Solífugos
Solífugos Rango fósil: carbonífero tardío - actualidade | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Solífugo en Arizona | |||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||
| |||||||||||
Familias | |||||||||||
|
A dos solífugos (Solifugae) é unha orde de animais da clase dos arácnidos.
O nome Solifugae deriva do latín e significa "os que foxen do sol".
A orde tamén se coñeceu cos nomes Solpugida, Solpugae, Galeodea e Mycetophorae.
A orde inclúe máis de 1 000 especies descritas encadradas en 153 xéneros.
Aínda que se parecen a outros arácnidos, son diferentes dos escorpións (orde Scorpiones) e arañas (orde Araneae), pero teñen un parentesco máis estreito cos escorpións que coas arañas.
Igual que as arañas, os solífugos teñen o corpo dividido en dous tagmas: o opistosoma (abdome) detrás e o prosoma diante (este é unha combinación da cabeza e o tórax, é dicir un cefalotórax).
No extremo frontal, o prosoma ten dous quelíceros que, na maioría das especies, son bastante longos. Os quelíceros fan a función de mandíbulas e en moitas especies úsanse tamén para a estridulación.
A diferenza dos escorpións, os solífugos non teñen un terceiro tagma que forme unha "cola".
A maioría das especies de solífugos viven en climas secos e aliméntanse de forma oportunista de artrópodos que viven no chan e doutros pequenos animais. As especies máis grandes crecen ata os 12–15 cm, incluíndo as patas. Aínda que teñen mala fama, en realidade non son perigosos para os humanos.
Anatomía
[editar | editar a fonte]Os sollífugos son arácnidos de moderadamente pequenos a grandes (duns poucos mm a varios cm de lonxitude), e as especies máis grandes chegan a 12–15 cm de lonxitude incluíndo as patas.[1][2]
Na práctica, as lonxitudes das patas dalgunhas especies difiren moito, polo que as medidas totais poden causar confusión sobre o seu tamaño. As medidas máis prácticas son as da lonxitude do corpo, citando por separado as lonxitudes das patas. A lonxitude corporal chega ata os 7 cm.[3][4]
A maioría das especies teñen lonxitudes próximas a 5 cm, e algunhas especies pequenas teñen unha lonxitude corporal (sen patas) de algo menos de 1 cm cando chegan á madurez.[5]
Igual que a orde das arañas (Araneae), o plan corporal dos Solifugae consta de dúas grandes porcións ou tagmas: o prosoma ou cefalotórax, que é o tagma anterior, e o opistosoma ou abdome posterior de 10 segmentos.
Como se mostra nas ilustracións, o prosoma e o opistosoma dos solífugos non están separados por unha clara constrición ou pedicelo como o que teñen as arañas. A falta de pedicelo e a ausencia de fileiras para producir seda (non forman teas como as arañeiras) son as principais diferenzas coas arañas. As arañas necesitan ter unha considerable mobilidade no seu abdome para facilitaren o tecido dos fíos de seda, cousa que non se observa nos solífugos.
O prosoma comprende a cabeza, as pezas bucais, e os somitas que levan as patas e os pedipalpos. O prosoma inclúe a cabeza e o tórax pero non está dividido en claros tagmas ben distinguibles, o prosoma ten un exoesqueleto anterior grande e relativamente ben definido, que leva os ollos do animal e os quelíceros, e unha sección posterior máis pequena que leva as patas.[5][6]
Igual que os pseudoescorpións e opilións, os solífugos carecen de pulmóns en libro, e no seu lugar teñen un sistema de traqueas ben desenvolvido que inhala e exhala aire a través de tres pares de fendas (espiráculos) situadas na parte inferior do animal.
Quelíceros
[editar | editar a fonte]Entre as características máis distintivas dos solífugos están os seus grandes quelíceros, que en moitas especies son máis longos que o prosoma. Cada un dos dous quelíceros consta de dous artellos (pezas conectadas por unha articulación),[7] que forman unha forte pinza, parecida á dos cangrexos; cada artello leva un número variable de dentes ou protuberancias, que depende da especie.[5][6] Os quelíceros de moitas especies son sorprendentemente fortes; teñen a capacidade de segar os pelos ou plumas de presas vertebradas ou prea, e de cortar a pel e ósos finos como os dos pequenos paxaros.[8] Moitos solífugos estridulan cos seus quelíceros, producindo un ruído repenicante.[2]
Patas e pedipalpos
[editar | editar a fonte]Como a maioría dos arácnidos, aínda que os solífugos parece que teñen cinco pares de patas, só os catro pares posteriores son verdadeiras patas; os outros apéndices que parecen patas son os pedipalpos. As auténticas patas teñen sete segmentos: coxa, trocánter, fémur, patela, tibia, metatarso e tarso.[8][9]
O primeiro (ou anterior) par de apéndices que aparentemente parecen patas non o son, senón que son os pedipalpos, os cales constan só de cinco segmentos. Os pedipalpos dos solífugos funcionan parcialmente como órganos sensoriais similares ás antenas dos insectos, e en parte úsanse na locomoción, alimentación ou loita. Na locomoción normal, os pedipalpos apenas tocan o chan, senón que se manteñen altos para detectar obstáculos ou presas. Un feito que indica a gran dependencia dos solífugos dos seus sensores táctiles, é que as súas patas verdadeiras anteriores xeralmente son menores e máis delgadas que os tres pares posteriores. Ese par de patas anterior máis pequeno actúa en gran medida con función sensorial como un complemento da función dos pedipalpos, e en moitas especies carece de tarsos. Na punta dos pedipalpos, os solífugos levan órganos adhesivos reversibles, que poden usar para capturar presas voadoras, e que, polo menos nalgunhas especies, usan para subir por superficies lisas.[8][10]
Na maior parte dos casos, só usan para correr os tres pares de patas posteriores.[6][8] Debaixo das coxas e trocánteres do último par de patas os solífugos teñen órganos sensoriais con forma de abano chamados maléolos ou órganos raqueta. Ás veces, as follas dos maléolos están dirixidas cara a adiante, pero non sempre. Crese que son órganos sensoriais para a detección das vibracións no chan, quizais para detectar a aproximación dalqunha ameaza ou de posibles presas ou conxéneres cos que aparearse.[8] Estas estruturas poden ser quimorreceptores.[11]
Os machos son xeralmente menores que as femias, e teñen patas relativamente máis longas.[2] A diferenza das femias, os machos levan un par de filamentos chamados flaxelos (nada que ver cos flaxelos das células) en cada quelícero. Estes flaxelos, que se dobran cara a atrás sobre os quelíceros, denomínanse ás veces cornos e crese que teñen algún cometido sexual, aínda que a súa función non foi claramente establecida.[8]
Ollos
[editar | editar a fonte]Algunhas especies teñen ollos centrais grandes. Parecen ollos simples ou ocelos, e son sorprendentemente sofisticados. Poden recoñecer formas e úsanos para localizar presas e evitar os inimigos. Estes ollos teñen unha anatomía interna complexa.[12] En contraste, os ollos laterais están ausentes en moitas especies, e cando os hai son bastante rudimentarios.
Clasificación
[editar | editar a fonte]Os Solifugae clasifícanse nunha orde propia, e non deben confundirse coas arañas (orde Araneae). A orde dos solífugos comprende unhas 1 000 especies destritas en 153 xéneros asignados ás seguintes 12 familias:[13]:213
- Ammotrechidae
- Ceromidae
- Daesiidae
- Eremobatidae
- Galeodidae
- Gylippidae
- Hexisopodidae
- Karschiidae
- Melanoblossidae
- Mummuciidae
- Rhagodidae
- Solpugidae
Ademais, existe a familia Protosolpugidae da que só se coñece unha especie fósil atopada en xacementos do Pennsilvaniano.
Ecoloxía
[editar | editar a fonte]Aínda que os solífugos se consideran indicadores endémicos do bioma desértico,[5]:1 son frecuentes tamén en zonas semidesérticas e zonas arbustivas. Algunhas especies tamén viven en praderías e hábitats forestais. Os solífugos xeralmente habitan en hábitats cálidos e áridos, como todos os desertos e matos secos de todos os continentes, agás en Australia e na Antártida.[2]
Os solífugos son carnívoros ou omnívoros, e a maioría das especies se alimentan de térmites, escaravellos e outros pequenos artrópodos que habitan no chan. Os solífugos son cazadores agresivos e oportunistas voraces e hai rexistros de que se alimentan nalgúns casos de serpes, pequenos lagartos e roedores.[5]
As súas presas localízanas cos pedipalpos e mátanas e córtanas en cachos cos quelíceros e macéranas. As presas son así convertidas nunha pasta, levadas á boca e as partes amolecidas son inxeridas a través da farinxe. Aínda que normalmente non atacan a humanos, os seus quelíceros poden penetrar na pel humana e causar dor.[2]
Diversos predadores como certos morcegos (Nycteris grandis), escorpións, sapos, e insectívoros poden alimentarse de solífugos.
Ciclo de vida
[editar | editar a fonte]Os solífugos son tipicamente univoltinos (reprodúcense unha vez ao ano).[5]:8
A reprodución pode implicar a transferencia directa ou indirecta de esperma. Cando é indirecta, o macho emite un espermatóforo e deposítao no chan e despois insértao, colléndoo cos seus quelíceros, no poro xenital da femia. Para facelo, bótase sobre as costas da femia.
A femia entón cava un burato no chan no que deposita de 50 a 200 ovos. Algunhas especies fan garda no lugar ata que os ovos eclosionan.
Como a femia non se alimenta durante ese tempo, procura acumular graxa previamente, e nunha especie de 5 cm observouse que comera máis de 100 moscas durante ese tempo no laboratorio.[2]
Os solífugos pasan por diversos estadios de desenvolvemento, incluíndo o ovo, postembrión, de 9 a 10 ínstares ninfais e adulto.[5]
Solífugos e humanos
[editar | editar a fonte]Os solífugos foron recoñecidos como un taxon diferente doutros xa desde a Antigüidade. Os gregos considerábanos distintos das arañas; así, as arañas denominábanas ἀράχνη (arachne) mentres que aos solífugos chamábanlles φαλάνγιον (phalangion). Na obra de Claudio Aeliano De natura animalium, son mencionados erradamente, xunto cos escorpións, como responsables do abandono dunha rexión en Etiopía. Anton August Heinrich Lichtenstein teorizou en 1797 que os "ratos" que causaron unha praga aos filisteos mencionados no Vello Testamento eran en realidade solífugos.
Sobre os solífugos cóntanse historias nas que se esaxera moito en canto ao seu tamaño, velocidade, comportamento, apetito e letalidade. Pero non son especialmente grandes e como máximo chegan a arredor de 12 cm.[2] Tampouco hai ningún estudo realmente confirmado que indique que hai especies de solífugos velenosas, e, de feito, non se encontraron neles glándulas velenosas nin aparatos para inxectar o veleno.[14][15] Aínda que non son velenosos, os poderosos quelíceros dos exemplares grandes poden inflixir beliscos dolorosos, pero que non son medicamente significativos.[16]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Egyptian giant solpugid (camel spider) Galeodes arabs". National Geographic. Arquivado dende o orixinal o 21 de xaneiro de 2010. Consultado o June 10, 2011.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 G. Schmidt (1993). Giftige und gefährliche Spinnentiere (en German). Westarp Wissenschaften. ISBN 3-89432-405-8.
- ↑ Pechenik, Jan (1996). Biology of the Invertebrates. Dubuque: Wm. C. Brown Publishers. ISBN 0-697-13712-0.
- ↑ Mullen, Gary R. (2009). Medical and Veterinary Entomology (2 ed.). Burlington, Massachusetts: Academic Press. ISBN 978-0-12-372500-4.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 Fred Punzo (1998). The Biology of Camel-Spiders. Springer. ISBN 0-7923-8155-6. Consultado o January 25, 2010.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 Barnes, Robert D. (1982). Invertebrate Zoology. Philadelphia, PA: Holt-Saunders International. pp. 613–614. ISBN 0-03-056747-5.
- ↑ Brown, Lesley (1993). The New shorter Oxford English dictionary on historical principles. Oxford: Clarendon Press. ISBN 0-19-861271-0.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 Holm, Erik; Dippenaar-Schoeman, Ansie (2010). Goggo Guide: The arthropods of southern Africa. Pretoria: LAPA Publishers. ISBN 0799346896.
- ↑ Filmer, Martin (1997). Southern African Spiders. City: BHB International / Struik. ISBN 1-86825-188-8.
- ↑ Harmer, Sir Sidney Frederic; Shipley, Arthur Everett et alia: The Cambridge natural history Volume 4, Crustacea, Trilobites, Arachnida, Tardigrada, Pentastomida etc. Macmillan Company 1895
- ↑ Punzo, Fred (1998). The Biology of Camel-Spiders: Arachnida, Solifugae. Boston, MA: Springer US. p. 66. ISBN 9781461557272. Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2017. Consultado o 21 November 2015.
- ↑ Beklemishev, Vladimir (1969). Principles of Comparative Anatomy of Invertebrates. Chicago: University of Chicago Press. ISBN 0226041751.
- ↑ Levin, Simon A. (2001). Encyclopedia of biodiversity, Volume 1. 2001: Academic Press. p. 943. ISBN 978-0-12-226866-3.
- ↑ M. Aruchami & G. Sundara Rajulu (1978). "An investigation on the poison glands and the nature of the venom of Rhagodes nigrocinctus (Solifugae: Arachnida)". Nat. Acad. Sci. Letters (India) 1: 191–192.
- ↑ Klann, Anja Elisabeth. Histology and ultrastructure of solifuges comparative studies of organ systems of solifuges (Arachnida, Solifugae) with special focus on functional analyses and phylogenetic interpretations Dissertation: Greifswald, Univ., Diss., 2009 Edition/Format:Thesis/dissertation Manuscript: eBook Archival Material: English View all editions and formats Database:WorldCat. [1] Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine.
- ↑ David Penney (2009). "Solifugae (camel spiders)". Common Spiders and Other Arachnids of The Gambia, West Africa. Siri Scientific Press. p. 71. ISBN 978-0-9558636-3-9.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Solífugos |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Solífugos |
- "Camel Spiders: Behind an E-Mail Sensation From Iraq". National Geographic. 29 de xuño de 2004.
- "The Arachnid Order Solifugae". Arquivado dende o orixinal o 10 de marzo de 2021. Consultado o 16 de novembro de 2016.