Natación
A natación é a actividade física do home e doutros animais que consiste en se desprazar na auga ou outro líquido, xeralmente con fins recreativos, deportivos, de exercicio ou de supervivencia, por medio de movementos dos brazos e pernas, polo xeral sen ningún instrumento artificial. É un deporte aeróbico, xa que nel se moven de forma coordinada tódolos grupos musculares e está comprobado que serve para mellora-la resistencia física.[Cómpre referencia]
Actualmente a natación é sobre todo unha práctica recreativa e un deporte,[1][2][3][4] e nalgúns países as leccións de natación son unha parte obrigatoria do currículo educativo.[5] Como un deporte formal, a natación ten competencias locais, nacionais e internacionais. Os Xogos Olímpicos son os máis importantes, onde a natación é unha disciplina acompañada dun comportamento adecuado. Tamén existe a natación asociada ao traballo, como no caso dos recolectores de perlas, algúns tipos de pescadores e os científicos que investigan a fauna e flora marítimas. Así mesmo utilizase eventualmente para salvar persoas do afogamento.
Diversos animais posúen a capacidade de nadar por instinto; o home precisa desenvolvela. Porén, unha vez aprendida, xamais se esquece. A práctica da natación considérase un dos mellores exercicios físicos existentes.
Os seus usos principais son o baño, o mergullo, a pesca submarina, salvamento acuático, actividade lúdica, exercicio e deporte.
Ciencia
[editar | editar a fonte]A natación baséase na flotabilidade natural do corpo humano. De media, o corpo ten unha densidade relativa do 0,98 en comparación coa auga, que fai que o corpo flote. Con todo, a flotabilidade varía en función da composición corporal e a salinidade da auga. Niveis máis altos de densidade do corpo ou auga máis salgada cun corpo de densidade menor fai que aumente a súa flotabilidade nesta.
Posto que o corpo humano só é lixeiramente menos denso que a auga, a auga soporta o peso do corpo durante a natación. Como resultado, a natación é un "impacto baixo" en comparación coas actividades que se poden realizar en terra como correr. A densidade e a viscosidade da auga tamén crean resistencia para obxectos que se moven a través da auga. Os movementos que o corpo debe facer para nadar aproveitan esta resistencia para crear propulsión, pero esta mesma resistencia tamén xera resistencia no corpo.
A hidrodinámica é unha importante técnica para nadar máis rápido; é utilizada por nadadores que queren nadar máis rápido ou reducir a fricción do movemento do corpo a través da auga. Para ser máis hidrodinámicos, os nadadores poden aumentar a potencia dos seus golpes, ou reducir a resistencia á auga, aínda que a enerxía debe aumentar por un factor de tres para lograr o mesmo efecto que reducir resistencia.[6] A natación eficiente mediante a redución da resistencia da auga implica unha posición horizontal na auga, rodar o corpo para reducir a anchura do corpo na auga e estender os brazos tanto como sexa posible para reducir a resistencia das ondas.[6]
Xusto antes de mergullarse na piscina, os nadadores poden realizar exercicios tales como poñerse en crequenas que lles axuda a mellorar a saída por quecemento dos músculos da coxa.[7]
Natación infantil
[editar | editar a fonte]Os bebés mostran unha natación innata e reflexos de mergullo ata a idade aproximada de seis meses.[8] A resposta do mergullo implica apnea, bradicardia reflexa e vasoconstrición periférica; noutras palabras, os bebés mergullados na auga aguantan espontaneamente a respiración, reducen a frecuencia cardíaca e reducen a circulación sanguínea ás extremidades (dedos das mans e dos pés).[8] Debido a que os bebés son capaces de nadar de forma innata, en moitos lugares ofrécense clases para bebés duns 6 meses de idade. Isto axuda a construír a memoria muscular e fai nadadores fortes desde pequenos.
Pódese apoiar o ensino con métodos pedagóxicos como a motivación e incentivación. Contar con eles, facer xogos ou crear didácticas ao seu nivel de comprensión para lograr maiores avances. Maior efectividade con nenos entre 2 a 4 anos de idade.
Beneficios: para os bebés, os beneficios son moitos. A natación mellora as súas capacidades cardiorrespiratorias. Con este deporte trabállanse e exercitan os músculos, a coordinación motora e o sistema circulatorio e o sistema respiratorio. Ademais contribúe no desenvolvemento da independencia e autoconfianza do bebe ou do neno. Tamén mellora a coordinación,o equilibrio e o coñecemento do espazo.
Técnica
[editar | editar a fonte]Na natación pódese utilizar unha ampla gama de movementos, coñecidos como "estilo", e estes estilos utilízanse para diversos propósitos, ou para distinguir entre as clases de natación competitiva. Non é necesario utilizar un trazo definido para a propulsión na auga, algúns nadadores inexpertos utilizan uo "estilo can", este estilo sácase do movemento de brazos e pernas similar ao que fan os animais de catro patas ao nadar.
Hai catro movementos principais que son utilizados en competicións de natación e en actividades de recreación de natación: o crol ou estilo libre, o estilo peito (estilo braza), o estilo costas e o estilo bolboreta. A natación competitiva en Europa comezou ao redor do ano 1800, usando principalmente o estilo de brazada. En 1873, John Arthur Trudgen introduciu unha técnica de natación chamada trudgen en competicións de natación occidentais, o estilo crol foi copiado dos indios americanos, pero substituíndo unha patada de tesoira pola tradicional patada aleteo que reducía as salpicaduras. O estilo bolboreta fíxose na década dos 30 e introduciuse na mesma década, era considerado unha variante da brazada ata que en 1953 foi aceptada como un estilo separado.[9] O estilo bolboreta é para moitos o estilo máis difícil, queima máis calorías e tonifica máis os músculos en comparación cos outros 3 estilos,[10] e pode ser o segundo estilo máis rápido se se practica con regularidade.[10] O estilo bolboreta non é fácil e ten un nivel de complexidade moi alto, pero é talvez por iso que nadar bolboreta é un reto. Está claro que a figura de Michael Phelps contribuíu a que este estilo popularizouse na última década, en especial tras as súas medallas de ouro nos Xogos Olímpicos, (28 medallas entre 2004 e 2012).
Pero lonxe das piscinas olímpicas,tamén está o feito de que se o que se busca é queimar calorías este é o estilo recomendado xa que se pon a traballar unha cantidade similar de músculos que o crol, pero obriga ás persoas para esixirse máis nos movementos.
Na natación non competitiva, hai outros estilos de natación, incluído o estilo lateral. O estilo lateral cara a fins do século XIX, cambio o estilo levantando un brazo por encima da auga primeiro, despois o outro e logo cada un por quenda. Este estilo aínda se utiliza no salvamento e a natación recreativa.
Existen outros estilos por razóns particulares, como adestramento, leccións escolares e rescate, e a miúdo é posible cambiar os estilos para evitar o uso dalgunhas partes do corpo, xa sexa para separar partes específicas do corpo, como nadar só con brazos ou pernas para exercitalas máis duro, ou para amputados ou afectados por parálises.
Deporte
[editar | editar a fonte]A natación como deporte involucra predominantemente a participantes que compiten para ser os máis rápidos, e exclusivamente mediante propulsión propia, nunha distancia dada no menor tempo posible. Isto faio ser un deporte individualizado, xa que aínda que se adestre como equipo enfróntanse entre pares. Os competidores nadan diferentes distancias en diferentes niveis de competencia. Existe unha serie de regulamentos acerca das competicións da natación. As diferentes distancias a percorrer establécense segundo os diferentes niveis de competencia. A regra básica separa o modo polo cal o atleta gaña impulso na auga en catro estilos diferentes:
Cada un deses estilos ten especificacións en canto á posición do tórax do atleta e ao movemento de pernas e brazos. No estilo crol, por exemplo, o atleta posiciónase co peito virado cara ao fondo da piscina, en posición horizontal no nivel de auga; os brazos saen da auga en posición paralela ao corpo, xogándose para fronte por riba da auga, alternadamente (en canto un vai para diante, o outro brazo volta para tras por baixo da auga); as pernas móvense para diante e para tras tamén alternadamente. Xa no nado bolboreta, o atleta tamén fica co peito virado cara ao fondo da piscina, mais xoga os dous brazos ao mesmo tempo para fronte e produce un movemento tamén sincronizado coas pernas, para riba e para baixo. No nado de costas o atleta fica co peito virado cara a riba, e as costas viradas cara ao fondo da piscina.
A natación insírese nos deportes acuáticos e é deporte olímpico desde 1896. O programa actual inclúe eventos desde os 50 m ata 1500 m de lonxitude, nos catro estilos principais e combinados. O actual programa olímpico de natación contén estilo libre de 50 m, 100 m, 200 m, 400 m, 800 m e 1500 m; costas, bolboreta, e braza de 50 m, 100 m e 200 m; combinado de 200 m, é dicir, bolboreta de 50 m, costas de 50 m, braza de 50 m e estilo libre de 50 m; combinado de 400 m, bolboreta de 100 m, costas de 100 m, braza de 100 m e estilo libre de 100 m e substitucións combinadas, o que quere dicir que cada participante realiza unha proba xa sexa de 100 m ou 200 m.
A maioría das escolas de natación cobren estas distancias; estilo libre de 50, 100, 200 e 400 m; costas, bolboreta e braza de 100 m e 200 m. Tamén hai substitucións combinadas en equipo, que inclúen carreiras de diferentes estilos intercalados.
En competición e adestramento o percorrido en lonxitude e o retorno ao momento de partida denomínase volta; así se pode dicir que se percorreu dúas voltas no canto de 100 metros, en piscinas de 25 metros. Un longo fai referencia á lonxitude percorrida sen dar a volta.
A natación é un deporte profesional. As empresas patrocinan aos nadadores que están no nivel internacional, aínda que moitos nadadores compiten co fin de representar ao seu país de orixe nos Xogos Olímpicos. Os premios en efectivo por bater marcas tamén se dan en moitas das competicións máis importantes [Cómpre referencia]. Os nadadores profesionais tamén poden gañarse a vida como artistas, no caso da natación sincronizada.
Ramas da natación
[editar | editar a fonte]Máis aló das carreiras de natación, existen outras modalidades competitivas, cada unha con características moi diferentes.[11]
Nas competencias poden haber diferentes distancias, todo depende da categoría na que o nadador se atope (a categoría defínese segundo a idade), polo que se pode nadar desde os 25 metros ata un quilómetro ou máis. Cando se nada neste tipo de competición é posible nadar calquera estilo da lista. Case todos os nadadores usan o crol frontal ou o crol habitual debido á súa velocidade superior. Para as competicións de estilos, tanto se son individuais como de substitucións, o estilo libre pode ser calquera estilo agás braza, costas e bolboreta.
- Saltos:
- Trampolín: 1 e 3 metros individual, 3 metros sincronizado.
- Plataforma: 10 metros individual e 10 metros sincronizado.
- Wáter-polo: Por eliminatorias ata chegar ás finais.
- Natación sincronizada:
- Individual.
- Parellas.
- Equipos.
- Rutina libre combinada.
- Natación en augas abertas: 5, 10 e 25 km, esta última disciplina olímpica desde os Xogos Olímpicos de Pequín 2008.
A natación foi parte dos Xogos Olímpicos modernos desde a súa creación en 1896 (véxase Natación nos Xogos Olímpicos). Xunto coas outras disciplinas acuáticas, o deporte réxese internacionalmente pola Federación Internacional de Natación (FINA), e cada país ten a súa propia federación, como a Real Federación Española de Natación.
O tipo de traxe de baño ou as gorras que se utilizan poden axudar ao nadador no seu desprazamento, polo que se permite que cada participante realice a súa proba coa vestimenta que este crea mellor.
No ámbito internacional, a natación competitiva organízase pola FINA (Fédération Internationale de Natation).
Piscinas
[editar | editar a fonte]As piscinas públicas e os clubs de adestramento tenden frecuentemente a ter piscinas de 25 metros de longo, aínda que algunhas poden ser de 50 m; as olímpicas, en cambio son sempre de 50 metros de longo.
As diferentes competicións teranse que realizar en piscinas especiais, para que poidan ter validez nacional ou internacional. Unha piscina enténdese como a escavación nunha área determinada que posúe a capacidade de almacenar auga, coa finalidade de desenvolver actividades acuáticas. As paredes das piscinas xeralmente están cubertas con mosaicos especiais para que os nadadores non se escorreguen.
Existen dous tipos de piscinas: piscina semi-olímpica e olímpica. A piscina semi-olímpica é exactamente a metade dunha piscina olímpica. As súas medidas son de 25 metros de lonxitude por 12.50 m de ancho. A súa profundidade varía de 0.80 m ata os 2.70 m. As piscinas olímpicas, que xeralmente son as máis coñecidas pola poboación en xeral debido a que os Xogos Olímpicos desenvólvense neste tipo de piscinas, miden 50 m de lonxitude e 25 m de ancho. A súa profundidade, do mesmo xeito que as piscinas semi-olímpicas, pode variar de 0.80 m ata 2.70 m. En ambas as piscinas é necesario que existan entre oito e dez estaxes[12] que permitan aos nadadores estar separados cunha mesma distancia entre eles. A profundidade debe ser igual ou superior a 2 metros.[13] Durante moitos anos especulouse e falado dos factores que posiblemente puidesen afectar o rendemento dos nadadores nunha piscina. Grandes expertos na materia concluíron que a temperatura da auga é un deles, xa que se a auga está moi quente, o desgaste do organismo será moito maior. A temperatura ideal da auga é ao redor de 24-28 graos.
Toda piscina para uso competitivo necesita contar con bancos de saída situados ao principio de cada carril, dúas bandeirolas que estean colocadas cada unha nun extremo da piscina (estes son de moita utilidade no estilo de costas) cunha altura de entre 1.80 m-2.5 m a partir da superficie da auga e cunha separación de 5 m do extremo final da piscina, unha corda de saída en falso colocada aos 15 m que sirva para deter aos nadadores no caso de que se produciu unha saída en falso.
Historia
[editar | editar a fonte]A natación era orixinalmente un medio de supervivencia do home, que en tempos primitivos precisaba fuxir de animais maiores ou cazar por entre ríos e lagos.
Antigüidade
[editar | editar a fonte]Dende épocas primitivas, o ser humano tivo que adaptarse ó medio que o rodea, e un deles é o acuático. Se temos en conta que a superficie do planeta Terra está formada nas súas tres cuartas partes de auga, poderemos comprender a importancia e a necesidade do home de adaptarse a este medio.
A natación coñécese dende a época prehistórica, como o demostran debuxos da Idade de Pedra na Caverna do Nadador, preto de Wadi Sora (ou Sura), na parte suroeste de Exipto. As referencias escritas datan dende o ano 2000 a.C., incluído Gilgamesh, A Ilíada, a Biblia (Ezequiel 47:5, Actos 27:42, Isaías 25:11), Beowulf e outras sagas.
As tribos costeiras que vivían onde actualmente son Países Baixos eran coñecidas como excelentes tribos nadadoras polos romanos. Os bátavos podían cruzar o río Rin sen perder a formación, segundo Tácito. Dión Casio describiu unha táctica sorpresa empregada por Aulo Pláucio contra os celtas na batalla do Medway:[14]
Os celtas británicos pensaron que os romanos non eran capaces de cruzar sen unha ponte e acamparon de forma descoidada na beira oposta; pero os romanos enviaron a un destacamento de bátavos, que estaban afeitos nadar facilmente con armadura completa a través dos ríos máis turbulentos... Os bátavos cruzaron facilmente porque sabían que a terra firme e os pasos fáciles nesta rexión debían ser atopados; pero os romanos ao tentar seguilos non tiveron tanto éxito. Con todo, os batavii nadaron e outros cruzaron por unha ponte que se atopaba máis arriba, despois eles atacaron aos británicos por todos os lados.
Idade media
[editar | editar a fonte]Dado que a natación facíase en estado de desvestimento, fíxose menos popular a medida que a sociedade se facía máis conservadora na idade media.[15] Leonardo da Vinci fixo os primeiros esbozos dos salvavidas. En 1538, Nikolaus Wynmann, un profesor suízo-alemán de linguas, escribiu o primeiro libro completo coñecido sobre natación, Colymbetes, sive de arte natandi dialogus et festivus et iucundus lectu (O nadador, ou un diálogo sobre a arte da natación e alegre e agradable de ler).[16] O seu propósito era reducir os perigos de afogamento. O libro contiña un bo enfoque metódico para aprender a braza e mencionou axudas para a natación como vexigas de vaca cheas de aire, cintos de cana e cortiza.[17]
Idade Moderna
[editar | editar a fonte]A natación competitiva en Europa empezou ó redor do ano 1800, principalmente usando o estilo de braza. O estilo crawl, entón chamado trudgen, foi introducido en 1873 por John Arturh Trudgen, que o copiou dos indios nativos de América.
A natación pasou a formar parte dos primeiros Xogos Olímpicos modernos de 1896 en Atenas. En 1902, o "estilo trudgen" foi mellorado por Richard Cavill, usando a patada continua. En 1908 creouse a Asociación Mundial de Natación.
O estilo bolboreta foi nun principio unha variación do estilo braza, ata que foi aceptado como un estilo autónomo en 1952.
Obxecto
[editar | editar a fonte]Hai moitas razóns polas que a xente nada, desde a natación como actividade recreativa ata a natación como parte necesaria dun traballo ou doutra actividade. A natación tamén se pode usar para rehabilitar lesións, especialmente varias lesións cardiovasculares e musculares. As persoas tamén poden dedicarse á natación como carreira ou campo de interese. Algúns poden ser dotados e optar por competir profesionalmente e reclamar fama.
Ocupación
[editar | editar a fonte]Algúns traballos requiren persoas que saiban nadar ben. Por exemplo, os mergulladores que buscan ostras no fondo do mar ou os pescadores submarinos para obter un beneficio económico, entre outros.
A natación utilízase para rescatar a persoas en apertos ou en situación de afogamento. A maioría das cidades e países modernos contan con socorristas adestrados en piscinas e praias. Hai unha serie de estilos de natación especializados, particularmente para fins de salvamento (véxase a lista de estilos da natación), os cales son aprendidos polos socorristas ou membros da garda costeira.
A natación é utilizada na bioloxía mariña para observar distintas especies no seu hábitat natural. Outras áreas de estudo utilizan a natación para conseguir diversos obxectivos; por exemplo, o médico e zoólogo austríaco Konrad Lorenz nadou cos gansos, como parte dos seus estudos sobre o comportamento animal.
A natación con fins militares é realizada habitualmente por forzas especiais, como as da Navy SEAL nos Estados Unidos; esta utilízase para achegarse a un obxectivo, reunir información de intelixencia, actos de sabotaxe ou de combate e para afastarse dunha localización, tamén pode incluír a inserción desde o aire á auga ou ao saír dun submarino. Debido á exposición regular aos grandes corpos de auga, todos os recrutas da mariña dos Estados Unidos corpo de marines e a garda costeira deben completar a natación de base ou de adestramento de supervivencia na auga.
Viaxes
[editar | editar a fonte]Cando non existen máis alternativas, as persoas poden optar por realizar viaxes de curta distancia a nado. Innumerables emigrantes cruzaron a nado ríos e mares; son famosos por iso o río Bravo e o río Bug Occidental. Hai casos coñecidos de refuxiados políticos que nadaron no mar Báltico,[18] e de xente que saltou de embarcacións para chegar a nado a destinos aos que non se planeaba ir.[19] Na década de 1980 milleiros de soldados iraquís en retirada cruzaron a nado o río Shatt al-Arab.[20] O presidente dos Estados Unidos John F. Kennedy dirixiu os seus mariñeiros nadando dunha illa a outra despois de que o seu torpedeiro fose afundido na segunda guerra mundial. O seu irmán, o senador Ted Kennedy afirmou abandonar a illa de Chappaquiddick a nado.[Cómpre referencia]
Exercicio e actividade lúdica
[editar | editar a fonte]Os propósitos máis comúns da natación son a recreación, o exercicio, o adestramento atlético e deportivo. A natación recreativa é unha boa maneira de relaxarse, mentres se goza dun exercicio completo.[21]
A natación é unha excelente forma de exercicio, debido a que a densidade do corpo humano é moi similar á da auga, esta soporta o corpo, polo que as articulacións e os ósos reciben menor impacto. A natación utilízase con frecuencia como un exercicio de rehabilitación despois de lesións ou para persoas con discapacidade.
A natación con resistencia é unha forma de exercicio de natación. Levase a cabo, xa sexa con fins de formación, para manter o nadador estacionario para a observación da brazada ou para poder nadar nun espazo pechado por razóns deportivas ou terapéuticas. A natación con resistencia pódese facer fronte a unha corrente de auga en movemento nunha máquina de natación ou mantendo ao nadador estacionario con cintas elásticas.
A natación é principalmente un exercicio aeróbico, debido ás características intrínsecas do exercicio, o que require unha subministración constante de osíxeno os músculos, fóra de carreiras curtas, onde prima a intensidade e a velocidade, e onde os músculos traballan anaeróbicamente. Como a maioría dos exercicios aeróbicos, a natación reduce os efectos daniños do estrés, pode mellorar e corrixir a postura e desenvolver un físico característico, a miúdo chamado "silueta de nadador".
Nos últimos anos houbo un crecemento na popularidade da natación en augas abertas, tamén coñecido como "wild swimming" en parte debido á publicación de libros best-seller de Kate Rew e Daniel Start. Nesta especialidade debe mencionarse o tragamillas, campión e récord de varias travesías, o nadador español David Meca.
Beneficios da natación como exercicio físico
[editar | editar a fonte]A natación é unha actividade útil e recreativa para as persoas, é beneficiosa para a saúde tanto a nivel físico como psíquico, é un dos exercicios físicos máis completos para traballar a mente e o corpo, mantén en forma, fortalece os músculos e a memoria, polo que é recomendable a súa práctica a calquera idade.
Como rutina física a natación ten unha serie de vantaxes para o corpo, entre as cales se atopan: rebaixar os niveis da tensión arterial, mellorar o funcionamento da actividade osteomuscular, mellorar a capacidade respiratoria, axudar a fortalecer os tecidos do corpo, mellorar a actividade do corazón, aumentar a circulación sanguínea, previr e aliviar enfermidades como o asma, e lesións musculares nerviosas, relaxar a musculatura, mellorar o sistema cardiovascular, o sistema respiratorio, a psique e a calidade de vida das persoas.
A natación é unha actividade sen impactos, rebotes e movementos bruscos que achega seguridade e a baixa complexidade permite a súa práctica a persoas que por distintos motivos non poden practicar algún deporte. A natación actúa contra a dor nas lesións e o envellecemento, a condición de que a técnica utilizada sexa a correcta.
A natación é un deporte aeróbico, xa que se moven de forma coordinada todos os grupos musculares e mellórase a resistencia.
Leccións
[editar | editar a fonte]Tradicionalmente, os nenos eran considerados non capaces para nadar independentemente ata os catro anos de idade,[22] aínda que agora as clases de natación infantil recoméndanse para previr os afogamentos..[23]
En Suecia, Dinamarca, Noruega, Estonia e Finlandia, o plan de estudos para o quinto grao (cuarto grao en Estonia) obriga que todos os nenos aprendan a nadar, así como como manexar emerxencias preto da auga. Comunmente, espérase que os nenos sexan capaces de nadar 200 metros, e polo menos 50 metros coas súas costas, tamén se lles instrúe para aguantar a respiración baixo a auga. A pesar de que preto do 95% dos nenos das escolas suecas saben nadar, o afogamento segue sendo a terceira causa máis común de morte entre os nenos.[24]
Nos Países Baixos e Bélxica hai clases de natación (schoolzwemmen, escola de natación), as clases son apoiadas polo goberno. A maioría das escolas ofrecen clases de natación. Hai unha longa tradición de clases de natación en Holanda e Bélxica. En Francia, a natación é unha parte obrigatoria do plan de estudos para as escolas primarias. Os nenos xeralmente pasan un semestre por ano en aprendizaxe de natación durante CE1/CE2/CM1 (2º, 3º e 4º grao).
En moitos lugares, as clases de natación son proporcionadas por piscinas locais, tanto a executar pola autoridade local como empresas de lecer privado. Moitas escolas tamén inclúen clases de natación nos seus plans de estudo de educación física, ás escolas permíteselles dar esas clases a condición de que sexa nunha piscina da propia escola, ou na piscina pública máis próxima.
No Reino Unido, o "Top-up scheme" convoca a nenos que non saben nadar á idade de 11 para recibir leccións diarias intensivas. Este proxecto non alcanzou o grao de plan de estudos nacional no Reino Unido, despois de deixar a primaria este adestramento intensivo redúcese e reciben unha lección de media hora cada día durante dúas semanas ata que termina.[25]
No Canadá e México foi posto no plan de estudos para incluír a natación no currículo das escolas públicas.[26]
Nos Estados Unidos existe unha iniciativa que ofrece clases de natación para nenos,[27] para facer fronte a unha emerxencia se caesen á auga. Ensínaselles como manterse á flote, conter a respiración baixo a auga, nadar sobre as súas costas, flotar sen axuda, descansar e respirar ata que chegue a axuda, tanto con roupa coma sen ela. Nestas clases ensínanlles aos nenos como dar a volta sobre eles coa roupa posta, a modo de simulación, se en realidade caesen na auga camiñando ou gateando.
En Suíza, as leccións de natación para bebés son populares, para axudalos a afacerse a estar noutro elemento. A nivel de competencia, a diferenza doutros países, como os países da Commonwealth, os equipos de natación non están relacionados con institucións educativas (escolas secundarias e universidades), senón con cidades ou rexións.
Roupa e equipamento
[editar | editar a fonte]Traxes de baño
[editar | editar a fonte]A roupa estándar de todos os días adoita ser pouco práctica para nadar e non é segura nalgunhas circunstancias. A maioría das culturas de hoxe esperan que os nadadores usen traxes de baño.
Os traxes de baño masculinos comunmente parecense o pantalóns curtos ou os calzóns. Os traxes de baño casuais para home son as bermudas, a diferenza do traxe de baño competitivo (sunga). Na maioría dos casos, nenos e homes nadan co seu corpo superior exposto, excepto en países onde a lei ou o costume prohíbeno nun lugar público, ou por razóns prácticas como a protección solar.
Os traxes de baño modernos das mulleres son xeralmente pegados á pel, e cobre a rexión pubiana e os seos (véxase bikini). O traxe de baño feminino tamén cobre a parte submamaria. Existen dúas clases, o dunha soa peza (tamén usado para competicións) e o bikini composto de dúas pezas. En ambos os casos as formas dos mesmos posúen unha diversa variedade é a miúdo son unha declaración de moda, e se é honesto ou non é un tema de debate por parte de moitos grupos, relixiosos e seculares.
O traxe de baño competitivo está feito para que o usuario poida nadar máis rápido e máis eficientemente. O traxe competitivo moderno é cinguido e lixeiro. Hai moitos tipos de traxe de baño competitivo para cada xénero, para certo tipo de competencias deben ser utilizados traxes de baños aprobados pola FINA. Utilízase en competicións acuáticas como wáter-polo, competencias de natación, mergullo e remo.
Os traxes de neopreno proporcionan illamento térmico e flotación. Moitos nadadores carecen de flotabilidade nas pernas. O traxe reduce a densidade e polo tanto mellora a flotabilidade e natación. Proporciona illamento ao absorber parte da auga circundante, a auga absorbida quéntase ao facer contacto coa pel. O traxe de neopreno é unha opción habitual para aqueles que nadan en augas frías durante longos períodos de tempo, xa que reducen a susceptibilidade á hipotermia.
Algunhas persoas tamén optan por non usar roupa mentres nadan. Nalgúns países europeos, as piscinas públicas teñen sesións naturistas para permitir nadar sen roupa e moitos países teñen praias naturistas onde un pode nadar espido. É legal nadar espido no mar en todas as praias do Reino Unido. Era común que os homes nadasen espidos nun lugar público ata principios do século XX. Hoxe en día, bañarse espido pode ser unha actividade rebelde ou simplemente casual.
Accesorios
[editar | editar a fonte]- Os gorros de baño manteñen o corpo aerodinámico e protexen o cabelo da auga clorada, aínda que non son totalmente impermeables.
- As Lentes protectoras protexen aos ollos de auga clorada e poden mellorar a visibilidade baixo a auga. As lentes polarizadas protexen os ollos da luz solar que se reflicte desde o fondo da piscina.
- Os tapóns de oídos poden evitar que a auga penetre nos oídos.
- Os clips nasais poden evitar que a auga entre no nariz. Estes son xeralmente utilizados para a natación sincronizada, tamén poden ser utilizados para a natación recreativa así como tamén poden ser utilizados para a natación no estilo dorso. Con todo, o uso de clips nasais na natación competitiva pode causar desvantaxes, polo que moitos nadadores competitivos optan por non usalos.
- A táboa de natación utilízase para manter á frote a parte superior do corpo mentres se exercita a parte inferior do corpo.
- As boias de tracción utilízanse para manter á frote a parte inferior do corpo mentres se exercita a parte superior do corpo.
- As aletas utilízanse para alongar o nado e mellorar a técnica e a velocidade.
- As paletas de man utilízanse para aumentar a resistencia durante os movementos do brazo, co obxectivo de mellorar a técnica e o poder.
Os nadadores máis laureados da historia
[editar | editar a fonte]- Michael Phelps: Nadador estadounidense gañador de oito medallas de ouro nos Xogos Olímpicos de Pequín (China) de 2008. É o deportista olímpico máis condecorado de todos os tempos, cun total de 28 medallas: 23 de ouro, 3 de prata e 2 de bronce. Phelps tamén posúe os récords de máis medallas olímpicas de ouro (23). Phelps presentouse por primeira nos Xogos Olímpicos de Sídney 2000, sendo o nadador máis novo con 15 anos de idade
- Aleksandr Popov: Nadador ruso que con oito medallas olímpicas posúe un dos mellores palmarés da historia da natación.O 23 de decembro de 2004, retirouse da natación despois de gañar 9 medallas nos Xogos Olímpicos
- Mark Spitz: Nadador estadounidense que gañou sete medallas de ouro, en Múnic (Alemaña) nos Xogos Olímpicos de 1972. A pesar do éxito alcanzado e con tan só 22 anos decidiu retirarse para traballar en bens raíces. É considerado un dos máis grandes atletas olímpicos de todos os tempos.
- Franziska van Almsick: Nadadora alemá campioa do mundo e gañadora de catro medallas de prata nos Xogos Olímpicos. A pesar de ser a máxima figura da natación feminina durante a década de 1990 a alemá Franziska van Almsick non puido conseguir o ouro olímpico nin en Barcelona (1992) nin en Atlanta (1996). Non obstante as medallas logradas nas devanditas citas así como o seu espectacular palmarés en distintas edicións dos campionatos de Europa e do Mundo avalan unha das máis brillantes traxectorias deste deporte nas últimas décadas.
- Michael Groß: Nadador alemán o mellor especialista en probas de bolboreta de todos os tempos e un dos máis laureados da historia. A súa elevada estatura e unha extraordinaria potencia derivada da súa grande envergadura dotárono dunha forma de nado moi característica pola que recibiu o sobrenome de albatros, ave mariña a cuxos movementos se asemellaba.
- Kristin Otto: Nadadora alemá que gañou seis medallas de ouro nos Xogos Olímpicos de 1988. A súa irrupción na elite mundial tivo lugar nos Campionatos do Mundo de Guayaquil en 1982, onde con só 16 anos fíxose con tres medallas de ouro, unha delas nos 100 metros costas e as outras dúas nos relevos 4 x 100 libres e 4 x 100 estilos.
- Matt Biondi: Nadador estadounidense cuxas 11 medallas en tres edicións dos Xogos Olímpicos converterono nun dos mellores nadadores durante a década de 1980 e os primeiros anos da de 1990.
- Vladimir Salnikov: Gañou catro medallas de ouro olímpicas, catro ouros en campionatos mundiais e bateu doce récords do mundo nas probas de 400, 800 e 1500 metros libres.
- Kathleen Genevieve Ledecky: (Washington D. C., 17 de marzo de 1997) é unha nadadora estadounidense de estilo libre, campioa olímpica de 200, 400, 800 e 4×200 metros libre en Río de Janeiro 2016; e campioa mundial dos 400, 800, 1500, 4×100 e 4×200 metros libre en Budapest 2017. Ademais, é plusmarquista mundial en 400, 800 e 1500 metros libre.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Pereira da Costa, Lamartine; Miragaya, Ana (2002). Worldwide Experiences and Trends in Sport for All (en inglés). Meyer & Meyer Verlag. Consultado o 6 de marzo do 2022.
- ↑ Jones, Helen; Millward, Peter; Buraimo, Babtunde (agosto de 2011). Adult participation in sport (PDF) (en inglés). Department for Culture, Media and Sport. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10 de xuño de 2012. Consultado o 6 de marzo do 2022.
- ↑ "Swimming remains England's most popular sport despite free scheme setback" (en inglés). The Telegraph. 18 de xuño de 2010. Consultado o 6 de marzo do 2022.
- ↑ "America's Swim Team" (PDF) (en inglés). USA Swimming. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 22 de maio de 2012. Consultado o 6 de marzo do 2022.
- ↑ "Swimming Lessons in Educational Curriculum Across the World" (en inglés). Aquamobile. Consultado o 6 de marzo do 2022.
- ↑ 6,0 6,1 Laughlin, Terry (1996). Total Immersion. Fireside, Nova York.
- ↑ Swimming Anatomy, Publisher: Human Kinetics, Year: 2010, ISBN 9781450409179, pág. 147
- ↑ 8,0 8,1 Goksor, E.; Rosengren, L.; Wennergren, G. (2002). "Bradycardic response during submersion in infant swimming". Acta Paediatr 91 (3): 307–312. PMID 12022304. doi:10.1111/j.1651-2227.2002.tb01720.x. Consultado o 17 de agosto de 2014.
- ↑ Taormina, Sheila (2014-10-01). Swim Speed Strokes for Swimmers and Triathletes: Master Freestyle, Butterfly, Breaststroke and Backstroke for Your Fastest Swimming (en inglés). VeloPress. ISBN 9781937716608.
- ↑ 10,0 10,1 Just Swim, ed. (2016-11-14). "Best swimming stroke for weight loss | Benefits of the strokes" (en inglés). Consultado o 2018-09-18.
- ↑ A. Hernández. "Historia de la natación". Consultado o 9 de marzo do 2022.
- ↑ "estaxe". TERGAL. Consultado o 21/11/2019.
- ↑ "FR 3 swimming pools for Olympic Games and world championships". Federación Internacional de Natación. Arquivado dende o orixinal o 10 de decembro de 2015. Consultado o 9 de marzo do 2022.
- ↑ [1]
- ↑ Lixey L.C., Kevin. Sport and Christianity: A Sign of the Times in the Light of Faith. The Catholic University of America Press (October 31, 2012). p. 26. ISBN 978-0813219936.
- ↑ Escalante, Yolanda; Saavedra, Jose M. (30 de maio de 2012). "Swimming and Aquatic Activities: State of the Art". Journal of Human Kinetics 32 (2012): 5–7. ISSN 1640-5544. PMC 3590867. PMID 23487594. doi:10.2478/v10078-012-0018-4.
- ↑ "History of Swimming". ICN. Arquivado dende o orixinal o 17 de setembro de 2019. Consultado o 08 de marzo de 2022.
- ↑ «Top athlete escaped the GDR using his aquatic talents» http://www.dw-world.de/dw/article/0,,4862742,00.html
- ↑ «Chronology of Albanian Immigration to Italy» http://ccat.sas.upenn.edu/italians/resources/Amiciprize/1998/Chronology.html
- ↑ [2]
- ↑ Katz, Jane (2003). Your water Workout (Primeira ed.). Broadway Books. ISBN 0-7679-1482-1.
- ↑ Injury Prevention Committee (2003). "Swimming lessons for infants and toddlers". Paediatrics & Child Health 8 (2): 113–114. Arquivado dende o orixinal o 12 de xullo de 2006. Consultado o 10 de marzo do 2022.
- ↑ "Drowning Happens Quickly– Learn How to Reduce Your Risk". Centers for Disease Control and Prevention. Arquivado dende o orixinal o 20 de agosto de 2014. Consultado o 10 de marzo do 2022.
- ↑ Lindmark, Ulrika. "Tillsyn av simkunnighet och förmåga att hantera nödsituationer vid vatten" (PDF) (en sueco). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de xullo de 2006. Consultado o 10 de marzo do 2022.
- ↑ Davies, Catriona (14 de xuño de 2006). "Children unable to swim at 11 are given top-up lessons". Londres: Telegraph Group Limited. Consultado o 12 de julio de 2006.
- ↑ "Federal minister calls for school swim lessons". CTV. 18 de xullo de 2005. Arquivado dende o orixinal o 12 de abril de 2009. Consultado o 11 de marzo do 2022.
- ↑ "Infant Swimming Resource site". Infantswim.com. Consultado o 11 de marzo do 2022.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Natación |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de Natación |