Saltar ao contido

Teño un soño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pronunciando o seu famoso discurso "Teño un soño" o 28 de agosto de 1963 fronte ao Monumento a Lincoln durante a Marcha sobre Washington polo traballo e a liberdade

Teño un soño[1] (I Have a Dream) é o nome do popular discurso de Martin Luther King Jr no que falou do seu desexo dun futuro no que a xente negra e branca puidesen coexistir harmoniosamente e como iguais. Este discurso foi pronunciado o 28 de agosto de 1963 desde o Monumento a Lincoln durante a Marcha sobre Washington polo traballo e a liberdade. Considérase como o momento definitorio do Movemento polos Dereitos Civís nos Estados Unidos para alén dun dos mellores discursos da historia.

Historia e características

[editar | editar a fonte]

Amplamente aclamado como unha peza mestra da retórica, o discurso de King aseméllase ao estilo do sermón dun ministro batista negro. Apela a fontes icónicas e amplamente respectadas como a Biblia, e invoca a Declaración de Independencia dos Estados Unidos de América, á Proclamación de Emancipación, e á Constitución dos Estados Unidos. A través do instrumento retórico da alusión (definido por Campbell e Huxman (2003) como "referencia indirecta ao noso acervo cultural compartido, como a Biblia, a mitoloxía grega e romana, ou a nosa historia"), King fai uso de frases e dunha linguaxe de importantes textos culturais para os seus propios propósitos retóricos. Ao comezo, King alude ao Discurso de Gettysburg de Abraham Lincoln dicindo: "Five score years ago..." unha particular forma de dicir "cen anos" en inglés (pois score son 20 anos e 20 x 5 = 100).

As alusións bíblicas tamén son comúns. Por exemplo, King alude ao Salmo 30:5 na segunda estrofa do seu discurso. Di en referencia á abolición da escravitude articulada pola Proclamación de Emancipación , "chegou como un precioso amencer para terminar unha longa noite de cativerio." Outra alusión bíblica atopámola na décima estrofa: "Non, non; non estamos satisfeitos e non quedaremos satisfeitos ata que "a xustiza rode como a auga e a rectitude como unha poderosa corrente." Esta é unha alusión a Amós 5:24. King tamén cita de Isaías 40:4 -"Soño que algún día os vales serán cumes..."

A formación relixiosa do orador percíbese claramente xa que utiliza tres veces a expresión "fillos de Deus", fala de que "a gloria de Deus será revelada, e unirase todo o xénero humano", dá ánimo á súa xente dicíndolles unha mensaxe cristiá "Continúen traballando coa convicción de que o sufrimento que non é merecido, é emancipador" e pechando o discurso con ""Libres ao fin! Libres ao fin! Grazas a deus omnipotente, somos libres ao fin!".

Paralelismo, ou "usar a mesma fraseoloxía inicial nunha secuencia de afirmacións ou frases para agregar énfases, orde, ou clímax a unha idea" (Campbell & Huxman, 2002, p. 177), é unha ferramenta retórica empregada a través de todo o discurso. Un exemplo de paralelismo atopámolo case ao principio cando King insta o seu público a aproveitar o momento "Agora é o momento..." é repetido catro veces na sexta estrofa. O exemplo máis citado de paralelismo atopámolo na frase "Eu teño un soño..." que repetida oito veces cando King describe á súa audiencia unha imaxe duns Estados Unidos de América integrado e unido.

King comeza falando da Proclamación de Emancipación que fora asinada había cen anos (1863), e de como aínda existía a segregación a pesar do que ese e outros documentos históricos do seu país prometían. Fai fincapé en que ese era o momento para facer o cambio, e aínda que aclara que a violencia non é o camiño, a súa mensaxe é poderosa e persuasiva. Pide xustiza e cambio, e afirma que é o comezo da loita, aínda que descarta a violencia como medio (dedica dúas estrofas a previr isto). Describe o padecemento da raza negra nese momento con exemplos contundentes (non poder parar en moteis, non poder votar etc), e pídelles que sigan loitando polos seus ideais. O momento máis emotivo é cando describe -co famoso "Eu teño un soño"- o país que imaxina para os seus fillos: un no que os mozos brancos e negros convivan sen ningún tipo de prexuízo. Despide aos asistentes dicíndolles que volvan tranquilos aos seus lugares, que dalgún modo o cambio ía chegar. E termina ampliando a visión dunha sociedade unida ao falar non só de razas que deixen de lado as súas diferenzas, senón tamén de relixións. "Eu Teño Un Soño" Foi o discurso máis popular de Martin Luther King JR. Ese discurso foi exposto o 28 de agosto de 1968.

  1. CRTVG (ed.). "Cincuenta anos de "Teño un soño", a famosa frase pronunciada por Luther King". Arquivado dende o orixinal o 10 de marzo de 2018. Consultado o 9 de marzo de 2018. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]