Portal:Perú/Biografía destacada/9
Túpac Amaru ou Thupa Amaro (en quechua: Thupaq Amaru) nado en Cuzco en 1545 e finado ibídem o 24 de setembro de 1572, foi o derradeiro monarca indíxena (Sapa Inca) do Novo estado inca, os restos do Imperio Inca en Vilacamba. Fillo de Manco Inca, foi feito sacerdote e gardián do corpo do seu pai. Foi executado por unha expedición comandada por Martín Hurtado de Arbieto. En quechua, túpaq amaru significa ‘víbora brava’.
Túpac Amaru asumiu como Inca de Vilcabamba despois de que o seu medio irmán, o inca Titu Cusi, morrese en 1570. Os incas consideraron que o seu medio irmán fora obrigado a admitir misioneiros agostiños en Vilcabamba e que os españois o envelenaron. Nestes tempos, os españois aínda non foran avisados da morte do ex-Inca e enviaran, como facían habitualmente, embaixadores para continuar as negociacións en curso. Un deles foi o conquistador Atilano de Anaya, que, despois de atravesar a ponte de Chuquisaca, foi capturado e executado xunto coa súa escolta polo xeneral inca Curi Paucar. Ó ser informado desa nova polo sacerdote de Amaybamba, o novo vicerrei do Perú, Francisco de Toledo, decidiu someter, pola forza, o reino de Vilcabamba, apelando para a xustificación que "os incas quebrantaron a lei inviolábel de tódalas nacións do mundo: o respecto ós embaixadores". O vicerrei declarou formalmente a guerra o 14 de abril de 1572.