Saltar ao contido

Manga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A Wikipe-tan é a personaxe en estilo manga que personifica a Wikipedia.

O manga (漫画 ou tamén マンガ, まんが) é o nome habitual para referirse á banda deseñada xaponesa. No Xapón considérase manga equivalente a cómic, pero en cambio aquí só se consideran cómics manga os que proceden do Xapón. O significado literal da palabra manga é 'debuxos caprichosos' ou 'garabatos'. Foi un representante do Ukiyo-e, Hokusai Katsushika, quen acuñou o termo manga ao combinar os kanji correspondentes a 'informal' (man) e 'debuxo' (ga).

A relación entre a banda deseñada e os debuxos animados no Xapón é moi grande, xa que a maioría das producións animadas do país están baseadas en series de BD de éxito, a diferenza da banda deseñada americana e europea que son máis independentes do mundo da animación e viceversa.

O manga procede do Xapón. O manga é considerado unha arte xa que se vén practicando desde hai algo máis de dous séculos. O termo manga foi acuñado por Hokusai, unha das principais figuras do gravado tradicional xaponés. Porén, aínda que esta forma artística é precursora, non se pode considerar propiamente banda deseñada xa que non comparte as bases fundamentais do medio.

Cando comezou a era Meiji, os artistas europeos marabillábanse dos gravados xaponeses, os ukiyo-e, grazas á exótica beleza que transmitía e á súa forma tan diferente de codificar e reinterpretar a realidade. Con todo, os inicios do manga moderno debéronse non só ao esteticismo na arte do período Edo, senón ás influencias europeas, e máis tarde estadounidenses: sobre todo, coa introdución das técnicas do cómic.

Durante o século XIX, en plena transición da era feudal á industrializada, foron Charles Wirgman e George Bigot (ámbolos dous críticos da sociedade xaponesa daquel tempo), quen sentaron as bases para o desenvolvemento ulterior do manga. Ámbalas personalidades foron e aínda continúan a ser admirados polos mangakas (termo xaponés para debuxante de banda deseñada), debido á súa transcendencia no debuxo viñetístico xaponés.

Ao chegar o século XX, xurdiron os precursores do manga actual, en mans dos propios xaponeses como Ippei Okamoto, Kiyochika Kayashi e Rakuten Kitazawa. Todos eles oficiaron de pioneiros, difundindo a súa obra a través de publicacións como Tokyo Puck (1905). Non obstante, considérase a Tagosaku to Mokube na Tokyo Kenbutsu 『田吾作と杢兵衛の東京見物』 como o primeiro manga da era moderna.

Artigo principal: Historia do manga.

Características

[editar | editar a fonte]
Estereotipo dun rostro estilo manga.

Dentro do mercado xaponés hai unha gran variedade de estilos e xéneros, sendo esta unha das súas principais cualidades. O concepto de medio de masas máis que coma entremento minoritario axudou o manga a conquistar públicos moi diferentes no seu país de orixe e públicos que habitualmente non len ou leran BD. Pola contra, o habitual illamento da BD xaponesa (non hai unha influencia directa significativa da BD europea e americana na maioría das series xaponesas dos últimos anos) fai que aínda tendo unha serie de recursos ampla, a sensación é que non inclúe certos recursos da BD occidental, mentres a BD occidental está a adaptar recursos propios da xaponesa. Hai excepcións a esta tónica, como Katsuhiro Otomo ou Kan Takahama, ou Katsuya Terada.

Outra das características máis interesantes é que no manga hai unha cantidade de obras feitas para público feminino e por autores femininos similar á de homes, moi lonxe da clara tendencia masculina da BD americana e en parte da BD europea.

Tenda de banda deseñada no Xapón.

A orde de lectura dun manga xaponés é á inversa da occidental, ou sexa, iníciase na capa do libro co lombo á súa dereita (correspondendo á contraportada occidental), sendo a lectura das páxinas feita da dereita para a esquerda. Algúns mangas publicados fóra do Xapón posúen a configuración habitual de Occidente.

Alén diso, o interior é impreso en branco e negro, contando esporadicamente con algunhas páxinas a cor, xeralmente no inicio dos capítulos, e en papel reciclado tornándoo barato e accesible a calquera persoa.

Os mangas son publicados no Xapón orixinalmente en revistas antolóxicas. Esas revistas con cerca de 300 a 800 páxinas son publicadas con periodicidades diversas que van da semana ao trimestre, con capítulos de varias series diferentes. Cada capítulo normalmente ten entre dez e 40 páxinas. Xuntando un bo número de páxinas, ao redor de 160 ou 200, é publicado un volume, chamado tankohon ou tankobon, en formato libro de peto que, aí si, só contén historias dunha serie. Eses volumes son os vendidos en diversos países dependendo do éxito acadado por unha serie, que pode ser reeditada en formato bunkoubon ou bunkouban (完全版?) (máis compacto e con maior número de páxinas, chamados simplemente "tomo pequeno" ou "tankoubon") e wideban (ワイド版?) (mellor papel e formato un pouco maior que o de peto, a nivel internacional as edicións neste formato tiveron diferentes nomes: manga gran volume, edición absoluta, edición definitiva e houbo outras semellantes como o formato biblioteca manga, que dividía os tomos deste formato en dous).

Unha das revistas máis famosas no Xapón é a Shonen Jump da editora Shueisha. Nela publicáronse clásicos como Dragon Ball, Saint Seiya (ou Cabaleiros do Zodíaco), Yu Yu Hakusho e continúa publicando outra series coñecidas como Naruto, One Piece, Bleach e Death Note. Existen tamén outras revistas como a Shonen Magazine, a Young Magazine, que editou a famosa AKIRA, Champion Red mensual (Akita Shoten), que publica Saint Seiya Episode G (Cabaleiros do Zodíaco Episodio G), a Shonen Sunday semanal (Shogakukan), que publicaba InuYasha e O detective Conan, e a Afternoon mensual (Kodansha). Entre outras, pódense citar tamén a Nakayoshi (Kodansha), revista de shoujo (manga para público adolescente feminino) famosa que publicou entre outros Bishoujo Senshi Sailor Moon e Sakura, cazadora de cartas, e a Hana to Yume (Hakusensha) que publica Fruits Basket.

Existen tamén os fanzines, coñecidos en xaponés como dōjinshis que son revistas feitas por autores independentes sen ningún vínculo con grandes empresas. Algunhas desas revistas crean historias inéditas e orixinais utilizando as personaxes doutra ou poden dar continuidade (evidentemente, de forma non oficial) a algunha serie de éxito. Ese tipo de produto pode ser encontrado normalmente en eventos de cultura xaponesa e en Internet. O Comiket (abreviación de cómic e market), unha das maiores feiras de banda deseñada do mundo con máis de 400 000 visitantes en tres días que ocorre anualmente no Xapón, é dedicada ao dōjinshi.

"O fenómeno manga"

[editar | editar a fonte]

A chegada a Occidente da BD xaponesa demorou bastantes anos desde a cristalización nos anos 60 do forte mercado de masas no seu país de orixe.

Aínda que nos anos 70 e 80 chegaran producións animadas como Heidi, Marco, Mazinger Z ou Astroboy, non foi ata a publicación de AKIRA (e o lanzamento mundial do filme de animación baseado nesa BD), que asombrou aos autores e afeccionados europeos que só coñecían as producións infantís para televisión; e a chegada de Dragon Ball que a banda deseñada xaponesa entrou con forza en Occidente.

Desde a súa chegada, a tradución e publicación de obras en Francia, España e outros países europeos creceu moitísimo, ata chegar á situación de que a cantidade de obras xaponesas publicadas superou ás autóctonas en Francia, un dos maiores produtores mundiais de BD.

Hoxe en día o mundo do manga e o anime (termo xaponés para "debuxos animados") ten unha lexión de entusiastas do medio, que se chaman a si mesmos otakus (de "obsesionado" en xaponés), o que quere dicir, fanáticos do manga.

Polémica

[editar | editar a fonte]

O manga é habitualmente criticado por ser predominantemente violento, sexual e maniqueísta, pero isto supón unha crítica evidentemente superficial e errónea. Heidi, Marco ou Doraemon son series imposibles de encaixar dentro destes adxectivos. Ademais, un dos erros comúns das televisións en España é programar en horario infantil, como series para público infantil, series que no seu país de orixe teñen un público adolescente e mesmo adulto (casos como Dragon Ball Z ou Shin Chan son mostra desta situación). Isto leva a que pais e asociacións xeren un certo receo cara aos produtos animados de orixe xaponesa.

No mundo da banda deseñada xorden críticas que din que o manga é maniqueísta, simple, repetitivo e pouco artístico. Isto non é de todo certo, xa que hai unha gran variedade de xéneros posibles, aínda que sexa habitual que moitas series de éxito repitan esquemas utilizados anteriormente por outras (cousa que tamén acontece na BD americana e en series de televisión e obra literaria).

Na actualidade o mundo da BD e a sociedade en xeral comezan a recoñecer os valores da BD xaponesa. Autores como Jiro Taniguchi ou Hayao Miyazaki teñen un nivel de respecto similar aos de autores consagrados europeos e norteamericanos.

Tipos de manga

[editar | editar a fonte]

As revistas de manga habitualmente teñen como obxectivo xente dunha idade en particular:

  • Josei (女性): Para as rapazas e para mulleres adultas;
  • Kodomo (子供): para os cativos;
  • Redisu (レディース, Lady's): Para as mulleres adultas;
  • Seijin (成人): Para os homes adultos;
  • Seinen (青年): Destinados a homes novos e adultos;
  • Shōjo (少女): destinados ás raparigas adolescentes, con historias habitualmente de tipo sentimental;
  • Shōnen (少年): para os rapaces adolescentes.

Podemos distinguir tamén algúns xéneros en particular:

  • Nekketsu: termo que significa "sangue ardente" e que designa ás BD's de tipo shonen que teñen como protagonistas a herois que defenden valores virís tradicionais como a coraxe, a amizade e a superación persoal.
  • Ecchi ( ou エッチ): manga erótico (atención, o termo Ecchi tamén é utilizado para as imaxes eróticas estilizadas manga);
  • Gekiga (劇画): manga dramático dos anos 1960-70;
  • Hentai (変態): manga pornográfico heterosexual (a diferenza co Ecchi radica no explícito das imaxes, maiores no hentai);
  • Jidaimono (時代物): manga histórico;
  • Moé (萌え): manga que trata sobre un sentimento ou un gusto fetichista por unha personaxe;
  • Shitei : manga de tipo humorístico para grandes e pequenos;
  • Shōjo-ai (少女愛): romance sentimental entre mulleres;
  • Shōnen-ai (少年愛): romance sentimental entre homes;
  • Suiri (推理): policial, manga sobre asasinatos;
  • Yaoi (やおい): romance sexual entre homes, xénero destinado ás mulleres (algunhas escenas poden ser censuradas).
  • Yonkoma (四コマ): manga en catro cadros (equivalente ao cómic strip), habitualmente humorística;
  • Yuri: romance sexual entre femias, xénero destinado aos homes (algunhas escenas poden ser censuradas).

En Occidente hai preferencia por algúns xéneros, especialmente: Shōjo, Shōnen, Seinen e Shitei.

Visual e estilisticamente estes estilos non son definitivos e moitas veces comparten xéneros e características estilísticas que fan a súa clasificación complicada.

Hai diferentes formas de clasificar os estilos visuais do manga, pero a grandes liñas temos:

  • Un estilo de proporcións deformadas con figuras "cabezonas": o SD (do inglés super-deformed) ou Chibi ("pequeno" en xaponés). Hai diferentes estilos, pero teñen en común facer corpos pequenos e cabezas grandes. Son útiles para historias infantís ou humorísticas.
  • Un estilo de proporcións canónicas: O termo canónico é ata certo punto subxecttivo, pero vén do feito de que a maioría das obras xaponesas tenden a facer unha estilización dos corpos semellante entre elas. As series de tipo shonen (véxase máis arriba a definición) acostuman utilizar este tipo. Ollos grandes, e corpos máis ou menos delgados son características xerais. Akira Toriyama (autor de Dragon Ball), Masami Kurumada, (autor de Saint Seiya, coñecida como Os cabaleiros do Zodiaco) son autores que dan unha idea do estilo.
  • Un estilo de proporcións estilizadas: Hai series que estilizan aínda máis os corpos e faccións: corpos moi altos e esveltos e ollos aínda máis grandes. O shojo (ou banda deseñada para rapazas adolescentes) ten clara preferencia por este estilo. Series como Sailor Moon, Marmalade boy (coñecida como A familia crece) ou Utena son mostra deste estilo.
  • Unha serie de estilos realistas: Hai series que prefiren mostrar personaxes máis verosímiles ou menos idealizados e sepáranse das tendencias xerais da produción xuvenil e infantil. Katsuhiro Otomo, Ryoichi Ikegami ou Jiro Taniguchi son mostras dunha BD xaponesa diferente.
  • Tendencias alternativas e Ungerground: Algunhas obras publicadas en revistas como Garo ou dentro de movementos como o nouvelle manga comparten características coa banda deseñada underground e vangardista doutros países, desmarcándose das grandes cadeas de produción (o mainstream).
  • Moitas das obras clásicas non encaixan ben en ningún destes estilos. Osamu Tezuka, a pesar de ser a base de onde crecen case tódolos estilos do manga non encaixa en ningún destes estilos, aínda que comparte lazos coa maioría deles.

Series coñecidas

[editar | editar a fonte]

Algunhas das obras máis coñecidas en Asia e Europa son Adolf, Fénix, Naruto, Ghost in the Shell, Nausicaä, Dragon Ball, AKIRA, Astro Boy, O Detective Conan, Crayon Shin chan, Mazinger Z ou Sailormoon.

Materiais

[editar | editar a fonte]

Os principais materiais usados polos debuxantes xaponeses son o papel especial para escribir con tinta a plumiña e as tramas, coas que dan textura e nos axudan a predicir a cor das cousas debuxadas . É o único que necesitan, á parte das regras, para facer o cómic, xa que os mangas se editan en branco e negro, a pesar de que en ocasións inclúen unhas páxinas iniciais entintadas a toda cor.

Na gran pantalla

[editar | editar a fonte]

A primeira produción de anime da historia foi Hakudajen, estreada en 1958. Desde entón o cinema de animación xaponés cambiou moito. O estudio máis recoñecido é o estudio Ghibli, e a súa última grande obra foi Sent to Chihiro no kamikakushi (A viaxe de Chihiro), dirixida polo grande Hayao Miyazaki no 2001.

Manga en galego

[editar | editar a fonte]

Boa parte do manga traducido ao galego foi en formato audiovisual, con series emitidas no Xabarín Club da TVG. No ano 2008 apareceu Bícame profe, de Kazuma Kodaka, publicado por Edicións do Cumio e traducido por María do Carme Pampín Otero.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Berndt, Jacqueline. (2001). El fenómeno manga. "Colección Fontana práctica". Editorial Martínez Roca. Madrid, España. ISBN 84-270-2157-7.
  • Manga manía (Fascículos). (2004). Treinta y cinco volúmenes. Editorial Europea de Promoción y Fomento. Barcelona, España. ISBN 84-920786-0-X.
  • Bermúdez, Trajano. Mangavisión, guía del cómic japonés, editorial Glénat (Biblioteca del Dr. Vértigo n.º 1).
  • Moliné, Alfonso. El gran libro de los manga, editorial Glénat.
  • Gravett, Paul. Manga: 60 Years of Japanese Comics. Nova York: Collins Design, 2004. ISBN 1-85669-391-0.
  • Schodt, Frederik L. Dreamland Japan: Writings on Modern Manga. Berkeley, Calif.: Stone Bridge Press, 1996. ISBN 1-880656-23-X.
  • Schodt, Frederik L. Manga! Manga!: The World of Japanese Comics. Nova York: Kodansha International, 1983. ISBN 870117521, ISBN 4-7700-2305-7.
  • Estudio Phoenix. (2001). CÓmo dibujar manga. Ediciones Martínez Roca. Madrid, España. ISBN 84-270-2338-3.
  • Estudio Fénix. (2001). Curso avanzado de manga. Ediciones Martínez Roca. Madrid, España. ISBN 84-270-2693-5.
  • Manga!. Editorial Taschen.
  • Bibe Luyten, Sonia. Mangá, o poder dos quadrinhos japoneses. Hedra, 2000. ISBN 85-87328-17-4.
  • Ban, Toshio. Osamu Tezuka, uma biografia mangá. Conrad, 2004. Obra en 4 vol. ISBN 85-87193-72-6.
  • Gravetti, Paul. Mangá: Como o Japão Reinventou os Quadrinhos. Conrad, 2006. ISBN 85-7616-164-8.
  • McCloud, Scott. Desvendando os Quadrinhos. M. Books, 2004. ISBN 85-89384-63-2.
  • Revistas especializadas mensuais, a destacar Mision Tokyo Magazine, Minami, Shirase, Dokan, Animedia, Anitype e Jonu Magazine,Wizard de varias editoriais.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]