Saltar ao contido

Ruptura sino-soviética

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Ruptura Sino-Soviética»)

A ruptura sino-soviética é o nome que recibiu a crise das relacións diplomáticas entre a República Popular da China e a Unión Soviética que se orixinou nos últimos anos da década de 1950 e que se intensificaría durante a década de 1960.

Mao e Stalin xuntos en Moscova, celebrando o aniversario de Stalin en decembro de 1949.

As raíces do conflito entre os comunistas chineses e os soviéticos remontanse ao momento en que Mao Tse Tung se converteu no líder do Partido Comunista da China (ZG) contra as preferencias da URSS, que até aquel momento controloaba o ZG a través da Terceira Internacional. Mao tiña deseñado unha adaptación chinesa do marxismo-leninismo, baseándose máis no campesiñado que no proletariado industrial, e dando orixe a unha nova concepción da construción comunista denominada Nova Democracia. Na loita polo poder que se escenificou durante a Longa Marcha, Mao Tse Tung tornouse o líder indiscutíbel do comunismo chinés, por diante de Bo Wu e Wang Ming, apoiados por Moscova.

Coa vitoria do comunismo na guerra civil chinesa en 1949, e malia a animadversión que Stalin e Mao Tse Tung se profesaban mutuamente, os dous Estados comunistas necesitábanse. Pola parte soviética, a vitoria da revolución chinesa era vista como un avance fundamental no proceso de expansión mundial do comunismo (China era xa o país máis populoso do mundo), e, polo tanto, como unha vitoria da propia URSS ao liderar o movemento proletario internacional. Pola parte chinesa, a URSS da época de Stalin aparecía como a superpotencia comunista á que recorrer, especialmente tras a guerra de Corea, que bloqueara as relacións con Occidente.

Desenvolvemento do conflito

[editar | editar a fonte]

Porén, as diferentes visións chinesa e soviética sobre a colaboración entre os dous Estados provocarían unha ruptura crecente: a URSS pretendía tratar China como máis un dos seus satélites, ao modo dos países da Europa Oriental; e os dirixentes chineses pretendían un tratamento de igualdade coa propia URSS, á vez que consideraban que a axuda soviética era interesada. A subida ao poder de Nikita Khrushchev revelou discrepancias aínda máis profundas, que se agudizaron pola vontade de Khrushchev de lograr unha "convivencia pacífica" co capitalismo occidental, presuposto que Mao rexeitaba absolutamente.

En consecuencia, Mao comezou a considerar China como o novo referente principal do comunismo no mundo e, como tal, xustificada para relativizar as relacións cunha URSS que, do seu punto de vista, traizoaba a causa ideolóxica. Este enfrontamento ideolóxico tivo un dos seus fitos na cancelación, pola parte soviética, do programa de axuda á China para o seu proxecto nuclear. Ademais, Khrushchev, por temor a un enfrontamento cos Estados Unidos, non apoiaba as accións militares do Exército Popular de Liberación chinés a finais da década de 1950 nos arquipélagos de Matsu e Quemoi, controlados polo réxime nacionalista de Taiwán. No ano 1960, a Unión Soviética ordenou a saída de todos os seus expertos estabelecidos na China e cancelaba todos os proxectos de cooperación técnica. En 1962, coas relacións aínda máis tensas, a URSS denegou axuda á China nunha breve guerra contra a India polo control dunha zona de fronteira. Como resultado, a República Popular chinesa atopábase aínda máis illada internacionalmente, ao non contar co apoio do occidente capitalista nin do bloque comunista. Albania, o pequeno país europeo que tiña abandonado tamén o modelo soviético, convertíase, así, no seu único aliado.

Disputas territoriais e enfrontamento armado

[editar | editar a fonte]

A estas desavinzas ideolóxicas uníronse outras de tipo nacionalista. No Tratado de Amizade, Alianza e Asistencia Mutua asinado en 14 de febreiro de 1950, a China aceptara recoñecer a independencia da Mongolia exterior, antigo territorio chinés. No entanto, despois da morte de Stalin, o réxime chinés quixo reabrir a cuestión, ao que Khrushchev se negou na medida que aquilo supuña reconsiderar a fronteira sino-soviética. As disputas territoriais alcanzaron o seu momento crítico no incidente da ilha Zhenbao (en ruso, "Damanski") no río Ussuri, onde tivo lugar un enfrontamento entre tropas soviéticas e chinesas que motivou o punto máis frío das relacións entre os dous países, e que fixeron temer unha grande guerra entre as dúas potencias comunistas.

Mellora das relacións

[editar | editar a fonte]

Durante a década de 1970, a República Popular da China iniciou unha política de aproximación aos Estados Unidos e ás potencias occidentais. Iso posibilitou ao goberno comunista chinés arrebatar a Taiwán o asento da China nas Nacións Unidas e lograr finalmente o recoñecemento diplomático da maioría dos países occidentais, que até entón recoñecían o réxime taiwanés de Chiang Kai-shek como o goberno lexítimo da China.

As relacións coa URSS, porén, non se destensarían até a década de 1980, cando o líder soviético Mikhail Gorbachov iniciou un proceso de apertura que o levou a visitar China en 1989, nun momento en que a China enfrontaba grandes dificultades internas (Protestas da Praza Tian'anmen) e a Unión Soviética comezaba a mostrar os síntomas de descomposición que terminarían coa súa disolución en 1991 en quince repúblicas independentes. Rusia, o maior dos Estados resultantes, mantivo desde entón unhas relacións moito máis cordiais coa República Popular chinesa, dado que Rusia abandonaba a ideoloxía comunista e, polo tanto, desaparecía a rivalidade ideolóxica e estratéxica polo liderado do comunismo.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]