Saltar ao contido

Tupolev Tu-134

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tupolev Tu-134
Tu-134A
Tipopasaxeiros
FabricanteTupolev
Primeiro voo29 de xullo de 1963
Introducidosetembro de 1967
Estadoservizo
Produción1966 - 1984
Unidades construídas852

O Tupolev Tu-134 é un avión de pasaxeiros bimotor, semellante ao francés Sud Aviation Caravelle e ao estadounidense Douglas DC-9, fabricado na Unión Soviética entre 1966 e 1984 por Tupolev. A versión orixinal contaba cun morro acristalado, ao igual que outros avións de pasaxeiros soviéticos (como o seu irmán Tu-154), e o modelo pode operar dende pistas de aterraxe non pavimentadas. Trátase dun dos avións máis usados nos países do antigo Pacto de Varsovia, e o seu número está minguando debido ás restriccións de ruído. Ademais do seu uso civil, tamén ten servido en distintas forzas aéreas, armadas e exércitos realizando tarefas de apoio, como avión de adestramento ou para investigacións e probas. Recentemente varios Tu-134 foron convertidos como transportes VIP e reactores de negocios. Un total de 852 exemplares foron fabricados en todas as versións, sendo Aeroflot o seu principal usuario; cara 1995, o Tu-134 transportara a 360 millóns de pasaxeiros nesta aeroliña.

Deseño e desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

Tras a introdución de motores montados na parte traseira da fuselaxe no avión francés Sud Aviation Caravelle, os fabricantes de aeronaves de todo o mundo apuráronse para adoptar este novo esquema. Entre as súas vantaxes manufacturers incluíase un fluxo de aire máis limpo nas ás sen a molestia de góndolas ou píos, e un menor ruído na cabina. Ao mesmo tempo, colocar motores pesados tan atrás era un reto para calcular o centro de gravidade en relación ao centro de sustentación, que estaba nas ás. Para ter espazo para os motores os planos de cola tiñan que situarse na deriva, que debía ser máis resistente e polo tanto máis pesada, facendo que o arranxo de cola tivese aínda máis peso.

Durante unha visita a Francia en 1960, o líder soviético Nikita Khrushchev quedou tan impresionado coa silenciosa cabina do Caravelle que o 1 de agosto de 1960 a oficina de deseño Tupolev OKB recibiu unha directiva oficial para crear o Tu-124A cun esquema semellante de motores. A solicitude tamén estivo motivada pola necesidade de substituír os lentos e vellos Il-14 de pistón nas rutas domésticas. En 1961 a aeroliña estatal Aeroflot actualizou as especificacións do seu requirimento para incluír maior carga útil e capacidade de pasaxeiros.

O primeiro prototipo do Tu-124A, SSSR-45075, voou por vez primeira o 29 de xullo de 1963.[1] O 22 de outubro dese ano o prototipo do BAC One-Eleven británico, que tiña un esquema semellante, esnafrouse mentres probaba as súas propiedades de perda. Cun gran ángulo de cabeceo o plano de cola quedou atrapado na estela turbulenta poducida polas ás que evitou que se recuperase da entrada en perda (o fenómeno pasou a ser coñecido como perda profunda). Como resultado aumentouse o plano de cola do Tu-124A nun 30% para conseguir unha mellor autoridade de control. Como os requirimentos de Aeroflot pedían un avión máis grande do inicialmente planeado, a oficina de deseño Soloviev desenvolveu un motor turboventilador de baixo índice de derivación D-30 máis potente. O 20 de novembro de 1963 o novo avión foi designado Tu-134.

Curiosidades do deseño do Tu-134 incluían unha forte frecha das ás de 35 graos, compados cos 25-28 nos seus homólogos. Os motores nos primeiros Tu-134 de produción carecían de reversas, sendo un dos poucos avións de pasaxeiros en usar un paracaídas de freado para as aterraxes. A meirande parte dos compoñentes electrónicos do aparello funcionaban con corrente continua. A liñaxe dos primeiros avións de pasaxeiros soviéticos remóntase directamente ao bombardeiro estratéxico Tupolev Tu-16, e o Tu-134 tiña o morro acristalado para o navegante e o tren de aterraxe equipado con pneumáticos de baixa presión parapoder operar en pistas non pavimentadas.

A produción en serie comezou en 1966 en Khárkiv, e a fabricación do Tu-124 rematou. O Tu-134 deseñouse para rutas de curto alcance con pouco tráfico de pasaxeiros. Orixinalmente o avión tiña 56 asentos en configuración de clase única, ou 50 en dúas clases.

En 1968 Tupolev comezou a traballar nunha variante mellorada do Tu-134 con 72 asentos. A fuselaxe era 2,1 metros máis longa para aumentar a capacidade de pasaxeiros e para instalar unha unidade de potencia auxiliar na cola. Como resultado reducíuse o alcance máximo de 3 100 quilómetros a 2 770. Os actualizados motores D-30 incluían agora reversas, eliminándose así o paracaídas de freado. O primeiro Tu-134A, convertido dun Tu-134 de produción, voou o 22 de abril de 1969, e o seu primeiro servizo foi o 9 de novembro de 1970. A versión actualizada Tu-134B comezou a fabricarse en 1980, sen a posición do navegante e con capacidade para 96 pasaxeiros. Posteriormente comezou a desenvolverse un Tu-134D con máis pulo, pero o proxecto foi cancelado.

Historial operacional

[editar | editar a fonte]

En setembro de 1967 o Tu-134 realizou o seu primeiro voo regular dende Moscova a Adler. O Tu-134 foi o primeiro avión de pasaxeiros soviético en recibir a certificación internacional por parte da Asociación de Transporte Aéreo Internacional, que lle permitía ser operado en rutas internacionais. Debido á súa certificación Aeroflot usou a meirande parte dos seus Tu-134 en rutas internacionais. En 1968 os primeiros clientes de exportación, Interflug, LOT Polish Airlines e Malév Hungarian Airlines mercaron o Tu-134. En 1969 o Tu-134 foi exposto no Paris Air Show.

  1. "Tupolev Tu-134 - Aeroflot Archives". aeroflotarchives.com. Arquivado dende o orixinal o 27 de novembro de 2020. Consultado o 2020-12-27.