Acto (teatro)
Un acto é cada unha das divisións principais dunha obra dramática, marcada habitualmente coa caída do pano. Normalmente, os actos caracterízanse pola unidade de tempo e pola unidade de lugar. Os cambios de acto permiten interpolar unha elipse temporal ou unha mudanza de lugar, o que fai avanzar a acción dramática. Cada acto pódese pola súa vez dividir en escenas.
No teatro grego, as obras representábanse sen interrupcións pero con comentarios interpolados do coro. Parece ser que Horacio foi o primeiro en elaborar a subdivisión en cinco actos. Durante o Renacemento o uso dos cinco actos converteuse na norma entre os dramaturgos franceses. Para respectar a regra das tres unidades, non se producía ningún cambio entre un acto e outro. A lonxitude dos actos correspondía coa duración das candeas usadas para iluminar a sala, arredor duns vinte minutos. As obras de Shakespeare e contemporáneos teñen interrupcións naturais que se aceptan como divisións en actos, pero estas divisións en actos foron realmente consagradas por editores posteriores. Á hora de estruturar as súas obras, os dramaturgos isabelinos tomaban como referencia os modelos romanos, como por exemplo Séneca. A partir da segunda metade do século XVII a maioría das obras dividíase en cinco actos. Na fixación destas interrupcións tivo certa relevancia a introdución do proscenio e do pano durante a Restauración inglesa. Neste período, o pano erguíase ao final do prólogo (que se representaba desde a parte dianteira do escenario) e así permanecía até o final da obra, pero a mediados do século XVIII baixábase regularmente para marcar os finais dos actos.
Xa no século XIX, Henrik Ibsen reducíu os actos a catro, estrutura que foi tamén usada por Chekhov ou Luigi Pirandello. Desde comezos do XX, a maioría dos dramaturgos teñen mostrado unha preferencia polas obras en tres actos, aínda que non sexan infrecuentes as de dous. Nas producións modernas, nas obras de catro e cinco actos normalmente só se baixa o pano unha vez, xuntando os primeiros tres ou dous actos, ao tempo que se reduce a duración total. Tamén se escriben obras consistentes en sucesións de escenas.
Na televisión, os actos sepáranse con publicidade. Nas películas, os "actos" sepáranse ás veces cun título sobreimpreso pero máis habitualmente cun cambio de música.