Jean-Baptiste Lamarck
Jean-Baptiste-Pierre-Antoine de Monet, cabaleiro de La Marck, nado en Bazentin[1], Picardía, Francia, o 1 de agosto de 1744 e finado en París o 18 de decembro de 1829, foi un naturalista francés, un dos grandes nomes da época da sistematización da Historia Natural, próximo na súa influencia a Linneo, Buffon e Cuvier.
Foi un dos primeiros científicos que defendeu a idea da evolución dos seres vivos, propoñendo a primeira teoría coherente sobre a evolución da vida a partir de leis naturais baseadas na herdanza dos caracteres adquiridos[2].
Esta teoría foi tamén a primeira en propoñer a idea materialista e mecanicista da vida e da evolución dos seres vivos.
A súa teoría, denominada transformismo fúndase sobre dous principios :
- A complexidade crecente da organización dos seres vivos baixo o efecto da dinámica interna propia do seu metabolismo;
- A diversificación, ou especialización, dos seres vivos en múltiplas especies, baixo o efecto das circunstancias variadas ás que se enfrontan en medios diferentes e desfavorábeis que lles obrigan a adaptarse modificando o seu comportamento ou os seus órganos para responder ás súas necesidades (estas modificacións non son o produto da súa vontade ou do seu desexo, senón desta dinámica interna propia da vida concibida aquí como un proceso no que os fluxos de materia necesarios para a vida estruturan a materia viva e, en consecuencia, os organismos).
Esta argumentación recibe o nome de lamarckismo.
Foi igualmente un dos poucos evolucionistas en comprender a necesidade teórica da evolución dos seres vivos.
A publicación da súa principal obra, Filosofía zoolóxica, en 1809, coincidiu co nacemento de Charles Darwin, precursor dunha teoría evolucionista que superaría o lamarckismo: o darwinismo.
Lamarck cuñou o termo "bioloxía" para designar a ciencia dos seres vivos, e foi o fundador da paleontoloxía dos invertebrados.
Vida e obra
[editar | editar a fonte]Infancia e formación
[editar | editar a fonte]Naceu na vila de Bazantin nunha vella familia da nobreza, na que había numerosos militares[3], pero con poucos recursos económicos para manter a numerosa descendencia. Era o undécimo fillo de Pierre de Monet, que o animou a entrar no seminario dos xesuítas de Amiens, coa intención de que se ordenase sacerdote, xa que naquela época a igrexa era unha boa opción para fillos de familias da aristocracia con poucos recursos, como noutras partes de Europa.
Non obstante, Lamarck sentíase atraído polo exército (outra das opcións para a nobreza empobrecida), ao que pertencían xa tres dos seus irmáns. Aínda así, segue nos xesuítas de 1755 a 1759, cando seu pai morre. Chega a oficial na batalla de Villinghausen, o 16 de xullo do mesmo ano.
Vida no exército
[editar | editar a fonte]Pero abandona os estudos e uníndose ao exército, para iniciar a carreira militar, en 1761, a pesar da súa xuventude, co nome de Cabaleiro de Saint-Martin. Participou na Guerra dos Sete Anos, uníndose ao exército francés na campaña de Alemaña preto de Willinghausen, Alemaña, onde pouco despois da súa chegada tivo lugar a batalla que leva o nome desa cidade. Os franceses perden a batalla, e da compañía na que estaba encadrado Lamarck só sobreviviron catorce homes, entre eles os oficiais. O soldado máis vello do grupo suxeriu que Lamarck comandase a pequena tropa que quedara esquecida no medio da confusión. Lamarck acepta e ordena quedar naquel lugar até a chegada do seu exército, actitude que lle vale o ascenso a lugartenente.[4]
Mentres o rexemento entraba en Toulon e Mónaco, unha compañía intenta rebelarse, deixar as armas. Como consecuencia do esforzo realizado no tumulto, Lamarck tivo unha importante lesión no pescozo (unha luxación da articulación temporomandibular) que o obrigaría a deixar o exército en 1765 e volver a París cunha pensión mínima.
A volta a París
[editar | editar a fonte]Unha vez instalado en París xunto co seu irmán Philippe-François, decide inicialmente comezar os estudos de música, pero finalmente emprende os das ciencias naturais, mentres traballa durante un tempo como contábel para un banqueiro. Comeza a estudar medicina, pero pronto abandona estes estudos para concentrarse na súa paixón pola botánica, nunha época na que a influencia de Jean-Jacques Rousseau fixo que o estudo da botánica estivese de moda.
En 1778, foi bautizada a súa primeira filla, Rosalie-Joséphine, froito da súa unión con Marie-Anne-Rosalie Delaporte. Durante estes anos inicia as súas Investigacións sobre as causas dos principais feitos físicos.
A Flora francesa. Académico das Ciencias
[editar | editar a fonte]En 1779, cando Lamarck tiña 35 anos, a Imprimerie royale publica a súa primeira obra Flora francesa (en tres volumes). A partir da terceira edición Augustin Pyrame de Candolle achega especies de Suíza. O seu obxectivo é ordenar os vexetais segundo as súas estruturas reais e, ao mesmo tempo proporcionarlle ao público unha maneira cómoda e segura de identificar as plantas.
Para facer isto, Lamarck adopta a clasificación binaria polo xénero e especie e, sobre todo, inventa o método dicotómico que consiste en poñer o que se trata de determinar dunha planta sucesivamente ante dous termos contrarios entre os cales debe decidirse antes de pasar ao seguinte parágrafo, onde se encontran outras dúas alternativas máis restrinxidas até que ao termo da operación se encontra o nome da planta, publicando así a primeira clave de determinación. Este procedemento dirixido ao non especialista, aínda se utiliza hoxe nas obras de botánica.
Lamarck ordena os vexetais nunha serie que comporta seis graos: polipétalas, monopétalas, compostas, incompletas, unilobadas e critógamas.
Esta obra dálle unha notoriedade inmediata, converténdose nunha obra de referencia, e consegue merecer a confianza de Georges-Louis Leclerc, conde de Buffon. O patrocinio de Buffon ábrelle a Lamarck as portas da Academia das Ciencias en 1775, en principio membro adxunto.
En 1781 naceu o seu segundo fillo, André, e o mesmo ano Buffon conseguiu que Lamarck fose nomeado Botánico do Rei, e como tal acompañouno nas súas viaxes entre 1781 e 1782 onde visitaron os principais centros científicos europeos na busca de novas especies botánicas para arrequecer as coleccións do Herbario Real do Xardín do Rei.
Desde 1783 a 1786 foi membro asociado da Academia das Ciencias e dirixiu os dous primeiros volumes de Botánica da Enciclopedia Metódica. O ano 1786 nace o seu terceiro fillo, Antoine.
En 1787 César Charles de Flahaut, un parente afastado de Lamarck, sucedeu a Buffon na dirección do Xardín do Rei, e Lamarck consegue o cargo de gardián do Herbario Real (1783-1792), un emprego cun soldo non moi elevado, de maneira que se viu obrigado a dar clases para complementar os seus ingresos.
Entre 1791 e 1792 nacen os seus fillos Guillaume-Emmanuel-Auguste e Aménaïde-Cornélie, e morre a súa esposa Marie-Anne-Rosalie Delaporte, quedando Lamarck cos cinco fillos.
A Revolución Francesa
[editar | editar a fonte]A Revolución Francesa supuxo cambios importantes na vida de Lamarck. As Academias son suprimidas, e Lamarck deixa de percibir a pensión como membro da de Ciencias. Pero participa na transformación do Xardín do Rei en Museo Nacional de Historia Natural, baixo o impulso de Lakanal. Nel créanse doce cátedras, unha das cales, a de animais inferiores, confíase a Lamarck que, en 1793, é Profesor de Historia Natural dos insectos, os vermes e os animais microscópicos, cun soldo inicial de 2.500 francos, non dubidando en reconverterse (con éxito), e á súa xa algo avanzada idade, de prestixioso botánico en profesor de zooloxía.
Lamarck ocúpase, ademais, da biblioteca do Museo. O mesmo ano volve casar, con Victoire-Charlotte Reverdy, coa cal tería dúas fillas máis: Aristide, nada en 1794, e Eugénie, nada en 1797. Victoire morre a finais de 1797 aos 24 anos, e ao ano seguinte Lamarck casa por terceira vez con Julie Mallet.
E 1797 créase un Instituto Nacional para substituír as anteriores Academias e Lamarck é nomeado membro da sección de Botánica, na que asistirá a todas as sesións durante os seguintes 34 anos. Durante estes anos participa na elaboración do calendario republicano, baseado nos ciclos da natureza, e comeza a dar as súas clases no Museo, clases que darían lugar á creación da súa obra capital, Filosofía zoolóxica.
Época napoleónica
[editar | editar a fonte]Por estes anos inicia as súas publicacións no campo da meteoroloxía e da hidroxeoloxía. Publica diversos traballos, como Da influencia da Lúa na atmosfera terrestre, unha memoria que suporá o primeiro esbozo da hidroxeoloxía, que publica en 1802, e os Anuarios Meteorolóxicos (1799-1809) que chegarían a ter gran fama e que animaban a posibilidade de desenvolver unha meteoroloxía científica.
Pasou varios anos para chegar a establecer unha clasificación razoada dos animais invertebrados, que representan sobre o 80% do reino animal.
Dúas obras lle fan ser considerado como o fundador do transformismo: Filosofía zoolóxica (1809) e a introdución da Historia natural dos animais sen vértebras (1815-1822).
A propósito da recepción da Filosofía zoolóxica polo emperador Napoleón, Arago[5] relata a seguinte anécdota:
O Emperador […] pasou a outro membro do Instituto. Non era un acabado de chegar: era un naturalista coñecido por fermosos e importantes descubrimentos, era M. Lamarck. O vello presenta un libro a Napoleón.
- "Que é isto? díxolle. É a vosa absurda Meteoroloxía, é esa obra na que vos facedes a competencia a Matthieu Laensberg, ese anuario que deshonra os vosos vellos tempos? Facede a historia natural, e eu recibirei as vosas producións con pracer. Este volume só o collo por consideración polos vosos cabelos brancos. — Cóllao!" E pasou o libro a un axudante de campo.
- O pobre M. Lamarck que, despois de cada unha das palabras bruscas e ofensivas do Emperador, trataba inutilmente de dicir: "É unha obra de historia natural a que vos presento", tivo a debilidade de botarse a chorar como unha Madalena.
Despois disto, Lamarck renunciaría a continuar facendo os anuarios.
A teoría da transformación das especies. Filosofía zoolóxica
[editar | editar a fonte]No seu discurso de abertura do curso do ano 8 da república no Museo (1800), Lamarck anuncia por primeira vez o que serían as bases da súa teoría da transformación das especies transformismo. O discurso sería publicado o ano seguinte co título Sistema dos animais sen vértebras ou Táboa xeral das clases, ordes de xéneros dos animais. Nesta obra, precursora da célebre Historia Natural dos animais sen vértebras (1816-1822), aparecen xa as teses esenciais da súa doutrina transformista e que abandonara completamente as teses fixistas. É posíbel que na obra haxa influencias de Pierre-Jean-George Cabanis ou de Erasmus Darwin, o avó de Charles Darwin.
O ano 1802 presenta no Instituto Nacional as súas Investigacións sobre a organización dos corpos vivos, unha obra que prefigura a súa Filosofía zoolóxica e na que se utiliza por primeira vez o termo bioloxía e onde admite abertamente que o home provén dos simios. Tamén comeza a publicar os resultados dos numerosos estudos que fixera sobre os fósiles da contorna de París (Memorias sobre os fósiles da contorna de París, 1802-1806).
Durante esta época faise manifesta a contraposición entre Georges Cuvier e Lamarck. Lamarck xa se opuxera en 1794 a que Cuvier obtivese unha praza de naturalista no Museo e, anticipándose a Lyell, manifestara a súa oposición ás teses catastrofistas que defendía Cuvier. Pola súa parte, Cuvier critica con violencia e ridiculiza as ideas de Lamarck, especialmente as relacionadas coa formación dos seres vivos, mentres Lamarck o ataca nos discursos de abertura dos cursos do Museo.
En 1809 publica Filosofía zoolóxica, unha obra que non alcanzaría a celebridade até a saída á luz das ideas darwinistas (1859). A partir dese momento sería reimprimida e traducida a numerosas linguas. De feito, o mesmo Charles Darwin, na terceira edición do seu libro A orixe das especies, agradece a contribución científica de Lamarck, e recoñece que Lamarck foi o primeiro científico que expuxo a idea de que os seres vivos seguían leis naturais. Darwin manifestou tamén a influencia que sobre el tiveran as obras Filosofía zoolóxica e Historia Natural dos animais sen vértebras, que se publicaran entre os anos 1815 e 1822 e que recollen as concepcións de Lamarck sobre a evolución dos seres vivos.
Os derradeiros anos
[editar | editar a fonte]En 1818 Lamarck queda subitamente cego, parece que por un desprendemento de retina. Pide que o substitúa parcialmente nas súas obrigas no Museo Pierre-André Latreille, que Lamarck nomeara naturalista auxiliar en 1798 e que o substituiría nas clases en 1821.
A pesar dos seus problemas de saúde, Lamarck continuou traballando nas súas obras con persistencia: publícanse os derradeiros volumes da Historia Natural dos animais sen vértebras. En 1820, o Sistema analítico dos coñecementos positivos do home, que constitúe o seu testamento espiritual, e onde defende que a moral humana está determinada pola ciencia e non pola tradición.
Nestes últimos anos a súa filla Rosalie coida del e axúdao no seu traballo. Cada vez ten máis problemas de mobilidade que non lle permiten asistir ás reunións do Instituto, no que os seus colegas deciden contabilizalo como presente.
Lamarck morre o 18 de decembro de 1829, á idade de 85 anos, na súa vivenda do Museo. Os funerais celébranse na igrexa de St. Médard, e os seus restos depositáronse nunha fosa común do cemiterio de Montparnasse. Como se menciona máis abaixo, este feito foi para certos autores o signo da súa miseria. Para Laurent [6], habería que atribuílo "á falta de piedade filial" do seu fillo Auguste.
Efectivamente, durante máis dun século, a maior parte dos textos históricos mencionan a miseria dos últimos tempos da vida de Lamarck. Para Jean-Henri Humbert (1887-1967)[7], Lamarck "desprovisto de recursos" debeu ceder o seu herbario ao botánico alemán Johannes August Christian Roeper (1801-1885). Máis preto de nós, para Jaussaud e Brygoo [8], "[Lamarck] morreu pobre na súa vivenda do Museo". O estudo de Michel Guédès[9] sobre as rendas de Lamarck demostra que acumulaba diversas rendas (como profesor do Museo, as súas rendas da Academia das Ciencias, da venda das súas obras etc.) que alcanzaban a suma de 9.500 francos da época[10]. As súas rendas non igualaban certamente as de Cuvier (xa que estas chegaban aos 41.200 francos), pero permitíanlle vivir dunha forma máis que correcta.
Bioloxía e transformismo
[editar | editar a fonte]Lamarck versus Darwin
[editar | editar a fonte]Faise frecuentemente de Lamarck un precursor desafortunado de Charles Darwin porque, aínda que expuxo unha teoría da evolución, non descubriu o mecanismo da selección natural.
Isto é unha visión retrospectiva errónea. Os proxectos e realizacións científicas de Lamarck e de Darwin son de feito profundamente diferentes, mesmo opostos.
En efecto, Lamarck busca en primeiro lugar comprender e explicar os seres vivos en tanto que fenómenos físicos, e isto porque inventa a bioloxía e elabora unha teoría dos seres vivos.
Darwin, pola contra, busca ante todo refutar as "creacións especiais" do pastor William Paley[11] que, na súa Teoloxía natural (1803), explicaba a creación do mundo vivo e a orixe de todas as especies por intervención divina, substituíndoas polo mecanismo cego e impersoal da selección natural.
Na súa obra A orixe das especies (1859), Darwin non propón ningunha teoría dos seres vivos,[12] non busca máis que explicar a adaptación dos seres vivos ás súas condicións de existencia pola selección natural, mecanismo que se aplicará en seguida a toda a evolución do vivente e a partir da cal os científicos elaborarían a teoría sintética da evolución na segunda metade do século XX.
A oposición entre as concepcións de Lamarck e Darwin sitúase en realidade na tendencia ao aumento da complexidade dos seres vivos no curso da evolución.
A invención da bioloxía
[editar | editar a fonte]O termo "bioloxía" (do grego βίος bíos, 'vida', e λόγος lógos 'ciencia') cuñouse a principios do século XIX (en 1802), especialmente por Lamarck:
Todo o que é xeralmente común aos vexetais e aos animais, así como todas as facultades que son propias de cada un destes seres, sen excepción, debe constituír o único e vasto obxecto dunha ciencia particular que non está aínda fundada, e que non ten incluso nome, e á cal eu darei o nome de bioloxía.
Jean-Baptiste Lamarck é o fundador da bioloxía en tanto que ciencia da vida ou ciencia dos seres vivos. Está entre os que inventaron a palabra pero, sobre todo, comprende a bioloxía como unha ciencia á parte, como unha ciencia autónoma, é dicir, unha ciencia diferente non só da física e da química, senón tamén da taxonomía, da anatomía, da fisioloxía e da medicina. Para Lamarck, a bioloxía ten por obxecto estudar os caracteres comúns aos animais e aos vexetais, caracteres polos cales se distinguen dos obxectos inanimados.
Durante moito tempo —e mesmo aínda hoxe en día— reduciuse o sistema de Lamarck unicamente á herdanza dos caracteres adquiridos e aos efectos do uso e do non-uso dos órganos dos seres vivos; outramente, fálase só dunha teoría da adaptación.
Isto débese probabelmente ao "máis grave defecto do plan da Filosofía zoolóxica" [13], a súa principal obra. Na primeira parte, Lamarck expón o seu transformismo, que non pode comprenderse sen a bioloxía xeral exposta na segunda parte. Para comprender ben o seu sistema, sería preciso comezar pola segunda parte. Pero moi frecuentemente só a primeira parte da obra foi publicada e lida.
É tamén isto o que probabelmente lle valeu á tese de Lamarck o ser asimilada ao vitalismo, mentres que, ao contrario, coa súa teoría dos seres vivos, trata de comprendelos unicamente en tanto que fenómenos físicos, sen facer intervir ningunha "forza vital", misteriosa e descoñecida. Nela, oponse ás concepcións de Xavier Bichat.
Teoría dos seres vivos
[editar | editar a fonte]Lamarck comeza por constatar que existe un "hiato inmenso" entre os "corpos físicos" e os "corpos vivos". A partir diso, trata de determinar a especificidade dos seres vivos con relación aos obxectos inanimados que estuda a física.
Esta especificidade reside segundo el na organización da materia que constitúe os seres vivos. Pero esta "orde de cousas" non é fixa e determinada dunha vez por todas (como nunha máquina), porque o ser vivo nace, desenvólvese e morre. Esta organización é, pois, máis que unha autoorganización da materia baixo o efecto das condicións exteriores (como por exemplo na formación dun cristal de neve), é tamén autocatalítica, é dicir, que enxendra ela mesma as condicións propias para o seu desenvolvemento. Lamarck explica esta dinámica interna como o produto de que os fluídos que se solidifican constitúen os órganos que canalizan e aceleran a circulación dos fluídos e así permiten o desenvolvemento do organismo na súa integridade.
A súa teoría neste punto comprende tres elementos esenciais, tirados da bioloxía mecanicista dos séculos XVII e XVIII: as "partes continentes" (os tecidos), dos "fluídos contidos" (o sangue, a linfa etc.), e unha "cause excitatriz" que provoca o movemento dos fluídos nas partes continentes. Esta división en partes continentes e fluídos contidos (o que Claude Bernard denominará máis tarde o "medio interno" do ser vivo) significa que un ser vivo é esencialmente unha masa de materia máis ou menos flexíbel. A novidade está en que, en lugar facerse nos tubos xa no seu sitio, o movemento dos fluídos organiza en partes diferenciadas o tecido orixinalmente indiferenciado.
A organoxénse faise polo movemento dos fluídos que se mesturan ao seu paso polo seo do "tecido celular" (é dicir, o que hoxe chamamos tecido conxuntivo), comprímeno e provocan a formación de membranas. Ao final, esta organización facilita e activa o movemento dos fluídos; activación que aumenta a organización e a diferenciación das partes, e así sucesivamente (ao que se engade unha excitabilidade do tecido que, entre os animais, exacerba o movemento organizador) [14].
Recupera nisto a embrioxénese de Descartes —a cal está radicalmente en opossición da súa idea de animal-máquina— que acrecenta os coñecementos fisiolóxicos do seu tempo. Lamarck, antes de calquera cousa expón deste xeito unha teoría física dos seres vivos a partir da cal elabora en seguida unha teoría da transformación e da evolución dos seres vivos.
Unha teoría da evolución
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Lamarckismo.
Esta última consiste en dúas tendencias opostas. Por unha parte a complexidade baixo o efecto da dinámica interna, que arrequece os organismos con órganos e funcións novas e, por outra, unha tendencia á diversificación dos organismos en función das circunstancias nas que se encontran, é dicir, unha forma de adaptación do ser vivo ao seu medio.
A tendencia á complexidade
[editar | editar a fonte]Lamarck considera que os seres vivos máis simples, os "infusorios", aparecen por xeración espontánea. Estes seres son pequenas masas xelatinosas con algúns movementos de fluídos internos, provocados pola calor. A simplicidade da súa organización permítelles aparecer espontaneamente, como o produto natural das leis físicas. A partir destes seres moi simples, fórmanse seres un pouco máis complexos, beneficiándose da organización dos primeiros que se lles transmitiu polo que chamou despois August Weismann a herdanza dos caracteres adquiridos (véxase máis abaixo). A partir deles fórmanse outros aínda máis complexos, e así sucesivamente, até chegaren a formas de seres vivos tan complicados como os mamíferos e o home. E iso sen facer mención a outra cousa que ás leis da física.
Pódese comprender a tendencia á complexidade das especies, é dicir, a aparición das ordes, clases e ramificacións, como unha consecuencia do crecemento autocatalítico do movemento dos fluídos, primeiro no individuo, despois a través das xeracións sucesivas. Este movemento que é responsábel da organización do ser vivo, e do seu crecemento, sendo a causa do aumento da complexidade desta organización no curso do desenvolvemento embrionario do individuo, non fai máis que prolongar este principio a través das xeracións, á favor da herdanza dos caracteres adquiridos. A reprodución serve de enlace entre as etapas sucesivas necesarias á natureza nas súas producións a falta dunha complexificacion continua dun só ser (el mesmo ligado ao endurecemento dos tecidos no momento do desenvolvemento). O aumento da complexidade das especies reponse entón no mesmo principio que a complexidade progresiva do organismo no curso do desenvolvemento; un prolóngase no outra a través das xeracións.
Lamarck diferencia o animal do vexetal polo feito de que os tecidos do primeiro son irritábeis, mentres que os do segundo non o son. A irritabilidade é a facultade de resposta, por unha contracción, a calquera estimulación. Entre os animais, a principal consecuencia da irritabilidade dos tecidos é unha interiorización da causa excitante dos movementos de fluídos, sobre todo nos animais superiores. Estes son entón moito menos dependentes do medio exterior que os animais inferiores e que os vexetais, para todo o que concirne aos movementos de fluídos. Así a vida dos animais superiores adquire unha maior autonomía con relación ao medio, o que ten consecuencias importantes para a transformación das especies.
Se Lamarck emprega as expresións "progreso na organización" e "perfeccionamento dos organismos", non hai que equivocarse sobre o seu sentido alí proxectando a ideoloxía do progreso actual [15]. Lamarck conténtase con constatar empiricamente esta escala de complexificación dos seres vivos, desde os "infusorios" ao home; emprega o termo "progreso" no sentido dunha progresión a través dunha serie gradual de complexidade, non como tensión cara a un fin ideal, e o termo "perfeccionamento" no sentido de adquirir facultades máis elevadas, novas funcións e órganos diferenciados, non como unha argumentación de probas extraordinarias ou dunha mellor adaptación ao medio. Cómpre evitar proxectar sobre iso un xuízo de valor inspirado pola analoxía co progreso técnico.
Para Lamarck, esta complexificación dos seres vivos non é pois atribuíbel unicamente ao azar, non é un accidente, é un produto necesario da dinámica interna dos seres vivos; só a súa forma é continxente, sendo o produto das circunstancias.
Unha interpretación errónea desta tendencia á complexificación dos seres vivos no curso da evolución consiste en amalgamar a idea mística da escala dos seres [16]. Ora, na introdución da súa Histoire naturelle des animaux sans vertèbres, Lamarck oponse explicitamente a unha tal amálgama [17]
Aseguro que eu non falei en parte ningunha dunha parella encadeada: eu reñecín sempre, pola contra, que hai unha distancia inmensa entre os corpos inorgánicos e os corpos viventes, e que os vexetais non se relacionan cos animais por ningún punto da súa serie. E digo máis, os animais mesmos, que son o suxeito do feito que vou expoñer, non se ligan uns cos outros de maneira que formen unha serie simple e regularmente graduada na súa extensión. Tamén, nisto que establecín, non é hai para nada unha cuestión dunha parella encadeada, porque ela non existe. (p. 130)
A tendencia á diversificación
[editar | editar a fonte]Lamarck dixo claramente: se a tendencia á complexificación fose a única a actuar, a progresión da composición dos animais sería regular. É unha cuestión sobre a cal se volve moitas veces; especialmente para explicar que na natureza non hai unha escala regular dos seres, senón unicamente unha gradación por "grandes masas"; no interior destas "grandes masas" os seres non respectan unha gradación lineal, pero teñen unha diversidade que é consecuencia da diversidade das circunstancias coas que topa a tendencia á complexificación. As circunstancias son pois responsábeis da diversidade das especies e, ao mesmo tempo, son perturbacións da regularidade da "orde natural", que non aparece máis que nas súas grandes liñas.
A influencia das circunstancias é máis ou menos marcada segundo as partes do ser que toca. Canto menos esencial sexa un órgano para a vida, máis facilmente poderá variar segundo as circunstancias, e máis as súas transformacións se afastarán nunha complexificación lineal. Especialmente no caso de órganos que están en relación directa coas circunstancias exteriores. Os órganos nos que o funcionamento é puramente interno, sen relación directa co medio exterior, serán menos facilmente modificados polas circunstancias. Como frecuentemente estes órganos son os máis importantes, esta constatación é útil para a clasificación das formas vivas, porque permite determinar o que nelas é esencial e o que é accidental.
Nos animais, polo menos nun animal un pouco evolucionado, as circunstancias externas non actúan directamente. As novas circunstancias crean novas necesidades; estas promoven novas accións do animal, que acaban sendo novos hábitos e modifican o seu corpo segundo o principio "a función fai ao órgano" (aínda que Lamarck non o formulase así nunca); esta modificación chega a ser hereditaria en certas condicións. As circunstancias non poden pois máis que poñer en funcionamento unha acción, pero non modificar directamente a organización corporal (como entre os vexetais); e é esta acción a que, repetida, modifica o corpo. Inversamente, a pouca ou nula utilización dun órgano, non só o debilita, senón que o fai desaparecer. Lamarck dá, pois, a prioridade ás necesidades, non aos órganos.
Dá algúns exemplos que chegaron a ser célebres e que se citan en xeral con ironía, especialmente o do pescozo da xirafa. Véxase o que escribiu Lamarck a propósito da xirafa:
Con respecto aos hábitos, é curioso observar o que produciu na forma particular e a talle da xirafa (camelo-pardalis): sábese que este animal, o máis grande dos mamíferos, habita no interior de África, e que vive en lugares nos que a terra, case sempre árida e sen herba, a obriga a comer a follaxe das árbores, e de esforzarse continuamente para chegar a el. Resultou de este hábito, sostido moito tempo, en todos os individuos da súa raza, que as súa patas dianteiras chegaron a ser máis longas que as traseiras, e que o seu pescozo é tan alongado, que a xirafa, sen apoiarse nas patas posteriores, eleva a súa cabeza e chega aos seis metros de altura (case vinte pés).Lamarck (P. Z., p. 256).
Darwin e outros autores anglosaxóns parece que deduciron que destas palabras que era a vontade do animal o que estaría na orixe da transformación de certos órganos. Esta interpretación errónea das ideas de Lamarck, inspirada polo Eloxio fúnebre escrito por Cuvier[18], semella vir dun erro na tradución inglesa da Philosophie zoologique, ou da idea de que o esforzo resultante dos hábitos na satisfacción das necesidades do ser vivo foi impropiamente traducido polo termo desexo.
A necesidade teórica da evolución
[editar | editar a fonte]Lamarck trataba de comprender o que diferencia os seres vivos dos obxectos inanimados estudados pola física. En efecto, a existencia mesma de seres vivos testemuña o feito da evolución, porque a súa presenza non podería resultar unicamente do xogo actual dos fenómenos físico-químicos. Por exemplo, unha folerpa de neve non importa en que cristal de ventá estea, prodúcena circunstancias atmosféricas particulares (humidade do aire, temperatura etc.) nun instante dado, e desaparecerá con elas. A folerpa é o produto só do xogo actual das condicións atmosféricas, e cando estas se modifican, transfórmase en consecuencia; eventualmente comeza a fundirse. A folerpa de neve é o xoguete das circunstancias que a rodean, non posúe ningunha actividade autónoma que poida manter a súa organizacion, ao contrario dun ser vivo.
Non importa que ser vivo, mesmo os máis simples actualmente coñecidos non poden formarse espontaneamente a partir de circunstancias actuais. Non só non hai xeración espontánea de mamíferos evolucionados, como os ratos a partir de lixo, como se pensaba aínda no século XVIII, pero tampouco das bacterias máis simples, como Pasteur estableceu máis tarde.
Todo ser vivo nace a partir doutro ser vivo. Por iso, se existen organismos máis complexos que outros é necesario que houbese unha historia para chegar a eles, é dicir, unha evolución das especies.
Dito doutra maneira, a idea de evolución é ante todo unha necesidade teórica para comprender a presenza de seres vivos complexos, é dicir, seres vivos que non sexa só o produto do xogo actual dos fenómenos físico-químicos, senón o produto dunha construción e dunha elaboración histórica de estes fenómenos nunha organización cada vez máis complexa e diferenciada.
Lamarck foi o primeiro en comprender este punto [19]. Darwin, a quen se lle opón frecuentemente fronte a Lamarck, buscaba sobre todo descubrir a Orixe das especies, é dicir, comprender como os seres vivos se adaptan ás súas condicións de existencia sen facer intervir as "creacións especiais", as explicacións creacionistas de William Paley; e é curioso visto que aínda hoxe este argumento potente en favor da evolución non é sempre comprendido pola maior parte dos evolucionistas.
A teoría da transmisión dos caracteres adquiridos
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Transmisión dos caracteres adquiridos.
A historia da bioloxía fixo de Lamarck o autor dunha "teoría da transmisión dos caracteres adquiridos". A transmisión dos caracteres adquiridos foi porén admitida desde Aristóteles até August Weismann quen, á fin do século XIX, a rexeitará máis por razóns teóricas que por experiencias, que non fixo.
Lamarck, en toda a súa obra, non propuxo ningunha teoría da herdanza, non fixo máis que retomar as ideas correntes entre os sabios da súa época sobre o tema. Lamarck non teorizou, máis do que os seus predecesores, esta transmisión, non fixo máis que integrala, sen discutila, na súa propia teoría da evolución, como amosa nesta cita:
4° lei: Todo o que foi adquirido, deseñado ou cambiado na organización dos individuos durante o curso da súa vida, consérvase para a xeración, e transmítese aos novos individuos que proveñen dos que experimentaron estes cambios. Esta lei, sen a cal a natureza non podería nunca diversificar os animais, como fixo, establece entre eles unha progresión na composición da súa organización e nas súas facultades, está expresada así na miña Philosophie zoologique (vol. I, p. 230). "Todo o que a natureza fixo adquirir ou perder aos individuos pola influencia das circunstancias nas que a súa raza se encontrou exposta durante moito tempo e, por conseguinte, pola influencia do emprego predominante de tal órgano, ou pola dun defecto constante de uso de tal parte, consérvase, pola xeración, nos novos individuos que proveñen deles, sempre que os cambios adquiridos sexan comúns aos dous sexos, ou aos que produciron estes novos individuos". Esta expresión da mesma lei ofrece algúns detalles que será mellor reservar para o seu desenvolvemento e a súa aplicación, porque son apenas necesarios. En efecto, esta lei da natureza que fai transmitir aos novos individuos todo o que foi adquirido na organización, durante a vida dos que os producen, é tan verdadeiro, tan impresionante, tan testemuñado polos feitos, que non hai ningún observador que non se convencera da súa realidade".Histoire naturelle des animaux sans vertèbres (vol. I, p. 62)
En cambio, foi Charles Darwin, na súa obra La variation des animaux et des plantes sous l'effet de la domestication (1868), quen teorizaría sobre esta transmisión dos caracteres adquiridos.[20].
Honras
[editar | editar a fonte]- Existe unha rue Lamarck no 18e arrondissement de París.
- Existe unha "rue Jean-Baptiste Lamarck" en Montbéliard (Doubs)[21]
- Unha "Cidade escolar Lamarck" funciona en Albert (Somme) cun liceo público xeral e profesional, un Greta e un internado[22].
Abreviaturas
[editar | editar a fonte]As abreviaturas Lam. ou Lamk. empréganse para indicar a Jean-Baptiste Lamarck como autoridade na descrición, e na taxonomía en botánica. (Ver listaxe de especies descritas por este autor en IPNI)
A abreviatura Lamarck emprégase para indicar a Jean-Baptiste Lamarck como autoridade na descrición, e na taxonomía en zooloxía.
Obra
[editar | editar a fonte]Esta é unha selección das principais obras de Lamarck: [2] (en francés).
- Encyclopédie méthodique. Illustrations des genres, tomes I, II (1791-93).
- Encyclopédie méthodique. Botanique, 8 volumes dos cales os volumes I (1783), II (1786) e III (1789) foron dirixidos per Lamarck (1783-1789) (en francés).
- Mémoire sur la matière du son (1799) (en francés).
- Philosophie zoologique (1809) (en francés).
- L'histoire naturelle des animaux sans vertèbres (1815-1822) (en francés).
- Flore française, 1779.
- L'Illustration des genres, 1783.
- articles dans L'Encyclopédie botanique, 1783-1796.
- Recherches sur les causes des principaux faits physiques, 1794.
- Réfutation de la théorie pneumatique, 1796.
- Mémoires de physique et d'histoire naturelle, 1797.
- Mémoire sur la matière du son, 1799.
- Annuaires météorologiques, 1800-1810.
- Système des animaux sans vertèbres, 1801.
- Recherches sur l’organisation des corps vivants, 1802.
- - éd. Fayard, coll. Corpus des œuvres de philosophie en langue française, 1986.
- Hydrogéologie, 1802.
- Philosophie zoologique, 1809.
- - éd. Flammarion, coll. GF, 1994 (présenté et annoté par André Pichot).
- Extrait du cours de zoologie sur les animaux sans vertèbres, 1812.
- Histoire naturelle des animaux sans vertèbres, 1815-1822.
- Système analytique des connaissances positives de l’homme, 1820.
- - éd. PUF, coll. Quadrige, 1988.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Localidade actualmente situada no departamento de Somme.
- ↑
A Lamarck correspóndelle a imperecedoira gloria de ser o primeiro en elevar a teoría da descendencia á altura dunha teoría científica independente, e de ter feito da filosofía da Natureza a base sólida de toda a bioloxía.Ernest Haeckel, prólogo de Filosofía zoolóxica, p. VIII.
- ↑ Szyfman (1982): 4.
- ↑ Estes feitos, aínda que son plausíbeis, non puideron comprobarse nos arquivos, e baséanse no testemuño dunha das fillas de Lamarck.
- ↑ Arago, Histoire de ma jeunesse, 1846, capítulo 46.
- ↑ Laurent (2001): 136.
- ↑ Humbert (1946): 21.
- ↑ Jaussaud et Brygoo (2004): 324.
- ↑ Citado por Laurent (2001): 134-136.
- ↑ O salario medio dun obreiro era de 1.000 francos. Citado por Laurent (2001): 135.
- ↑ Véxase creacionismo, deseño intelixente.
- ↑ (véxase Darwin e a noción de vida)
- ↑ Presentación de André Pichot da Philosophie Zoologique de Lamarck, éd. Flammarion GF, 1994.
- ↑ André Pichot, Histoire de la notion de gène, éd. Flammarion, 1999, p. 251.
- ↑ Como o fai, por exemplo, Stephen Jay Gould no L'Éventail du vivant: le mythe du progrès, 1996.
- ↑ Véxase por exemplo Guillaume Lecointre (dir.), Guide critique de l'évolution, éd. Belin, 2009, pp. 37 e 103.
- ↑ Véxase igualmente a análise de Jacques Roger en "L’histoire naturelle au XVIIIe siècle: de l’échelle des êtres à l’évolution", artigo reproducido en Pour une histoire des sciences à part entière, éd. Albin Michel, 1995:
- ↑ Cunha certa mala idea, véxase o artigo Georges Cuvier nesta Galipedia.
- ↑ Cf. André Pichot, Histoire de la notion de vie, 1993.
- ↑ Cf. André Pichot, Histoire de la notion de vie, éd. Gallimard, coll. TEL, 1993
- ↑ [1]
- ↑ Académie d'Amiens. "Cité Scolaire Lamarck". Arquivado dende o orixinal o 23 de abril de 2009. Consultado o 27 de maio de 2009.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Pietro Corsi. 2001. Lamarck. Genèse et enjeux du transformisme. 1770-1830, Ed. CNRS : 434 pp. ISBN 2-271-05701-9 (en francés)
- André Pichot. 1997. Histoire de la notion de vie. Ed. Gallimard, coll. « TEL » : 980 pp. ISBN 2-07-073136-7, cap. 7 « Lamarck et la biologie » (en francés)
- Lamarck, Jean Baptiste (1809). Philosophie zoologique. Prólogo de Ernest Haeckel. (en francés)
- tradución en castelán: Filosofía zoológica. F. Sempere y Compañía Editores (F. Sempere y V. Blasco Ibáñez). Col. Biblioteca filosófica y social. 262 págs. Valencia, ca. 1910.
- (Edición facsimilar de Editorial Alta Fulla - Mundo científico. Barcelona, 1986 ISBN 84-86556-08-2)]
- Karl R. Popper, 1972, Objetive knowledge, Conocimiento objetivo. Un enfoque evolucionista, Trad.: Carlos Solís Santos, Editorial Tecnos S. A. 1974. (en castelán)
- Leon Harris, 1981, Evolución. Génesis y revelaciones, Trad: Antonio Resines, 1985, Hermann Blume Ediciones. (en castelán)
- Richard Dawkins 1986, El Relojero Ciego, Trad. Manuel Arroyo Fernández, Editorial Labor S. A. 1989 (en castelán)
- Stephen Jay Gould, 1980, THE PANDA’S THUMB, El pulgar del panda,Trad. ANTONIO RESINES, Revisión de JOANDOMENEC ROS, Hermann Blume, Madrid 1983. (en castelán)
- Stephen Jay Gould (1977), Desde Darwin. Reflexiones sobre Historia Natural, Ever Since Darwin. Reflections in Natural History, Trad. Antonio Resines, (1983), Hermann Blume Ediciones. (en castelán)
- Daniel Dennett, La peligrosa idea de Darwin. Evolución y significados de la vida, Trad.: Cristóbal Pera Blanco-Morales, Círculo de Lectores /Galaxia Gutenberg, 1999. (en castelán)
- Mae-Wan Ho, 1988, Genetic engineering, Trad.: José Ángel Álvarez, Editorial Gedisa SA 2001. (en castelán)
- Sandín Máximo, Pensando la Evolución, Pensando la vida, 2006, Ediciones Crimentales S. L. ISBN 84-935141-0-1. (en castelán)
- Ernst Mayr, 1995, This is Biology, Así es la biología 1998, Trad. Juan Manuel Ibeas, Editorial Debate, S. A. (en castelán)
- Steven Pinker, 1997, How the mind works, Cómo funciona la mente, Trad. Ferran Meler-Orti, Ediciones Destino S. A. 2001. (en castelán)
- Margulis, Lynn (2002). Planeta Simbiótico. Un nuevo punto de vista sobre la evolución. (en castelán). Victoria Laporta Gonzalo (trad.). Madrid: Editorial Debate.
- Michel Guédès (1982). Les revenus de Lamarck, Histoire et Nature, 21 : 49-60. ISSN 0396-9681 (en francés)
- Henri Jean Humbert (1946). L’œuvre botanique de Lamarck dans le cadre de son temps, Bicentenaire de J.-B. de Monet de Lamarck (1744-1829), 7, Muséum national d’histoire naturelle de Paris, collection Publications du Muséum : 17-22. (en francés)
- Madeleine Barthélémy-Madaule, Lamarck ou le mythe du précurseur, éd. Seuil, coll. Science Ouverte, 1979. (en francés)
- Philippe Jaussaud et Édouard R. Brygoo (2004). Du Jardin au Muséum en 516 biographies, Muséum national d’histoire naturelle de Paris : 630 p. ISBN 2-85653-565-8. (en francés)
- Goulven Laurent (2001). La Naissance du transformisme. Lamarck entre Linné et Darwin, Vuibert (París) et ADAPT (París) : 151 p. ISBN 2-7117-5348-4. (en francés)
- Jacques Roger (1995), Pour une histoire des sciences à part entière, Albin Michel (París) : 476 p. ISBN 2-226-07649-2. (en francés)
- Léon Szyfman (1982). Jean-Baptiste Lamarck et son époque, Masson (París) : xxiii + 448 p. ISBN 2-225-76087-X. (en francés)
- LAMARCK, J-B. Filosofía zoológica (presentación de Joan Senent). Barcelona: Editorial Mateu, col·lecció Maldoror, 1971, 277 p. (en catalán)
- LAMARCK, J-B. Filosofía zoológica (tradución de José González Llana). Barcelona: Editorial Alta Fulla, 1986, 276 p. ISBN 84-86556-08-2 (en catalán)
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Jean-Baptiste Lamarck (en francés)
- A orixe bearnesa da familia de Lamarck (Artigo aparecido o 10 de outubro de 1909 na Revue Scientifique).
- De l’origine des espèces. Examen des théories de Lamarck et de Darwin, F. Taule, Revue Scientifique 7 e 20 de maio de 1864.
- Lamarck, fondateur de la biologie et précurseur du transformisme por Ivo Rens dans Le Courrier (diario suízo) do martes, 7 de xullo de 2009