Libra exipcia
Libra exipcia | |
---|---|
الجنيه المصرى en árabe | |
Código: | EGP |
Ámbito: | Exipto |
Símbolo: | ج.م, LE, £ |
Fracción: | 100 piastras |
Moedas: | 5,10,20,25,50 P. e 1 £ |
Billetes: | 5,10,25,50 P. e 1,5,10,20,50,100 e 200 £ |
Emisor: | Banco Central de Exipto |
Taxa de troco: 16-1-2010 | 1 EUR = 7,8035 EGP 1 USD = 5,425 EGP |
A libra exipcia (en árabe: الجنيه المصرى, el-Ginaih el-Miṣrī) é a moeda legal de Exipto. A libra divídese en 100 piastras (قرش qirsh), ou 1.000 milliemes (مليم mallim). O código ISO 4217 para a libra exipcia é EGP. Localmente emprégase a abreviatura LE ou L.E., que significa en francés, livre égyptienne. O nome en árabe exipcio, ginaih, pode ser relacionado ao nome inglés, guinea.
Historia
[editar | editar a fonte]En 1834, un decreto real promulga un proxecto de lei parlamentario que foi publicado para prever a aplicación dunha moeda exipcia baseada nunha base bimetálica. A libra exipcia foi introducida, substituíndo así a piastra exipcia como unidade monetaria. A piastra continuou en circulación como 1/100 parte dunha libra, coa piastra subdividida en 40 para. En 1885, a para deixou de circular e a piastra foi dividida en décimos. Estes décimos foron renomeados como malleem (milliemes) no 1916. As taxas de cambio legais foron fixadas por forza de lei para moedas importantes estranxeiras, e estes foron aceptados para as transaccións internas. Eventualmente isto levou a Exipto a usar "de facto" o estándar de ouro entre 1885 e 1914, co cambio de 1 libra exipcia = 7.4375g de ouro puro. Co estalido da primeira guerra mundial, a libra exipcia quedou igualada á libra esterlina 1 a 1.
Moedas
[editar | editar a fonte]Entre 1834 e 1836, as moedas de cobre de 1 e 5 para, as de prata de 10 e 20 para e 1, 5, 10 e 20 piastras, as de ouro de 5, 10 e 20 piastras e a moeda de 1 libra, foron introducidas coas moedas de ouro de 50 piastras en 1839. As moedas de cobre de 10 para foron introducidas en 1853, aínda que a de prata seguiu en circulación. As moedas de cobre de 10 para foron reintroducidas en 1862, seguidas das de 4 para e 2½ piastras (tamén de cobre) en 1863. A moeda de 25 piastras de ouro foi introducida no 1867.
En 1885, un novo sistema foi introducido consistente en ¼, ½, 1, 2 e 5 millieme de bronce e as 1, 2, 5, 10 e 20 piastras de prata. As moedas de ouro practicamente desapareceron, aínda que as de 5 e 10 piastras seguiron en uso.
Logo de varios cambios máis nos materiais e as moedas, o 1 de xuño de 2006, as moedas de 50 piastras e 1 libra foron introducidas cun equivalente en billete. As moedas levan as caras de Cleopatra VII e Tutankhamon, e a moeda dunha libra é bimetálica.
Billetes
[editar | editar a fonte]Na actualidade, hai dúas entidades emisoras distintas, o Banco Central de Exipto e o Goberno do País. Ambas as emisións teñen carácter oficial e son de libre circulación.
O Banco Central de Exipto emite billetes de:
- £1.
- £5.
- £10.
- £20.
- £50.
- £100.
- £200.
Mentres que o Goberno só emite billetes de baixa denominación: 5, 10, 25 e 50 piastras.
Todos os billetes exipcios son bilingües, con textos e números en árabe no anverso e en inglés e números indo-árabes no reverso. No anverso obsérvanse imaxes de edificios islámicos mentres que no reverso imaxes de edificios do Antigo Exipto.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Historia do ginaih exipcio (en inglés)
- Billetes de Exipto (en inglés) (en alemán)