Tenor inclúe a aplicación para móbiles Tenor, o sitio web de Tenor (http://tenor.com), as extensións de Tenor e Tenor API. Tenor API pódese integrar con dispositivos ou servizos de terceiros, pero é Google quen proporciona os servizos relacionados con Tenor.
Para usar Tenor, tes que aceptar (1) as Condicións de servizo de Google e (2) as presentes Condicións de servizo adicionais de Tenor (as "Condicións adicionais de Tenor").
Le atentamente estes documentos, que se denominan, en conxunto, "Condicións". Neles establécese o que podes agardar da nosa empresa cando utilizas os nosos servizos e o que nós esperamos de ti.
Se as presentes Condicións adicionais de Tenor entran en conflito coas Condicións de servizo de Google, Tenor rexerase por estas Condicións adicionais.
Aínda que non forma parte destas Condicións, recomendámosche que leas a nosa Política de privacidade para entender mellor como podes actualizar, xestionar, exportar e eliminar a túa información.
1.
O teu contido
Tenor permíteche enviar, almacenar, recibir ou compartir o teu contido. Tal e como se indica nas Condicións de servizo de Google, outórgaselle a Google unha licenza sobre o teu contido. Polo tanto, se cargas contido en Tenor, podemos mostrárllelo aos usuarios e compartilo cando se solicite. Eses usuarios (entre eles os que accedan ao contido mediante Tenor API) poden velo, compartilo e modificalo.
2.
Contido prohibido
2.1
Non podes usar Tenor con ningún tipo de fin comercial nin en beneficio de terceiros.
2.2
Tal e como se explica nas Condicións de servizo de Google, queremos manter un ambiente respectuoso para todo o mundo. Ao usar Tenor, tes que seguir as nosas Políticas do programa e as normas básicas de conduta que se indican nas Condicións de servizo de Google. En concreto, ao usar Tenor non podes facer o seguinte:
a.
Enviar, almacenar ou compartir contido que:
I. Infrinxa ou fomente calquera conduta que poida infrinxir a lexislación aplicable ou os dereitos de alguén (por exemplo, calquera contido que incumpra, se apropie indebidamente ou viole os dereitos de propiedade intelectual, de publicidade ou de privacidade doutra persoa).
II. Conteña datos persoais ou información de contacto doutra persoa sen a súa autorización previa.
III. Promova actividades ou substancias ilegais ou daniñas.
IV. Sexa fraudulento ou enganoso.
V. Sexa falso ou difamatorio.
VI. Sexa obsceno ou pornográfico.
VII. Promova ou constitúa discriminación, intolerancia, racismo, odio, acoso ou o danos contra unha persoa ou un grupo.
VIII. Sexa violento ou ameazador, ou ben promova a violencia ou accións que resulten ameazadoras para algunha persoa, grupo ou organización.
b.
Enviar publicidade, materiais promocionais ou comunicacións non solicitados ou non autorizados (por exemplo, correos electrónicos, correos, spam, cadeas de mensaxes ou outras solicitudes).