Saltar ao contido

Semántica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A semántica é a subdisciplina da lingüística que se encarga de estudar o significado. A súa última revolución foi a da lingüística cognitiva, pois o estruturalismo de Ferdinand de Saussure (que descubriu a súa estrutura na lingua co construto das articulacións lingüísticas), non lle proporcionou demasiado desenvolvemento e o transformacionalismo de Noam Chomsky non lle deu demasiada importancia.

Entre os seus temas de estudo principais están os casos de sinonimia, homonimia, polisemia e campos semánticos. Co desenvolvemento multidisciplinar da lingüística cognitiva por parte de Ronald Langacker na década de 1980, reabríronse temas de traballo coma a metáfora, a metonimia e a categorización. Tamén está moi asociada á lexicoloxía (e polo tanto coa lexicografía), sobre todo mediante a estrutura chamada campo léxico.

Semántica filosófica e semántica lingüística

[editar | editar a fonte]

O signo lingüístico está composto por un significante e un significado, pero o falante que emprega o signo lingüístico pon a este en relación cun referente que non é outra cousa ca realidade.

A semántica filosófica preocuparase por cales son as relacións entre o signo lingüístico e o referente extralingüístico. A semántica lingüística estudará as unidades significativas mínimas diferenciais, 'os lexemas', e as relacións que entre eles se establecen no seo dunha lingua concreta.

Semántica diacrónica e semántica sincrónica ou lexicoloxía

[editar | editar a fonte]

A semántica, rama da lingüística que se ocupa dos cambios de significación que operan nas palabras, é unha ciencia diacrónica, fronte á lexicoloxía (tamén denominada semántica sincrónica), disciplina que estuda o léxico dunha lingua, e que traballa no plano sincrónico.

Semántica léxica e semántica gramatical

[editar | editar a fonte]

Debido á distinción entre 'significado léxico' e 'significado gramatical', dous ámbitos son recoñecidos na semántica:

  • a semántica léxica, que estuda o significado dos lexemas como unidades significativas léxicas e as relacións que entre eles se establecen, os 'campos léxicos'.
  • a semántica gramatical, que ten como obxectivo de estudo os morfemas gramaticais, o significado das categorías gramaticais e os modos de significar.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]