, David J Patterson, and Laura A Katz (2006 December). "Evaluating Support for the Current Classification of Eukaryotic Diversity". PLoS Genet. 2 (12): e220. doi:10.1371/journal.pgen.0020220.
- ↑ 4,0 4,1 Jeffrey D. Silberman, Alastair G. B. Simpson, Jaroslav Kulda, Ivan Cepicka, Vladimir Hampl, Patricia J. Johnson and Andrew J. Roger, Retortamonad Flagellates are Closely Related to Diplomonads—Implications for the History of Mitochondrial Function in Eukaryote Evolution, Molecular Biology and Evolution, 19:777-786 (2002).