Voleibol
O voleibol[1] ou balonvolea[2] (do inglés: volleyball), tamén coñecido na súa forma abreviada como vólei,[3] é un deporte de balón xogado por 12 persoas en dous equipos de seis cada un. Neste deporte o balón pode ser tocado ou impulsado con golpes limpos, pero non pode ser parado, suxeitado, retido ou acompañado. Cada equipo dispón dun número limitado de toques para devolver o balón cara ó campo contraro. A esfera golpéase principalmente coas mans ou brazos, pero tamén pode golpearse con calquera outra parte do corpo. Unha das características do voleibol é que os xogadores teñen que ir rotando as súas posicións a medida que van conseguindo novos puntos.
Historia
[editar | editar a fonte]Foi creado en 1895 por William G. Morgan. Daquela era director de Educación Física no YMCA de Holihoke, no estado de Massachusetts (Estados Unidos), e establecera, desenvolvera e dirixira, un amplo programa de exercicios e de clases deportivas masculinas para adultos.
Morgan decatouse de que precisaba dalgún xogo de entretemento e competición á vez para variar o seu programa, e sen dispoñer máis ca do baloncesto, creado catro anos antes (1891), botou man dos seus propios métodos e experiencias prácticas para crear un novo xogo. As regras iniciais e os conceptos de base foron establecidos: a Mintonette; primeiro nome co que se lle bautizou, viñera de nacer.
O nome de mintonette seguiu vixente ata que o doutor A.T. Halsted, en Springfield, despois de observar o novo deporte, suxeriu que o seu nome fose mudado de mintonette para voleibol, tendo en conta que a idea básica do xogo era xogar a bóla dun lado para o outro, por riba da rede, coas mans.
O campo de xogo
[editar | editar a fonte]O campo onde se xoga ó voleibol é un rectángulo de 18 m de longo por 9 m de ancho, dividido na súa liña central por unha rede que separa ós dous equipos. En realidade, o xogo desenvólvese tamén no exterior, na zona libre, a condición de que o balón non toque o chan nin ningún outro elemento. A zona libre debe ter polo menos 3 m, medida que en competicións internacionais é aumentada a 5 m sobre as liñas laterais e a 8 m para as liñas de fondo. O espazo libre sobre a pista debe ter unha altura mínima de 7 m que en competicións internacionais sobe a 12,5 m.
A 3 m da rede, unha liña delimita en cada campo a zona de ataque, zona onde se encontran restrinxidas as accións dos xogadores que se encontran nese momento en papeis defensivos (zagueiros e líbero). Estas liñas, esténdense ó exterior do campo con trazos descontinuos, e a limitación que representan proxéctase igualmente en toda a liña, incluso máis alá dos trazos debuxados. Todas as liñas teñen 5 cm de ancho.
O contacto dos xogadores co chan é continuo, utilizando habitualmente proteccións nas articulacións. A superficie non pode ser rugosa nin deslizante.
| ||
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para voleibol.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para balonvolea.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para vólei.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Vexa a entrada do Galizionario acerca de voleibol |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Voleibol |