Maria Malibran
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) María-Felicia García Sitches 24 de marzo de 1808 París, Francia |
Morte | 23 de setembro de 1836 (28 anos) Manchester, Reino Unido |
Causa da morte | morte accidental, caída de cabalo |
Lugar de sepultura | Cemitério de Laeken (pt) |
Outros nomes | La Malibran Maria Malibran |
Actividade | |
Ocupación | cantante de ópera, actriz, compositora, actriz de teatro |
Xénero artístico | Ópera |
Movemento | Romanticismo |
Alumnos | Anna Schoen-René (pt) |
Tesitura | Soprano e mezzosoprano |
Instrumento | Voz |
Familia | |
Cónxuxe | Charles Auguste de Bériot (1836–) François Eugène Malibran (1826–valor descoñecido) |
Fillos | Charles Wilfrid de Bériot () Charles Auguste de Bériot |
Pais | Manuel García e Joaquina Briones |
Irmáns | Manuel García Pauline Viardot-García |
Parentes | Josefa Ruiz-García, irmá consanguínea Antonia Sitcher de Mendi, curmá entregue |
Descrito pola fonte | Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Dicionario Musical Riemann (1901–1904) |
María Felicitas García Sitches, de casada Maria Felicia Malibran, nada en París o 24 de marzo de 1808 e finada en Manchester o 23 de setembro de 1836, foi unha cantante española que adoitaba cantar partes de contralto e soprano, e foi unha das máis coñecidas cantantes de ópera do século XIX. Malibran foi coñecida pola súa personalidade tormentosa e intensidade dramática, converténdose nunha figura lendaria ata a súa morte aos vinte e oito anos. Fontes contemporáneas da súa voz describen o seu rango, potencia e flexibilidade como extraordinarias.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Malibran naceu en París nunha famosa famlia musical española. O seu pai, Manuel García, foi un recoñecido tenor admirado por Rossini, para o que creara o personaxe do conde Almaviva en Il barbiere di Siviglia. García era tamén compositor e un influente instrutor vocal, ademais do seu primeiro profesor de voz. Foi descrito como inflexible e tirano e as clases que daba á súa filla adoitaban acabar en pelexas constantes entre os dous poderosos egos.
Inicio da carreira
[editar | editar a fonte]Malibran deboutou no teatro en Nápoles co seu pai en Agnese, de Paër, cando tiña oito anos. Aos dezasete era cantante do coro do teatro do rei en Londres. Cando a prima donna Giuditta Pasta tivo unha indisposición, García suxeriu que a súa filla asumise o papel de Rosina en Il barbiere di Siviglia. O público amou a moza mezzosoprano e continuou a cantar o papel ata o final da tempada.
Carreira posterior
[editar | editar a fonte]Cando acabou a tempada, García levou inmediatamente o seu grupo de ópera a Nova York. O grupo consistía principalmente nos membros da súa familia: Maria, o seu irmán Manuel, e a súa nai Joaquina Sitchez, tamén chamada "la Briones". A irmá máis nova de Maria, Pauline, que posteriormente foi unha célebre cantante con nome de Pauline Viardot, só tiña entón catro anos.
Esta foi a primeira vez que a ópera italiana foi interpretada en Nova York. Por un período de nove meses, Maria cantou os papeis principais en oito óperas, dúas delas escritas polo seu pai. En Nova York, coñeceu e rapidamente casou cun banqueiro, Francois Eugene Malibran, vinte e oito anos máis vello ca ela. Pénsase que o seu pai forzou a Maria a casar despois da promesa do banqueiro de dar a Manuel García 100 000 francos. Non obstante, segundo outras fontes, casou simplemente para escapar da tiranía do seu pai. Uns meses despois da voda, o seu marido declarouse en bancarrota e Maria foi obrigada a apoialo mediante as súas actuacións. Despois dun ano, abandonou a Malibran e volveu a Europa.
En Europa, Malibran cantou o papel principal na estrea de Maria Stuarda de Donizetti. A ópera estaba baseada na obra de Friedrich Schiller Maria Stuart, e representa a María I de Escocia baixo unha luz de simpatía, e os censores pediron emendas ao texto que Malibran adoitaba ignorar. A biblioteca do Real Conservatorio de Bruxelas conserva unha serie de proxectos de vestiario coloristas[1] para a obra, creados por Malibran, que revelan un insospeitado talento para o debuxo.
Malibran estivo ligada romanticamente ao violinista belga Charles Auguste de Bériot. A parella viviu xunta durante seis anos e tivo un neno nado en 1833, o pedagogo de piano Charles-Wilfrid de Bériot, antes de que Maria obtivese a anulación do seu matrimonio con Malibran. Felix Mendelssohn escribiu unha aria acompañada de violín especialmente para a parella que Malibran cantou entre outros lugares na Ópera de París. Nesa cidade coñeceu e actuou con Michael Balfe.
Últimos anos e morte
[editar | editar a fonte]En 1834, Malibran mudouse a Inglaterra e comezou a actuar en Londres. A finais de maio de 1836, protagonizou The Maid of Artois, escrito para ela por Balfe. A principios dese ano volveu a Milán para cantar o papel principal na estrea de Giovanna Gray, de Vaccai. En xullo de 1836, Malibran caeu do cabalo e sufriu feridas das que nunca se recuperou.[2] Rexeitou ver un médico e continuou a actuar. En setembro de 1836 Malibran estaba en Manchester participando nun festival de música na colexiata e o teatro real en Fountain Street. Colapsou no escenario mentres cantaba bises no teatro, pero insistiu en cantar na igrexa a mañá seguinte e faleceu despois dunha semana de agonía, asistida polo seu médico privado. O seu corpo foi enterrado provisionalmente na igrexa logo dun funeral público antes de ser levado a un mausoleo no cemiterio Laeken, preto de Bruxelas.[3][4]
Papeis e estilo vocal
[editar | editar a fonte]Malibran está fortemente asociada coas óperas de Rossini. O compositor eloxiou as súas virtudes:
- Ah! Que marabillosa criatura! Co seu desconcertante xenio musical superou todos os que buscaban emulala, e coa súa mente superior, a súa amplitude de coñecemento e intensidade de temperamento inimaxinable ela eclipsou todas as outras mulleres que coñecín...[5]
Entre outras óperas, cantou o papel titular de Tancredi e Otello, en que parecía que cantou os papeis tanto de Desdemona como de Otello.[6] Outras aparicións inclúen Il turco in Italia, La Cenerentola e Semiramide (tanto Arsace como o personaxe do título).[6]
Tamén cantou en Il crociato in Egitto de Giacomo Meyerbeer en París en setembro de 1825, unha ópera que Rossini, como director do Théâtre-Italien, presentou na capital francesa e "que lanzou a reputación europea de Meyerbeer".[7] Malibran gozou de grande éxito nas operas de Bellini Norma, La sonnambula e I Capuleti e i Montecchi (como Romeo). Tamén cantou o papel de Romeo noutras dúas óperas entón famosas, Giulietta e Romeo de Zingarelli e Giulietta e Romeo de Vaccai. Bellini escribiu unha nova versión de I puritani para adaptalo á súa voz de mezzosoprano e mesmo prometeu escribir unha nova ópera especialmente para ela, mais el faleceu antes de que puidese facelo.
A tesitura de Malibran foi enormemente ampla, dende E♭ baixo C medio ata os altos C e D,[8] que a permitían facilmente cantar papeis dende contralto a alta soprano. Os seus contemporáneos admiraban a intensidade emocional de Malibran no escenario. Rossini, Donizetti, Chopin, Mendelssohn e Liszt estaban entre os seus admiradores. O pintor Eugène Delacroix, no entanto, acusouna de falta de refinamente e clase e de tratar de "atraer as masas sen gusto artístico". Describindo a súa voz e técnica, o crítico francés Castil-Blaze escribiu, "a voz de Malibran era vibrante, chea de brillo e vigor. Sen perder nunca o seu atractivo timbre, o seu ton de veludo que lle daba tanta sedución nas arias tenras e apaixonadas. [...] Vivacidade, precisión, as súas melismas cromáticas ascendente, arpexios, liñas vocais cegadoras con forza, graza ou coquetería, ela posuía todo o que a arte pode conseguir".[9]
Legado
[editar | editar a fonte]Fondo Maria Malibran
[editar | editar a fonte]A biblioteca de Royal Conservatory of Brussels posúe unha importante colección de composicións, documentos e obxectos da cantante, reunidos polo fondo Maria Malibran.
Filmes
[editar | editar a fonte]Varios filmes contan a vida de Maria Malibran:
- Maria Malibran (1943), dirixido polo director italiano Guido Brignone e protagonizado pola actriz e soprano austríaca Maria Cebotari.[10]
- La Malibran (1944), dirixido polo director francés Sacha Guitry e protagonizado por Géori Boué, cantante da Ópera de París.[10]
- La canción de la Malibrán (1951), filme español dirixido por Luis Escobar Kirkpatrick
- The Death of Maria Malibran (1971), dirixido polo alemán Werner Schroeter e protagonizado por Candy Darling.[10]
Noutros medios
[editar | editar a fonte]En 1982, a soprano Joan Sutherland deu unha xira de recitais chamada "Malibran" para revivir a súa memoria, cantando algunhas das páxinas favoritas da cantante en Venecia.[11]
A mezzosoprano Cecilia Bartoli dedicou o seu álbum de 2007 Maria á música composta para Malibran e os seus papeis máis famosos, ademais dunha longa xira e concertos en DVD. En 2008 Decca estreou unha gravación de La Sonnambula de Bellini con Cecilia Bartoli no papel principal empregando moitas das cadenzas que Malibran usou.
Malibran aparece como personaxe nun poema de William McGonagall.[12]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Maria Malibran, La Réforme du Théâtre, (Library of the Royal Conservatory of Brussels, B-Bc, Maria Malibran fund, FC-2-MM-073).
- ↑ Teresa Radomski, "Manuel García (1805–1906): A bicentenary reflection", Australian Voice, Vol. 11, 2005, (páx. 25–41). Consultado o 28 de agosto de 2010
- ↑ Shanks páx. 14.
- ↑ A biblioteca do Conservatorio Real de Bruxelas conserva, entre outros obxectos, a máscara mortuoria, o desgarrador informe funerario de catro páxinas do doutor Belluomini ou a autorización da autoridade eclesiástica de Manchester para levar o corpo de Malibran a Bruxelas (fondo Maria Malibran, B-Bc; FC-2-MM-006 sq.).
- ↑ Giachino Rossini, en Bartoli 2007, páx. 8
- ↑ 6,0 6,1 Carta de Carlo Severini a Éduard Robert (Codirector do Théâtre-Italien), 1829: "She will do three jobs for us...", en Bartoli, Maria, páx. 10
- ↑ Servadio 2003, (páx. 127)
- ↑ Merlin, Memoires and Letters of Mme Malibran, Philadelphia, Carey and Hart, 1840
- ↑ Saint Bris
- ↑ 10,0 10,1 10,2 IMBD page on the film
- ↑
- ↑ McGonagall, William. "Little Pierre's Song".
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Maria Malibran |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Ashbrook, William (1982), Donizetti and His Operas, Cambridge University Press. ISBN 052123526X ISBN 0-521-23526-X
- Bartoli, Cecilia (2007), "Genius, Scandal and Death: Maria — Singer and Diva", en Maria. Decca Music Group, con acompañamento de CD e DVD.
- Merlin, Countess de, (1840) Memoirs and letters of madame Malibran, Vol 2. Philadelphia: Carey and Hart.
- Riggs, Geoffrey S. (2009), The Assoluta Voice in Opera, 1797 to 1847. Jefferson, North Carolina: McFarland & Co Inc. ISBN 9780786440771 ISBN 0-7864-1401-4
- Saint Bris, Gonzague (2009), La Malibran, Belfond. ISBN 978-2-7144-4542-1
- Servadio, Gaia (2003), Rossini, Nova York: Carroll & Graf Publishers, 2003. ISBN 0-7867-1195-7
- Shanks, Andrew (2010), Manchester Cathedral: The Old Church of the World's First Great Industrial City, Scala Publishers. ISBN 978-1-85759-658-8
- Bushnell, Howard (1980), Maria Malibran: A Biography of the Singer, Pennsylvania State University Press. ISBN 0271002220 ISBN 0-271-00222-0
- FitzLyon, April (1987), Maria Malibran: Diva of the Romantic Age, Londres: Souvenir Press Ltd. ISBN 0285650300 ISBN 0-285-65030-0
- Languine, Clément (1911), La Malibran, París
- Nathan, I. (1846), Life of Mme. Maria Malibran. Londres
- Pougin, Arthur (1911 & 2010), Maria Malibran, Histoire d'une Cantatrice. París: 1911; tradución ao inglés en Londres, 1911. Kessinger Publishing, US, 2010 ISBN 9781160188388
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Information about Malibran's performance in The Maid of Artois, one of her last roles