Saltar ao contido

Isaac Asimov

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaIsaac Asimov

(1965) Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(ru) Исаáк Ази́мов Editar o valor en Wikidata
4 de outubro de 1919 ↔ 2 de xaneiro de 1920 Editar o valor en Wikidata
Petrovichi (República Socialista Soviética Federativa de Rusia) Editar o valor en Wikidata
Morte6 de abril de 1992 Editar o valor en Wikidata (72 anos)
Manhattan, Estados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
Causa da mortedoenza relacionada coa SIDA Editar o valor en Wikidata
ResidenciaManhattan (1970–1992)
Boston (1949–1970)
West Philadelphia (en) Traducir (1942–1945)
Brooklyn (1923, 1946–1942, 1949)
Petrovichi (pt) Traducir (1920–1923) Editar o valor en Wikidata
Grupo étnicoPobo xudeu Editar o valor en Wikidata
EducaciónUniversidade Columbia (–1939)
Boys and Girls High School (pt) Traducir
Columbia University School of General Studies (en) Traducir
Escola de Engenharia e Ciências Aplicadas da Fundação Fu (pt) Traducir
Boys High School Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoBioquímica Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónbioquímico, profesor universitario, escritor de non ficción, xornalista, guionista, escritor, escritor de ciencia, autobiógrafo, escritor de ciencia ficción, novelista, prosista, escritor de xénero policial Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1934 Editar o valor en Wikidata - 1992 Editar o valor en Wikidata
EmpregadorUniversidade de Boston Editar o valor en Wikidata
Partido políticoPartido Demócrata Editar o valor en Wikidata
Membro de
Xénero artísticoCiencia ficción Editar o valor en Wikidata
Pseudónimo literarioPaul French Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
Rama militarExército dos Estados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
Conflitosegunda guerra mundial Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Familia
CónxuxeJanet Asimov (1973–1992)
Gertrude Asimov (1942–1973) Editar o valor en Wikidata
FillosRobyn Asimov
 () Gertrude Asimov Editar o valor en Wikidata
IrmánsStanley Asimov Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteObálky knih,
Medvik >>>:Asimov, Isaac, 1920-1992,
Enciclopedia soviética armenia, volume 1, (p.119) Editar o valor en Wikidata
Páxina webasimovonline.com Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm0001920 TV.com: people/isaac-asimov
Youtube: UCh61UNcowJg-MDsBwVvOjoA BNE: XX930549 Bitraga: 4432 Musicbrainz: 921108ff-319f-443e-83eb-3a21a767f7ef Discogs: 852800 WikiTree: Ozimov-1 Find a Grave: 10325 Editar o valor en Wikidata

Isaac Asimov (Isaak Yudovich Ozimov; en ruso: Исаак Юдович Озимов), nado en Petrovichi o 2 de xaneiro de 1920 e finado en Nova York o 6 de abril de 1992, foi un autor e bioquímico estadounidense nado en Rusia.

Trátase dun escritor de éxito e excepcionalmente prolífico coñecido polas súas obras de ciencia ficción e ciencia popular ou divulgación científica. A obra máis famosa de Asimov é a "Saga da Fundación", que despois combinou con dúas das súas outras series, a serie Imperio Galáctico e a serie de Robots. Tamén escribiu sobre misterio e fantasía, así como unha gran cantidade de novelas. De feito, escribiu ou corrixiu máis de 500 volumes e aproximadamente 90.000 cartas ou postais, e ten obras en cada categoría importante no sistema decimal Dewey, excepto en filosofía[1].

Asimov foi membro de Mensa e o asteroide (5020) Asimov foi nomeado así na súa honra.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Aínda que non se coñece a data exacta, a efectos legais considérase que Asimov naceu o 2 de xaneiro de 1920 en Petrovichi, Rusia (a 400 km ao suroeste de Moscova e 16 km da fronteira con Belarús). Os seus pais, Judah Asimov e Anna Rachel, de orixe xudía, trasládanse a Nova York a principios do ano 1923, cando o autor tiña tres anos. A súa infancia transcorre no barrio neoiorkino de Brooklyn, onde o novo Isaac aprende pola súa conta a ler á idade de cinco anos. A mocidade de Isaac transcorre entre os estudos e o traballo nas distintas tendas de lambetadas que o seu pai rexenta no barrio de Brooklyn. Foi entre eses andeis cheos de cómics onde o mozo Isaac se atopa por primeira vez coa ciencia ficción, e na súa adolescencia comeza a escribir as súas propias historias de ciencia ficción que vende ás revistas (agora clásicas) de ficción chamadas «pulps».

Graduouse na Universidade de Columbia en 1939, e consegue o doutoramento en química en 1948. Daquela únese á Universidade de Boston, onde permanece como asociado mais sen opción a ensinar. A universidade deixa de pagarlle o salario en 1958, mais por entón, os ingresos procedentes do seu traballo como escritor son maiores que os que consegue co seu labor universitario. Asimov permanece na facultade como profesor asociado, e en 1979 ascéndeno a profesor titular. Os seus documentos persoais dos anos 1965 en adiante arquívanse na Biblioteca Mugar Memorial da Universidade de Boston. En 1985 é elixido Presidente da Asociación Humanista Americana, cargo que ocupa ata a súa morte en 1992. O sucesor, amigo e colega de Asimov no seu traballo como escritor foi Kurt Vonnegut Jr. Foi tamén, ata a súa morte, vicepresidente honorario do club Mensa.

Asimov casa o 26 de xullo de 1942 con Gertrude Blugerman, coa que ten dous fillos: David, nado en 1951 e Robyn, en 1955. Tras un longo período de separación, divórcianse en 1973 e a fins deste ano casa con Janet O. Jeppson.

Asimov morre o 6 de abril de 1992, tras contraer o virus do VIH nunha transfusión de sangue durante unha operación de bypass en 1983. Sobreviven a súa viúva Janet e os fillos do seu primeiro matrimonio. Dez anos despois da súa morte, a biografía de Janet Asimov revelou que a súa morte debeuse a un fallo coronario e renal debido á SIDA. Janet dixo entón que os médicos de Asimov lles recomendaron non revelar a causa da súa doenza, mentres que os doutores aseguran que foi ela mesma quen quixo manter o segredo.

Posición intelectual

[editar | editar a fonte]

Isaac Asimov foi un humanista e un racionalista. Non se opuxo ás conviccións relixiosas xenuínas dos demais, mais enfrontouse ás supersticións e ás crenzas infundadas. Tiña un medo a voar que fixo que só viaxara en avión dúas veces en toda a súa vida e que el relacionaba coa acrofobia que tamén padecía. Así mesmo, padecía claustrofilia, é dicir, gustábanlle os lugares pequenos e pechados.

Asimov era un progresista en temas políticos, e un seguidor incondicional do Partido Demócrata dos Estados Unidos. Nunha entrevista televisiva a comezos da década de 1970, apoiou publicamente a George McGovern. Sentiuse moi desilusionado cando veu as tácticas, que el consideraba irracionais, dos activistas progresistas desde fins dos anos sesenta en diante. A súa defensa das aplicacións civís da enerxía nuclear, sobre todo tras o accidente nuclear de Three Mile Island, danou as súas relacións coa esquerda. Publicou moito sobre o control da natalidade, reflectindo a perspectiva artellada por Paul R. Ehrlich. Nos últimos anos da súa vida, Asimov condenou a deterioración da calidade de vida que percibía na cidade de Nova York ao se reduciren os investimentos pola fuxida da clase media aos suburbios. O seu último libro que non foi de ficción, Our Angry Earth: A Ticking Ecological Bomb, escrito en 1991 xunto co autor de ciencia ficción Frederik Pohl, trata de aspectos medioambientais como o quecemento global e a destrución da capa de ozono.

A carreira de Asimov pode dividirse en varios períodos. Nos seus primeiros anos o tema dominante foi a ciencia ficción, iniciándose con relatos curtos en 1939. Isto durou ata 1958, rematando coa publicación de The Naked Sun. Logo, diminuíu de xeito importante a súa produción de libros de ficción mentres se dedicaba a outros temas. Nos seguintes 25 anos publicou soamente catro libros de ciencia ficción. A partir de 1982, iniciou a segunda etapa da súa carreira en ciencia ficción coa publicación de Foundation's Edge . Desde entón e ata a súa morte, Asimov publicaría moitas secuelas das súas novelas xa escritas, dándolles un tratamento de conxunto dun xeito que seguramente non previra nin el mesmo.

Segundo o seu punto de vista, Asimov coidaba que as súas contribucións máis duradeiras serían as "Tres leis da robótica" e a serie Fundation (véxase Yours, Isaac Asimov, p. 329). Máis aínda, o Dicionario de inglés de Oxford dálle creto ao introducir as palabras positrónico, psicohistoria e robótica no idioma inglés. A primeira destas palabras aplícase a unha tecnoloxía enteiramente ficticia, aínda que baseada no nome da partícula subatómica de antimateria oposta ao Electrón, o Positrón, mentres que a segunda se utiliza con frecuencia nun senso diferente ao empregado por Asimov; porén, o uso de robótica continúa a se ampliar co senso dado por Asimov.

Divulgación científica

[editar | editar a fonte]

Durante os últimos anos da década de 1950 e ata entrada a década de 1960, Isaac Asimov baixou substancialmente a súa produción de ficción e cambiou os seus intereses para os ensaios. Entre The Naked Sun de 1957 e Foundation's Edge de 1982, só publicou catro novelas, dúas das cales foron de misterio. Neste mesmo período, incrementou en gran medida a súa produción literaria noutras áreas, escribindo case sempre sobre temas científicos. O lanzamento do Sputnik 1 en 1957 espertou o interese do público sobre a ciencia, e debido a esta razón os editores de Asimov pedíronlle que cubrise con canto material fora capaz de escribir. Ao mesmo tempo, a revista mensual Magazine of Fantasy and Science Fiction invitouno a continuar a súa habitual columna, que comezara na xa pechada revista bimestral do mesmo grupo, Venture Science Fiction, especializada na divulgación científica, e deulle a Asimov unha completa liberdade para publicar. A primeira das contribucións a F&SF apareceu en novembro de 1958 e continuou desde entón con outras 399 colaboracións, ata que o seu estado de saúde impediu que continuase. Estas columnas, coleccionadas periodicamente en libros polo seu principal editor, Doubledai, axudaron a Asimov a crear unha reputación como gran divulgador da ciencia e, segundo el, foron as súas únicas obras de divulgación que escribiu nas que non tiña que supór dos seus lectores unha completa ignorancia nos temas discutidos. A popularidade do seu primeiro traballo de grande envergadura, A súa obra The Intelligent Man's Guide to Science tamén lle permitiu desprenderse de gran parte das súas responsabilidades académicas e converterse esencialmente en escritor a tempo completo.

Asimov publicou Asimov's Guide to the Bible en dous volumes que comprendían o Antigo Testamento (1967) e o Novo Testamento (1969)[Cómpre referencia], e logo combinounos nun só volume de 1.300 páxinas en 1981. Cheo de mapas e táboas, a guía conduce a través dos libros da Biblia en orde, explicando a historia de cada un e mailas influencias políticas que lles afectaran, como tamén información biográfica sobre as personaxes importantes.

Tamén escribiu bastantes ensaios sobre as convencións sociais do seu día, incluíndo "Thinking About Thinking" e "Science: Knock Plastic" (1967).

A gran variedade de información que cobren os escritos de Asimov levaron a Kurt Vonnegut a preguntarlle nunha ocasión: «Como se sente sabéndoo todo?». Asimov respondeulle que el só sabía como se sentía ao ter esta reputación de omnisciente: Inquedo (Ver «In Joy Still Felt», capítulo 10). No limiar da súa colección de historias Slow Learner, o novelista norteamericano Thomas Pynchon admitiu que obtivera nas obras de divulgación científica de Asimov e no Dicionario de Inglés de Oxford todos os seus coñecementos sobre a entropía.

Ciencia ficción

[editar | editar a fonte]

De entre as súas obras de ciencia ficción, as máis coñecidas pertencen ao Ciclo Trantor ou a serie Foundation. A triloxía orixinal (Foundation, Foundation and Empire e Second Foundation) recibiu o premio Hugo á mellor serie de ciencia ficción de todos os tempos. Posteriormente, escribiu Foundation's Edge e Foundation and Earth, que seguen cos acontecementos de Second Foundation. En Foundation and Earth, Asimov liga a serie Foundation coas novelas de robots ao introducir unha das súas máis coñecidas personaxes: R. Daneel Olivaw. As súas novelas de robots salientan por seren do tipo policíaco, do cal Asimov se considera un pioneiro na ciencia ficción policíaca. Nas novelas de robots (As covas de aceiro, The Naked Sun, The Robots of Dawn, Robots and Empire ) Asimov cría outra das súas grandes personaxes: Elijah Balei. En Prelude to Foundation e Forward the Foundation, Asimov nárranos as orixes da psicohistoria, máxima creación de Hari Seldon. Estas novelas serven tamén de nexo entre as novelas de robot e as da Fundación, ao presentar o encontro de Hari Seldon con Daneel.

A obra de Asimov non é allea ao humor; na revista Astounding Science Fiction publicouse, en 1948, un artigo pseudocentífico e humorístico titulado " The Endochronic Properties of Resublimated Thiotimoline"[2] , cuxo tema era unha substancia que se disolve exactamente 1.2 segundos antes de que se lle engada auga.

Tamén destacaron as súas antoloxías de ciencia ficción, especialmente a serie The Golden Years of Science Fiction, na que percorría gran parte da historia da ciencia ficción a través de relatos doutros autores.

Cronoloxía de novelas e coleccións de relatos curtos de ciencia ficción

Divulgación histórica

[editar | editar a fonte]

A partir de 1965 e ata mediados dos setenta, Asimov compaxina a creación literaria de ficción coa divulgación histórica a través de varios libros que comprenden as máis importantes civilizacións e períodos históricos. Como por exemplo a exipcia, grega e romana, pasando pola Idade Media, o descubrimento do Novo Mundo cada un deles nun libro e a formación dos Estados Unidos en varios volumes. O autor trata de atraer o gran público ao coñecemento da historia a través dunha narración amena e sinxela. Trátase principalmente de historia político/militar con visións persoais da autor.

Esta serie de obras foi común e informalmente chamada: Historia Universal Asimov e está composta por 14 volumes con mapas e cronoloxía incluídas en cada un deles[1]. Volumes da serie:

  • The Near East: 10,000 Years of History (1968)
  • The Land of Canaan (1971)
  • The Egyptians (1967)
  • The Greeks: A Great Adventure (1965)
  • The Roman Republic (1966)
  • The Roman Empire (1967)
  • Constantinople: The Forgotten Empire (1970)
  • The Dark Ages (1968)
  • The Shaping of England (1969)
  • The Shaping of France (1972)
  • The Shaping of North America. From Earlest times to 1763 (1973)
  • The Birth of the United States (1763-1816) (1974)
  • Our Federal Union (1975)
  • The Golden Door (1977)

Asimov non adicou ningún destes volumes á historia de España pero nalgún deles si fai algunha referencia a ela.

Asimov tamén escribiu historias de misterio (The Death Dealers, Murder at the ABA, Tales of the Black Widowers ) e fantásticas (Azazel).

Para o fin da súa vida Asimov publicou unha serie de recompilacións de limericks (clase popular de poemas humorísticos de cinco liñas), sendo a maioría a súa propia obra, comezando con Lecherous Limericks (1975) e Limericks: Too Gross; or Two Dozen Dirty Stanzas, cuxo título mostra o seu amor aos xogos de palabras (o tradutor case logrou traducilo), contén 144 limericks de Asimov e un número igual do poeta John Ciardi. Isaac Asimov's Treasury of Humor é á vez un libro de chistes e un tratado sobre a súa teoría de humor. Segundo Asimov, o elemento máis esencial do humor é un cambio súbito de punto de vista que de repente move o foco desde o importante ao trivial, ou desde o sublime ao ridículo.

Asimov publicou a súa autobiografía en dous tomos: In Memory Yet Green (1979) e In Joy Still Felt (1980). Unha terceira autobiografía, I. Asimov: A memoir , publicouse en 1994. O epílogo escribiuno a súa viúva, Janet Asimov, pouco despois da morte de Isaac. It's Been a Good Life (2002), redactada por Janet, é unha versión resumida das tres autobiografías.

Traducións galegas

[editar | editar a fonte]
  • Amigos Robots (cucaïna) Auxiliar educación primaria[4]
  • Robbie e outros relatos (aula das letras) [5]
  • Viaxe ao futuro: relatos de ciencia ficción[6]

Temática Literaria

[editar | editar a fonte]

Gran parte da ficción de Asimov baséase no tema do paternalismo. A súa primeira historia de robots, "Robbie", conta a historia dunha coida-nenos robótica. Á medida que os robots se fan máis sofisticados, as súas intervencións son máis sutís. En Evidence , un robot camuflado como humano consegue un cargo electo. En "The Evitable Conflict ", os robots tiran o protagonismo á humanidade, actuando como neneiras de toda a especie.

Posteriormente, en Robots and Empire un robot desenvolve o que se chama a «Lei Cero da robótica», que establece que «un robot non pode danar a humanidade nin, por inacción, permitir que esta se poña en perigo». Tamén decide que a presenza robótica está a sufocar a liberdade da humanidade, polo que a mellor liña de acción é a desaparición por si mesmos dos robots. Unha historia que non é de robots, The End of Eternity, amosa un conflito semellante e unha mesma resolución.

Na serie da Foundation, que orixinalmente non tiña robots, un científico deseña un plan semi-secreto para criar unha sociedade perfecta no percurso de 1.000 anos. Esta serie ten a súa propia versión dos gardiáns de a República de Platón no libro Second Foundation, que perfeccionan e protexen o plan. Cando Asimov remata de escribir a serie nos anos cincuenta, a Segunda Fundación eran presentados como os protectores da humanidade. Cando nos anos oitenta revisita a serie, dálle un ton aínda máis explícito ao tema paternalista.

En Foundation´s Edge introduce o planeta "Gaia", obviamente baseándose na hipótese Gaia. Todo animal, planta e mineral de Gaia participan dunha conciencia común, formando unha super-mente que traballa conxuntamente para o ben común. En Foundation and Earth, o protagonista debe decidir se permite ou non o desenvolvemento de «Galaxia», unha maior versión de Gaia que abrangue toda a galaxia.

Foundation and Earth introduce os robots no universo da Fundación. Dúas das últimas novelas de Asimov, Prelude to Foundation e Towards the Foundation, exploran o seu comportamento con maior detalle. Os robots rebélanse como ocultos benefactores da humanidade.

Outro tema frecuente, se cadra ao revés do paternalismo, é a opresión social. The Currents of Space toman lugar nun planeta onde medra un fibro-vexetal único, e os aristócratas dun planeta próximo explotan aos labregos. O heroe de The Stars, Like Dust, axuda a un planeta que é oprimido por un arrogante imperio interplanetario, os tyranni.

As vítimas da opresión son moitas veces a xente da Terra (a diferenza de colonos no espazo) ou os robots. En The Bicentennial Man un robot loita contra o prexuízo para se facer aceptar como humano. En As covas de aceiro, a xente da Terra sente antipatía para os ricos «espaciais» doutros planetas e trata aos robots (asociados cos espaciais) dunha forma semellante á dos norteamericanos brancos que trataban aos negros a comezos do século XX, por exemplo, dirixíndose a eles como rapaz. Pebble in the Sky mostra unha situación parecida: o Imperio Galáctico goberna a Terra e a súa xente usa termos tales como Miserábel terrícola (Earthe-squaw), mais a Terra é unha ditadura teocrática que impón a eutanasia a todos á idade de sesenta anos. Os heroes son Bel Arvardan, fidalgo galáctico que tén que superar os seus prexuízos e Joseph Schwartz, un sesentón norteamericano do século XX que emigrara desde Europa, onde o seu pobo foi perseguido (é ben posíbel que fora xudeu), e atópase transportado no tempo ata a época de Arvardan. Ten que decidir se axuda a unha sociedade oprimida que non o considera apto para seguir vivindo.

Aínda outro tema frecuente de Asimov é o pensamento racional. Inventou a novela policíaca de ciencia ficción con As covas de aceiro (1954) e nos contos recollidos en Asimov's Mysteries (1968); na gran maioría xoga limpo co lector introducindo axiña toda a ciencia e tecnoloxía involucrada na resolución da trama. Máis tarde produciu obras de ficción policíaca, incluíndo a novela Murder at the ABA, e os Tales of the Black Widowers », nos que seguiu a mesma regra. Frecuentemente en toda a súa ficción, as escenas importantes son esencialmente debates, sendo o gañador o lado máis racional, o máis humanitario, ou simplemente o máis persuasivo.

Críticas á súa obra

[editar | editar a fonte]

As principais críticas á obra inicial de Asimov xiraban en torno a que non abordaba temas da sexualidade das súas personaxes e que tampouco incluía criaturas extraterrestres, o que aos ollos dalgúns lectores dotaba os seus libros de certa frialdade e cientifismo difícil de asimilar. Porén, nas súas obras máis serodias tentou compensar estas críticas introducindo estes temas. A novela The Gods Themselves, escrita en 1972 e gañadora dos premios Hugo e Nébula, parece que foi escrita como unha resposta a estas críticas. Nela trata amplamente ambas as temáticas. Asimov mostrouse especialmente satisfeito desta obra e considerou a parte central dela como o mellor dos seus escritos.

A razón para non incluír extraterrestres nas súas obras explícaa o propio Asimov nun dos seus libros. Nunha das súas primeiras historias, "Homo Sol", a civilización humana entra en contacto coa Federación, composta por seres humanoides, que non son humanos. Obviamente os humanos, aínda que máis atrasados no tecnolóxico contan cun gran potencial de expansión e aprendizaxe. Isto pareceu agradar bastante a John W. Campbell (editor de Asimov e escritor anterior á idade de ouro). Porén, para Campbell humano significaba, por defecto, occidental do norte de Europa. Este enfoque non foi do agrado de Asimov (de orixe xudía) e para evitar este tipo de conflitos, decidiu crear galaxias unicamente humanas, nas que non se fai referencia ningunha a razas.

Outros criticaban a falta de personaxes fortes femininos nas súas obras iniciais. Asimov escusouse aducindo a súa falta de experiencia inicial como escritor practicamente xuvenil. Porén, a medida que avanza na súa obra, as personaxes femininas gañan importancia, como Bliss en Fundación e Terra ou Gladia Solaria enThe Robots of Dawn.

Durante a década de 1980, embarcado por presións editoriais en sucesivas continuacións da serie Fundación e en pleno auxe do movemento Ciberpunk, a visión positiva de Asimov da ciencia e a tecnoloxía foi denostada por esta corrente literaria, máis crítica para as súas desviacións e abusos. A súa escritura, ademais, era tida por pobre en contraste co barroquismo e o cultivo do estilo de autores como William Gibson ou Bruce Sterling.

Outra das críticas habituais á súa obra era a falta de referencias a outros autores ou mesmo ás fontes dos seus datos científicos se ben era coñecida a súa biblioteca na que traballaba formada por milleiros de libros e da que só facía uso para documentarse, considerando non honesto recorrer a libros ou obras das que non tiña copia propia.

Honras e premios

[editar | editar a fonte]

A saga Fundación foi recoñecida en diversas ocasións como a mellor serie de novelas de ciencia ficción. Asimov consideraba que Fundación estaba baseada na caída do Imperio Romano e se autorecoñecía como o primeiro en ter ese enfoque na ciencia ficción e que fora logo empregado na Guerra das Galaxias: a loita contra o imperio. En honra de Asimov nomeouse ao asteroide (5020) Asimov.

  1. 1,0 1,1 "A Catalogue of Isaac Asimov's Books". www.asimovonline.com. Arquivado dende o orixinal o 16 de xaneiro de 2007. Consultado o 2018-05-09. 
  2. "The Endochronic Properties of Resublimated Thiotimoline". www.asimovreviews.net. Consultado o 2018-04-30. 
  3. Asimov, Isaac (2014). As covas de aceiro. Alejandro Tobar Salazar (1ª ed.). Hugin e Mugin. ISBN 978-84-942005-5-7. OCLC 31621862. 
  4. Asimov, Isaac (2014). Robbie e outros relatos. Barcelona: Vicens Vives. ISBN 978-84-682-1588-4. 
  5. Asimov, Isaac (2014). Amigos robots (1ª ed.). Barcelona: Vicens Vives. ISBN 9788468215891. OCLC 894644953. 
  6. Asimov, Isaac (2013). Viaxe ao futuro : relatos de ciencia ficción (1ª ed.). Barcelona: Vicens Vives. ISBN 9788468214481. OCLC 894645313. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]