Malte
O malte[1] é o conxunto de grans de certos cereais, polo xeral de orxo, que se fai xermolar artificialmente e que, despois de seco e torrado, se emprega para a fabricación de cervexa e alcohol ou se toma en infusión[2]. O termo malte refírese ademais a varios produtos do proceso:
- Aos grans aos que se aplica este proceso, coma ao orxo malteado.
- Ao azucre derivado dos grans con alto contido en maltosa, por exemplo o malte de panadería.
- Ao produto, baseado no leite malteado, similar a un batido malteado.
- O whisky ou cervexa tamén poden chamarse malteadas.
O malte emprégase para fabricar cervexa, whisky e vinagre de malte. Os grans malteados desenvolven as encimas que se precisan para converter o amidón do gran en azucre. O orxo é o malte máis común debido ao seu alto contido en encimas, pero pódense maltear outros grans, aínda que o malte resultante pode que non teña o contido encimático de abondo para converter o seu propio contido de amidón completa e eficientemente.
O típico proceso de preparación do malte Pale desenvólvese do xeito a seguir:
- Os grans frescos (sen telos sometido a ningún proceso previo) lávanse e enchóupanse até comezar a xerminación.
- Fornécese un grao de humidade constante para promover a xerminación e o crecemento do acrospiro, é dicir do pequeno talo que comeza a medrar do gran.
- Déixase medrar o acrospiro até unha lonxitude similar á da semente, ou un pouco menos. Este proceso tarda uns 4 ou 6 días para o orxo.
- Tras isto, o malte "verde" cócese de 38°C a 49 °C durante 24 horas e despois de 60 °C a 71 °C até que o contido de humidade sexa menor do 6%.
Os maltes escuros para cervexa cócense ás veces de diferente maneira para potenciar diferentes características.
Malte para gatos
[editar | editar a fonte]Existe un produto concentrado de malte, comercializado nun tubo, que se lles dá aos gatos para evitar a formación de bólas de pelo no estómago.[3] Na maioría dos casos, o gato gusta do sabor do malte (un sabor semellante ao da regalicia). Noutros casos, o animal rexéitaa e, nestas ocasións, pódese usar a herba gateira (Nepeta cataria), unha solución natural para mellorar o tránsito intestinal.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Denominación galega en Diccionario galego de termos médicos, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2002; e Vocabulario ortográfico da lingua galega, A Coruña, Real Academia Galega / Instituto da Lingua Galega, 2004
- ↑ Malte, en Portal das Palabras da Real Academia Galega.
- ↑ "Malta para gatos" (en español). Arquivado dende o orixinal o 28 de xuño de 2012. Consultado o 18 de xullo de 2012.
[...] En el mercado podemos encontrar preparados de malta especiales para gatos. Este preparado viene envasado en un tubo y se trata de una pasta de color marrón y textura pegajosa que se adhiere al pelo acumulado en el intestino, favoreciendo su tránsito y previniendo su acumulación. [...]
- Make Your Own Malt, Brew Your Own magazine (ISSN 1081826X), agosto 1997, páxinas 32-36. En inglés