Urup
Tipo | illa | ||||
---|---|---|---|---|---|
Parte de | Greater Kuril Ridge (en) | ||||
Situado na entidade xeográfica | Greater Kuril Ridge (en) | ||||
Localización | |||||
División administrativa | Kurilsky District, Rusia (en) | ||||
| |||||
Bañado por | Mar de Ojotsk, Proliv Urup (en) , Estreito de Vries (pt) e Océano Pacífico | ||||
Características | |||||
Altitude | 1.426 m | ||||
Punto máis alto | Vysokaya (en) | ||||
Superficie | 1.437 km² | ||||
Urup (ruso: Уру́п, xaponés: 得撫島, ainu: ウルㇷ゚) é unha illa volcánica deshabitada na cadea das Illas Kuriles no sur do Mar de Okhotsk, ao noroeste do océano Pacífico. O seu nome derívase da palabra en lingua ainu para troita. Anteriormente coñecíase como "Terra da Compañía".[1]
Xeografía e clima
[editar | editar a fonte]Urup ten unha forma aproximadamente rectangular, medindo 120 km de longo e aproximadamente 20 km de largo. É a cuarta máis grande das illas Kuriles, cunha superficie de 1.430 km². O punto máis alto é Gora Ivao con 1.426 m.
O estreito entre Urup e Iturup é coñecido como o estreito de Vries, na honra do explorador Maarten Gerritsz Vries, o primeiro europeo coñecido en explorar a área. O estreito entre Urup e Simushir coñécese como estreito de Bussol, pola palabra francesa para "compás", que era o nome dun dos navios de La Pérouse. Este navegante francés explorou a área das Illas Kuriles en 1787.
Urup consiste en catro grupos principais de estratovolcáns activos ou inactivos:
- Kolokol Group (xaponés: 得撫富士), cunha altura de 1.328 m entrou en erupción en 1973.
- Rudakov (xaponés: 台場山), cunha altura de 524 m ten un cráter de 700 m de ancho,en forma de funil que conten un lago de 300 m. de ancho.
- Tri Sestry (ruso: Три сестры;xaponés: 硫黄山), cunha altura de 998 m as súas abas están cortadas por profundos barrancos e ten numerosas augas termais.
- Gora Ivao (xaponés: 白妙山), cunha altura de 1.426 m é o máis alto da illa. O cono máis ao sueste divide un val glacial, formando un lago.
Malia a súa latitude templada, a corrente oceánica fría de Oyashio e a potente depresión das aleutianas combínanse para dar a Urup un clima subartico con suaves veráns de néboa e invernos fríos e nevados. En realidade, o clima aseméllase ao clima subpolar oceánico das illas Aleutianas moito máis que o clima hipercontinental de Siberia ou Manchuria, pero a media de febreiro de -5´8 °C está moi por baixo do límite dos climas "oceánicos". Urup, do mesmo xeito que todas as illas Kuriles, experimenta forte atraso estacional, coas temperaturas máis altas en agosto e setembro, as máis baixas en febreiro e as temperaturas típicamente máis cálidas no equinoccio de outono que no solsticio de verán.
Datos climáticos para Urup Island | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Mes | Xan | Feb | Mar | Abr | Mai | Xuñ | Xul | Ago | Set | Out | Nov | Dec | Anual |
Temperatura máxima en °C | 3,9 | 8,9 | 5,0 | 13,9 | 21,1 | 26,1 | 23,9 | 25,0 | 22,2 | 17,8 | 13,9 | 10,0 | 26,1 |
Media máxima en °C | −2,8 | −3,9 | −1,7 | 2,8 | 6,1 | 8,9 | 12,2 | 13,9 | 13,3 | 9,4 | 3,9 | 0,0 | 5,2 |
Media diaria en °C | −4,7 | −5,8 | −3,6 | 0,3 | 3,3 | 5,8 | 8,9 | 10,8 | 10,3 | 6,9 | 2,0 | −2 | 2,7 |
Media mínima en °C | −6,7 | −7,8 | −5,6 | −2,2 | 0,6 | 2,8 | 5,6 | 7,8 | 7,2 | 4,4 | 0,0 | −3,9 | 0,2 |
Temperatura mínima en °C | −16,1 | −16,1 | −17,8 | −8,9 | −3,9 | −2,8 | 0,0 | 2,8 | 0,0 | −2,2 | −7,2 | −12,2 | −17,8 |
Precipitación media mm | 116,6 | 76,5 | 93,0 | 97,0 | 93,5 | 71,6 | 117,9 | 103,6 | 154,9 | 158,5 | 139,2 | 149,1 | 1 371,4 |
Fonte: Worldwide Bioclimatic Classification System[2] |
Historia
[editar | editar a fonte]Urup foi orixinalmente habitada polo pobo ainu, o pobo nativo das Kuriles, Sakhalin e Hokkaidō. A primeira visita rexistrada dos europeos foi en 1643, cando unha expedición da Compañía das Indias Orientais Holandesas comandada por Maarten Gerritsz Vries desembarcou, probablemente buscando peles.[3] Aparece nun mapa oficial que mostra os territorios do clan de Matsumae, unha división administrativa do reino feudal Edo (Xapón) de 1644, e estas posesións foron confirmadas oficialmente polo Shogunato Tokugawa en 1715. A administración da illa dependeu da oficina rexional do dominio de Matsumae en Kunashir desde 1756.
Os comerciantes rusos de peles apareceron a finais do século XVIII, cazando lontras de mar e apoderándose de barcos estranxeiros na zona. Houbo choques entre os rusos e os ainu en 1772, e os rusos fóronse por un tempo, pero pronto regresaron. G.F. Muller’s Voyages & Découvertes faites par les Russes (Ámsterdam, 1766) contiña unha lista e unha descrición das illas Kuriles, incluíndo a Urup, cuxa xente comerciaba cos xaponeses pero non estaban baixo o seu control. Unha pequena presenza rusa estableceuse en Urup polo comerciante de peles Ivan Chernyi en 1768, seguindo instrucións do gobernador de Siberia. Durante a década de 1770 foi a base para os intentos de establecer o comercio cos xaponeses en Yezo (Hokkaido), que chegou ao seu fin cando foi destruído por un tsunami en xuño de 1780.[4]
Durante a década seguinte a 1795, un grupo de 40 homes e mulleres rusos estableceron en Urup unha colonia bautizada "Slavorossiia".[5] En 1801, o goberno xaponés reclamou oficialmente o control da illa, incorporándoa na provincia de Ezo (agora Prefectura de Hokkaidō). Isto conduciu a unha serie de enfrontamentos co Imperio ruso sobre Urup e outras Kuriles, e a soberanía inicialmente pasou a Rusia baixo os termos do Tratado de Shimoda en 1855. O mesmo ano, nun esforzo para atopar a Armada Imperial Rusa rusa no océano Pacífico durante a guerra de Crimea, unha forza naval franco-británica alcanzou o porto de Hakodate, (aberto aos buques británicos como resultado do Tratado de amizade anglo-xaponés de 1854, e navegando máis ao norte, dessembarcaron en Urup, tomando posesión oficial da illa como "l'Isle de l'Alliance" nomeando a un habitante local aleut como gobernador provisional. O tratado de París restituíu a illa ao control ruso.[6]
Tres baleeiros naufragaron cerca ou na illa: un en 1853 e dous en 1855. Na noite do 27 ao 28 de abril de 1853, o barco "Susan" (349 toneladas), de Nantucket, foi atrapado polo xeo e afundiuse no estreito de Bussol mentres intentaba entrar no mar de Okhotsk. Perdéronse dous homes, un afogou e o outro perdeuse no xeo. Os outros vinte e cinco membros da tripulación apiñáronse en dous botes e chegaron a Urup a tarde do 29 de abril. Aquí pasaron oito días antes de ser rescatados polo bricbarca Black Warrior, de New London.[7] O 13 de maio de 1855, os barcos "King Fisher" (425 toneladas), e "Enterprise" (291 toneladas), ambos de New Bedford, naufragaron na illa mentres intentaba pasar a través do estreito de Vries no mar de Okhotsk. Salváronse todos.[8][9]
Baixo o Tratado de San Petersburgo, a soberanía pasou ao Imperio do Xapón xunto co resto das illas Kuriles. A illa foi oficialmente administrada como parte do distrito de Uruppu da Subprefectura de Nemuro de Hokkaidō. Os habitantes de ainu foron trasladados a Shikotan, e substituídos por colonos xaponeses.
Durante a segunda guerra mundial, todos os habitantes civís da illa foron trasladados ao arquipélago xaponés, e cara ao final da guerra, o exército imperial xaponés estacionou aproximadamente 6.000 soldados en Uruppu, incluíndo a 129ª Brigada Mixta Independente IJA, a 5ª Compañía Independente de Tanques, a 23ª Compañía Independente de AA, o 80º Batallón de Aeródromo e a 6ª Unidade de Desembarque. Durante a invasión das Illas Kuriles pola Unión Soviética despois do final da segunda guerra mundial, as forzas xaponesas en Uruppu rendéronse sen resistencia.
En 1952, ao asinar o Tratado de San Francisco, Xapón renunciou a súa reclamación da illa.[10] As tropas de fronteira soviéticas ocuparon as antigas instalacións militares xaponesas ata que foron retiradas trala disolución da Unión Soviética en 1991. A illa agora está deshabitada e adminístrase como parte do Óblast de Sakhalin da Federación Rusa.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Huigen, Siegfried, J. L. de Jong, and E. Kolfin. (2010). The Dutch trading companies as knowledge networks. Leiden: Brill.
- ↑ RUSSIA - OSTROV YRUPP KUR Arquivado 10 de setembro de 2012 en Wayback Machine., consultado o 29 de novembro de 2011
- ↑ "THE 17TH AND 18TH CENTURIES". Arquivado dende o orixinal o 25 de marzo de 2008. Consultado o 02 de setembro de 2017.
- ↑ George A. Lensen, The Russian Push toward Japan:Russo-Japanese relations, 1697–1875, Princeton University Press, 1959, pp. 61–85; Valery O. Shubin, ‘Russian Settlements in the Kuril Islands in the 18th and 19th centuries’, Russia in North America: Proceedings of the 2nd International Conference on Russian America, Kingston & Fairbanks, Limestone Press,1990, pp. 425–450.
- ↑ John J. Stephan, The Kuril Islands, Oxford, Clarendon Press, 1974, pp. 64.
- ↑ Thierry Mormanne : "La prise de possession de l'île d'Urup par la flotte anglo-française en 1855", Revue Cipango, "Cahiers d'études japonaises", No 11 hiver 2004 pp. 209–236.
- ↑ The Friend, Honolulu, Vol. II, No. 10, Nov. 1, 1853, p. 93.
- ↑ Lexington, of Nantucket, 31 de maio de 1855, Nantucket Historical Association.
- ↑ Starbuck, Alexander (1878). History of the American Whale Fishery from Its Earliest Inception to the year 1876. Castle. ISBN 1-55521-537-8.
- ↑ "History of the Kuril Islands". Arquivado dende o orixinal o 14 de novembro de 2001. Consultado o 02 de setembro de 2017.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Urup |