Virgo
Virgo | |
---|---|
Nome latino | Virgo |
Abreviatura | Vir |
Xenitivo | Virginis |
Simboloxía | a Virxe |
Ascensión recta | 13 h |
Declinación | 0° |
Área | 1294 graos cadrados
Rango 2º |
Número de estrelas
(magnitude < 3) |
3 |
Estrela máis brillante | Spica (α Vir)
(magnitude ap. 1,0) |
Choiva de meteoros | |
Constelacións
lindeiras |
|
Visible en latitudes entre +80° e −80°
Mellor visibilidade ás 21:00 (9 p.m.) durante o mes de maio | |
Virgo ou Virxe[1] (símbolo , Unicode ♍) é unha constelación do zodíaco. Atópase entre Leo ó oeste e Libra ó leste, e é unha das constelacións máis grandes visibles no ceo. É facilmente identificable pola súa estrela α, Spica, "a espiga" dos agricultores medievais.
Estrelas principais
[editar | editar a fonte]- α Virginis (Espiga ou Spica), a máis brillante da constelación con magnitude aparente 1.0, é unha estrela binaria espectroscópica coas súas dúas compoñentes moi achegadas entre si.
- β Virginis (Zavijava), con magnitude 3,61 é unha anana amarela máis quente e luminosa có Sol, distante 36 anos luz.
- γ Virginis (Porrima), a segunda máis brillante con magnitude 2,74 é tamén unha estrela binaria con ambas estrelas brancas practicamente iguais. É fácil de ver cun telescopio.
- δ Virginis (Minelava ou Auva), estrela xigante vermella de magnitude 3,39 e variable semirregular.
- ε Virginis (Vindemiatrix ou Vindemiator), de magnitude 2,83, é unha estrela xigante de cor amarela.
- ζ Virginis (Heze), de magnitude 3,38, estrela branca a 73 anos luz situada moi preto do ecuador celeste.
- η Virginis (Zaniah), de magnitude 3,89, un sistema estelar triplo.
- ι Virginis (Syrma), xigante amarela-pálida de magnitude 4,07.
- μ Virginis (Rijl al Awwa), de magnitude 3,88, xigante amarela a 61 anos luz.
- ν Virginis, xigante vermella e variable semirregular de magnitude media 4,04.
- ψ Virginis, xigante vermella e estrela variable irregular que posúe unha magnitude que oscila entre 4,73 e 4,96.
- R Virginis, estrela variable tipo Mira, cunha magnitude variable entre 6,2 e 12 nun período de 145,64 días.
- W Virginis, variable cefeida que dá nome a un tipo de variables (variables W Virginis).
- GR Virginis, binaria de contacto onde ambas estrelas comparten as súas capas exteriores.
- 61 Virginis, de magnitude 4,74, estrela semellante ó Sol que pode ter un planeta extrasolar.
- 70 Virginis, estrela cun planeta extrasolar (70 Virginis b).
- 109 Virginis, aínda non ten designación de Bayer é a sétima estrela máis brillante da constelación cunha magnitude 3,71.
- HD 107148, anana amarela cun planeta extrasolar a 0,27 UA.
- Ross 128 (FI Virginis), anana vermella e estrela fulgurante a 10,91 anos luz do sistema solar.
- Wolf 424, sistema estelar composto por dúas ananas vermellas especialmente difusas nas proximidades do sistema solar.
- Wolf 489, anana branca solitaria a 26,7 anos luz da Terra.
- PSR B1257+12, pulsar con tres planetas extrasolares.
Obxectos Notables do espazo profundo
[editar | editar a fonte]Hai máis de trece mil galaxias esparexidas por Virgo e a Cabeleira de Berenice. O Cúmulo de Virgo é un grupo de galaxias que contén máis de 2.000 membros. Cabe destacar:
- A galaxia elíptica M49, unha das máis brillantes do Cúmulo de Virgo.
- A galaxia elíptica xigante Virgo A (M87), unha das máis grandes que se coñecen. É a máis grande e máis luminosa da zona norte do Cúmulo de Virgo.
- A galaxia espiral barrada M58 situada 6º ó oeste de Vindemiatrix (ε Virginis).
- Galaxias elípticas M59 e M60, ó leste de M58. M60 ten unha acompañante (NGC 4647) situada ao norte.
- A espectacular galaxia do Sombreiro (M104), de magnitude 8, coa súa franxa escura no ecuador, en realidade non pertence ao Cúmulo de Virgo. É invisible a simple vista pero facilmente recoñecible con pequenos telescopios.
- No centro do Cúmulo de Virgo, dúas galaxias lenticulares, M84 e M86, separadas 17 arcmin.
- Galaxia espiral M90.
- A 1,2º ao leste de M87 atópase a pequena galaxia elíptica M89.
- NGC 4216, galaxia espiral vista de perfil, e NGC 4536, 4º ao noroeste de Porrima (γ Virginis).
- Galaxias lenticulares NGC 4526 e NGC 4984.
- NGC 4567 e NGC 4568, dúas galaxias espirais interactuando.
- Quásar 3C273, de magnitude 13, a uns 3.000 millóns de anos luz é o obxecto máis afastado visible cun telescopio.
Mitoloxía
[editar | editar a fonte]Na mitoloxía é a representación de Dice, filla de Zeus e Temis, deusa da xustiza para os homes. Naceu mortal e foi posta na terra para administrar xustiza e orde. Viviu cos mortais durante a Idade de Ouro e a Idade de Prata, pero cando naceu a Raza de Bronce, á que detestaba, deixou a terra e subiu ó ceo, onde se estableceu a carón da constelación Boötes. Era unha das tres Horas ou Titánides e a máis notable entre as deusas virxes.
Noutra versión dicíase que se trataba de Erígone, filla de Icario. Outras versións identificaban esta constelación con Deméter, Isis, Atárgatis (un dos nomes de Derceto) e Tique.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Cambados Márquez, Xoaquín Evaristo. "Algunhas notas referentes ó nome galego estándar das constelacións" (PDF). Consultado o 12 de outubro de 2016.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Virgo |