Vaxina
Vaxina | |
---|---|
Esquema frontal do aparato reprodutor feminino | |
Latín | "sheath" ou "scabbard" |
Gray's | pág.1264 |
Sistema | Aparato reprodutor feminino |
Arteria | Arteria iliolombar, Arteria vaxinal e Arteria rectal media |
Linfa | parte da fronte linfonodos ilíacos internos, parte de atrás linfonodos inguinais superficiais |
Precursor | seo uroxenital e ducto paramesonéfrico |
MeSH | Vaxina |
A vaxina (do latín vagīna, "vaíña") é un conduto fibromuscular elástico, que forma parte dos órganos xenitais internos da muller –xa que logo, parte do aparato reprodutor feminino–. Nas femias dos mamíferos, esténdese desde o vestíbulo vaxinal até o cérvix uterino.
A vulva e a vaxina, dúas estruturas anatómicas diferentes que non deben confundirse, son os órganos da copulación nos mamíferos. Cumprindo esta función reprodutiva, a vaxina é o órgano feminino que recibe o pene durante o coito, a parte inferior do canal do parto e a vía de saída da menstruación.
Terminoloxía
[editar | editar a fonte]Thomas Lacquer recolle que para a ciencia médica non tivo nome até a transición do século XVII ao século XVIII.[1]
Características anatómicas
[editar | editar a fonte]En estado de vacuidade, é aplanada de adiante a atrás e as súas paredes aplícanse unha á outra en toda a súa extensión menos nas súas extremidades.
Medidas tipo
[editar | editar a fonte]- A lonxitude da vaxina nas mulleres varía segundo razas e xenotipos, e é de 8 a 11 cm como media. Ten na súa cara anterior unha lonxitude de 7 cm, mentres a posterior, que é a máis longa, mide 9 cm. Non obstante, pode dilatarse, aumentando a súa lonxitude tres ou catro centímetros máis do normal.
- En súidos (cochos e xabarís) de tamaño medio, mide de 10 a 12 cm de longo. O calibre é pequeno e cunha capa muscular grosa, formada por dúas capas de fibras lonxitudinais e en medio unha de fibras circulares.
- Nos carnívoros é relativamente grande (uns 12 cm nun animal de tamaño medio), estréitase cranialmente e non se distingue o fórnix. A capa muscular é grosa e formada, fundamentalmente, por fibras circulares. A mucosa forma dobras lonxitudinais.
- Nos équidos mide de 15 a 20 cm de longo. O seu calibre é enorme, pois pode alcanzar uns 10–12 cm de diámetro cando está distendida (incluso estando limitada a súa dilatabilidade pola parede pelviana). Non hai liñas externas que permitan ver os límites da vaxina a simple vista, a diferenza doutras especies.
- En bóvidos é moito máis grande que na egua. É máis ancha e ten maior capacidade de distenderse. Tamén é máis longa (uns 25 a 30 cm en ingravidez, bastante máis durante a preñez), e as súas paredes son máis grosas. Ten uns órganos case exclusivos da "familia", os canais de Gartner, de función secretora.
Capas da parede vaxinal tipo
[editar | editar a fonte]Túnica mucosa
[editar | editar a fonte]A túnica mucosa forma bastantes dobras (engurras vaxinais) e ás veces chega a cerrar por completo a luz vaxinal. Existen dúas capas:
- Epitelio: o seu diámetro oscila moito, cunha media de 3 cm. No epitelio, non mucoso, plano estratificado, existe gran cantidade de glicóxeno durante a fase proliferativa ou luteica, producido por células eosinófilas, cuxa fermentación, producida pola flora bacteriana (bacilos de Döderlein), que o transforma en ácido láctico, confire o carácter ácido á superficie do epitelio vaxinal. Durante a fase secretora, o grosor desta capa diminúe considerabelmente, e a súa citoloxía tamén cambia, dominando a situación as células basófilas, xunto con leucocitos e diversas bacterias. É nesta fase (e non na anterior) cando a exaculación masculina pode producir con moitas máis probabilidades o embarazo (concepción), pois na fase anterior a luz vaxinal encóntrase cerrada. É, de feito, na fase secretora cando se xeran máis infeccións (debido á ausencia de ácido láctico). É posíbel que esta etapa "inofensiva" axude á supervivencia dos espermatozoides. Ademais, os leucocitos da lámina propia poden axudar a evitar algunha infección (é posíbel que algún microorganismo atravese o epitelio vaxinal).
- Lámina propia: é o tecido laxo conxuntivo que une o epitelio ás capas musculares. Na súa zona profunda existen fibras máis grosas e vasos de maior calibre, dándose así tecido eréctil, formando eses vasos as chamadas cavernas vasculares.
Túnica muscular
[editar | editar a fonte]- O músculo liso posúe dous estratos diferenciados: un interno, composto de fibras circulares, e un externo, máis groso, composto de fibras lonxitudinais musculares tamén lisas.
- Cuanto ao músculo esquelético, na parte inferior existe unha especie de esfínter, que cerra a vaxina. Trátase de células musculares esqueléticas do músculo bulboesponxoso.
Túnica adventicia
[editar | editar a fonte]Trátase de tecido conectivo laxo, e contén un gran plexo venoso.
Relación entre vaxina e vulva
[editar | editar a fonte]A vulva e a vaxina son parte fundamental nas relacións sexuais e no parto, e pola súa proximidade –en linguaxe coloquial–, tende a confundirse a primeira co nome da segunda, o que é un erro conceptual.
A vulva é a parte externa –órganos xenitais externos– do aparato reprodutor feminino, e inclúe varias estruturas, como son os labios xenitais, o clítoris, as glándulas de Skene e Bartolino, e a saída ao exterior da uretra e vaxina.
A vaxina é unha das partes dos órganos xenitais internos do aparato reprodutor feminino, que, á súa vez, inclúe outros órganos, como o útero, as trompas de Falopio e os ovarios.
Polo tanto, a vaxina é o conduto fibro-musculoso que une o útero coa vulva –o exterior–, e a súa visualización, a simple vista, é imposíbel. Nas imaxes da dereita separáronse manualmente os labios maiores e menores, para poder ter unha visión da parte inicial do conduto pola súa cara interior.
Irrigación
[editar | editar a fonte]A vascularización do terzo superior da vaxina está dada por ramas vesico-vaxinais provenientes da arteria uterina, que emerxen antes de que a arteria uterina cruce por diante do uréter do seu mesmo lado, e das ramas cervico-vaxinais orixinadas da mesma arteria uterina despois de cruzar o uréter.
O terzo medio da vaxina irrígao a arteria vaxinal, rama da arteria hipogástrica. A arteria hemorroidal media, a cal é tamén rama da hipogástrica, contribúe a irrigar o terzo inferior da vaxina, así como ramas da arteria pudenda interna.
Funcións da vaxina
[editar | editar a fonte]- Serve para a canalización do fluxo menstrual durante a menstruación.
- É o orificio polo que o home introduce o pene en estado de erección durante o coito.
- É a vía por onde se introduce o seme cos espermatozoides para a fertilización dun ou máis óvulos da muller.
- Facilita o acto sexual, pola lubricación das secrecións das glándulas de Bartolino.
- É a saída do feto e da placenta do útero ao final do período de xestación.
Sexualidade e mitos
[editar | editar a fonte]O pene (o órgano sexual masculino) introdúcese na vaxina durante o coito. A vaxina é, xunto co clítoris e o punto G, unha das áreas que contan co maior número de terminacións nerviosas. O cunnilingus (o contacto sexual dos xenitais femininos a través da boca e a lingua doutra persoa, sexa esta home ou muller) é unha das múltiples posibilidades de obter pracer unha muller. Hai diferenzas individuais notábeis respecto a isto: hai mulleres que obteñen pracer sexual única ou principalmente a través do cunnilingus, hai mulleres que obteñen pracer sexual única ou principalmente coa penetración do pene.
Nalgúns bebés (en realidade menos dos que se cría até agora), a vaxina está protexida polo hime ou "virgo", unha membrana fina con algunhas perforacións que permiten saír a menstruación. Normalmente esta membrana desgástase ou pérdese por factores da vida común (a actividade deportiva, a manipulación etc.). En tempos pasados, era crenza estendida que as mulleres debían conservar o hime intacto até que tivesen a primeira relación sexual, cando se supuña que se rompía coa penetración do pene e causaba un breve sangrado. Mais hoxe en día sábese que hai múltiples mitos sobre iso: son en realidade moi poucas as mulleres que nacen cunha membrana (xa sexa completa ou incompleta) e, das que nacen con ela, son tamén en realidade moi poucas as que, na súa primeira relación sexual, presentan un sangrado e/ou dor (mitos que estudou a fondo o equipo do sexólogo mexicano Óscar Chávez Lanz). Nalgunhas culturas que aínda lle dan gran valor á virxindade feminina, este feito é o factor máis usado para determinar a perda da virxindade e para xulgar e censurar a sexualidade da muller.
Na cultura popular
[editar | editar a fonte]A sociedade occidental tratou polo xeral a sexualidade, e a vaxina especialmente, como tema tabú e con moitos prexuízos en parte pola presión relixiosa cristiá e islámica.
Estas circunstancias e os cambios nos valores modernos, nos dereitos humanos ou na liberdade de expresión poderían explicar o grande éxito da obra teatral de Eve Ensler, traducidos como Os monólogos da vaxina ou Os monólogos vaxinais. Na súa estrea en Nova York en 1996 e nas súas distintas versións ao redor do mundo, logrou que a palabra vaxina aparecese en numerosos e importantes medios de comunicación.
A tamén exitosa e premiada serie de televisión Sex and the City, traducida en países de fala española como Sexo en la ciudad ou Sexo en Nueva York (tamén ten versión cinematográfica), contén moitas discusións acerca da sexualidade feminina, e por suposto a vaxina. En países como na China ou Kenya foi censurada polo seu alto contido sexual.
Debido especialmente ao propio tabú, popularmente a vaxina e a vulva confúndese moitas veces no vocabulario popular, ademais de compartir ou teren distintos significados, en ocasións con sentido malsoante ou pexorativo. Na linguaxe popular inventáronse moitísimas palabras (en todas as linguas do mundo e en todas as culturas) para denominar tanto a vaxina como a vulva, disfrazándoa e comparándoa con multitude de obxectos de forma e características similares.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Adán, Carme (2018). Feminicidio. Galaxia. p. 19. ISBN 9788491512578.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Vaxina |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- S. Sisson e J. D. Grossman. Robert Getty, Anatomía de los animales domésticos. Ed. Masson. 5a. ed. (2003). ISBN 84-458-0721-8.
- Dyce, Sack, Wensing (1999). Anatomía veterinaria. 2a. ed. McGraw-Hill Interamericana. ISBN 970-10-2166-5.
- Finn Geneser (2003). Histología. 3a. ed. Médica Panamericana. ISBN 950-06-0883-9.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Aparato reprodutor feminino
- Cáncer de vaxina
- Clítoris
- Preservativo feminino
- Relación sexual humana
- Trichomonas vaginalis
- Vaxinite
- Vaxinose bacteriana
- Vulva
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Vagina, pola Biblioteca Nacional de Medicina (a National Library of Medicine) do Goberno Federal dos Estados Unidos.
- Vagina Ilustrada Estruturas Anatómicas da Vaxina Humana.
- Instituto da Vaxina Información, Estatísticas, Diagramas sobre a Vaxina