Galia

territorios ocupados polos galos

A Galia, orixinalmente Gallia en latín, é o conxunto de territorios ocupados polos galos, pobos denominados así polos romanos, e que corresponden coas actuais Francia, Bélxica e parte de Suíza, así como terras dos actuais Países Baixos e Alemaña situadas ao oeste do río Rin. A palabra galo refírese habitualmente aos habitantes celtas desa rexión nos tempos antigos e foi empregada principalmente polos romanos, que moi raras veces chamaban celtas a este conxunto de tribos diversas. O xentilicio conservouse a través dos tempos soamente na extensión de terras que hoxe compoñen a República francesa e aínda hoxe se continúa chamando galos aos franceses, e de feito Gallia é o nome de Francia en grego moderno.

Modelo:Xeografía políticaGalia
Imaxe

Localización
Mapa
 50°N 0°L / 50, 0

Historia

editar

A Galia estivo habitada principalmente polos aquitanos, ligados aos vascóns da Península Ibérica que, a pesar de teren influencias celtas, conservaron a súa lingua e identidade. Os belgas vivían ao norte do río Sequana (Sena). Eran celtas pero cunha grande influencia xermánica. Estaban curtidos na batalla debido ás súas continuas loitas cos seus veciños xermánicos do norte.

Na Galia Central vivían os celtas que eran, con moito, os máis importantes poboadores da Galia, tanto en número como en extensión territorial. Non formaban unha nación en conxunto, nin tiñan xefe común. Hábiles loitadores, mellores metalúrxicos e ourives, só tiñan un elemento que os unía e ese era a relixión. Esta desunión era decote aproveitada polos seus veciños, as tribos xermánicas, e foi o elemento esencial para a súa conquista polos romanos.

Os galos estendéronse por toda Europa en tempos romanos, falando unhas linguas celtas que diverxeran en dous grupos. Ademais dos galos da actual Francia, outros estabelecéranse entre os séculos IV e III a.C. nas chairas do norte de Italia, na provincia que os romanos coñecían como Galia Cisalpina,("Galos deste lado dos Alpes") Venetia e Istria.

Na Galia prerromana non existía ningunha unidade política nin tampouco territorial. Non constituían un Estado organizado senón un conxunto de pobos compostos por diferentes tribos de distintas etnias. Se había algo que unise a este conxunto de tribos, ademais da relixión, era un comercio ben estruturado, vinculado ás grandes rutas da época e baseado na industria da metalurxia. A Galia foi en principio aliada de Roma, pero con ocasión dunha migración dos helvecios, pobo celta que habitaba a actual Suíza, Xulio César comezou a súa conquista para engadir o seu territorio como provincia romana. Despois dunha longa e cruenta guerra, esta integración acabou coa rendición de Vercinxetorix en Alesia.

Galia e Francia

editar

Os gregos focenses da rexión de Focea fundaron no sur destes territorios unha cidade chamada Massalia (actual Marsella). Desta época téñense os primeiros datos e informacións sobre a Galia e os galos. Os gregos chamaban keltoi en xeral ao que se coñece como celtas, pero nestas rexións utilizaban tamén o nome de Galatia e gálatas para designar a terra e os seus habitantes. Este termo de gálata refírese tanto aos habitantes europeos como aos que se estabeleceron máis tarde en Asia Menor, fundando a Galacia. Estes dous termos de Galia e galos continuáronse empregando despois da conquista de Xulio César para denominar as provincias romanas que se estendían por estes territorios. Ambos os termos aínda se usaron até o final da dinastía Merovinxia, polo menos nos documentos da época. Máis tarde, e xa en plena época da dinastía Carolinxia, o Reino dos francos, que comprendía boa parte de Europa (dos Pireneos ao mar do Norte e da Armórica até a Saxonia, pasou a se denominar Francia na lingua oficial da época, o latín. Coa división do Imperio Carolinxio no Tratado de Verdún (843), a parte da Galia que recibe Carlos o Calvo denomínanse Francia Occidentalis, sendo a Francia Orientalis boa parte das actuais Alemaña e Austria. Cando a Francia Orientalis pasou a se denominar Germania (Xermania ou Imperio Xermánico) no século X, a denominación de Francia reservouse para designar, en sentido amplo, o conxunto de ducados e condados da antiga parte occidental e, en sentido máis restrinxido, os feudos do rei franco na chaira de París, aínda hoxe denominada chaira de Francia ou Illa de Francia (Île-de-France). O primeiro rei franco en ser coroado como rei de Francia foi Filipe Augusto, a finais do século XII.

Os distintos pobos da Galia

editar

Xulio César fixo unha descrición sobre tres dos pobos que habitaban a Galia transalpina no seu libro Comentarios sobre a guerra das Galias. Conta que estaba a rexión dividida en tres partes, e que cada unha delas estaba habitada polo pobo dos belgas, o dos aquitanos e o dos galos (ou celtas). Aínda que só describe estes tres, sábese que a Galia estaba habitada por moitos máis pobos diferentes.

Os belgas habitaban a parte do norte; ao sur da súa rexión estaban os ríos Sequana (Sena) e Matrona (Marne). Os chamados celtas por Xulio César habitaban a parte central. Os individuos destes dous pobos eran altos, de pel clara, bastante sociábeis e tiñan por costume loitar en grandes grupos. Os aquitanos habitaban no sur, entre o río Garona e os montes Pireneos; eran morenos e loitaban en pequenos grupos. Falaban linguas diferentes e os seus costumes e leis tampouco eran comúns.

Cada pobo estaba formado por varias tribos:

As Galias

editar
 
As diferentes provincias que formaban parte da Galia

Todas as terras habitadas polos galos eran coñecidas polos romanos como as Galias, en plural, porque Roma distinguía máis dunha en función da súa situación xeográfica. Por iso distinguían entre Galia Cisalpina (ao norte de Italia, antes de pasar os Alpes) e Galia transalpina (alén dos Alpes, desde o norte de Italia), ademais dos moitos territorios que aínda estaban sen conquistar até a época de Xulio César (Galia Comata ou Cabeluda).

Galia Cisalpina

editar
Artigo principal: Galia Cisalpina.

Algúns autores chámana tamén Galia Itálica, e é tamén chamada Galia citerior ou togata. Formaban parte dela todas as terras ao norte dos ríos Arnus (Arno) e Rubico (ou Rubicón). O río Po transcorre por este territorio de leste a oeste trazando unha división xeográfica natural. Naquela altura, o linde do río era moi importante xa que existía unha gran diferenza entre os habitantes dunha e outra beira. As xentes ao sur do río estaban moi romanizadas e moitos tiñan até os mesmos dereitos que os romanos. No norte do río, as xentes e as cidades eran máis celtas que romanas. No século I só as cidades de Aquilea e Cremona se rexían polo dereito romano. Nestas terras mantíñanse as linguas indíxenas no uso habitual, sendo o latín a segunda lingua. En xeral, a Galia Cisalpina apenas participaba nos asuntos romanos e non gozaba das vantaxes dos aliados itálicos. Os seus habitantes nin sequera eran recrutados para a infantaría romana. A cidadanía romana foi estendida á Galia Cisalpina por César no 49 e toda esta rexión foi incorporada a Italia por Augusto, deixando con isto de ser provincia.

Galia Transalpina

editar
Artigo principal: Galia Transalpina.

Chamada por algúns Galia ulterior, era a provincia romana que se encontraba alén dos Alpes. Consistía nunha franxa costeira que se estendía desde a Liguria até os Pireneos. Ao longo da franxa, este territorio tiña dúas avanzadas que se internaban, unha cara a Tolosa (Aquitania), e outra polo val do Ródano até a cidade comercial chamada Lugdunum, actual Lión. A Galia Transalpina foi conquistada na súa maior parte por Cneo Domicio Ahenobarbo, antes do ano 120. Faise esta conquista para garantir a pasaxe dos exércitos romanos a Hispania.

Galia Comata

editar
Artigo principal: Galia Comata.

Chamada Galia Cabeluda porque os seus habitantes deixaban medrar moi longo o cabelo (Coma en latín é cabeleira, de aí o nome dado á constelación Coma Berenices pola cabeleira de Berenice). Era a Galia máis extensa de todas pois comprendía as actuais Francia central e setentrional e Bélxica, xunto con parte dos Países Baixos ao sur do río Rin. O seu territorio era chairo, con grandes bosques e moitos recursos agrícolas, a maioría sen explotar. Estaba regado polos ríos Liger (Loira), Sequana (Sena), Mosa, Mosella (Mosela), Scaldis (Escalda), Samara (Somme), Matroma (Marne), Duranius (Dordoña), Oltis (Lot) e Garumna (Garona). Antes da conquista de Xulio César, todas estas terras eran practicamente descoñecidas. Os seus habitantes eran na súa maioría celtas chamados galos. Estes galos coñecían a existencia de Roma e do seu poder, e evitaban calquera contacto con ela. Eran agricultores e gandeiros, e vivían en cidades ou aldeas que os romanos chamaban oppida. Gardaban, coidaban e defendían celosamente os tesouros tribais, así como os campos de trigo e o seu xefe (denominado rix). Da súa relixión sábese pouco na realidade, aínda que circularon ao longo da historia lendas e contos sobre os seus deuses e os seus sacerdotes chamados druídas, dos que se descoñece case todo desde un punto de vista científico e crítico. En xeral, non buscaban a guerra como un fin para a súa expansión, pero eran terríbeis guerreiros. Tiñan por costume fabricar e beber cervexa, cousa que os romanos nunca entenderon nin aprobaron, dado que eles eran moi afeccionados ao cultivo da vide. A maioría destes habitantes eran altos, rexos, louros ou rubios e con ollos azuis ou grises. Para os romanos eran pobos bárbaros, é dicir, pobos con costumes totalmente diferentes ás súas, aínda que consideraban avanzada a súa civilización, en especial as súas redes comerciais.

Conquista romana

editar
Artigo principal: Galia romana.

Xulio César derrotou ás tribos celtas en Galia entre 58 e 51 a.C., e escribiu as súas experiencias en De Bello Gallico (Comentarios sobre a guerra das Galias). A rexión conquistada por César era a Galia transalpina, onde se encontraba incluída a Galia Comata. César describiu os galos como individuos intelixentes, moi activos, impulsivos e inestábeis.

Cando César chegou á Galia no ano 58 a.C., estes territorios eran só un nome para os romanos, que só coñecían as provincias meridionais, sometidas co fin de garantir a pasaxe e as comunicacións por terra cara Hispania. Sabían os romanos que os seus habitantes eran tribos celtas que estaban en continua liorta. César acudiu ao territorio da Galia para socorrer o pobo dos helvecios, estabelecidos no que hoxe é Suíza, e que daquela se vían ameazados polos xermanos. Máis tarde foi en axuda dos eduos, que estaban en loita contra os belgas; despois destas fazañas, decidiu instalarse alí. E no ano 56 a.C. librou unha batalla naval contra os vénetos.

No ano 55 a.C., os xermanos encontrábanse moi preto, na outra beira do Rin. César mandoulle construír á súa lexión unha ponte de madeira sobre este río para podelo cruzar e loitar contra este pobo no seu territorio. Deste xeito, César evitou unha nova invasión. Foron dúas campañas brillantes e temerarias contra Ariovisto, o xefe xermano, que, malia ser o seu exército moito máis numeroso, foi aniquilado polos romanos preto de Ostheim (na actual Alemaña).

No ano 27, o emperador Augusto dividiu a Galia en catro administracións ou provincias:

Esta administración mantívose así até principios do século IV, cando o emperador Diocleciano impuxo unha reforma administrativa.

As invasións xermánicas

editar

O 31 de decembro de 406 os vándalos, alanos e suevos cruzaron o Rin, comezando unha invasión da Galia. Tras sufrir unha cada vez maior presión por parte das tribos xermanas desde a metade do século III, o goberno romano da Galia desapareceu coa derrota do gobernador romano Siagrio polos francos no 486. A dominación romana durara até o século V. Despois da caída do Imperio Romano de Occidente, os francos (pobo xermano) instaláronse no norte da Galia. A partir de entón, comezou a súa expansión por todo o territorio galo. Con todo, as familias ilustres galorromanas continuaron tendo o poder político.

Continuidade e rupturas

editar

Hoxe en día admítese que a Galia "romana" só foi romana nalgúns ámbitos, aínda que sen dúbida importantes. Os importantes cambios introducidos polo conquistador eclipsaron durante moito tempo calquera hipótese sobre unha posíbel permanencia de características sociais ou culturais galas.

En primeiro lugar, o sincretismo relixioso romano e a prohibición do druidismo implicaron sen dúbida a desaparición dunha relixión céltica cuxos contornos non se poden senón conxecturar grazas á arqueoloxía, por un lado, e en comparación con algunhas reminiscencias galorromanas, por outro.

A administración romana, a economía, a arte -sobre todo monumental- e a cultura literaria latina, impuxéronse facilmente, se cadra polo feito de que nada do anterior podía competir con estas innovacións.

Despois da conquista romana da Galia, acabada en 51 a.C., a romanización foi rápida entre as elites. Porén, ignórase cal foi a súa progresión exacta e a súa profundidade no que se refire ao pobo. En calquera caso, esta debeu ser desigual, ou mesmo limitada en moitos ámbitos relativos á vida diaria, tal e como o indican varias testemuñas históricas.

O uso do santuario céltico de Gournay-sur-Aronde, en Bélxica, ou tamén os exvotos das fontes do Sena, poñen de manifesto como moitos lugares sagrados para os galos antes da súa conquista pasaron a ser lugares de culto galorromanos.

Cando durante o século III se deu unha certa "barbarización" do Imperio, características da civilización gala que permaneceran en vigor desde antes da conquista introducíronse á súa vez na cultura imperial: o abrigo galo, que lle deu o seu alcume ao emperador Caracalla, non puido ser substituído polos hábitos dos conquistadores romanos. En moitos ámbitos relativos á artesanía, onde os galos sobresaían, impuxéronse as súas invencións: é o caso, sobre todo, do barril, que se impuxo fronte á ánfora, máis fráxil e de menor capacidade. É o caso tamén da cota de malla para o exército.

Outra pervivencia gala foi sen dúbida a práctica da súa lingua céltica, o galo. Sábese que a práctica do galo se prolongou durante a época merovinxia en amplas zonas rurais do centro e norte da Galia (Armórica, Bélxica, Auvernia etc.). Algunhas características do galo pasaron ao latín. No século V, testemuños da época dan conta dunha grafía e unha pronunciación gala do latín, así como do carácter anticuado da lingua de varios autores de poesía ou transcritores de historias populares.

Cando a civilización romana clásica se desintegra, a Galia "xermanizouse" lenta e parcialmente. A presenza de topónimos xermánicos rexístrase en primeiro lugar nos territorios fronterizos debido á repoboación, a miúdo con fin defensivo, axiña organizado por Roma nunhas rexións a miúdo afectadas pola fame e as epidemias. Por outro lado, estes asentamentos duradeiros de colonos "bárbaros" (os laeti) coñecéronse tamén no resto do Imperio ao longo do século V.

A data simbólica da desaparición do Imperio Romano de Occidente, en 476, e a do bautismo do rei dos francos, Clodoveo, contra 486, tampouco marcaron unha ruptura a este respecto: estes acontecementos tiveron lugar nunha data na que francos, burgundios e visigodos xa botaran raíces, tendo o monopolio dos asuntos militares desde había tempo.

Debido a isto, as familias da aristocracia galorromana continuaron concentrando durante moito tempo a parte fundamental do verdadeiro poder político nas cidades episcopais: os "patricios", como o marsellés Mauronito, ou os bispos, como o auvernio Gregorio de Tours, eran os verdadeiros representantes da poboación. Así pois, a nova cultura que se desenvolveu na Galia despois do período imperial foi sobre todo cristiá e, en certos aspectos, augustiniana.

En xeral, as vivencias observábeis no cadro da Antigüidade serodia até o século VII foron numerosas na Galia: só a partir de mediados do século VII, unha época de crise, os nomes xermánicos multiplicáronse nas elites, indicando polo tanto que o centro de gravidade de Europa se desprazaba para o norte e que escacharan os equilibrios do mundo antigo.

En definitiva, aínda que a cultura latina clásica recuou, o latín continuou sendo a lingua da cultura, sendo de uso exclusivo na escritura. O primeiro documento escrito en romance son os Xuramentos de Estrasburgo, datados en 842.

Isto explica que o uso dos nomes "Galia" e "galo" se conservasen até o final do período merovinxio, ao menos por escrito. Foi durante o período carolinxio cando o nome de "Francia" (para a Galia, Francia Occidentalis) se estendeu para designar a realidade política na que se convertera o reino dos Francos (Regnum Francorum). Polo tanto, "Francia" non só designaba os territorios que correspondían á antiga Galia romana, senón a un conxunto territorial moito máis extenso.

Tamén foi o "Renacemento Carolinxio" o que forneceu os fundamentos dunha cultura realmente nova. Na súa orixe, este "Renacemento" perseguía restaurar a cultura romana antiga e imperial.