Persecución de Diocleciano
A persecución de Diocleciano, tamén coñecida como «Gran Persecución», foi a derradeira e se cadra a máis cruel persecución dos cristiáns no Imperio Romano. En 303, a tetrarquía formada polos augusti Diocleciano e Maximiano e os césares Galerio e Constancio emitiu unha serie de edictos que abolían os dereitos legais dos cristiáns e esixían que cumprisen as prácticas relixiosas tradicionais. Tódolos edictos posteriores se enfocaron no clero e pedían sacrificios universais, ordenando a tódolos habitantes a realizar sacrificios ós deuses. A persecución foi variando en intensidade ó longo do imperio —as represalias máis febles foron na Galia e en Britania, onde só se aplicou o primeiro edicto, mentres que as máis violentas tiveron lugar nas provincias orientais—. Malia que as leis persecutorias foron anuladas por diferentes emperadores en diferentes épocas, Constantino e o Edicto de Milán de Licinio sinalan tradicionalmente a fin da persecución dos cristiáns.[1]
Os cristiáns eran considerados unha ameaza para as tradicións do Imperio Romano porque rexeitaban as festividades públicas, negábanse a practicar o culto imperial, non ocupaban cargos públicos e eran abertamente críticos coas relixións tradicionais. Se ben eran obxecto de discriminación a nivel local en todo o Imperio porque eran considerados integrantes dunha especie de «sociedade secreta» da cal sempre se sospeitaba, durante os dous primeiros séculos da era cristiá ningún emperador emitiu leis contra a fe ou a Igrexa, senón que a maioría das persecucións foron levadas a cabo por funcionarios do goberno local. Contra a década de 250, durante os reinados de Decio e Valeriano, comezaron a aprobarse determinadas leis contra a práctica do cristianismo. Este tipo de lexislación obrigaba ós cristiáns a realizar sacrificios ós deuses pagáns (acción vetada pola súa relixión), ou, senón, afrontar a prisión e a pena de morte. Despois da chegada ó trono de Galieno en 260, un decreto ordena de xeito temporal o cesamento da persecución, pero cando ascende ó trono Diocleciano no 284 prodúcese un cambio gradual na actitude oficial contra as minorías relixiosas. Durante os primeiros quince anos do seu reinado, Diocleciano purgou o exército de cristiáns, condenou os maniqueos a morte, e faise rodear por un grupo de opositores públicos ó cristianismo. A preferencia de Diocleciano por un goberno firme combinada coa imaxe de restaurador do pasado glorioso de Roma que quixo transmitir propiciou a máis profunda persecución da historia de Roma. Arredor do 302 Galerio, pagán devoto, meteu presión a Diocleciano para comezar unha persecución xeral dos cristiáns. Despois de consultar o oráculo de Delfos, a súa resposta foi entendida como un apoio da posición de Galerio e no 303 comezou a persecución a nivel xeral.
A persecución concretouse na promulgación de catro edictos sucesivos que marcaron o ritmo e as accións tomadas en contra da Igrexa. Así mesmo, o rigor con que cada unha destas medidas foron aplicadas variou en intensidade ó longo do Imperio, cun grao maior nos territorios orientais, gobernados por Diocleciano e Galerio, e menor nos gobernados por Constancio. O seu fillo, Constantino, despois de ser proclamado augusto no 306, rematou cos persecucións nos territorios que gobernaba e ofreceu ós cristiáns a restitución completa de todo canto perderan. Ese mesmo ano, en Italia, o usurpador Maxencio desprazou ó sucesor de Maximiano, Severo, bo i prometentó prometer unha tolerancia relixiosa total. Galerio dá por rematada a persecución no Oriente en 311, pero foi retomada en Exipto, Palestina e en Asia Menor polo seu sucesor, Maximino Daia. Constantino e Licinio, o sucesor de Severo, asinaron o «Edicto de Milán» no 313, que ofrecía unha aceptación máis profunda e comprensiva do cristianismo da que propoñía o edicto de Galerio. Cando Licinio venceu a Maximino no 313 puxo fin definitivamente á persecución en Oriente.
Porén, a persecución non conseguiu deter o crecemento da igrexa cristiá. No ano 324, Constantino era o único gobernante do Imperio e o cristianismo convertérase na súa relixión predilecta. Malia que a persecución tivo como resultado a morte —de acordo con estimacións actuais— de entre 3.000 e 3.500 cristiáns, así como a tortura, encarceramento ou desterro de moita outra xente, a maioría dos cristiáns evitaron o cástigo. A persecución causou que moitas igrexas quedasen divididas entre aqueles que cumpriran coas imposicións imperiais (os «traditores») e aqueles que se mantiveran «puros». Algunhas cismas, coma a dos donatistas no norte de África (que non se reconciliaron coa igrexa católica até despois de 411) e os maleciáns en Exipto, persistiron moito tempo despois das persecucións. Durante os séculos posteriores, algúns cristiáns crearon un «culto ós mártires» e esaxeraron as barbaridades da era das persecucións. Estas narracións foron criticadas dende a época da Ilustración e posteriores, de forma notable, por Edward Gibbon.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ VV.AA. (1907). ACI Premsa (tradución), ed. "Constantino el Grande". Enciclopedia Católica. Arquivado dende o orixinal o 11 de xuño de 2010. Consultado o 14 de xullo de 2010.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Barnes, Timothy D. (1968). Legislation Against the Christians: Journal of Roman Studies (en inglés) 58. p. 32-50.
- Barnes, Timothy D. (1976). Sossianus Hierocles and the Antecedents of the "Great Persecution": Journal of Roman Studies (en inglés) 80. pp. 239–252.
- Barnes, Timothy D. (1981). Constantine and Eusebi (en inglés). Cambridge: Harvard University Press. ISBN 978-0-674-16531-1.