Trece Clásicos
Trece Clásicos | |
---|---|
Lingua | Chinés clásico |
[ editar datos en Wikidata ] |
Os Trece Clásicos ou Shisan jing (chinés tradicional: 十三經; chinés simplificado: 十三经; pinyin: Shísān jīng; xaponés: Jūsangyō 十三經; coreano: Sipsamgyeong 십삼경) son un conxunto de trece clásicos da tradición confuciana que constituíron a base dos exames imperiais durante a dinastía Song (960-1279), influíndo en gran parte do pensamento e a cultura de Asia Oriental.[1] Entre os Trece Clásicos atópanse os Catro Libros e Cinco Clásicos, aínda que organizados de distinto xeito, e inclúe tamén o Xiaojing e mais o Erya.
Historia
[editar | editar a fonte]A tradición chinesa de agrupar os clásicos data, polo menos, do período dos Reinos Combatentes (s. V. a.C.-221 a.C.), cando Confucio, segundo o relato lendario do Zhuangzi, lle dixo a Laozi: "Estudei os Seis Clásicos: as Odas, os Documentos, os Ritos, a Música, os Cambios e mais os Anais de primaveras e outonos".[2] Estas seis obras foron consideradas clásicas dende o século III a.C., aínda que o Clásico da música non sobreviviu á unificación dos Qin e foi considerado perdido dende a dinastía Han (206 a.C.-220 d.C.). Os restantes Cinco Clásicos foron, segundo a tradición, editados polo propio Confucio. Rexistros de finais dos Han e do período dos Tres Reinos (220-280) falan de Sete Clásicos, mais non os nomean individualmente. Na dinastía Tang (618-907) eran comúns as referencias a Nove Clásicos, pero os títulos concretos varían segundo a fonte. Os Clásicos de Pedra de Kaicheng (833-837) constan de doce libros (todos os Trece Clásicos, agás o Mengzi). Para a dinastía Song do sur (1127-1279), os Trece Clásicos xa estaban consolidados como os coñecemos na actualidade. Estas obras formaron parte do currículo dos exames imperiais, e os case 600 000 caracteres que as compoñen adoitaban memorizarse para aprobar.
Lista
[editar | editar a fonte]Os Trece Clásicos son:
- O Yijing ou Libro dos cambios.
- O Shujing ou Libro dos documentos.
- O Shijing ou Clásico da poesía.
- Os Tres Clásicos dos Ritos (Sanli 三禮):
- Os Tres Comentarios sobre o Chunqiu ou Anais de primaveras e outonos:
- O Zuozhuan ou Comentario de Zuo.
- O Gongyang zhuan ou Comentario de Gongyang.
- O Guliang zhuan ou Comentario de Guliang.
- O Lunyu ou Analectas.
- O Xiaojing ou Clásico da piedade filial.
- O Erya, un dicionario-enciclopedia.
- O Mengzi ou Libro de Mencio.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Wilkinson 2000, p. 475-476.
- ↑ Lewis 1999, p. 276.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Lewis, Mark Edward (1999). Writing and Authority in Early China (en inglés). SUNY Press. ISBN 978-0-7914-4114-5.
- Wilkinson, Endymion (2000). Chinese History: A Manual (en inglés). Harvard University Asia Center. ISBN 978-0-674-00249-4.