Saltar ao contido

Kidult

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O termo kidult provén da contracción das dúas palabras inglesas kid e adult (en galego, neno e adulto, respectivamente) e utilízase para designar aos xoves de entre 20 e 40 anos, urbanos, cun nivel adquisitivo medio ou medio-alto que consomen produtos que lles evocan a súa infancia. Así, trátase dun grupo de poboación social e politicamente activo cuxo consumo está vencellado a referentes da cultura popular [1]. Nos países de fala hispana acuñouse o termo adultescentes [2] ou adulescentes [3].

Orixe e características

[editar | editar a fonte]
O scalextric é un dos símbolos da cultura kidult.

No ano 1983, o doutor estadounidense Dan Kiley utilizou por primeira vez o termo Síndrome de Peter Pan na súa obra The Peter Pan Syndrome: Men Who Have Never Grown Up (O Síndrome de Peter Pan: Homes que nunca medraron) para referirse a un tipo de adulto socialmente inmaturo, irresponsable, rebelde, dependente, narcisista, que nega o envellecemento e cre estar máis aló das normas sociais.[4]

Aínda que esta síndrome é unha disfunción individual e o fenómeno kidult é unha tendencia social xeneralizada, existe unha gran similitude entre ambos termos (que fai que se utilicen indistintamente). Así os kidult son por norma xeral persoas adultas sen responsabilidades familiares que viven cos seus pais pero que así e todo teñen o suficiente poder adquisitivo como para investir en artigos de lecer (roupa, cinema, música, ordenadores, videoxogos). Tamén en ocasións se trata de profesionais exitosos que evitan a responsabilidade que comporta a madurez e gastan a maior parte dos seus ingresos neles mesmos.

Entre as causas que explican esta tendencia global a vivir nunha eterna xuventude están o incremento da expectativa de vida, o atraso da paternidade, as dificultades á hora de independizarse dos proxenitores, o xurdimento dunha sociedade global de lecer e os adiantos tecnolóxicos.

Repercusión social

[editar | editar a fonte]
Consola Playstation.

En España este fenómeno non causa tanta expectación xa que é relativamente habitual ficar no domicilio familiar unha vez finalizados os estudos (o 30% dos españois entre 30 e 35 anos vive cos seus proxenitores [4]. Noutros países, os sociólogos definen un cambio permanente na forma de vida: aparece así co fenómeno kidult unha etapa intermedia entre a adolescencia e a idade adulta.

O auxe desta tendencia, significa asemade un grande mercado de produtos de lecer a nivel global.

Símbolos da cultura kidult

[editar | editar a fonte]
O Colacao é outro dos símbolos da cultura 'kidult'.

Entre os símbolos máis característicos deste fenómeno están os produtos relacionados coa vestimenta (zapatillas PUMA, Adidas, All Stars, camisetas da mascota Naranjito), coa televisión (The Simpsons, South Park), co cinema (Shrek, triloxía de O Señor dos Aneis, The Incredibles, filmes de heroes clásicos, series de culto de décadas pasadas), coa lectura (saga de Harry Potter), cos xoguetes (Strawberry Shortcake, Nancy, Scalextric), cos videoxogos (consola Nintendo ou Playstation) e incluso coa alimentación (Cola Cao, Nocilla).[1][2]