Saltar ao contido

Volaris

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Volaris
IATA
Y4
OACI
VOI
Indicativo
VOLARIS
Fundación2004
Inicio das operacións2005
Plan de voo frecuenteVClub
Frota67
Destinos65
Eslogan da compañíaPrecios que te hacen viajar
SedeCidade de México
Páxina web: http://www.volaris.mx/

Volaris, legalmente Concesionaria Vuela Compañía de Aviación, S.A.B. de C.V., é unha aeroliña de baixo custo mexicana baseada no distrito de Santa Fe, na Cidade de México. Ten centros de conexións en Guadalaxara, Cidade de México e Tijuana e cidades focais en Cancún, Os Ánxeles e Monterrey. É a segunda aeroliña máis grande do país despois de Aeroméxico e opera voos domésticos e internacionais dentro do continente americano. Volaris ten unha cota de mecado do 21% no tráfico doméstico de México.[1][2]

A fase de pre-operacións da aeroliña (fundación das entidades legais e establecemento da infraestrutura requirida) comezou en agosto de 2005 baixo o nome Vuela Airlines. Os principais accionistas iniciais da compañía foron o Grupo Televisa (o maior conglomerado de medios en casteln do mundo), Inbursa (unha compañía de seguros pertencente a Carlos Slim), Avianca (entón TACA Airlines) e o Discovery Americas Fund. Cada un deles investiron o 25% do custo inicial das actividades, 100 millóns de dólares. En xullo de 2010 anunciouse que Televisa e Inbursa venderan as súas accións en Volaris quedando como accionistas TACA Airlines, o fondo de investimento Discovery Americas e Indigo Partners, fondo dirixido polo antigo CEO de America West Airlines Bill Franke.[3]

A venda de billetes comezou o 12 de xaneiro de 2006, e, tras a entrega do primeiro avión da aeroliña, o primeiro voo (non comercial) operouse no mes de febreiro. Os voos regulares comerciais iniciáronse o día 13 de marzo, sendo o primeiro entre Toluca e Tijuana.[4]

Inicialmente a aeroliña evitou voar á Cidade de México debido á que era un aeroporto conxestionado e caro. A aeroliña fíxose co control de varios slots que pertenceran á defunta Mexicana e ás súas subsidiarias MexicanaClick e MexicanaLink, iniciando un servizo en marzo de 2010 cara Tijuana.[5] En marzo de 2011 a compañía anunciou que o seu centro de conexións de Toluca se trasladaría a Guadalaxara.

O 5 de xuño de 2012 a aeroliña lanzou un programa de viaxeiro frecuente chamado VClub. Ao día seguine PayPal converteuse nunhaalternativa de pago para a aeroliña, permitindo aos seus clientes mercar billetes directamente dende a páxina web da compañía.[6] O 17 de setembro Volaris anunciou unha asociación de código compartido coa aeroliña alemá Condor Flugdienst.[7]

O 13 de marzo de 2013 Volaris celebrou o seu sétimo aniversario ofrecendo aos pasaxeiros un 70% de desconto en todos os seus voos, e ven facendo o mesmo todos os anos dende entón. Volaris anunciou a creación dunha subsidiaria, Volaris Costa Rica, en marzo de 2016.[8][9] A nova aeroliña, baseada no aeroporto Juan Santamaría de San Xosé, comezou a operar en novembro dese ano.[10]

Airbus A320-200 de Volaris

En marzo de 2018 a frota de Volaris estaba formada polos seguintes avións:[11]

Frota de Volaris
Avión En servizo Pedidos Pasaxeiros Notas
Airbus A319-100 8 144
Airbus A320-200 43 8 174
Airbus A320neo 6 80 186
Airbus A321-200 10 220
Airbus A321neo 1 40 220
Total 67 128

O 15 de novembro de 2017, durante o Dubai Airshow 2017 Indigo Partners anunciou un pedido por 430 avións da familia Airbus A320neo, dos cales 80 serán para Volaris: 46 A320neo e 34 A321neo.[12]

  1. Centre for Aviation (ed.). "Aeromexico trades domestic & international market share gains for lower yields as 2Q profits drop". Consultado o 17 de marzo de 2018. 
  2. Centre for Aviation (ed.). "Aeromexico and Volaris increase international spread to strengthen yields; and VivaAerobus follows". Consultado o 17 de marzo de 2018. 
  3. Expansión (ed.). "Televisa y Slim se despiden de Volaris". Consultado o 18 de marzo de 2018. 
  4. ElSalvador.com (ed.). "Despega el primer vuelo de Volaris". Arquivado dende o orixinal o 19 de marzo de 2018. Consultado o 18 de marzo de 2018. 
  5. El Universal (ed.). "Volaris confirma llegada al AICM". Arquivado dende o orixinal o 19 de marzo de 2018. Consultado o 18 de marzo de 2018. 
  6. UnoCero (ed.). "Volaris integra PayPal como forma de pago". Consultado o 18 de marzo de 2018. 
  7. Condor (ed.). "Condor and the Mexican airline Volaris enter into partnership" (PDF). Consultado o 18 de marzo de 2018. 
  8. ch-aviation (ed.). "Volaris sets up Costa Rican unit; eyes 2H launch". Consultado o 18 de marzo de 2018. 
  9. La República (ed.). "“Los precios para volar entre Centroamérica serán los más bajos”". Consultado o 18 de marzo de 2018. 
  10. ch-aviation (ed.). "Volaris Costa Rica commences operations". Consultado o 18 de marzo de 2018. 
  11. Planespotters (ed.). "Volaris Fleet Details and History". Consultado o 18 de marzo de 2018. 
  12. En El AIre (ed.). "Airbus anuncia el pedido más grande de su historia: 430 aviones". Consultado o 18 de marzo de 2018. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]