Saltar ao contido

Voo 587 de American Airlines

Voo 587 de American Airlines
O avión do accidente.
Resumo
Data  12 de novembro de 2001
Causa  fallo da estrutura da
cola debido a un erro
do piloto
Lugar  Queens, Nova York
Coordenadas 
Finados  265 (os 260 do avión
e 5 en terra)
Feridos  1 (en terra)
Aeronave
Tipo de aeronave Airbus A300-600
Operador  American Airlines
Pasaxeiros  251
Tripulación  9
Superviventes  0

O voo 587 de American Airlines era un voo regular entre o Aeroporto Internacional John F. Kennedy en Nova York e o Aeroporto Internacional Las Américas de Santo Domingo, na República Dominicana. O 12 de novembro de 2001 o Airbus A300-600 que realizaba a ruta esnafrouse na veciñanza de Belle Harbor en Queens, un dos barrios da cidade de Nova York, pouco despois de engalar. Os 260 ocupantes do aparello morreron, xunto con cinco persoas en terra.

A localización do accidente e o feito de que ocorrese dous meses e un día despois dos atentados do 11 de setembro de 2001 no World Trade Center de Manhattan inicialmente xerou temores de que se tratase dun ataque terrorista. O terrorismo foi oficialmente descartado como causa pola Xunta Nacional de Seguridade no Transporte (NTSB), que no seu lugar atribuíu o desastre ao uso escesivo dos controis do temón por parte do primeiro oficial en resposta a unha turbulencia de estela procedente dun Boeing 747-400 de Japan Airlines que engalara minutos antes. Segundo a NTSB, este uso agresivo causou que o estabilizador vertical rompese e se separase do avión. Os dous motores tamén se separarían antes de que o aparello golpease o chan.[1]

Avión e tripulación

[editar | editar a fonte]

O avión do accidente era un Airbus A300B4-605R, con rexistro N14053,[2] entregado en 1988. Tiña unha configuración para 267 pasaxeiros (16 en primeira clase e 251 en económica), e estaba equipado con dous motores General Electric CF6-80C2A5.[3] O avión estaba aos mandos do capitán Ed States, de 42 anos, e o primeiro oficial Sten Molin, de 34, que é o que estaba pilotando o aparello. Había ademais sete asistentes de voo na cabina de pasaxeiros.

Accidente

[editar | editar a fonte]

O avión rodou ata a pista 31L tras un Boeing 747 de Japan Airlines preparándose para a engalaxe. Cando o voo de JAL engalou e comezou a trepar o controlador da torre avisou aos pilotos do voo 587 sobre unha potencial turbulencia de estela do 747.[4]

Ás 9:13:28 o A300 foi autorizado a engalar, deixando a pista ás 9:14:29, sobre 1 minuto e 40 segundos despois que o voo de JAL. Dende a engalaxe, o avión trepou a unha altura de 500 pés (150 m) sobre o nivel do mar e entón virou cara a esquerda mentres seguía trepando, cunha dirección de 220°. Ás 9:15:00 o piloto realizou un primeiro contacto co controlador de saídas, informandoo de que o avión estaba a 1 300 pés (400 m) e trepando a 5 000 (1 500 m). O controlador de saídas instruíu ao avión para que trepase e se mantivese nos 13,000 pés (4 000 m). Os datos da gravadora de datos de voo (FDR) amosaron que os eventos que levaron ao accidente comezaron ás 9:15:36, cando o avión golpeou a turbulencia de estela do voo de JAL que estaba diante súa. En resposta á turbulencia, o primeiro oficial comezou a mover o temón de esquerda a dereita en sucesións rápidas durante polo menos 20 segundos, ata as 9:15:56, cando o estrés causou que as lengüetas que mantiñan unido o estabilizador vertical e o temón fallaron. O estabilizador separouse e caeu na Jamaica Bay, unha milla ao norte do resto do avión. Oito segundos despois soou a alarma de perda na cabina de mando.

No momento no que o estabilizador se separou do avión, o aparello inclinouse cara a abaixo, dirixíndose dereito a Belle Harbor. Cando os pilotos loitaron para controlar o avión, este entrou nunha perda cha. As cargas aerodinámicas resultantes cortaron ambos motores do avión uns segundos antes do impacto. Os motores aterraron varios bloques ao norte e ao leste do resto do aparello. A perda dos motores cortou a enerxía do gravador de datos de voo ás 9:16:00, mentres que o gravador de voces de cabina, que usaba unha batería de reserva, cortouse ás 9:16:15, momentos antes do impacto contra o chan. O avión impactou na intersección entre Newport Avenue e Beach 131st Street.[4]

  1. AIN online (ed.). "NTSB report on AA 587 spreads blame". Consultado o 28 de xaneiro de 2017. 
  2. FAA (ed.). "Rexistro na FAA". Arquivado dende o orixinal o 02 de febreiro de 2017. Consultado o 30 de xaneiro de 2017. 
  3. Aviation Safety Network (ed.). "Descrición do accidente". Arquivado dende o orixinal o 20 de abril de 2014. Consultado o 30 de xaneiro de 2017. 
  4. 4,0 4,1 "In-Flight Separation of Vertical Stabilizer American Airlines Flight 587" (PDF). NTSB. Consultado o 2018-12-19.