Heinrich Olbers
Heinrich Wilhelm Matthäus Olbers, nado en Arbergen o 11 de outubro de 1758 e finado en Brema o 2 de marzo de 1840, foi un astrónomo, físico e médico alemán, principalmente coñecido polo paradoxo de Olbers.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Estudou medicina en Göttingen. Tras graduarse en 1780, empezou a practicala en Brema, traballo que continuou realizando ata 1823. Polas noites, dedicaba o seu tempo á astronomía, observando o ceo nocturno dende o piso superior da súa casa, que tiña habilitado como observatorio.
En 1797 descubriu un método para determinar as órbitas dos cometas que aínda se utiliza hoxe en día. En 1802 localizou o asteroide 1 Ceres, que fora descuberto, e acto seguido perdido, por Giuseppe Piazzi o ano anterior. Atopouno na posición predita polo matemático Carl Friedrich Gauss.
O 28 de marzo de 1802 descubriu e bautizou o segundo asteroide 2 Pallas. Pensou que os dous corpos tiñas que estar relacionados e púxose a buscar máis. O 29 de marzo de 1807 descubriu 4 Vesta e deixou que fose Gauss quen lle puxese o nome. Formulou a hipótese de que os asteroides eran fragmentos dun antigo planeta que estoupou. Actualmente, esta teoría non se considera moi probable.
En 1811 formulou a hipótese de que a cola dos cometas estaría formada por partículas expulsadas do núcleo por algunha clase de forza e que a cola debía de estar sempre na dirección oposta ao Sol. Actualmente, sábese que isto é así debido á presión de radiación da luz solar, un efecto que neses momentos aínda non se coñecía.
O 6 de marzo de 1815 descubriu un cometa periódico bautizado na súa honra (formalmente designado 13P/Olbers). En total, descubriu 5 cometas e calculou a órbita de 18.
En 1826 formulou o seu famoso paradoxo (denominado paradoxo de Olbers na súa honra) onde se pregunta: Por que o ceo nocturno é escuro se existen infinitas estrelas que terían que iluminalo coma se fose de día?. Actualmente, é posible dar unha resposta razoada a esta pregunta en termos dos valores finitos da velocidade da luz e a idade do Universo e do desprazamento cara ao vermello da radiación do Big Bang.