Feixón

especie de planta

O feixón, fabeira, faba ou chicho[1] (Phaseolus vulgaris) é unha planta rubideira da familia Fabaceae cultivada pola súa semente comestíbel, chamada feixón, feixó, chicho ou faba[2].

Phaseolus vulgaris”
Non confundir con feixoa

As vaíñas ou casulas verdes da mesma planta coñécense co nome de feixóns verdes, e tamén son comestíbeis cociñadas ou, no caso dalgunhas variedades tenras, incluso crúas[3].

Etimoloxía

editar

O termo galego feixón, feixó, (en galego antigo: feijoo, en portugués: feijão) orixinouse do latín faseolu, con troco de sufixo[4].

O apelido galego Feijoo (var. Feijóo, Feijó, Feixó) derivan deste termo (Véxase artigo: Feijoo). O termo feixó foi utilizado na poesía de escarnio medieval para designar as persoas calvas. Os guerreiros dalgunhas tribos xermanas estilaban rapar a cabeza para inspirar maior terror aos seus inimigos, e o costume de rapar os cabelos non foi excepcional nos cabaleiros medievais. A influencia xermana chegou a Galiza.

Descrición

editar

É unha planta herbácea anual, erecta ou rubideira, de talo pubescente ou glabrescente cando é adulta. As estipulas das follas tri-pinnadas son de forma lanceolada e de tamaño medio-centimétrico. Os folíolos son alongadamente ovados ou ovado-romboidal, os laterais, implantados oblicuamente, miden 4-15 por 2,5–10 cm e son pubescentes con base redondeada ou alongadamente cuneada, de bordos enteiros e ápice acuminado. As flores dispóñense en acios usualmente axilares, máis curtos que as follas. As bractéolas, persistentes, son habitualmente de lonxitude igual ou algo superior ao cáliz que é cupuliforme, bilabiado, de 3–4 mm, con cinco sépalos soldados e co labio superior bidentado emarxinado e o inferior tridentado. A corola, que pode ser branca, amarela, violácea ou rubia, ten o estandarte centimétrico suborbicular e reflexo, as ás obovadas adheridas á quilla, tamén centimétrica e con ápice espiralmente retorcido. Os estamios son diadelfos (9 soldados e 1 libre) mentres que o ovario é pubescente co estilo espiralmente torcido de 360º ou máis e con estigma oblicuo. Dito xeneceo deriva nun legume linear-oblongo duns 10-15 por 1-1,5 cm, algo curvado e inchado, glabro, picudo e con catro a dez sementes oblongas con forma de ril de moi diversas cores e tamaños, usualmente 1-2 por 0,5-1,5 cm.[5][6]

Historia e cultivo

editar

Os feixóns foron unha importante fonte de proteínas ao longo da historia, e ségueno a ser hoxe [Cómpre referencia].

Os feixóns (Phaseolus vulgaris) é unha das plantas cultivadas desde máis antigo, dende hai seis mil anos en América[7] No México precolombiano o feixón era obxecto, xunto co maínzo e a cabaza, dun complexo sistema de cultivo combinado que sobreviviu até hoxe. As fabas americanas foron introducidas en España e Portugal polos mercadores que no século XVI traían as sementes como unha curiosidade. Dende a Península, esta nova variedade estendeuse cara a outros países europeos debido a diversos factores.

Antes do descubrimento de América, na Península Ibérica cultivábanse leguminosas de orixe afroasiática e europea. Estas variedades corresponderíanse con especies como a Vigna unguiculata ou a Vicia faba (faballón ou fabón) que aínda se consomen nalgúns territorios da Península. Vicia faba foi cultivada por primeira vez en Próximo Oriente, e chega a Europa durante o Neolítico[8]. Así en Galicia, de xeito similar ao acontecido co millo e o paínzo (ou millo miúdo), o termo faba deixou de designar as variedades do Vello Mundo para pasar a nomear as variedades americanas, mellores para o seu uso alimentario[9] As variedades americanas Phaseolus vulgaris evolucionaron en Europa para retornar posteriormente á súa orixe grazas aos procesos migratorios. Esta evolución implicou unha mellora xenética que se tería producido, consciente ou inconscientemente, da man dos agricultores da Península.

Produción

editar

[10]

Europa e España

editar

En Europa colleitáronse no ano 2003 case que 500.000 toneladas de fabas. Na Unión Europea os principais produtores son Polonia, Grecia e España, que nese ano atinxiron, respectivamente, 34.000, 23.000 e 14.000 toneladas. Fóra da Unión Europea, Belarús e Ucraína son os países que acadan maiores producións ao sumar 110.000 e 65.000 toneladas.

En 2001 no Estado español dedicáronse ao cultivo da faba máis de 12.682 hectáreas, o 44% en réxime de regadío e o 56% en secaño, e acadouse unha produción total de 15.420 toneladas. Galicia, con 2.700 toneladas, e Castela-León, con 7.200 toneladas, son as principais comunidades produtoras.

A produción galega

editar

En Galicia as provincias da Coruña e Lugo son as que xeran a maior parte da produción. En 2001 o 57% da produción galega era de orixe coruñesa e o 20% da provincia de Lugo.

 
As sementes chámanse feixóns ou fabas

Tipos de sementes

editar

Podemos atopar sementes de moi variadas cores e formas, que se diferencian ademais polo seu brillo, debido á gran diversidade xenética que existe dentro da especie.

Gastronomía

editar

É un alimento espallado practicamente por todo o mundo, nas súas diferentes variedades de sementes e vaíñas.

En Galicia as fabas son usadas como ingredientes do caldo, e os feixóns verdes cómense habitualmente cocidos. En España hai varios pratos rexionais a base de fabas, como a fabada asturiana, as mungetes amb botifarra catalás ou o arròs amb fesols i naps valenciano. En Portugal existen varias feijoadas típicas, como a feijoada à transmontana, as tripas à moda do Porto ou o feijão frade com atúm. Na América Latina existe unha gran cantidade de pratos, como as brasileiras feixoadas de mistura ou feijão com arroz, os frijoles e gallo pinto de México e Centroamérica, ou os porotos chilenos.

 
As vaíñas son os feixóns verdes.

Galería de imaxes

editar
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para feixón (planta).
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para feixón (semente).
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para feixón.
  4. FERREIRA, A. B. H. Novo Dicionário da Língua Portuguesa. Segunda edição. Rio de Janeiro: Nova Fronteira, 1986. p.766
  5. Phaseolus en Flora of China
  6. Phaseolus vulgaris en Flora of China
  7. Chazan, Michael (2008). World prehistory and archaeology : pathways through time. Boston: Pearson Allyn and Bacon. p. 271. ISBN 0205406211. OCLC 77830098. 
  8. Daniel Zohary and Maria Hopf. Domestication of Plants in the Old World 2000:114.
  9. Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, ed. (10 de setembro de 2009). "34. Debullando algúns problemas das fabas". www.usc.es. Consultado o 27 de xuño de 2019. 
  10. "Datos de produción. Centro de interpretación da faba de Lourenzá". Arquivado dende o orixinal o 17 de maio de 2011. Consultado o 24 de outubro de 2010. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar