1184 [= RM 85,10]
Fui oj’eu, madre, veer meu amigo

Fui oj’eu, madre, veer meu amigo,
que envio[u] muito rogar por én,
porque sei eu ca mi quer mui gran ben;
mais vedes, madre, pois m’el vio consigo,
foi el tan ledo que des que naci
nunca tan led’ome con molher vi.
Quand’eu cheguei, estava el chorando
e non folgava o seu coraçon
cuidand’en mí, se iria, se non;
mais, pois m’el viu u m’estava asperando,
foi el tan ledo que des que naci
[nunca] tan led’ome con molher vi.
E, pois Deus quis que eu fosse u m’el visse,
diss’el, mia madre, como vos direi:
«Vej’eu viir quanto ben no mund’ei».
E vedes, madre, quand’el esto disse,
foi tan ledo que des que eu naci
[nunca tan led’ome con molher vi].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 1167, V 773

Despois do v. 12, en B reaparecen os vv. 7-8, no inicio da columna b, posteriormente riscados: (Quādeu cheguey estaua el chorādo / E nō folgaua o seu coraçō).

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 358-359 [= LPGP 579-580]); Reali (1964: 27); Cohen (2003: 401); Littera (2016: II, 34-35).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 266-267); Braga (1878: 145); Machado & Machado (1956: V, 263).
III. Antoloxías: Piccolo (1951: 139-140); Nunes (1959: 285); Spina (1972: 350); Álvarez Blázquez (1975: 200-201); Torres (1977: 87).

Variantes manuscritas


3 ca mi quer] camo auer V; mui] om. B; gran] g̃ra B   8 coraçon] corazō V   9 cuidand’em mí] Cuydādemi B   10 u m’estava] humel / Estaua B : humel / estaua V   11-12 tā ledome cō molher ui  / (Quādeu cheguey estaua el chorādo / E nō folgaua o seu coraçō) B : foy el tā ledo q̄ desq̄ naçi V   15 viir] mir V   17 foi] Foys B

Variantes editoriais


2 envio[u]] [m’]envio[u] Nunes   10 m’estava] m’el estava Reali, Littera   14 vos] vus Reali   17 foi tan ledo que des que eu naci] foi el tan ledo que des que naci Nunes

Paráfrase


(I) Fun hoxe, madre, ver o meu amigo, que mandou que moito me rogasen por iso, pois eu sei que me ama de verdade; mais vede, madre, despois de que me viu consigo, ficou el tan ledo que desde que nacín nunca tan ledo vin un home cunha muller.

(II) Cando eu cheguei, el estaba chorando e non descansaba o seu corazón pensando en min, se iría, se non; mais, cando me el viu onde estaba esperando por min, ficou el tan ledo que desde que nacín nunca tan ledo vin un home cunha muller. 

(III) E, xa que Deus quixo que eu fose a onde el me vise, dixo el, miña nai, como vos direi: «Vexo eu vir todo canto ben que teño no mundo»; e vede, madre, cando el dixo isto, ficou el tan ledo que desde que nacín nunca tan ledo vin un home cunha muller.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10’a 10b 10b 10’a 10C 10C (= RM 160:254)

Encontros vocálicos: 2 en·vi·o[u]; 4 vi͜o; 10 estavaasperando; 13 fosseu

Notas


Texto
  • 4

    A representación gráfica da desinencia da P3 de pretérito indicativo dos verbos da terceira conxugación oscila entre a esmagadoramente maioritaria -iu e a esporádica -io, mostra dunha vacilación inicial que aínda se conserva nalgúns territorios galegos. Cfr. nota a 302.14. De calquera xeito, ambas as formas implican unha mesma realidade fonolóxica e métrica, como mostran os casos de rimas entre -io e -iu (véxase, por exemplo, 614.1-8), ou aqueloutras situacións en que se produce variación desta desinencia en estruturas paralelísticas (véxase 583.8) ou no refrán (véxanse 592.r1, 1336.r, 1361.r2-r3).

  • 10

    A métrica confirma o carácter espurio e repetitivo de el, que debe ser expunxido, por máis que Reali e Littera o manteñan: *pois m’el viu u m’el estava asperando > pois m’el viu u m’estava asperando.

  • 12

    O erro de copia en B, coa reaparición dos vv. 7-8 após o v. 12, débese, moi probabelmente, a um lapso no regreso á perícopa provocado polo cambio de colunma de escritura.

  • 13

    Reali indica a anómala sinalefa queeu en vez da regular fosseu.

  • 17

    Obsérvese a variación (anulada en Nunes) nesta derradeira ocorrencia do refrán, que omite o pronome el e incorpora o pronome eu (anulando, iso si, a regularidade acentual na 4ª sílaba): foi el tan ledo que des que naci (I-II) vs. foi tan ledo que des que eu naci (III). Cfr. nota a 27.4.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado