Serbia
Србија (sr) | |||||
Himno | Bože pravde | ||||
---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||
| |||||
Capital | Belgrado | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 7.022.268 (2017) (79,35 hab./km²) | ||||
Lingua oficial | lingua serbia | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 88.499 km² | ||||
Punto máis alto | Big Rudoka (en) (2.660 m) | ||||
Punto máis baixo | Rio Timok (pt) (28 m) | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Creación | 2006 | ||||
Día festivo | |||||
Organización política | |||||
• Presidente | Aleksandar Vučić (2017–) | ||||
Órgano executivo | Government of Serbia (en) | ||||
• Anexo:Lista (pt) | Miloš Vučević (en) (2024–) | ||||
Órgano lexislativo | Assembleia Nacional da Sérvia (pt) , (Escano: 250) | ||||
Membro de | |||||
PIB nominal | 63.082.021.206 $ (2021) | ||||
Moeda | Dinar serbio | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
Dominio de primeiro nivel | .rs e .срб (mul) | ||||
Prefixo telefónico | +381 | ||||
Teléfono de emerxencia | 192 (pt) , 193, 194, 92 (en) , 93 e 94 | ||||
Código de país | RS | ||||
Código NUTS | RS | ||||
Páxina web | srbija.gov.rs | ||||
Serbia,[1] oficialmente República de Serbia,[2] é un país sen litoral situado na Península dos Balcáns, ao centro e sueste de Europa. Linda ao norte con Hungría, ao nordés con Romanía, ao sueste con Bulgaria, ao sur con Macedonia do Norte, ao suroeste con Montenegro e ao oeste con Bosnia e Hercegovina e Croacia. Serbia reclama, amais, unha fronteira con Albania a través do territorio disputado de Kosovo. O país posúe aproximadamente unha poboación de 6,6 millóns de habitantes, excluíndo a Kosovo. A capital, Belgrado, é tamén a súa cidade máis grande e poboada.
A actual Serbia foi creada en 1817 trala Segunda revolta serbia. Máis adiante, o país estendeu as súas terras cara ao sur ocupando o actual Kosovo, a rexión de Rascia e parte da rexión de Macedonia (en 1912). En 1918 a antiga provincia autónoma da Voivodina proclamou a súa secesión do Imperio Austrohúngaro uníndose á Serbia nese mesmo ano. As fronteiras actuais do país establecéronse trala segunda guerra mundial, cando a Serbia se converteu nun estado federal dentro da República Federal Socialista de Iugoslavia. Serbia tornouse de novo un estado independente no 2006, trala ruptura de Montenegro coa unión formada trala disolución da Iugoslavia na década dos 90.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O nome de Serbia (Srbija, ou terra dos serbios) vénlle dado polos seus máis antigos poboadores eslavos, os serbios (srbi), cuxa orixe é incerta. De acordo coa Crónica de Néstor, a historia do primeiro estado eslavo oriental (o Rus de Kíiv), os serbios atópanse entre os cinco primeiros pobos eslavos que foron coñecidos polo seu nome moderno. Crese que os serbios son mencionados por primeira vez por Claudio Tolomeo no século II, na súa Geographia (libro 5, 9.21), para designar os Serboi, unha tribo que habitaba en Sarmacia, probablemente ao norte do Cáucaso, xunto ao baixo Volga, ou xunto ao Mar Negro.
Unha das hipóteses máis aceptadas é a de que os sorbios ou sorabos (Serbja) que habitan Alsacia comparten ascendencia cos serbios (en lingua serbia sorbio dise Lužički Srbii, ou serbio de Lusacia). Segundo esta hipótese, os eslavos serboi que no século V partiron do Cáucaso cara a Europa son os devanceiros comúns de serbios e sorbios, que se dividiron en dous grupos. Un dos grupos (os antepasados dos serbios), coñecido como os serbios brancos (beli srbi), emigrou aos Balcáns arredor do 610 ou 626 encabezado polo Arconte Descoñecido. Pola súa axuda ao emperador Heraclio nas súas loitas contra os ávaros, este permitiulles establecerse nunha área da provincia de Macedonia, próxima á actual cidade grega de Serbia. Posteriormente, produciuse a súa expansión cara ao norte.
Historia
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Historia de Serbia.
O actual territorio da Serbia fixo parte da provincia romana da Mesia dende o ano 29 a.C. No século VII, a rexión foi invadida polos serbios, pobo eslavo que viña de Galitsia (Europa central). Vasalos do Imperio Romano de Oriente, os serbios diferenciáronse dos croatas pola súa conversión ó cristianismo bizantino no ano 875 e pola adopción do alfabeto cirílico. A Igrexa Ortodoxa Serbia conseguiu a súa autonomía no século XIII, co Santo Sava como o seu arcebispo.
Durante a Idade Media o país gozou dun curto apoxeo durante o reinado de Estevo Duchan (1331-1355), seguido dun rápido declive. Trala derrota fronte aos turcos na batalla de Kosovo Poliê (1389), a Serbia pasou a ser incorporada ó Imperio Otomán.
Entre 1459 e 1804 Serbia estivo baixo o control dos otománs, malia as tres invasións austríacas e as numerosas rebelións. Durante a invasión, o islam tivo un período de expansión levando á conversión de moitos serbios. Estes convertidos rexeitaron chamarse serbios, adoptando a denominación de muslimani e, posteriormente, de bosníacos.
Serbia gañou a súa autonomía ó Imperio Otomán en dous levantamentos en 1804 e 1815, aínda que as tropas turcas seguiron na capital, Belgrado, ata 1867. Serbia foi un principado entre 1817 e 1882, e un reino entre 1882 e 1918, tempo no cal a política interna xirou, en gran parte, arredor da rivalidade dinástica das familias Obrenović e Karađorđević.
O asasinato na capital bosníaca, Saraxevo, o 28 de xuño de 1914, do Arquiduque Francisco Fernando, herdeiro do trono dos Habsburgo, por Gavrilo Princip, un mozo serbo-bosníaco, motivou un ultimato de Viena demandando a Serbia que lle permitira unha investigación austrohúngara do complot sobre o chan serbio. A pesar da aceptación de Serbia (o 25 de xullo) de case tódalas demandas, o Imperio Austrohúngaro declaroulle a guerra o 28 de xullo de 1914. A mobilización de Rusia en apoio de Serbia, pola súa parte, provocou un ultimato alemán demandando a retirada das súas forzas, e a declaración de guerra entre as grandes potencias durante a primeira semana de agosto.
Tralo fin da primeira guerra mundial, Serbia uniu os Reinos dos serbios, croatas e eslovenos, e cambiou o seu nome polo de Reino de Iugoslavia en 1929. Trala segunda guerra mundial, Serbia converteuse en parte da República Federal Socialista de Iugoslavia. Trala disolución da Iugoslavia en 1992, despois da Guerra dos Balcáns, Serbia formou parte da República Federal xunto con Montenegro ata o 2003, ano no que a República pasou a chamarse Serbia e Montenegro, unión que se disolveu, o 3 de xuño de 2006 trala aprobación da independencia polos montenegrinos.
Xeografía
[editar | editar a fonte]Serbia atópase na península balcánica, ó sur da chaira panónica. O país atópase na encrucillada entre a Europa central, a Europa meridional, e a Europa do leste. O río Danubio (2.850 km) percorre o terzo norte do país; constituíndo a fronteira de Serbia coa Croacia e coa Romanía. O río Sava constitúe a fronteira sur da provincia da Vojvodina, uníndose co Danubio na capital, Belgrado. 60 km ó nordeste da capital, o río Tisza únese co Danubio despois de percorrer 1350 km ó longo da Ucraína.
O bordo leste do país está delimitado polos Cárpatos, os cales cruzan toda a Europa central ata xuntarse cos Balcáns. O cumio Midžor constitúe o punto máis alto do leste de Serbia cos seus 2.156 m. No sueste, os Balcáns xúntanse coas montañas Montañas Ródope, as cales chegan ata Grecia. As Montañas Sar de Kosovo forman a fronteira sur coa Albania, e posúen un dos cumios máis altos da rexión, o Djeravica (2.656 m). Os Alpes Dináricos fan fronteira oeste coa Bosnia e Hercegovina.
A totalidade de Serbia correspondía orixinariamente ao bioma de bosque morno de frondosas. Segundo o Fondo Mundial para a Natureza, o territorio de Serbia repártese entre catro ecorrexións:
- Bosque mixto de Panonia, no terzo norte.
- Bosque mixto dos Alpes Dináricos, na fronteira con Montenegro.
- Bosque mixto dos montes Ródope, nas montañas do sueste, fronteira con Bulgaria.
- Bosque mixto balcánico, no resto do país.
Clima
[editar | editar a fonte]O clima de Serbia varía entre o clima continental no norte, con invernos fríos e veráns húmidos e quentes, e o clima cálido do adriático, con veráns e outonos quentes e secos e invernos relativamente fríos e con intensas treboadas. As diferenzas climáticas son dadas polas distintas elevacións, a proximidade co mar Adriático e os longos cursos dos ríos que percorren o país.[3] A provincia da Voivodina posúe un clima tipicamente continental, influenciado polas masas frías de aire da Europa do norte.
A temperatura media do país entre 1961 e 1990 para o territorio situado entre os 300 m de altitude e duns 10,9 °C. As áreas atopadas entre os 300 e os 500 m de altitude teñen unhas temperaturas arredor dos 10,0 °C e aquelas situadas a máis de 1000 m de altitude teñen unha media de 6,0 °C.[4]
Cidades
[editar | editar a fonte]O seguinte cadro non inclúe as cidades de Kosovo, que o 17 de febreiro de 2008 proclamou a súa independencia de xeito unilateral e que non é recoñecida por Serbia, mais si por 98 estados membros das Nacións Unidas, entre eles a meirande parte dos estados membros da Unión Europea.
Listaxe | Municipio | Provincia | Pob. Urbana | Pob. Concello | Listaxe | Municipio | Provincia | Pob. Urbana | Pob. Concello | Belgrado Novi Sad Niš Kragujevac |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
1 | Belgrado | Serbia Central | 1.166.763 | 1.659.440 | 11 | Smederevo | Serbia Central | 64.175 | 108.209 | |
2 | Novi Sad | Voivodina | 231.798 | 341.625 | 12 | Leskovac | Serbia Central | 60.288 | 144.206 | |
3 | Niš | Serbia Central | 183.164 | 260.237 | 13 | Valjevo | Serbia Central | 58.932 | 90.301 | |
4 | Kragujevac | Serbia Central | 150.835 | 179.417 | 14 | Kruševac | Serbia Central | 58.745 | 128.752 | |
5 | Subotica | Voivodina | 97.910 | 141.554 | 15 | Vranje | Serbia Central | 55.138 | 82.782 | |
6 | Zrenjanin | Voivodina | 76.511 | 123.362 | 16 | Šabac | Serbia Central | 53.919 | 115.884 | |
7 | Pančevo | Voivodina | 76.203 | 123.414 | 17 | Užice | Serbia Central | 52.646 | 78.018 | |
8 | Čačak | Serbia Central | 73.331 | 115.337 | 18 | Sombor | Voivodina | 47.623 | 85.569 | |
9 | Novi Pazar | Serbia Central | 66.527 | 100.410 | 19 | Požarevac | Serbia Central | 44.183 | 74.070 | |
10 | Kraljevo | Serbia Central | 64.175 | 125.488 | 20 | Pirot | Serbia Central | 38.785 | 57.911 | |
Censo 2011[5] |
Goberno e política
[editar | editar a fonte]O actual Presidente de Serbia é Boris Tadić, líder do Partido Demócrata. Foi elixido por primeira vez co 53% dos votos na segunda rolda das eleccións presidenciais serbias do 27 de xuño de 2004, despois de varias eleccións fracasadas dende o 2002. Agora segue a ocupar o cargo logo de volver a vencer nas elección celebradas o 3 de febreiro de 2008, vencendo de novo ao seu rival nas anteriores eleccións Nikolić. O actual Primeiro Ministro do Goberno de Serbia, dende o 7 de xullo de 2008 é Mirko Cvetković, que substituíu no cargo ao antigo Presidente da República Federal de Iugoslavia Vojislav Koštunica, o cal substituíra a Slobodan Milošević como en outubro do ano 2000.
O día 21 de maio do 2006 celebrouse en Montenegro un referendo no que o 55,5% dos montenegrinos decidiron a disolución da unión con Serbia, o que constituíu a fin da República de Serbia e Montenegro como estado independente. Así o 3 de xuño do 2006 o Parlamento de Montenegro proclamou a súa independencia.
Os días 28 e 29 de outubro do 2006 convocáronse ás furnas a 6,6 millóns de electores dos 8.385 colexios electorais asignados, para votar o proxecto dunha nova constitución, aprobada anteriormente polo parlamento. En dito documento reivindícase á provincia de Kosovo como parte indisoluble da actual Serbia, aínda que nela se lle dá maior autonomía. Tamén se falou da autonomía da provincia de Voivodina, de maioría húngara. O proxecto busca un achegamento de Belgrado coa Unión Europea, confirmado no artigo un, onde se asegura que Serbia é un estado baseado en estándares e valores europeos. O 17 de agosto dese mesmo a Asemblea Nacional de Serbia adoptou como himno do país Bože Pravde (Deus da xustiza) e foi elixido como escudo real, ó escudo de Obrenović, o que substitúe ó Escudo de Armas de Serbia adoptado trala segunda guerra mundial e que fora inicialmente empregado no século XIX. Con todo, logo desta reforma constitucional, o 17 de febreiro de 2008 a provincia de Kosovo, de maioría albanesa proclamou de xeito unilateral a súa independencia, parcialmente recoñecida pola comunidade internacional.
Dereitos humanos
[editar | editar a fonte]En materia de dereitos humanos, respecto á pertenza nos sete organismos da Carta Internacional de Dereitos Humanos, que inclúen o Comité de Dereitos Humanos (HRC), Serbia firmou ou ratificou:
Serbia | Status dos principais instrumentos internacionais de dereitos humanos[6] | ||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
CESCR | CCPR | CERD | CED | CEDAW | CAT[7] | CRC | MWC | CRPD | |||||||||
CESCR | CESCR-OP[8] | CCPR | CCPR-OP1 | CCPR-OP2-DP | CEDAW | CEDAW-OP[9] | CAT | CAT-OP | CRC | CRC-OP-AC | CRC-OP-SC | CRPD | CRPD-OP[10] | ||||
Pertenza | |||||||||||||||||
Firmado e ratificado, firmado pero non ratificado, nin firmado nin ratificado, sen información, accedeu a firmar e ratificar o órgano en cuestión, pero tamén recoñece a competencia de recibir e procesar comunicacións individuais por parte dos órganos competentes. |
Divisións administrativas
[editar | editar a fonte]Oficialmente, a República de Serbia, consta da rexión histórica de Serbia (actualmente coñecida como Serbia Central) e das provincias autónomas de Voivodina (en serbio: Аутономна Покрајина Војводина/Autonomna Pokrajina Vojvodina) ao norte, e Kosovo e Metohija (en serbio: Косово и Метохија/Kosovo i Metohija) ao sur. Está dividida administrativamente en 29 distritos (en serbio: Округ/Okrug) e a Cidade de Belgrado.
Dos trinta distritos (incluída a Cidade de Belgrado), sete están situados en Voivodina, dezaoito en Serbia Central e os cinco restantes en Kosovo. Esta rexión atópase fora da administración gobernamental dende 1999, ano en que a Misión de Administración Provisional das Nacións Unidas en Kosovo se encargara desta.[11] O 17 de febreiro de 2008, Kosovo proclamou a súa independencia, non recoñecida por Serbia, e que se atopa en disputa na Organización das Nacións Unidas. Os distritos, pola súa parte, están divididos en concellos. No total son 192: 108 en Serbia Central, 54 en Voivodina e 30 en Kosovo. Serbia Central non é unha división administrativa, ao contrario que as dúas provincias autónomas, e non ten goberno propio.
Distritos por provincia
[editar | editar a fonte]- Serbia Central
Distrito | Provincia | Superficie (km²) |
Poboación (2002) |
Capital |
---|---|---|---|---|
Bor | Serbia Central | 3.507 | 146.551 | Bor |
Braničevo | Serbia Central | 3.865 | 200.503 | Požarevac |
Jablanica | Serbia Central | 2.769 | 240.923 | Leskovac |
Kolubara | Serbia Central | 2.474 | 192.204 | Valjevo |
Mačva | Serbia Central | 3.268 | 329.625 | Šabac |
Moravica | Serbia Central | 3.016 | 224.772 | Čačak |
Nišava | Serbia Central | 2.729 | 381.757 | Niš |
Pčinja | Serbia Central | 3.520 | 227.690 | Vranje |
Pirot | Serbia Central | 2.761 | 105.654 | Pirot |
Podunavlje | Serbia Central | 1.248 | 210.290 | Smederevo |
Pomoravlje | Serbia Central | 2.641 | 227.435 | Jagodina |
Raška | Serbia Central | 3.918 | 291.230 | Kraljevo |
Rasina | Serbia Central | 2.668 | 259.441 | Kruševac |
Šumadija | Serbia Central | 2.387 | 298.778 | Kragujevac |
Toplica | Serbia Central | 2.231 | 102.075 | Prokuplje |
Zaječar | Serbia Central | 3.623 | 137.561 | Zaječar |
Zlatibor | Serbia Central | 6.140 | 313.396 | Užice |
Cidade de Belgrado | Serbia Central | 3.222 | 1.576.124 | Belgrado |
- Voivodina
Distrito | Provincia | Superficie (km²) |
Poboación (2002) |
Capital |
---|---|---|---|---|
Bačka do Norte | Voivodina | 1.784 | 200.140 | Subotica |
Bačka do Oeste | Voivodina | 2.420 | 214.011 | Sombor |
Bačka do Sur | Voivodina | 4.016 | 593.666 | Novi Sad |
Banat Central | Voivodina | 3.256 | 208.456 | Zrenjanin |
Banat del Norte | Voivodina | 2.329 | 165.881 | Kikinda |
Banat del Sur | Voivodina | 4.245 | 313.937 | Pančevo |
Sirmia | Voivodina | 3.486 | 335.901 | Sremska Mitrovica |
- Kosovo*
Distrito | Provincia | Superficie (km²) |
Poboación (2002) |
Capital |
---|---|---|---|---|
Kosovo* | Kosovo | 3.117 | 672.292 | Priština |
Kosovo-Pomoravlje* | Kosovo | 1.412 | 217.726 | Gnjilane |
Kosovo-Mitrovica* | Kosovo | 2.050 | 275.904 | Kosovska Mitrovica |
Peć* | Kosovo | 2.450 | 414.187 | Peć |
Prizren* | Kosovo | 1.910 | 376.085 | Prizren |
*Esta é a división administrativa oficial da República de Serbia. Os distritos da Provincia de Kosovo e Metohija: Kosovo, Kosovo-Pomoravlje, Kosovo-Mitrovica, Peć e Prizren atópanse administrados polo autoproclamado Goberno de Kosovo, cunha nova organización administrativa, e baixo disputa internacional.
Demografía
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Demografía de Serbia.
Serbia está poboada maioritariamente por serbios. As principais minorías étnicas do país son os albaneses (os cales son maioría na provincia de Kosovo), os maxiares, os bosníacos, os xitanos, os croatas, os eslovacos, os montenegrinos, os macedonios, os búlgaros, os romaneses etc. As dúas provincias, Voivodina e Kosovo, son as moito máis diversas que a Serbia central, etnicamente e culturalmente falando debido a grande influencia que tiveron sobre elas o Imperio Habsburgo (sobre Voivodina) e o Imperio Otomán (sobre Kosovo).
Segundo o último censo oficial[12] do 2002, os principais grupos étnicos da Serbia eran:
- Total: 7.498.001.
- Serbios: 6.212.844 (82,86%).
- Maxiares: 293.172 (3,91%).
- Bosníacos: 136.464 (1,82%).
- Xitanos: 107.971 (1,44%).
- Iugoslavos: 80.978 (1,08%).
- Outros (menos do 1% cada etnia): 666.572 (8,89%).
Os albaneses da provincia de Kosovo non aparecen no censo, a súa poboación estímase en menos de 1,9 millóns só na provincia.
- Estatísticas da poboación da Serbia (maio do 2005):
- Serbia (total): 9.396.411.
- Vojvodina: 2.116.725.
- Serbial Central: 5.479.686.
- Kosovo: 1.800.000.
Economía
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Economía de Serbia.
Serbia posúe unha economía baseada en diversos servizos, na industria e na agricultura. No final da década de 1980, no comezo da transición económica, a posición do país foi favorable, aínda que estivo moi afectada polas sancións económicas da ONU que afectaron ó país entre 1992 e o 95, os danos na industria e nas infraestruturas do país causadas polos bombardeos da OTAN en 1999, e pola perda dos mercados da ex-Iugoslavia e o Comecon. Os principais problemas da economía serbia son o alto desemprego e a falta de reformas na economía do país.
Na actualidade Serbia exporta un terzo das exportacións mundiais de framboesas, e constitúe o principal produtor de froita conxelada.
Dende o ano 2000 o país experimentou un gran crecemento económico ( o crecemento do 2006 foi do 6.3 por cento), e está a comezares a preparar a súa candidatura á Unión Europea, o seu principal socio comercial. Outro dos principais problemas económicos do país é o seu déficit comercial entre as exportacións e as importacións xunto coa súa débeda. Nos próximos anos agárdase un maior impulso e crecemento económico no país grazas ás novas reformas e aos investimentos estranxeiros no país.
Dende a revolución do ano 2000 a economía serbia sufriu diversas reformas, especialmente dende o ano 2003 cando o crecemento económico comezou a situarse entre o 6 e o 7 por cento, e comezouse a rexistrar un récord de investimento estranxeiro. Espérase que o país recupere o seu PIB de preguerra nun curto período de tempo. O PIB de Serbia estimado para o 2006 foi de 50.688 billóns de dólares, o que son 6.771 dólares per cápita Purchasing Power Parity (PPP), 4.220 dólares (nominal). O crecemento do PIB no 2006 foi do 5,8 %, e no 2005 do 6,3 %. O FDI (Investimento Directo Estranxeiro) no 2006 foi de 5,85 billóns de dólares (4,5 billóns de euros).
Moeda
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Dinar serbio.
Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |
A moeda oficial de serbia é o Dinar serbio (en serbio: српски динар/srpski dinar) (código ISO: RSD). A moeda divídese en 100 para e foi adoptada en 2003 para substituír o dinar iugoslavo. A súa cotización, no final 2009 é aproximadamente de 1€ = 90 RSD.[13] Cómpre destacar que na provincia de Kosovo e Metohija a moeda utilizada é o euro, tal como no estado veciño de Montenegro, aínda que non sexan membros da eurozona.[14]
O Banco Central do país é o Banco Nacional de Serbia, cuxas funcións son a determinación e aplicación da política monetaria, o manexo das reservas de divisas, a emisión de billetes e moedas, e o mantemento dos sistemas financeiros. A súa sede está en Belgrado.
Transporte
[editar | editar a fonte]Historicamente Serbia, e particularmente o val do Morava, foi considerada zona de paso entre Oriente e Occidente, o que tamén condicionou a súa turbulenta historia. A ruta do val do Morava, que evita as rexións montañosas, é a maneira máis fácil de viaxar por terra dende a Europa continental a Grecia e Asia Menor. Esta zona foi pioneira nos Balcáns no estabelecemento do ferrocarril, en 1858 o primeiro tren chegou a Vrsac, entón Austria-Hungría. En 1884, completouse a ligazón entre Belgrado e Niš.[15] A empresa pública Ferrocarrís de Serbia encárgase das ligazóns ferroviarias en todo o país, que supoñen 3.808 km de vía férrea, un terzo da cal é electrificada.[16] As cifras de pasaxeiros dos ferrocarrís serbios foron de 7.234.000 en 2003, 7.569.000 en 2004, 6.492.000 en 2005 e 6.445.000 en 2006.[17] Serbia tamén está cruzada por unha considerable rede de estradas, 42.692 km de asfalto e 24.860 km de formigón.[18] En 2007, en Serbia existían matriculados 1.476.642 automóbiles, 24.897 motocicletas, 8.887 autobuses, 129.877 camións, 25.802 vehículos de transporte especial, 127.263 tractores e 26.389 trailers.[19]
O río Danubio, a conexión de Europa central co Mar Negro, flúe a través de Serbia. Tamén é accesible o Mar do Norte a través da Canle Rin-Meno-Danubio. O río Tisza ofrece unha conexión con Europa do Leste, mentres que o río Sava conecta ao oeste con outras ex repúblicas iugoslavas, preto do Mar Adriático. De todos os xeitos, o transporte fluvial en Serbia aprovéitase tan só nun 5% en relación con outras formas de transporte.[20] Por iso, o goberno serbio acordou en 2009 un ambicioso plan para poñer en funcionamento este tipo de transporte, cunha nova lei de navegación e a sinatura de importantes acordos con outros países.[20]
O país conta con 4 aeroportos internacionais: o Belgrado-Nikola Tesla, o remocicado Niš-Constantino o Grande, o Aeroporto Internacional de Vršac e o Aeroporto de Priština, aínda que este é xestionado polo autoproclamado Goberno de Kosovo. O número de pasaxeiros que utilizaron o avión como medio de transporte no país foi de 1.615.000 en 2003, 1.814.000 en 2004, 1.824.000 en 2005 e 1.328.000 en 2006.[17] O transporte de mercadorías, con todo, incrementouse notablemente: 7.417 toneladas en 2003, 9.898 en 2004, 8.889 en 2005, e 9.034 en 2006.[17] Serbia posúe unha das compañías aéreas máis antigas do mundo, JAT Airways, fundada o 17 de xuño de 1927.[17] Excepto a alemá Germanwings, en 2008 aínda ningunha compañía de baixo custo se estableceu en Serbia.[17]
Turismo
[editar | editar a fonte]A oferta turística de Serbia divídese entre o turismo urbano, centrado nas grandes cidades de Belgrado, Novi Sad e Niš, e o relacionado con zonas rurais (sobre todo os seus mosteiros) e natureza (áreas montañosas de Zlatibor, Kopaonik, e Tara).[21] En 2007, visitaron Serbia 2,2 millóns de turistas, cun aumento do 15% respecto de 2006.[22]
Turismo urbano
[editar | editar a fonte]Entre os principais destinos do turismo en Serbio destacan as seguintes cidades:
- Belgrado: Os barrios e edificios históricos da capital serbia, como o Parlamento de Serbia, a Catedral de San Sava, o Teatro Nacional, o parque Kalemegdan ou o Museo Nacional son os máis emblemáticos e visitados da cidade. Tamén son moi apreciados polos visitantes os cruceiros polo Danubio.[23]
- Novi Sad: A cidade da cultura, con edificios históricos como o Concello, o Palacio do Bispo, a Catedral Ortodoxa e a Fortaleza de Petrovaradin. O Parque Nacional de Fruška Gora tamén está nas súas inmediacións.[24]
- Niš: O cruzamento de camiños europeo, os seus monumentos máis representativos son a súa fortaleza e o monumento á liberación. Nos seus arredores atópanse o balneario Nis Spa Center e os espazos naturais do canón de Sicevo Gorge, a reserva de Jelasnik Gorge e a cova Cerjanska.[25]
Patrimonio da Humanidade
[editar | editar a fonte]Serbia conta con catro lugares declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO,[26] son os seguintes:
- Stari Ras e Sopoćani, conxunto monumental medieval, situado nos arredores da cidade de Novi Pazar, dende 1979.[27]
- Mosteiro de Studenica, mosteiro ortodoxo serbio situado a 39 km ao suroeste de Kraljevo, dende 1986.[28]
- Monumentos medievais en Kosovo. Comprende o Mosteiro de Visoki Dečani, o Patriarcado de Peć, a Igrexa da nosa Señora de Ljeviš e o Mosteiro de Gračanica. Este conxunto munumental atópase clasificado como "en perigo", e á espera da resolución do conflito con Kosovo, entidade na que está situado, dende 2006.[29]
- Gamzigrad-Romuliana, Palacio de Galerio, un dos máis importantes xacementos romanos tardíos en Europa, dende 2007.[30]
Montaña
[editar | editar a fonte]As tres principais áreas montañosas, e as máis visitadas, de Serbia son as montañas de Zlatibor, Kopaonik, e Tara. Kopaonik é o centro invernal máis importante do país, e o de mellores infraestruturas para a práctica do esquí.[31] Zlatibor, situada no suroeste, conta tamén cunha destacada estación de esquí, e Tara é destacada polas súas paisaxes ben preservadas, aínda que tamén dispón de instalacións de esquí e importantes infraestruturas hostaleiras.[32]
Outros
[editar | editar a fonte]Entre as zonas máis visitadas hai que incluír tamén as formacións volcánicas de Đavolja Varoš,[33] as [peregrinacións por todo o país,[34] e os cruceiros ao longo dos ríos Danubio, Sava e Tisza. Entre os festivais máis importantes destacan o Festival EXIT en Novi Sad (proclamado mellor festival musical de Europa nos UK Festival Awards do Reino Unido en 2007)[35] e o Festival da trompeta de Guča.
Tamén hai un importante número de balnearios, sendo un dos máis importantes Vrnjacka Banja. Outros centros termais de importancia son Soko Banja, Niska Banja e Banja Vrujci.[36][37]
Cultura
[editar | editar a fonte]Serbia é un dos países cunha maior diversidade cultural de Europa, grazas ós grandes imperios que pasaron polo territorio da Serbia actual durante longos períodos históricos: entre o Imperio Romano de Occidente e o Imperio Romano de Oriente, primeiro, e entre o Imperio Otomán e o Imperio Austrohúngaro, despois. Como resultado, mentres que o norte é culturalmente centroeuropeo, o sur é máis ben oriental. Con todo, ámbalas dúas rexións recibiron influencias mutuas, polo que en calquera caso a diferenza entre o norte e o sur é puramente artificial.
A influencia do Imperio Bizantino en Serbia foi quizais a máis importante. Os serbios son cristiáns ortodoxos, non católicos, e posúe a súa propia igrexa nacional (a Igrexa Ortodoxa Serbia). Empregan, así mesmo, o alfabeto cirílico, aínda que neste século o emprego do alfabeto latino medrou considerablemente. Os mosteiros da Serbia, construídos durante a Idade Media, son algunhas das probas máis visibles da asociación medieval de Serbia con Bizancio.
Ciencia e tecnoloxía
[editar | editar a fonte]A grande achega serbia ao mundo da ciencia foi o físico, matemático, enxeñeiro eléctrico e soado inventor Nikola Tesla (1856-1943). Aínda que naceu en Smiljan (entón Imperio Austríaco e actualmente Croacia), Tesla era fillo e neto de sacerdotes da Igrexa ortodoxa serbia, e sempre evitou a elección entre serbio e croata, chegando a manifestar:
Síntome tan orgulloso das miñas raíces serbias como da miña patria croataNikola Tesla
Cando morreu en Nova York, o seu féretro foi cuberto coas bandeiras de Iugoslavia e dos Estados Unidos.[38] Considerado o descubridor da corrente alterna,[39] e precursor do radar, o control remoto, a telegrafía e os raios X, os inventos de Tesla revolucionaron o mundo científico de finais do século XIX, polo que está considerado o inventor máis influente do cambio de século.[39] En 1943, tras un longo litixio e despois da súa morte, a Corte Suprema dos Estados Unidos recoñeceu como súa a patente da radio, que se atribuíu erroneamente a Guglielmo Marconi.[39]
En Serbia, Tesla é considerado un heroe nacional, e en 1952 creouse o Museo Nikola Tesla en Belgrado, onde se atopa a furna coas súas cinzas,[40] ademais dos seus instrumentos, proxectos e obxectos persoais e a súa biblioteca.[41] Ademais, os billetes de 100 dinares levan a súa imaxe no anverso, e o principal aeroporto do país foi bautizado en 2006 como Aeroporto de Belgrado-Nikola Tesla. Tamén unha unidade de medida, un cráter da Lúa e un asteroide levan o seu nome.[42]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ En lingua serbia, Srbija ou Србија.
- ↑ En lingua serbia, Republika Srbija ou Република Србија.
- ↑ Serbia, Encyclopedia Britannica Online
- ↑ Basic Climate Characteristics for the Territory of Serbia Arquivado 07 de xuño de 2007 en Wayback Machine., Hydrometeorologic Service of Serbia
- ↑ Censo de 2011
- ↑ Oficina do Alto Comisionado para os Dereitos Humanos. "Status by country" (en inglés). Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. Arquivado dende o orixinal o 14 de agosto de 2013.
- ↑ Convención contra la Tortura y Otros Tratos o Penas Crueles, Inhumanos o Degradantes (Resolución) (en castelán). Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. 10 de decembro de 1984. 39/46. Arquivado dende o orixinal o 7 de marzo de 2013.
- ↑ Protocolo Facultativo del Pacto Internacional de Derechos Económicos, Sociales y Culturales (PDF) (Resolución) (en castelán). Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. 10 de decembro de 2008. A/RES/63/117. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 9 de febreiro de 2014.
- ↑ Protocolo Facultativo de la Convención sobre la eliminación de todas las formas de discriminación contra la mujer (Resolución) (en castelán). Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. 6 de outubro de 1999. A/54/4. Arquivado dende o orixinal o 7 de marzo de 2013.
- ↑ Protocolo facultativo de la Convención sobre los derechos de las personas con discapacidad (Resolución) (en castelán). Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. Arquivado dende o orixinal o 2 de agosto de 2014.
- ↑ "As Nacións Unidas. Paz para Kosovo". Arquivado dende o orixinal o 02 de marzo de 2000. Consultado o 23 de novembro de 2009.
- ↑ "Statistical office of the Republic of Serbia". Arquivado dende o orixinal o 02 de marzo de 2008. Consultado o 23 de maio de 2007.
- ↑ Taxas de troco
- ↑ Kosovo é de tódolos seus cidadáns
- ↑ "Serbian railways". Arquivado dende o orixinal o 19 de abril de 2011. Consultado o 24 de novembro de 2009.
- ↑ "Xeral Terms". Arquivado dende o orixinal o 24 de maio de 2009. Consultado o 24 de novembro de 2009.
- ↑ 17,0 17,1 17,2 17,3 17,4 "O mercado do transporte aéreo en Serbia". Arquivado dende o orixinal o 23 de marzo de 2010. Consultado o 24 de novembro de 2009.
- ↑ Statistics
- ↑ "Vehículos de motor rexistrados". Arquivado dende o orixinal o 13 de novembro de 2010. Consultado o 24 de novembro de 2009.
- ↑ 20,0 20,1 "Plans ambiciosos para o transporte fluvial". Arquivado dende o orixinal o 16 de setembro de 2019. Consultado o 24 de novembro de 2009.
- ↑ "Turismo". Arquivado dende o orixinal o 25 de outubro de 2009. Consultado o 24 de novembro de 2009.
- ↑ "Turistički promet u Republici Srbiji u periodu januar-novembar 2007". Arquivado dende o orixinal o 17 de febreiro de 2010. Consultado o 24 de novembro de 2009.
- ↑ Dragin, Aleksandra; Jovicic, Dobrica; Lukic, Tamara (2010). "Cruising along the river Danube: Contemporary tourism trend in Serbia". Geographica Pannonica (en inglés) 14 (3): 98–108. ISSN 0354-8724. doi:10.5937/GeoPan1003098D.
- ↑ "Novi Sad, City of culture". Arquivado dende o orixinal o 19 de decembro de 2009. Consultado o 24 de novembro de 2009.
- ↑ "Nis, European crossroads". Arquivado dende o orixinal o 28 de outubro de 2009. Consultado o 24 de novembro de 2009.
- ↑ Serbia. Properties inscribed on the World Heritage List
- ↑ Stari Nivel and Sopoćani
- ↑ Studenica Monastery
- ↑ Medieval Monuments in Kósovo
- ↑ Gamzigrad-Romuliana, Palace of Galerius
- ↑ "Skiing and snowboarding in Kopaonik". Arquivado dende o orixinal o 19 de novembro de 2009. Consultado o 24 de novembro de 2009.
- ↑ "Tara". Arquivado dende o orixinal o 22 de febreiro de 2010. Consultado o 24 de novembro de 2009.
- ↑ "New 7 Wonders of Nature Finalists". Arquivado dende o orixinal o 24 de xullo de 2009. Consultado o 24 de novembro de 2009.
- ↑ "Pilgrimage of Saint Sava". Arquivado dende o orixinal o 18 de outubro de 2007. Consultado o 24 de novembro de 2009.
- ↑ "Exit Festival: Best european festival". Arquivado dende o orixinal o 24 de agosto de 2011. Consultado o 24 de novembro de 2009.
- ↑ "Banje ou Srbiji". Arquivado dende o orixinal o 16 de agosto de 2009. Consultado o 24 de novembro de 2009.
- ↑ Banja Vrujci
- ↑ Tesla Society
- ↑ 39,0 39,1 39,2 Tesla, un xenio tomado por tolo
- ↑ "Aniversario da morte de Nikola Tesla". Arquivado dende o orixinal o 16 de setembro de 2019. Consultado o 24 de novembro de 2009.
- ↑ "O Museo Nikola Tesla en Belgrado". Arquivado dende o orixinal o 16 de setembro de 2019. Consultado o 24 de novembro de 2009.
- ↑ O inventor do mundo actual
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Serbia |
A Galipedia ten un portal sobre: Serbia |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- República Socialista de Serbia
- República Federal Socialista de Iugoslavia
- República Federal de Iugoslavia
- Serbia e Montenegro
- Kosovo
- Voivodina
- Historia de Serbia