François Duquesnoy
- Para outros personaxes co mesmo apelido, ver a páxina de homónimos Duquesnoy.
François Duquesnoy (en neerlandés: Frans Duquesnoy), nado na cidade de Bruxelas o 12 de xaneiro de 1597 e finado na cidade toscana de Livorno, Italia, o 18 de xullo de 1643, foi un salientable escultor flamengo do Barroco que desenvolveu a súa actividade artística en Roma.[1]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 12 de xaneiro de 1597 Bruxelas, Bélxica |
Morte | 12 de xullo de 1643 (46 anos) Livorno, Italia |
Actividade | |
Campo de traballo | Escultura |
Lugar de traballo | Roma |
Ocupación | escultor, debuxante |
Movemento | Barroco |
Profesores | Hieronymus Duquesnoy o Vello |
Alumnos | Josse de Corte (pt) |
Descrito pola fonte | Het Gulden Cabinet (en) , (sec:Franciscus de Quesnoy, Het Derde Deel, pag. 442) Teutsche Academie der Edlen Bau- Bild- und Mahlerey-Künste (en) , (sec:Duquesnoy, François, 348) Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron, (sec:ЭСБЕ / Дюкенуа, Франсуа) |
As súas representacións máis idealizadas adoitan contrastar co carácter emocional da obra de Bernini, mentres que o seu estilo amosa unha maior afinidade coas esculturas de Alessandro Algardi.[2]
Traxectoria
editarNenez e xuventude
editarO seu pai, Hieronymus Duquesnoy o Vello, foi escultor da corte do arquiduque Alberte e a súa esposa a arquiduquesa Isabel Clara Uxía, gobernadores dos Países Baixos, e é o autor da coñecida estatua-fonte do Manneken Pis de Bruxelas (1619).[3]
François iniciou a súa actividade en Bruxelas, atraendo a atención do arquiduque, que lle deu os medios necesarios para estudar en Roma, onde pasou toda a súa carreira profesional.
Cando Duquesnoy chegou a Roma, en 1618, estudou a escultura antiga en detalle, chegando a ascender á estatua ecuestre de Marco Aurelio para determinar como foi modelada e facendo unha peregrinación ao templo de Diana no Lago Nemi, no Lacio, ao sur de Roma. En 1624, o pintor francés Nicolas Poussin chegou a Roma e os dous estranxeiros aloxáronse xuntos.
Duquesnoy e Poussin puxéronse baixo o patrocinio de Cassiano dal Pozzo e desenvolveron un canon ideal expresivo das figuras contrario á teatralidade barroca de Bernini. Neste empeño foron apoiados por outros artistas romanos, entre os que sobresaíu Andrea Sacchi, inimigo declarado de Bernini.
Madureza e éxito
editarCon todo, o recoñecemento non lle chegou a Duquesnoy ata, polo menos, dez anos despois da súa chegada a Roma. Cara a 1627 ou 1628, Bernini utilizouno como axudante na decoración do Baldaquino, o que lle proporcionou unha reputación que levou consigo a conseguinte encarga dalgunhas obras como a estatua de Santo André situada baixo a cúpula de San Pedro, ou a que o ano seguinte sería a súa obra máis famosa, a estatua de Santa Susana para o coro da igrexa de Santa María de Loreto, en Roma.
Morte
editarNicolas Poussin recomendou encarecidamente a Duquesnoy ante o Cardeal Richelieu, que lle ofreceu o posto de escultor do rei Lois XIII e a promesa de fundar unha academia de escultura en París baixo a súa dirección. Este aceptou a oferta e marchou a Livorno coa intención de embarcar cara a Francia, aínda que non chegou ao seu destino, xa que morreu durante a viaxe, logo de que, durante anos, padecera de gota e episodios de vertixe, así como de depresión crónica e desequilibrios psicolóxicos de diversa índole.
O seu obradoiro herdouno o seu irmán máis novo, Hieronymus Duquesnoy o Novo, xunto co que traballara durante toda a súa carreira.[4]
A súa obra
editarA estatua de Santa Susana
editarA súa clasicista "Santa Susana", de 1629, amosa a santa en actitude modesta. Trátase dunha escultura pertencente a unha serie que representa diversas virxes mártires, obra de varios artistas, na basílica de Santa María de Loreto, fronte ao foro romano de Traxano.
É salientable a finura do acabamento das superficies do que Duquesnoy dotou a estatua. Críticos contemporáneos como Giovanni Pietro Bellori aseguran que o artista traballou durante anos nela cun modelo vivo, tendo como referente a estatua antiga de Urania do Capitolio.[5] Duquesnoy conseguiu un verdadeiro expoñente de equilibrio clasicista: a figura está nun perfecto contrapposto e todo nela é elegancia. A santa xira suavemente o pescozo cun movemento compensado pola caída da vestidura e do manto.
Esta obra gozou dun grande éxito entre os seus contemporáneos (Bellori definiuna como una aria dolce di grazia purissima). Foi, con todo, durante o século XVIII cando entrou no canon das esculturas modernas máis admiradas, grazas a unha copia de mármore que Guillaume Coustou enviou a París en 1739 para admiración do ambiente artístico francés. Naqueles tempos sentía unha profunda devoción polos principios neoclásicos, cos cales a "Santa Susana" encaixaba á perfección.[6]
A estatua de Santo André
editarO "Santo André" foi iniciado uns meses despois da finalización da súa versión de Santa Bibiana. É unha das grandes figuras situadas en cada unha das esquinas do cruceiro da basílica de San Pedro do Vaticano (as outras estatuas son as de San Lonxino de Bernini, Santa Verónica de Francesco Mochi e Santa Helena de Andrea Bolgi).
A comparación entre o "Santo André" de Duquesnoy e o "San Lonxino" de Bernini revela con claridade a grande distancia que separaba ambos os artistas. Mentres que a de Bernini se caracteriza polos rítmos dramáticos típicos da exuberancia do barroco, a obra do flamengo combina o equilibrio na caída das vestiduras do santo coa acusada diagonal que marcan os ombreiros e a cruz que sostén. A maxestosa figura é unha adaptación do modelo clásico de Xúpiter, aínda que adoece dunha certa incongruencia entre as partes da obra.[7]
Restauracións e obras de pequeno formato
editarComo outros escultores da súa época, Duquesnoy foi requirido para restaurar e mesmo completar estatuas antigas, tales como torsos sen cabeza ou sen extremidades. O "Fauno Rondanini", feito entre 1625 e 1630 (actualmente no Museo Británico) é unha recomposición elaborada a partir dunha destas pezas. O resultado é unha figura de trazos tipicamente barrocos moi do gusto dos seus contemporáneos, pero que foi moi criticada polos neoclasicistas de finais do século seguinte. Outro exemplo deste tipo de reconstrucións é o Adonis conservado actualmente no Museo do Louvre.
É nas figuras de pequeno formato onde Duquesnoy expresou mellor as súas calidades artísticas. El comezara a súa etapa romana gañando a vida coa execución deste tipo de obras en bronce e marfil. A súa produción posterior ao "Santo André" tampouco é de gran tamaño. As tumbas de Andrien Vryburch (1629) e de Ferdinand van den Eynde (1633-1640), na igrexa romana de Santa María da Alma, son os seus proxectos máis ambiciosos, pero o groso da súa obra componse dunha multitude de pequenos relevos e figuras en bronce, marfil, cera e terracota que representan temas mitolóxicos ou relixiosos. Son característicos os seus áxiles e delicados putti (motivos ornamentais consistentes en figuras de cativos, frecuentemente espidos e alados). O artista soubo insuflarlles algo da inocencia infantil grazas, entre outros motivos, ao seu estudo da arte de Tiziano, sobre todo a "Ofrenda a Venus" (hoxe no Museo do Prado), pola que o artista estaba fascinado. O tipo creado por Duquesnoy transcendería a toda a arte europea posterior.
Nos seus últimos anos, a súa obra parece indicar unha superación da súa fase clasicista, liberándose das limitacións que lle impuña esa doutrina, e unha volta ao seu inicial estilo realista de raíz flamenga.[8]
Notas
editar- ↑ "François Du Quesnoy". En RKD (Instituto Neerlandés de Historia da Arte) (en inglés)
- ↑ Bouillet, Marie-Nicolas; Chassang, Alexis. "François Duquesnoy". En Dictionnaire universel d’histoire et de géographie, 1878 (en francés)
- ↑ De la Selle, H. "Les Duquesnoy". En Dictionnaire de la sculpture. Larousse. Paris, 1992. Páxinas 180-182 (en francés)
- ↑ "François Duquesnoy Flemish-Italian sculptor". En Encyclopaedia Britannica (en inglés)
- ↑ Bellori, Giovanni. Vite de'Pittori, Scultori et Architetti Moderni, Parte Prima. Mascardi. Roma, 1672 (italiano)
- ↑ Wittower, Rudolf. Arte y Arquitectura en Italia: 1600-1750. Ed. Cátedra. Madrid, 2007. Páxinas 272-278 [ISBN 978-84-376-2409-9] (en castelán)
- ↑ Boucher, Bruce. La Escultura Barroca en Italia. Ed. Destino. 1999 [ISBN 84-233-3074-5]
- ↑ Wittkower, R.; Wittkower, M. Nacidos bajo el signo de Saturno. Genio y temperamento de los artistas desde la Antigüedad hasta la Revolución francesa. Ed. Cátedra. 2006. Páxinas 120-121 [ISBN 84-376-0325-0] (en castelán)
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: François Duquesnoy |
Bibliografía
editar- Boudon-Machuel, M. François du Quesnoy (1597-1643). Arthena. París, 2005 [ISBN 978-2903239-0] (en francés)
- Fransolet, Mariette. Frans Duquesnoy., Bruxelas, 1942 (en neerlandés)
- Hadermann-Misguich, Lydie. Les du Quesnoy. Gembloux, Duculot, 1970 (en francés)
- De Busscher, E. "Les sculpteurs De Quesnoy, Delvaux, Calloigne". En Annales de la Société Royale des Beaux Arts. Gante, 1877 (en francés)
- Philippot, P. et al. L'architecture religieuse et la sculpture baroques dans les Pays-Bas méridionaux et la principauté de Liège 1600-1770. Éditions Mardaga. Wavre, 2003. Páxinas 769-771 [ISBN 978-2-87009-838-7] (en francés)
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Galería de imaxes da obra de François Duquesnay. Web Galery of Art (en inglés)
- Galería de imaxes da obra de François Duquesnay no Museo do Louvre (en inglés)