Wikipedia:Sobre Galicia/setembro 2013
Pontedeume é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca do Eume. O seu xentilicio é eumés. É un concello pequeno (29,3 km²) que en 2012 tiña unha poboación de 8.324 habitantes cunha alta densidade de poboación (284 hab./km²). Está estratexicamente situado entre as cidades da Coruña e Ferrol, e preto de Betanzos e As Pontes.
É un dos poucos concellos galegos que conservan o seu centro medieval, declarado Conxunto Histórico-Artístico en 1971. A súas rúas e prazas manteñen moitos elementos daquela época como os soportais, as casas con balcóns de madeira e galerías acristaladas, as fontes públicas e un gran número de edificios monumentais. Todo isto, unido a unha gran riqueza paisaxística e natural na súa contorna, fai de Pontedeume un importante destino turístico. No seu territorio está un dos portais de acceso e o Centro de Interpretación do Parque Natural das Fragas do Eume.