Organización territorial de España
A organización territorial de España nun Estado unitario rexional ou, como se coñece polas súas particularidades, nun Estado autonómico, está baseada no que indica o artigo 2 da Constitución de 1978, que declara «a indisoluble unidade española» e «garantiza o dereito á autonomía das nacionalidades e rexións que a integran e a solidariedade entre todas elas».[1] Este artigo está desenvolvido polo Título VIII sobre a organización territorial do Estado, cuxo artigo 137 establece:
O Estado organízase territorialmente en municipios, en provincias e nas Comunidades Autónomas que se constitúan. Todas estas entidades gozan de autonomía para a xestión dos seus respectivos intereses.Artigo 137 da Constitución española de 1978.[2]
Tralos pactos autonómicos de 1981 e 1992, España vertébrase en 17 comunidades autónomas (unha delas comunidade foral) e dúas cidades autónomas.
Comunidades autónomas:
- Andalucía
- Aragón
- Asturias (Principado de)
- Canarias
- Cantabria
- Castela-A Mancha
- Castela e León
- Cataluña (Catalunya)
- Comunidade Valenciana (Comunitat Valenciana)
- Estremadura
- Galicia
- Illas Baleares (Illes Balears)
- A Rioxa
- Comunidade de Madrid
- Murcia
- País Vasco (Euskadi)
- Navarra (Comunidade Foral de)
Cidades autónomas de:
Así coma uns territorios situados no norte de África coñecidos como prazas menores de soberanía (Illas Chafarinas, Illas Alhucemas e o Peñón de Vélez da Gomera), administrados directamente polo goberno español. Existe unha illa no río Bidasoa, na fronteira franco-hispana, que cada seis meses está baixo a soberanía de cada un deses países, é a Illa dos Faisáns, é o condominio mais pequeno do mundo.
Cada comunidade autónoma está formada por unha ou varias provincias, ata un total de 50 en todo o territorio nacional. Á súa vez, cada provincia está dividida nun número variable de municipios, que en toda España suman un total de 8131.[3] Os municipios son as entidades territoriais básicas na organización territorial de España. Existen outras entidades territoriais con personalidade xurídica que consisten en agrupacións de municipios (comarca / mancomunidade de municipios) ou en entidades de rango inferior ao municipio, coñecidas como entidades locais menores.
Así pois, España divídese xudicialmente en municipios, partidos xudiciais, provincias e comunidades autónomas. Un partido xudicial pode estar composto por varios municipios. Esta distribución establécese na Lei 38/1988, de 28 de decembro, de demarcación e planta xudicial.[4]
Principios da administración territorial
[editar | editar a fonte]- Principio de autonomía: a Constitución dota de autonomía a estes entes, pero o Estado é o único soberano. As Comunidades autónomas teñen potestades lexislativas e autonomía política dentro das súas competencias e territorio. A administración local ten facultade para a xestión dos seus intereses, pero non ten capacidade lexislativa.
- Principio de participación democrática: as institucións elíxense a través de eleccións democráticas por sufraxio universal, libre, secreto e directo.
- Principio de autonomía financeira: os entes territoriais disporán dos medios suficientes para o desempeño das funcións que a lei lles atribue nútrense de tributos propios e da súa participación en tributos do Estado e das comunidades autónomas.
- Principio de solidariedade: o Estado debe garantir a realización principio de solidariedade, establecendo un equilibrio económico adecuado. Para iso créase o Fondo de Compensación Interterritorial, dotado nos Presupostos Xerais do Estado e que se vincula a proxectos que promovan o crecemento da renda.
Comunidades autónomas
[editar | editar a fonte]O territorio español está dividido en dezasete comunidades autónomas. Cada comunidade autónoma conta cun Goberno autonómico, unha Asemblea autonómica lexislativa e un Estatuto de autonomía que establece a denominación, o territorio, o modelo organizativo e as competencias que a comunidade asume.[5]
A Constitución española de 1978 non determinou cales debían ser as comunidades autónomas, senón que estableceu unha serie de procedementos para a formación das mesmas a partir das provincias españolas. Entre 1979 e 1983 constituíronse as dezasete comunidades autónomas. En orden de accesión á autonomía, as comunidades autónomas son: País Vasco, Cataluña, Galicia, Andalucía, Asturias, Cantabria, A Rioxa, Murcia, Comunidade Valenciana, Aragón, Castela-A Mancha, Canarias, Navarra, Estremadura, Baleares, Comunidade de Madrid e Castela e León. Ceuta e Melilla quedaron configuradas coma cidades autónomas (en resumo; poseen competencias superiores ás dun municipio español xa que poden decretar regulacións executivas, pero inferiores ás dunha comunidade autónoma posto que non teñen cámaras lexislativas propiamente ditas).
Provincias
[editar | editar a fonte]O ordenamento constitucional configura a Provincia como unha figura determinada pola agrupación de municipios dentro duns límites territoriais, cuxa modificación esixe Lei Orgánica. A Constitución plantexa un papel múltiple para a Provincia. Desta maneira, non só é un ente local, con personalidade xurídica propia e autonomía na xestión dos seus intereses, senón que tamén cumpre a función de división territorial para o cumprimento das actividades do Estado,[6] así como a tarefa de servir como circunscrición electoral.[7]
Como ente autónomo, o seu goberno e administración é atribuído pola Constitución a unha Corporación de carácter representativo, normalmente unha Deputación Provincial.[8] A Lei de Bases de Réxime Local desenvolve tales previsións, sinalando que a Deputación constará de Pleno, Xunta de Goberno, Presidente e Vicepresidente.
Municipios
[editar | editar a fonte]O Municipio é unha Administración Pública que se asenta sobre el territorio do termo municipal, gozando de personalidade xurídica propia e autonomía para a xestión dos seus respectivos intereses.[9]
A autonomía local deu obxecto de numerosa xurisprudencia por parte do Tribunal Constitucional, que tratou de perfilar un ámbito competencial propio e compatible co poder do Estado Xeral e a comunidade autónoma na que se sitúa.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "A Constitución Española de 1978". Noticias Jurídicas. Consultado o 12 de febreiro de 2011.
Artículo 2
- ↑ "A Constitución Española de 1978". Noticias Jurídicas. Consultado o 12 de febreiro de 2011.
Artículo 137
- ↑ Datos del registro de Entidades Locales Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas
- ↑ "Ley 38/1988, de 28 de diciembre, de demarcación y planta judicial". poderjudicial.es (en castelán). 28 de decembro de 1988. Consultado o 8 de marzo de 2023.
- ↑ Art. 147.2 CE
- ↑ Art. 141.1 CE
- ↑ Art. 68.3 CE
- ↑ Art.141.2 CE
- ↑ Art. 140 CE