Historia da física
Desde a antigüidade as diferentes culturas trataron de comprender a natureza e os fenómenos que nela se observan: o paso das estacións, o movemento dos corpos e dos astros etc. As primeiras explicacións baseáronse en consideracións filosóficas e sen realizar apenas verificacións experimentais. Por isto, algunhas interpretacións erradas, como a feita por Tolomeo - "A Terra está no centro do Universo e ao redor dela viran os astros" - perduraron centos de anos.
No século XVI Galileo foi pioneiro no uso de experimentos para validar as teorías da física. Interesouse no movemento dos astros e dos corpos. Usando o plano inclinado descubriu a lei da inercia da dinámica e co telescopio observou que Xúpiter tiña satélites virando ao seu ao redor.
No século XVII Newton (1687) formulou as leis clásicas da dinámica (Leis de Newton) e a Lei da gravitación universal de Newton.
A partir do século XVIII prodúcese o desenvolvemento doutras disciplinas tales como a termodinámica, a mecánica estatística e a física de fluídos.
No século XIX prodúcense avances fundamentais en electricidade e magnetismo. En 1855 Maxwell unificou ambos os fenómenos e as respectivas teorías vixentes ata entón na Teoría electromagnética, descrita a través das Ecuacións de Maxwell. Unha das predicións desta teoría é que a luz é unha onda electromagnética. A finais deste século prodúcense os primeiros descubrimentos sobre radioactividade dando comezo o campo da física nuclear. En 1897 Thomson descubriu o electrón.
Durante o século XX a Física desenvólvese plenamente. En 1904 propúxose o primeiro modelo do átomo. En 1905 Einstein formulou a Teoría da Relatividade especial, aque coincide coas Leis de Newton cando os fenómenos se desenvolven a velocidades pequenas comparadas coa velocidade da luz. En 1915 Einstein estendeu a Teoría da Relatividade especial formulando a Teoría da Relatividad xeral, a cal substitúe á Lei da gravitacionn de Newton e compréndea nos casos de masas pequenas. Planck, Einstein, Bohr e outros desenvolveron a Teoría cuántica a fin de explicar resultados experimentais anómalos sobre a radiación dos corpos. En 1911 Rutherford deduciu a existencia dun núcleo atómico cargado positivamente a partir de experiencias de dispersión de partículas. En 1925 Heisenberg e en 1926 Schrödinger e Dirac formularon a Mecánica cuántica, que comprende as teorías cuánticas precedentes e fornece as ferramentas teóricas para a Física da materia condensada. Posteriormente formulouse a Teoría cuántica de campos para estender a Mecánica cuántica de xeito consistente coa Teoría da Relatividade especial, acadando a súa forma moderna a finais dos 1940s grazas ao traballo de Feynman, Schwinger, Tomonaga e Dyson, quen formularon a Teoría da Electrodinámica cuántica. Así mesmo, esta teoría forneceuu as bases para o desenvolvemento da Física de partículas. En 1954 Yang e Mills desenvolveron as bases do Modelo estándar. Este modelo completouse nos anos 1970 e con el foi posible predicir as propiedades de partículas non observadas previamente pero que foron descubertas sucesivamente sendo a última delas o quark top. Na actualidade o modelo estándar describe todas as partículas elementais observadas así como a natureza da súa interacción.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "If I have seen further, it is only by standing on the shoulders of giants." Carta a Robert Hooke.