Ikigai
Ikigai (生き甲斐 ikiɡai?) é un concepto xaponés que non ten tradución literal. Pode definirse como «a razón de vivir» ou «a razón de ser», é dicir, aquilo que fai que a vida pague a pena. Todas as persoas, conforme a cultura xaponesa, teñen un ikigai. Porén, atopalo require unha busca interior profunda e decote prolongada. Esta busca é considerada esencial, xa que se cre que o descubrimento do propio ikigai trae o sentido da vida e, á súa vez, un motivo de satisfacción con esta.[1]
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O termo ikigai componse de dúas palabras xaponesas: iki (生き?), que se refire á vida, e kai (甲斐?), que por rendaku (fenómeno morfofonolóxico do xaponés) dá lugar a gai e aproximadamente significa «a realización do que un espera e desexa».
Contexto
[editar | editar a fonte]Na cultura de Okinawa, o ikigai concíbese como «unha razón para erguerse pola mañá», é dicir, unha razón para gozar da vida. Nunha palestra de TED, o académico Dan Buettner suxeriu que o ikigai era un dos motivos polos que a xente de Okinawa tiña unha vida tan longa.[2]
A palabra ikigai utilízase tamén para referirse ás circunstancias mentais e espirituais en que as persoas senten que as súas vidas son valiosas. Non está necesariamente ligada á situación económica persoal ou ao estado particular da sociedade. Unha persoa pode experimentar o ikigai malia sentir que o presente sexa sombrío, mais ten un obxectivo en mente. Os comportamentos que fan sentir o ikigai non son accións de obrigado cumprimento, senón naturais e espontáneas.
No artigo titulado Ikigai — jibun non kanosei, kaikasaseru katei («Ikigai: o proceso de permitir que as posibilidades dun mesmo florezan»), Kobayashi Tsukasa escribe que «a xente pode sentir o auténtico ikigai só cando, sobre a base da madurez persoal, da satisfacción de diversos desexos, do amor e da felicidade, se atopa cos demais e cun sentido do valor da vida que avanza cara á autorrealización».[1][3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Mathews, Gordon (5 de abril de 1996). What Makes Life Worth Living?: How Japanese and Americans Make Sense of Their Worlds (en inglés). University of California Press. ISBN 9780520201330.
- ↑ Buettner, Dan (6 de xaneiro de 2010). "Dan Buettner: Como vivir para llegar a los 100 años". Ted.com. Consultado o 5 de outubro de 2022.
- ↑ Kobayashi, Tsukasa (4 de abril de 1990). "Ikigai — jibun no kanosei, kaikasaseru katei". Nihon Keizai Shinbun (Tokyo).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Ikigai", More Explore.
- "Ikigai and Mortality" [Ligazón morta] Psychology Today. 17 de setembro de 2008
- Ikigai – Los secretos de Japón para una vida larga y feliz (en castelán).