Un Gran Ducado é un territorio do cal o seu xefe de estado é un monarca que ostenta o título de Gran Duque ou Gran Duquesa.

Bandeira do Gran Ducado de Toscana entre 1562 e 1737.

Hoxe en día Luxemburgo é o único país soberano que continúa sendo un Gran Ducado. Porén, algúns históricos grandes duques aínda conservan os devanditos honores, normalmente desde o Congreso de Viena, en 1814-1815.

Orixe e historia do termo

editar

O título de gran duque (latín: Magnus Dux, alemán: Großherzog, castelán: Gran Duque, francés: Grand-Duc, italiano: Gran Duca, portugués: Grão-duque, lituano: Didysis Kunigaikštis, polaco: Wielki książę) está na nobreza por debaixo do rei, pero máis alto que un duque soberano ou un príncipe (non real).

O termo gran ducado é unha creación posterior ao século XVII, e provén probabelmente da Europa occidental, para designar as terras dun duque particularmente poderoso.

Un dos primeiros exemplos sería a utilización oficiosa da palabra grand-duc polos duques de Borgoña durante o século XV, cando reinaban sobre unha vasta rexión da actual Francia oriental, así como tamén sobre a maior parte dos actuais Países Baixos, Bélxica, e Luxemburgo.

A primeira monarquía que se denominou oficialmente Gran Ducado foi a Toscana dos Medici, baixo a soberanía dos emperadores do Sacro Imperio Romano Xermánico. Os Medici recibiron o título en 1569, e Toscana continuou sendo un gran ducado até 1860, cando foi anexionada polo Reino de Piemonte-Sardeña no curso da unificación italiana.

O termo foi cada vez máis utilizado, até o século XIX, cando Napoleón o usou para designar varios territorios que entregou aos seus aliados. Aínda que Napoleón perdeu en Waterloo o seu imperio e os seus territorios vasalos, como o Gran Ducado de Berg, borrados dos mapas europeos, os representantes do Congreso de Viena consentiron, no entanto, a gardar os títulos de duques e de príncipes, principalmente nos dos territorios que constituíran o Sacro Imperio Romano Xermánico. Así, no século XIX apareceu un novo grupo de monarquías tituladas gran ducado en Europa central, como o Gran Ducado de Hesse ou o Gran Ducado de Oldenburgo.

Paralelamente, a utilización do título honorífico de gran duque aumentou en Rusia en razón dos moitos nacementos nas varias ramas masculinas das dinastías reinantes. En Alemaña, a utilización do título estendeuse despois de 1815, pero a súa aplicación non foi universal. En efecto, en alemán (que ten palabras distintas para o príncipe real, Prinz, e para o príncipe soberano, Fürst), os grandes duques de Lituania e dos Estados rusos históricos, así como doutros príncipes europeos orientais e de dinastías rusas posteriores, foron designados co título Großfürst.

Grandes ducados europeos

editar

Entre o período comprendido entre as guerras napoleónicas e a segunda guerra mundial houbo bastantes Grandes Ducados en Europa. Un considerábel número de Grandes Ducados creáronse na era napoleónica e, máis tarde, co Congreso de Viena e a fundación da Confederación xermánica.

O termo "Gran Ducado" úsase á veces, erroneamente, para referirse ao Ducado de Varsovia (1807-1813), que foi un ducado e non un gran ducado.

  1. Non se debe confundir co actual Gran Ducado de Luxemburgo. Véxase Luxemburgo e Gran Rexión.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar