Saltar ao contido

Reunificación alemá

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Alemaña actual, máis arriba as rexións que foron separadas despois de 1948:
• República Democrática Alemá,
• Berlín (Occidental),
• República Democrática Alemá (adhesión 1990) e
• Sarre (adhesión 1957).

A reunificación alemá (alemán: Deutsche Wiedervereinigung) tivo lugar o 3 de outubro de 1990, cando as áreas da antiga República Democrática Alemá (Alemaña Oriental) foron unificadas coas da República Federal de Alemaña (Alemaña Occidental). Despois das eleccións multipartidarias da Alemaña Oriental o 18 de marzo de 1990, as negociacións entre a Alemaña Oriental e maila Alemaña Occidental culminaron nun Tratado de Unificación, as negociacións entre ambas as dúas nacións alemás e os catro poderes de ocupación produciron o chamado "Tratado Dous Máis Catro" que pretendía garantir a independencia total a un estado alemán reunificado.[1] A Alemaña reunificada converteuse nun membro da Comunidade Europea (despois Unión Europea) e a OTAN. O termo "reunificación" emprégase en contraste coa primeira unificación de Alemaña (Imperio Alemán) en 1871.

Logo da segunda guerra mundial, Alemaña foi dividida en catro zonas de ocupación. A antiga capital, Berlín, tamén foi dividida en catro para que cada un dos países Aliados puidese ter unha zona baixo o seu control. Aínda que inicialmente o propósito foi que as catro nacións aliadas cooperasen e unificaran as súas partes, xa para 1947 as tensións causadas pola guerra fría íanse quentando e finalmente en 1949 as zonas de ocupación estadounidense, francesa e británica uníronse e convertéronse na República Federal de Alemaña, mentres que a zona controlada polos soviéticos (excluíndo á parte occidental de Berlín) converteuse na República Democrática Alemá. Ademais desta división política, a RDA cedeu as rexións de Pomerania e Silesia a Polonia mentres que a Unión Soviética anexou gran parte de Prusia do Leste como parte dos acordos da Conferencia de Ialta.

Alemaña dividida en 1945

A República Federal e a República Democrática inicialmente competiron por ver cal era a verdadeira sucesora da antiga Alemaña. Ao curto tempo a República Democrática cambiou o seu xeito de pensar e anunciou que Alemaña cesara de existir en 1945 e que ambas as dús nacións eran estados novos.

En 1952 Iosif Stalin propuxo un plan de reunificación das nacións alemás baixo térmos moi semellantes aos que se adoptaron ao pouco tempo en Austria. A "Nota de Stalin" requería que se crease unha Alemaña neutral, a cal tería a súa fronteira oriental na liña de Oder-Neisse. Stalin tamén fixo un chamamento a que todas as tropas aliadas se retirasen da zona no prazo dun ano. O chanceler da Alemaña do Oeste, Konrad Adenauer, anunciou que preferiría que Alemaña se integrase ao resto da Europa Occidental e ademais pediu que en caso dunha reunificación debesen de haber eleccións supervisadas por observadores da comunidade internacional. Os Soviéticos rexeitaron a proposta de Adenauer pero Stalin anunciou unha nova proposta na cal Alemaña tería o territorio que ocupara o 31 de decembro de 1937 pero debía de afiliarse ao Pacto de Varsovia (ou sexa unirse ao Bloque do Leste).

A partir de 1949 a República Federal de Alemaña se converteuse nun país cun goberno parlamentario democrático e puxo en funcionamento un sistema capitalista inspirado nunha "economía social de mercado".[2] Na década de 1950, Alemaña do Oeste viviu un chamado "Milagre Económico" (Wirtschaftswunder), e a súa economía medrou fortemente. Na República Democrática, o goberno tomou unha postura económica que emulaba á soviética, ou sexa, centralmente planificada. A RDA converteuse na nación máis rica do bloque oriental, aínda que o seu crecemento foi menor ao da RFA. En 1961 o goberno de Alemaña do Leste construíu o muro de Berlín, que dividiu as seccións da Alemaña Democrática e da Federal.

Inicialmente a República Federal de Alemaña e os seus aliados da OTAN non recoñeceron os gobernos da República Democrática nin os o da República Popular de Polonia baixo a Doutrina Hallstein. As relacións entre as dúas nacións alemás permaneceron case inexistentes ata que o chanceler Willy Brandt, da República Federal, lanzou un programa de achegamento co leste (a esta política chamóuselle Ostpolitik) na década de 1970.

O fin da división (Wende)

[editar | editar a fonte]

A mediados da década de 1980, a perspectiva dunha reunificación alemá foi vista, tanto pola Alemaña Oriental como pola Occidental, como unha esperanza afastada. Con todo, a esperanza da reunificación púxose de súpeto ao alcance de realizarse debido aos cambios políticos dentro da Unión Soviética. A chegada do dirixente soviético Mikhaíl Gorbachov en 1985 provocou ondas de reforma que se espallaron por todo o Bloque do Leste, tendo o seu correlato na República Democrática Alemá.

A caída do muro de Berlín foi un dos feitos máis transcendentes da segunda metade do século XX

En agosto de 1989, Hungría eliminou as súas restricións fronteirizas con Austria e en setembro máis de 13.000 alemáns do Leste cruzaron a nova fronteira aberta na pano de aceiro. Manifestacións de masas contra o goberno da Alemaña Oriental comezaron a finais de 1989, fomentadas segundo fontes oficiais por forzas externas. Enfrontado ao malestar civil dalgúns sectores, o dirixente de Alemaña Oriental Erich Honecker dimitiu o 18 de outubro de 1989. Seguiron máis dimisións ata renunciar a totalidade do gabinete da Alemaña Oriental o 7 de novembro. As restricciones a viaxar para os alemáns do Leste foron a continuación abolidas polo novo goberno o 9 de novembro de 1989,[3] e moita xente dirixiuse inmediatamente ao Muro onde os policías de fronteiras abriron os puntos de acceso e permitíronlles atravesalos. Envalentonados, moitos alemáns de ambos os dous lados comezaron a derrubar as propias seccións do Muro, encabezando un dos feitos máis significativos do século XX.

Alemáns celebrando a caída do muro

O 18 de marzo de 1990, tiveron lugar as primeiras eleccións multipartidistas na RDA -ata entón gobernaba un Fronte Popular, dando lugar a un goberno cuxo maior mandato foi negociar o final do mesmo e do seu estado. Como un dos ideólogos da Alemaña Oriental dicía en 1989, "Polonia seguirá sendo Polonia, ata se cae o comunismo, pero sen comunismo Alemaña Oriental non ten razón para existir".

Baixo o Primeiro Ministro Lothar de Maizière, Alemaña Oriental negociou con Alemaña Occidental, o Reino Unido, Francia, Estados Unidos e a Unión Soviética as precondicións para unha reunificación alemá. A Unión Soviética, malia retractarse da súa oposición inicial á reunificación, suscitou obxeccións a que Alemaña Oriental fose incorporada á alianza da OTAN. Con todo, alcanzouse un acordo polo que se permitía á Alemaña reunificada a seguir formando parte da OTAN coa condición de que as tropas de OTAN non poderían estacionarse no territorio da ex RDA.

O Tratado de Unificación (Einigungsvertrag)

En paralelo a negociacións multilaterais, as negociacións bilaterais entre os gobernos de ambas as dúas Alemañas conduciron á firma o 18 de maio dun acordo para unha etapa intermedia, unha Unión Económica, Social e Monetaria, que entrou en vigor o 1 de xullo. O 23 de agosto, o Parlamento da Alemaña Oriental (Volkskammer) aprobou o acceso proposto o 3 de outubro á República Federal de Alemaña. O Tratado de Unificación (Einigungsvertrag) asinouse o 31 de agosto de 1990 por representantes da RFA e da RDA. O 12 de setembro de 1990, o Tratado de Liquidación Final con relación a Alemá (Tratado do Dous máis Catro), foi asinado e se restableceu oficialmente a soberanía de ambos os dous estados alemáns.

Reunificación

[editar | editar a fonte]

Alemaña foi reunificada oficialmente o 3 de outubro de 1990, cando os cinco estados federales (Bundesländer) restablecidos de Alemaña Oriental -Brandeburgo, Mecklemburgo-Pomerania Occidental, Saxonia, Saxonia-Anhalt e Turinxia- foron engadido formalmente á República Federal Alemá (Alemaña Occidental), elixindo unha das dúas opcións implementadas na Constitución da Alemaña Occidental (Grundgesetz). Como estes cinco estados alemáns novamente fundados incorporáronse formalmente á República Federal de acordo co (entón existente) artigo 23, a área na cal a Grundgesetz (lei fundamental) servía como a súa Constitución foi simplemente ampliada para incluílos. A alternativa foi que Alemaña Oriental se incorporase como un todo baixo as directrices dunha unión formal entre dous estados alemáns, o que suporía, entre outras cousas, crear unha nova Constitución para o país novamente establecido. Malia que a opción elixida foi claramente a máis sinxela, eu lugar a sentimentos no Leste de ser -ocupados- ou -anexionados- pola vella República Federal.

Para facilitar este proceso e para dar seguridades a outros países a RFA realizou algúns cambios na -Lei Fundamental- (Constitución). O artigo 146 foi modificado a fin de que o artigo 23 da constitución vixente puidese ser utilizado para a reunificación. Despois, unha vez incorporados os cinco -estados federais restablecidos- da Alemaña Oriental, a Lei Fundamental foi modificada de novo para indicar que non había ningunha outra parte de Alemaña, que existise fóra do territorio unificado. Con todo, a Constitución pode ser modificada de novo no futuro e aínda permitiría a adopción polo pobo alemán doutra Constitución nalgún momento no futuro.

O 14 de novembro de 1990, o Goberno alemán asinou un tratado con Polonia, definindo as fronteiras de Alemaña como permanentes ao longo da liña Oder-Neisse, e deste xeito, renunciando a calquera reclamación sobre Silesia, Pomerania Oriental, Danzig (Gdansk), e Prusia Oriental. Ao mes seguinte, tiveron lugar as primeiras eleccións libres e xustas para o conxunto de Alemaña, dende 1933, cun resultado dun incremento da maioría da coalición gobernamental do chanceler Helmut Kohl.

Efectos da reunificación

[editar | editar a fonte]

Cada ano, o 3 de outubro, Alemaña celebra o seu aniversario con festas ao longo de todo o país e unha cerimonia solemne a cargo do estado federado que exerce a presidencia de quenda do Bundesrat.[4]

O custo da reunificación foi unha pesada carga para a economía alemá e contribuíu á ralentización do seu crecemento económico nos anos recentes. Os custos da reunificación estimáronse nun importe que excede 1,5 billóns de euros (segundo a Universidade Libre de Berlín). Isto é máis que a débeda nacional do Estado Alemán. Algúns economistas cren que a causa fundamental foi a grave debilidade da economía da Alemaña Oriental ao comparala coa da Alemaña Occidental, combinada cos tipos de conversión (motivados politicamente) do Marco da RDA ao Marco alemán, que non reflectía esta realidade económica, dando como consecuencia unha repentina (a miúdo fatal) perda de competitividade das industrias da Alemaña Oriental, provocando a súa creba en moi pouco tempo. Debido a este efecto, varias empresas tiveron que privatizarse.[5]

O "suplemento de solidariedade" é un imposto que o Goberno recada e co cal, dende 1991, financiou a "reconstrución do Leste". Calcúlase ata 2007, 10 mil millóns de euros sumou esta achega.[6]

Como consecuencia da reunificación, a maior parte da anterior RDA foi desindustrializada, provocando unha taxa de desemprego de ao redor do 20%. Dende entón, centos de miles de anteriores alemáns orientais continuaron migrando á Alemaña Occidental para atopar traballo, dando lugar a perda de porcións significativas de poboación, en especial entre as profesións de alta preparación. Tamén se cre que son a verdadeira causa da maioría dos problemas en Alemaña, dos cales cúlpase á conversión ao euro. O Bundesbank (Banco Central) insistiu sempre que os problemas económicos non son consecuencia do euro, e que é un problema o cal Alemaña por si mesma debe solucionar (presumiblemente facendo referencia á reunificación).

Alemaña continúa tendo dúas capitais. Berlín ostenta o título e alí teñen as súas sedes o Goberno Federal e o Parlamento sumando 8.000 funcionarios aproximadamente. En Bonn quedaron seis ministerios, que representan 11.000 funcionarios.[7]

Por outra banda entre 1990 e 2007, aproximadamente 1,8 millóns de alemáns emigraron ao exterior.[8]

  1. "A reunificación de Alemaña (1990)". Deutsche Welle 19.01.2007 (en alemán). 2007. Consultado o 03/12/2007. 
  2. "“Economía social” para todos". Deutsche Welle 18.07.2007 (en español). 2007. Consultado o 03/12/2007. 
  3. "Día del destino". Deutsche Welle 09.11.2007 (en español). 2007. Consultado o 03/12/2007. 
  4. "Alemania 17 años después". Deutsche Welle 03.10.2007 (en español). 2007. Consultado o 03/12/2007. 
  5. "Alemania: de la reunificación a la globalización". Deutsche Welle 03.10.2006 (en español). 2006. Consultado o 03/12/2007. 
  6. "Alemanes seguirán pagando su reunificación". Deutsche Welle 19.09.2007 (en español). 2007. Consultado o 03/12/2007. 
  7. "La eterna disputa entre Bonn y Berlín". Deutsche Welle 13.01.2007 (en español). 2007. Consultado o 03/12/2007. 
  8. "¡ Adiós, Alemania!". Deutsche Welle 05.05.2007 (en español). 2007. Consultado o 03/12/2007. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]