Dextrina
As dextrinas son un tipo de oligosacáridos ou pequenos polisacáridos formados por glicosa producidos pola hidrólise do amidón [1] ou do glicóxeno [2] e de peso molecular moito menor ca estes. As dextrinas preséntanse como mesturas de polímeros formados por moléculas de glicosa unidas por enlaces O-glicosídicos α-(1→4) ou α-(1→6).
Dextrina | |
---|---|
Identificadores | |
Número CAS | 9004-53-9 |
PubChem | 62698 |
UNII | 2NX48Z0A9G |
KEGG | C00721 |
Propiedades | |
Fórmula molecular | (C6H10O5)n |
Masa molecular | variable |
Aspecto | po amarelo ou branco |
Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa. |
As dextrinas poden producirse a partir do amidón pola acción de encimas amilases, durante a dixestión no corpo humano ou durante o malteado e maceración,[3] ou aplicando calor seca en condicións ácidas (pirólise ou torrado). Este último proceso utilízase industrialmente, e tamén ocorre na superficie do pan durante a súa cocción, contribuíndo a darlle o seu aroma, cor, e frescura. As dextrinas que se producen por quentamento denomínanse tamén pirodextrinas. Durante o proceso de torrado en condicións ácidas o amidón hidrolízase, pero as cadeas resultantes, en parte, volven a formar ramificacións establecendo enlaces α-(1,6) co amidón degradado.[4]
O aspecto das dextrinas é o dun po branco, amarelo ou castaño, que é parcialmente ou totalmente soluble en auga, orixinando solucións de baixa viscosidade e activas opticamente. Xeralmente poden detectarse con solucións de iodo, dando unha cor vermella. Pode distinguirse entre as eritrodextrinas, que se colorean de vermello, e as acrodextrinas, que non se colorean.
As dextrinas poden utilizarse para producir pegamentos.
Aplicacións
editarAs dextrinas teñen moitas aplicacións na industria debido á súa falta de toxicidade e ao seu baixo prezo.
As dextrinas amarelas utilízanse como colas hidrosolubles [5] na banda de pegamento dos sobres (para pechalos ao humedecela) ou en tubos, na industria mineira como aditivos para a separación por flotación, na industria da fundición, na industria téxtil en certas técnicas de estampado, e como ligantes da pintura ao gouache.
As dextrinas brancas utilízanse como:
- Potenciadores do carácter crocante de moitos alimentos procesados, en recubrimentos, e glaseados, (o seu número de aditivo é o E 1400).
- Axentes para o recubrimento e acabado final na industria téxtil, que incrementan o peso e a dureza dos tecidos.
- Espesantes, axentes aglutinantes e excipientes na industria farmacéutica e da produción de papel couché.
As dextrinas engádense aos artefactos pirotécnicos e bengalas como aglutinante e combustible, que permite que se solidifiquen en gránulos e muxicas ou "estreliñas".
Debido a que no proceso de formación das dextrinas se produce unha nova formación de ramificacións, as dextrinas son pouco dixeribles, pero as dextrinas indixeribles utilízanse como suplementos de fibra solubles en moitos produtos alimenticios.
Outros tipos de dextrinas
editar- Maltodextrina. É un carbohidrato de cadea curta xelatinoso derivado do amidón usado como aditivo alimentario. Tamén se orixina por hidrólise encimática do amidón xelatinizado e preséntase xeralmente como un po higroscópico de cor crema. A maltodextrina pode dixerirse facilmente, orixinando glicosa, que se absorbe rapidamente, e pode ser moderadamente doce ou non ter apenas sabor.
- Ciclodextrina. As dextrinas cíclicas coñécense como ciclodextrinas. Fórmanse pola degradación encimática do amidón realizada por certas bacterias, por exemplo, Bacillus macerans. As ciclodextrinas teñen estruturas toroidais formadas por de 6 a 8 residuos de glicosa.
- Amilodextrina. É unha dextrina liñal ou unha curta cadea de amilosa de 20 a 30 residuos, que pode producirse por hidrólise encimática dos enlaces glicosídicos α-1,6 ou por desramificación da amilopectina. Tinguida con ioduros dá unha cor azul.
- Dextrina límite (β). A dextrina límite é o polímero que queda cando se produce a hidrólise encimática con β amilases da amilopectina. Este encima non pode romper os enlaces α-1,6, polo que detén a hidrólise ao chegar aos puntos de ramificación, deixando o resto, a dextrina límite, sen degradar.
- Dextrina límite (α). É o resto que queda cando a amilopectina é atacada con α amilases.
- Dextrina cíclica moi ramificada. É unha dextrina producida pola degradación encimática da amilopectina en grupos e usando encimas ramificadores para formar grandes moléculas cíclicas.[6]
Notas
editar- ↑ An Introduction to the chemistry of plants - Vol II: Metabolic processes, P. Haas and T. G. Hill, London (Longmans, Green & Co.), 1913; pages 123-127
- ↑ Salway, JG. Medical Biochemistry at a Glance. Second Edition. Malden, MA (Blackwell Publishing), 2006; page 66
- ↑ Michael Lewis, Tom W. Young (2002), "Brewing", Kluwer Academic, ISBN 0-306-47274-0.
- ↑ Alistair M. Stephen, Glyn O. Phillips, Peter A. Williams (2006), "Food polysaccharides and their applications 2nd edition", p 92-99, CRC Press, Taylor & Francis Group, ISBN 0-8247-5922-2
- ↑ Jack Augustus Radley (1976). "Industrial uses of starch and its derivatives", Applied Science Publishers Ltd, ISBN 0-85334-691-7.
- ↑ T. Hiroki, K. Iwao, T. Noboru,S. Yuji, Y. Mikio, Journal: Seibutsu Kogakkaishi, Vol:84; No:2; Page: 61-66 (2006), Industrial Production of Branching Enzyme and Its Application to Production of Highly Branched Cyclic Dextrin (Cluster Dextrin)[1] Arquivado 29 de febreiro de 2012 en Wayback Machine.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarLigazóns externas
editar- EAFUS Arquivado 01 de xullo de 2007 en Wayback Machine.