Xoán I de Aragón
Xoán I de Aragón, chamado o Cazador e o Amador de toda xentileza, nado en Perpiñán o 27 de decembro de 1350 e finado en Torroella de Montgrí, Xirona, o 19 de maio de 1396, foi rei de Aragón, Valencia, Mallorca, Sardeña e Córsega, e conde de Barcelona, Rosellón e Cerdaña desde 1387 a 1396.
Foi o fillo e sucesor de Pedro IV de Aragón e da súa esposa Leonor de Trinacria.
Antes da súa entronización ostentou por primeira vez o título de duque de Xirona, instituído polo seu pai para identificar ao príncipe herdeiro da Coroa de Aragón, e que segue sendo utilizado pola monarquía española (como príncipe de Xirona.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Orixe familiar
[editar | editar a fonte]Xoán naceu na cidade de Perpiñán o 27 de decembro de 1350. Foi o primeiro fillo do rei Pedro III de Araggón, o Cerimonioso, e da súa esposa, e prima segunda, Leonor de Trinacria. O seu nacemento deu a solución ao problema sucesorio da Coroa de Aragón, que se presentara uns anos antes e que provocara a chamada Guerra da Unión.[2]
Aspecto e actitudes
[editar | editar a fonte]Fisicamente Xoán I era un home de mala saúde, delicado, que caeu enfermo varias veces ao longo da súa vida e sufriu dous graves ataques debido a algunhas enfermidades, o primeiro produciuse no inicio do seu reinado, en 1387; o segundo, que puxo fin á súa vida, en 1396.[2]
Foi unha persoa moi culta. Cando había bos ingresos, a súa Corte sempre estaba chea de luxo e refinamento. Tiña unha grande afección polas belas artes, a música, a literatura e a astroloxía. Por esta razón, os historiadores chamárono "o Amador da xentileza". Tamén mostrou un grande interese pola actividade da caza, polo cal tamén foi chamado "o Cazador". Porén, desatendeu case totalmente o goberno dos seus reinos, feito que lle valeu o alcume de "o Descoidado" polos seus contemporáneos, porque antepoñía o goce e o divertimento ás tarefas de goberno. Tampouco foi un rei particularmente belicoso, senón que era pacífico e repousado, moi diferente ao carácter do seu pai. De feito, foi un monarca débil e moi influenciábel nas mans das camarillas cortesás e, despois, principalmente pola súa segunda esposa, Violante de Bar.[2]
Primeiros anos
[editar | editar a fonte]En 1351 seu pai creou para el o título de duque de Xirona, e o ano seguinte foi nomeado primoxénito do reino (sucesor ao trono). En 1363 foi nomeado lugartenente xeral do reino (vicerrei), e comandou as tropas que fixeron fronte á invasión de Cataluña, que intentou de Xaime IV de Mallorca.[3]
Sendo aínda un mozo enemistouse co seu pai, o rei Pedro IV, polo seu novo matrimonio con Sibila de Fortià, pertencente á pequena nobreza empordanesa. Así mesmo, en 1385 Xoán negouse a loitar contra o seu cuñado, Xoán I de Empúries, que se rebelara un ano antes.
Reinado
[editar | editar a fonte]Política interior
[editar | editar a fonte]En 1387 encarcerou á raíña Sibila, viúva nese ano, pero polas presións do cardeal Pedro de Luna liberouna. Ese mesmo ano devolveu o Condado de Empúries ao seu cuñado Xoán I de Empúries, condado que lle sustraera o rei Cerimonioso.
Xoán I tivo tamén certas diferenzas co seu sogro, Xoán III de Armañac, conde de Armañac. As tropas do conde, baixo as ordes do seu irmán Bernardo, invadiron o Empordán e a Costa Brava, e chegaron até Xirona (1389-1390).
As tropas de Armañac foron desaloxadas polo exército que dirixía o infante Martiño, irmán e futuro sucesor do rei, que aínda era un neno.
Xoán tamén tivo que sufocar unha rebelión do Xulgado de Arborea, un dos catro en que se dividía a illa de Sardeña naquela época.
O seu reinado estivo marcado pola desorde administrativa e financeira; aínda que o rei mesmo tiña unha importante formación intelectual e foi un decidido promotor das artes e as letras, cedeu a responsabilidade das tarefas de goberno a súa primeira esposa, Iolanda ou Violante de Bar, mentres que el se dedicaba ás súas afeccións favoritas, especialmente á caza.[1][4] Promoveu, coa axuda da súa favorita Carroza de Vilaragut, a música e a literatura; neste ámbito instituíu os Xogos florais de Barcelona, a imitación dos de Tolosa, en 1393, nos que participaban poetas de toda a Coroa de Aragón.[4]
As revoltas en Sardeña exixían continuos gastos, que Xoán de Aragón non satisfacía como debera, ao dedicar cuantiosos recursos ao mecenado nunha refinada Corte. A corrupción dos conselleiros e cortesáns, que desviaban partidas que estaban destinadas a sufocar os disturbios sardos, e incluso os que debían sufragar a preceptiva coroación do rei na Catedral de Zaragoza que, por ese motivo non chegou a celebrarse, dilapidaron a facenda rexia. O rei Cazador chegou ao extremo de ter que vender os castelos de renguengo situados no Rosellón como medio de mitigar a penuria administrativa. As Cortes de Aragón, ás que o rei tiña que solicitar financiamento, acabaron rexeitando pagar os emolumentos destinados a espectáculos e festas cortesás, alegando a inmoralidade que supoñía desbaldir nestes fastos cando a realidade social do pobo sufría escaseza e a economía atravesaba unha crise. Xoán I, ante a negativa das Cortes a sufragar a monarquía, comezou a pedir préstamos aos banqueiros de Florencia, o cal orixinou a decadencia da economía de Cataluña e o auxe económico e comercial de Aragón e Valencia.[5]
En 1391 a pobreza prendeu a mecha da onda antisemita, que percorrera xa o Reino de Castela e comezaron, no verán dese ano, as persecucións aos xudeus de Cataluña (Xirona, Barcelona, Lleida, Perpiñán), Baleares (Palma de Mallorca) e Valencia, entre outras cidades, que provocaron a morte de moitos xudeus e a conversión forzada de moitos outros. Os responsábeis destes actos foron condenados á pena capital.[6]
Política exterior
[editar | editar a fonte]Dominado pola súa esposa Violante, Xoán fixo un cambio radical na política exterior con respecto á do seu pai, que sempre tivera unha mala opinión da súa nora, e que producira unha mala relación co seu fillo, outra vez, á final da súa vida; de feito, o enfrontamento dentro da familia real tivo repercusións á morte de Pedro IV de Aragón, momento no que se decide perseguir á súa cuarta esposa, Sibila de Fortià, e executar a dous dos seus conselleiros.[7] En primeiro lugar, rómpese a posición de indiferenza que o Cerimonioso mantera respecto ao conflito do Cisma de Occidente, tomando partido polo papa de Aviñón Clemente VII. [8]
Ademais deste movemento, o resto da política, en termos xerais, foi de carácter francófilo por influencia da súa esposa. El 1387 Xoán I fraguou unha alianza co Reino de Castela e o de Francia e, en 1388 asinou un tratado co Reino de Navarra. Así mesmo reconciliouse cos Anjou, comprometiendo o matrimonio da súa filla Violante con Lois II de Nápoles. E en 1390 asinou a paz coa República de Xénova.
No Reino de Sardeña a revolta da xuíza Leonor de Arborea e o seu marido, Brancaleone Doria, ameazaron a continuidade catalá na illa. En 1392 o príncipe Martiño debería dirixir unha expedición á illa sarda, pero foi abandonada debido a unha gran rebelión na illa de Sicilia, onde a xove María de Sicilia se instaurara como raíña.
Matrimonios e descendencia
[editar | editar a fonte]Xoán I casou en primeiras nupcias con Marta de Armañac (1347-1378), filla do conde Xoán I de Armañac, coa que tivo os seguintes fillos:
- Xaime (1374).
- Xoana (1375-1407), que casou con Mateo, conde de Foix. Tras a morte do seu pai, reclamou o trono xunto ao seu marido, sendo derrotados. Morreu sen descendencia.
- Xoán (1376).
- Afonso (1377).
Tras enviuvar, casou con Violante de Bar (1365-1431), filla de Roberto I, duque de Bar. Tiveron os fillos seguintes:
- Xaime, duque de Xirona (1382-1388).
- Iolanda, ou Violante, (1384-1442), que casou con Lois II de Anjou, rei titular de Nápoles. O seu fillo, Lois III, pretendeu o trono de Reino de Aragón tras a morte de Martiño I o Humano, no compromiso de Caspe.
- Fernando, duque de Xirona (1389).
- Antonia (1391-1392).
- Xoán, duque de Xirona (1392-1396).
- Leonor (1393).
- Pedro (1394).
- Xoana (1396).
Xoán I tivo, por tanto, sete fillos varóns, aínda que todos morreron antes que el, polo que o sucedeu o seu irmán Martiño I de Aragón (Martiño o Humano, ou Martiño o Vello).[1]
Morte
[editar | editar a fonte]Xoán I, segundo moitas fontes, morreu o 19 de maio de 1396, en Torroella de Montgrí, Xirona, a consecuencia dunha caída do cabalo mentres se encontraba nunha cacería.[1][4] (1396). Outras fontes din que, segundo unha lenda, o accidente foi nun bosque próximo a Foixà, no Baix Empordà, coñecido como bosque de Orriols porque pertencía daquela a un tal Bernat Alemany d'Orriols; e no camiño que vai do castelo á igrexa hai un monumento en forma de cruceiro que recorda o feito.
O cadáver do rei Xoán foi depositado na Catedral de Barcelona, e despois trasladado a Real Mosteiro de Santa María de Poblet.
Ao non ter descendencia masculina, foi sucedido polo seu irmán Martiño I de Aragón, que desde 1380 era xa rei de Sicilia. A sucesión foi contestada por Mateo I de Foix, conde de Foix, en virtude do seu matrimonio con Xoana de Aragón e de Armañac; Martiño defendeu o reino con éxito en dúas campañas de invasión do conde Mateo.[9]
Legado
[editar | editar a fonte]Xogos florais de Barcelona
[editar | editar a fonte]Amante das letras, fundou, como quedou dito, os Xogos florais de Barcelona, tamén coñecidos como Jocs de la Gaia Ciència, a imitación dos que se celebraban en Tolosa, no Languedoc. Na época de Fèlix Torres i Amat de Palou (que foi bispo de Astorga entre 1833 e 1847) aínda se conservaban moitas trobas e poesías no Arquivo da Coroa de Aragón. Conservábase unha "Pragmàtica en favor de la Concepció inmaculada de la Verge, plena de doctrina i erudició" e unha "Carta (molt preciosa) al Soldà de Babilònia, en llengua catalana, perquè permeti la reparació de les esglésies de la Terra Santa", datada en Barcelona o 18 de abril de 1395.[10]
Introdución do Humanismo na Coroa de Aragón
[editar | editar a fonte]Xoán I, xunto con Johan Ferrández d'Heredia e Bernat Metge, foi un dos primeiros eruditos europeos en mostrar interese pola cultura clásica e a italiana. O seu mordomo traduciu a Séneca ao valenciano, e o rei Xoán era un gran coleccionista de libros e lector habitual de escritores clásicos como Tito Livio e Plutarco de Queronea. E mantivo unha importante correspondencia sobre libros con Juan Fernández de Heredia e Gian Galeazzo Visconti, duque de Milán.[11]
Antepasados de Xoán I de Aragón
[editar | editar a fonte]Predecesor: Títulos de nova creación (Xirona en 1351 e Cervera en 1353) |
Duque de Xirona Conde de Cervera 1351 e 1387 e 1353 - 1387 |
Sucesor:
|
Predecesor: Pedro IV |
Rei de Aragón, de Mallorca, de Valencia, de Sardeña e de Córsega Conde de Barcelona, de Rosellón e de Cerdaña 1387 - 1396 |
Sucesor: Martíño I |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Vicente Salas Merino (2007): Genealogía de los reyes de España. Madrid: Visión. ISBN 978-84-9821-767-4, páx. 116.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Ferrer i Mallol 1978, p. 142.
- ↑ Acta historica et archaeologica mediaevalia 1. Universidade de Barcelona. Instituto de Historia Medieval: Edicions Universitat Barcelona. ISBN 978-84-6002-438-5, p. 289 (en castelán).
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Leralta, Javier (2008): Apodos reales: historia y leyenda de los motes regios Madrid: Sílex Ediciones (Serie Historia). ISBN 978-84-7737-211-0, páx. 245.
- ↑ Leralta, op. cit., páxs. 245-246.
- ↑ Balaguer, Vícor (1865): Las calles de Barcelona, Tomo I, p. 166. Barcelona: Establecimiento tipográfico editorial de Salvador Manero (en castelán).
- ↑ Vilar & Batlle 1988, p. 188.
- ↑ Cornudella 2012, p. 25.
- ↑ Ferrer i Mallol, Maria Tersa (2003): "El món urbà a la Corona d'Aragó del 1137 als decrets de nova planta". XVII Congrés d'Història de la Corona d'Aragó, Volume 3, páx. 304. Barcelona: Edicions Universitat Barcelona. ISBN 84-4752-741-7.
- ↑ Torres i Amat, Fèlix (1836): Memorias para ayudar a formar un diccionario crítico de los escritores catalanes y dar alguna idea de la antigua y moderna literatura de Cataluña. Barelona: Imprenta de J. Verdaguer. páxs. 336-337.
- ↑ Burke, Peter (2000): El Renacimiento Europeo. Barcelona: Crítica. ISBN 84-2432-037-5, páx. 53.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Xoán I de Aragón |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Casula, Francesco Cesare (1977): Carte reali diplomatiche di Giovanni I il Cacciatore, re d'Aragona, riguardanti l'Italia. Padova: CEDAM.
- Cornudella, Rafael (2012): "Obres i artistes de França i dels Països Baixos a Catalunya al voltant de 1400". En: Museu Nacional d'Art de Catalunya. Catalunya 1400. El Gòtic Internacional. ISBN 978-84-8043-248-1.
- Ferrer i Mallol, Maria Teresa (1978): "Els darrers sobirans del Casal de Barcelona: Joan I i Martí l'Humà". En: Història de Catalunya. Barcelona: Editorial Salvat, páxs. 142-150.
- Ladero Quesada, Miguel Ángel (1996). "El ejercicio del poder real en la Corona de Aragón: Instituciones e instrumentos de gobierno (Siglos XIV y XV)", Congreso de Historia de la Corona de Aragón (15, 1993, Jaca), Vol. 1. ISBN 84-7753-611-2, páxs. 71-140.
- Ledesma, M. L. (1979): "El patrimonio real en Aragón a fines del siglo XIV: los dominios y rentas de Violante de Bar", en Aragón en la Edad Media, vol. II. Zaragoza.
- Leralta, Javier (2008): Apodos reales: historia y leyenda de los motes regios. Madrid: Sílex (Serie Historia). ISBN 978-84-7737-211-0.
- Salas Merino, Vicente (2007): Genealogía de los reyes de España. Madrid: Visión. ISBN 978-84-9821-767-4.
- Tasis i Marca, Rafael (1980): Pere el Cerimoniós i els seus fills. 2ª ed. Barcelona: Vicens-Vives. Serie: Historia de Catalunya/Història de Catalunya. Biografies catalanes. Vol. 7.
- Tasis i Marca, Rafael & Jesús Ernesto Martínez Ferrando (1959): Joan I: el rei caçador i músic. Barcelona: Editorial Aedos.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Juan I «el Cazador» Arquivado 01 de outubro de 2017 en Wayback Machine. en Gran Enciclopedia Aragonesa (en castelán).