Varda
Varda Elentári é un personaxe ficticio do legendarium de J. R. R. Tolkien que aparece principalmente na súa obra O Silmarillion. É unha dos Valar, os seres anxelicais que custodian e gobernan Arda (o mundo no universo de Tolkien).
Personaxe
[editar | editar a fonte]Varda é unha dos Aratar, os oito Valar de maior poder, e a esposa de Manwë, co cal vive no cumio de Taniquetil, a montaña máis alta de Arda, en Valinor. Ambos semellan complementar os poderes do outro cando están xuntos:
"Alí, cando Manwë ascende ao seu trono e mira para a fronte, se ten a Varda ao seu carón, ve máis lonxe ca calquera outro ollo, a través da néboa e a través da escuridade, por riba das leguas do mar. E se Manwë está con ela, Varda ouve máis claramente ca calquera outra orella o son das voces que berran de leste a oeste, desde os outeiros e desde os vales, e desde os escuros lugares creados por Melkor sobre a Terra"[1].
A luz é o seu elemento: dise que na súa cara pervive a luz de Eru[2] (Deus na mitoloxía de Tolkien), e durante a creación das Dúas Lámpadas de Arda, foi Varda quen as acendeu, concentrando a luz difusa que iluminaba Arda xusto despois da súa creación.
Varda tamén é coñecida como a "Raíña das Estrelas", pois foi ela quen creou as primeiras estrelas no ceo xa antes da formación de Arda, e máis tarde as constelacións, a partir do orballo da Árbore Telperion. Entre estas últimas salienta Valacirca, a Fouce dos Valar: sete estrelas que Varda colocou no ceo do norte como desafío a Melkor, o Vala maligno, e como agoiro da Batalla Final que se librará ao final dos tempos[3]. Melkor odia a Varda por riba de todos os demais Valar, porque xa antes da creación da Música dos Ainur ela viu no seu interior e rexeitouno[2].
Cando o Sol e a Lúa foron creados a partir do derradeiro froito e a derradeira flor das Dúas Árbores de Valinor, Varda deu aos barcos que os habían transportar polo ceo a capacidade de viaxar polas rexións máis baixas de Ilmen (o equivalente do sistema solar de Tolkien), e fixou unha ruta para cada un dos dous astros. Tamén atendeu ás pregarias de Irmo e Estë, e organizou os ciclos do Sol e a Lúa de xeito que existisen o día e a noite[4].
Varda é descrita como posuidora dunha beleza indescritíbel e foi reverenciada polos elfos que a chamaban Elbereth.
Nomes
[editar | editar a fonte]Como a maioría dos personaxes do legendarium, Varda ten un nome diferente en cada unha das linguas ficticias de Tolkien. O seu nome Quenya Varda significa "sublime" ou "elevada", e o seu sobrenome Elentári quere dicir "Raíña Estrela". Outro dos seus sobrenomes é Tintallë, que significa "Acendedora de Estrelas".
En Sindarin, tamén se lle coñece como Elbereth ("Raíña Estrela"), Gilthoniel ("Acendedora de Estrelas") e Fanuilos ("Sempre Branca"). En Quenya primitivo recibía o nome de Barathī, en Telerin o de Baradis, e en Adûnaico o seu nome era Avradî.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ J.R.R. Tolkien (1977), Christopher Tolkien (ed.), The Silmarillion, Allen & Unwin, Suffolk ISBN 0-04-823139-8, "Valaquenta", páx. 29
- ↑ 2,0 2,1 J.R.R. Tolkien (1977), Christopher Tolkien (ed.), The Silmarillion, Allen & Unwin, Suffolk ISBN 0-04-823139-8, "Valaquenta", páx. 28
- ↑ J.R.R. Tolkien (1977), Christopher Tolkien (ed.), The Silmarillion, Allen & Unwin, Suffolk ISBN 0-04-823139-8, "Quenta Silmarillion", páx. 54
- ↑ J.R.R. Tolkien (1977), Christopher Tolkien (ed.), The Silmarillion, Allen & Unwin, Suffolk ISBN 0-04-823139-8, "Quenta Silmarillion", páx. 113