Vagalume
Vagalumes | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Lampyris noctiluca - femia | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Subfamilias[1] | |||||||||||||||||
Xénero incertae sedis: |
Os vagalumes[2] son unha familia de coleópteros polífagos chamados lampíridos (Lampyridae), caracterizados pola súa capacidade de emanar luz (bioluminescencia). Coñécense máis de 2.000 especies por todo o mundo. Moitas pódense atopar en brañas, lameiros, lamazais, illós ou gándaras, polo xeral nas áreas húmidas e vizosas, onde as súas larvas teñen unha fonte de alimento abondosa. Os lampíridos son coleópteros de corpo dondo relacionados coas familias Lycidae, Phengodidae e Cantharidae.
Sinonimia galega
[editar | editar a fonte]Os vagalumes teñen en Galicia infinidade de nomes coma: lucecú, bicho do lume, cociñeiro, coco de luz, meiga, vella, vella do caldo, vella dos valados, vella facendo as papas, vella facendo o caldo, vella sen dentes, velliña da cea, verme canteiro, verme carpinteiro, verme da luz, verme de luz, lucerna, luceiro, corcoño, coroceiro, cagalume ou pirilampo.[2][3]
En Portugal coñécense entre outros nomes coma pirilampos ou luzecus, no Brasil coma vaga-lumes.
Descrición
[editar | editar a fonte]Caracterízanse por posuír un par de antenas magras e artelladas, élitros e un protórax modificado de xeito que case cobre a cabeza. Na meirande parte das especies é moi salientábel o dimorfismo sexual: mentres os machos acadan un desenvolvemento completo semellante ao doutros coleópteros, as femias fican cun aspecto larvario, con élitros reducidos a escamas asemellándose máis a cochinillas que a escaravellos, con patas grosas e sen ás, non podendo deste xeito voar.
Bioloxía e ecoloxía
[editar | editar a fonte]A característica máis distintiva dos lucecús é o seu apareamento ou namoro nocturno, que consiste nunha parola complicada entre os machos e mailas femias. Os machos adoitan facer as beiras cun voo característico mentres emanan secuencias de flashes característicos de cada especie. As femias da mesma especie poden responder con feixes de luz específicos e así o apareamento pode ocorrer.
Nas noites cálidas, é posíbel ollar os vagalumes femias a alumar para atraer os machos que voan derredor. Se se senten ameazadas, fechan a luz. Xeran a luz grazas a un órgano especial situado baixo a cutícula (ectodérmico), situado na parte inferior do abdome, en intervalos de 6 a 8 segundos. Esta luz prodúcese por un proceso de oxidación da luciferina en presenza do enzima luciferasa, que ocorre moi axiña. Este proceso recibe o nome de bioluminescencia e emite unha luz brillante con pouca elevación da temperatura. Algunhas especies emanan a luz con esquemas definidos de variación nos intervalos e o número de flashes.
Algúns días despois da relación, a femia pon os ovos fertilizados por baixo do chan. Os ovos chócanse arredor de 3 ou 4 semanas e saen logo as larvas, que teñen ollos simples. Algunhas fan tobos, e outras abéiranse baixo a casca das árbores.
As larvas de vagalume, coñecidas coma vermes da luz, aliméntanse de lesmas e cascarolos miúdos. Paralízanos cun fluído dixestivo que dixire o corpo do molusco e despois chuchan o seu alimento. Tras meses de se alimentaren, tórnanse casullos de entre 7 a 20 días para emerxeren coma adultos (imagos).
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Luciñas á noite producidas por vagalumes
-
Verme da luz
-
Macho
-
Órgano luminoso
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Lawrence, J. F. & Newton, A. F., Jr. 1995. Families and subfamilies of Coleoptera (with selectes genera, notes, refernces and data on family-group names). In: Pakaluk y Slipinski (Eds.). Biology, phylogeny and classification of Coleoptera: Papers celebrating the 80th birthday of Roy A. Crowson. Muzeum i Instytut Zoologii PAN, Warszawa. Pp. 779-1006. ISBN 83-85192-34-4.
- ↑ 2,0 2,1 Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para vagalume.
- ↑ Pirilampo Arquivado 06 de xullo de 2018 en Wayback Machine., en Gómez Clemente, X. M., Gómez Guinovart, X. e Simões, A. (2014): Dicionario de sinónimos do galego. Vigo: Área de Normalización Lingüística, Universidade de Vigo.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikispecies posúe unha páxina sobre: Vagalume |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Vagalume |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Branham, M. A., e J. W. Wenzel (2003). The origin of photic behavior and the evolution of sexual communication in fireflies (Coleoptera: Lampyridae). Cladistics 19: 1-22.
- Vencel, F.V. (n.d.). Familia lampyridae (luciérnagas, candelitas). Extraído o 5 de abril de 2011 de https://web.archive.org/web/20120721040914/http://www.inbio.ac.cr/papers/insectoscr/Texto23.html