Sigrid Kaag
Sigrid Agnes Maria Kaag, nada en Rijswijk o 2 de novembro de 1961, é unha política e diplomática neerlandesa.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Filla dun pianista[1], medrou en Zeist e en 1980 foi á Universidade de Utrecht para estudar filoloxía árabe pero acabou mudando de idea e licenciouse en 1985 en estudos de Oriente Medio pola Universidade Americana no Cairo. Conta cun mestrado en política e economía do Oriente Medio da Universidade de Exeter (1987) e outro de relacións internacionais do St Antony's College de Oxford (1988). En 1990 realizou un curso de relacións internacionais no Instituto Clingendael[2].
Entre 1988 e 1990 traballou como analista[3]para a Shell en Londres. En 1990 volveu aos Países Baixos e entrou a traballar no departamento de relacións políticas coa ONU do ministerio de asuntos exteriores, posto no que permaneceu ata 1993. En 1994 comezou a traballar para as Nacións Unidas e ata 1997 foi xefa de proxectos e directora de relacións cos doadores da UNRWA, a axencia da ONU para os refuxiados palestinos en Oriente Medio, con sede en Xerusalén. Entre 1998 e 2004 traballou na Organización Internacional para as Migracións en Xenebra e en 2004 e 2005 foi conselleira principal da ONU en Khartún e Nairobi. De 2007 a 2010 foi un directora rexional para o Oriente Medio e África do Norte de UNICEF en Amán. Dende 2010 a 2013 foi subsecretaria xeral, do Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD) con sede en Nova York. Entre outubro de 2013 e setembro de 2014 encabezou a misión conxunta da Organización para a Prohibición das Armas Químicas e da ONU en Siria[4] coordinando un equipo composto por un cento de expertos co encargo de aseguraren a destrución das armas químicas nese país e tras completar o seu labor en Siria a partir de decembro de 2014[5] e ata outubro de 2017 foi coordinadora especial da ONU no Líbano.
A proposta do partido dos Demócratas 66[6] o 26 de outubro de 2017 incorporouse ao gabinete Rutte III como ministra de Comercio Exterior e Cooperación para o Desenvolvemento. Ao reducir o presidente estadounidense, Donald Trump á metade a axuda á UNRWA, Kaag transferiulle á maior brevidade 13 millóns de euros á organización, feito que creou malestar cos socios da coalición: VVD, CDA e ChristenUnie ao consideraren pouco transparente a comunicación sobre o asunto[7]
Tras a destitución do ministro de Asuntos Exteriores, Halbe Zijlstra, o 13 de febreiro de 2018, Kaag asumiu interinamente as súas funcións[8] ata o nomeamento de Stef Blok o 7 de marzo. Kaag é unha das favoritas para asumir o liderado do seu partido[9], vacante dende outubro de 2018.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Theo Koelé (13 de xaneiro de 2014). "'In licht van de tragedie is dit bescheiden missie'". de Volkskrant.
- ↑ "Curriculum Vitae Sigrid Kaag". government.nl. Arquivado dende o orixinal o 06 de xaneiro de 2018. Consultado o 09 de xuño de 2020.
- ↑ "Dutch woman Sigrid Kaag tasked with eradicating Syria's chemical weapons". The Australian. 17 de outubro de 2013.
- ↑ "Sigrid Kaag: verdedigster van de Palestijnse zaak. Nederlandse VN-diplomate gaat ontwapeningsmissie in Syrië leiden", NPO Geschiedenis, 16 de outubro de 2013
- ↑ "Secretary-General Appoints Sigrid Kaag of Netherlands as Special Coordinator for Lebanon". un.org. 1 de decembro de 2014.
- ↑ "S.A.M. (Sigrid) Kaag MA, MPhil". parlement.com.
- ↑ VVD, CDA en CU knarsetanden na Palestijnse hulpgeldactie minister Kaag, nos.nl, 26 de xaneiro de 2018
- ↑ "Minister Sigrid Kaag neemt taken Zijlstra over". Elsevier Weekblad. 13 de febreiro de 2018. Arquivado dende o orixinal o 10 de xuño de 2020. Consultado o 09 de xuño de 2020.
- ↑ "Het nieuwe motto van D66: Wachten op Kaag". de Volkskrant. 29 de maio de 2020.