Saltar ao contido

Hayabusa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Hayabusa / Muses C
Hayabusa recollendo mostras da superficie de Itokawa.
TipoCientífico
OrganizaciónJAXA
Data de lanzamento9 de maio de 2003[1][2][3]
Foguete portadorM-5[2][4]
Sitio de lanzamentoCentro Espacial de Kagoshima[2][5]
Obxectivo da misiónEstudo do asteroide Itokawa.[2][5]
Regreso13 de xuño de 2010[2]
NSSDC ID2003-019A
Masa415 kg[2][4][5]

Hayabusa (en xaponés "Falcón Peregrino"), coñecida previamente como Muses C, é o nome dunha sonda espacial xaponesa (JAXA) lanzada o 9 de maio de 2003 mediante un foguete M-5 desde o Centro Espacial de Kagoshima para estudar o asteroide 25143 Itokawa.[2][4][5]

Características

[editar | editar a fonte]

O obxectivo principal de Hayabusa era recoller unha mostra da superficie do asteroide Itokawa, un corpo menor do sistema solar cunhas dimensións de 550 x 180 m, e devolvelas á Terra para a súa análise. Parte da misión consistía tamén en demostrar novas tecnoloxías, como a propulsión iónica.[2][4][5]

Imaxes de radar do asteroide 25143 Itokawa

Hayabusa tivo unha viaxe accidentada e estivo ao bordo do fracaso varias veces durante a súa misión. Foi lanzada o 9 de maio de 2003. Unha vez en órbita cambiouselle o nome oficialmente de Muses C a Hayabusa. A nave acendeu os seus motores iónicos por primeira vez o 27 de maio de 2003 e durante a súa viaxe cara ao asteroide unha fulguración solar a finais dese ano degradou os paneis solares, facéndolle perder potencia. A perda de potencia obrigou a atrasar o encontro co asteroide de verán de 2005 a setembro dese mesmo ano. Hayabusa fixo un sobrevoo da Terra o 19 de maio de 2004 e o 31 de xullo un dos volantes de inercia que a mantiñan estabilizada fallou. A nave atopouse por fin con Itokawa o 12 de setembro de 2005, quedando a unha distancia de 20 km da súa superficie. O 3 de outubro de 2005 a sonda perdeu outro dos seus volantes de inercia, co que a estabilización quedou a cargo dos dous volantes restantes e dos propulsores químicos. Hayabusa explorou cos seus sensores remotos a superficie de Itokawa ata que intentou un primeiro descenso o 4 de novembro, que foi abortado a 700 metros da superficie ao recibir sinais anómalas da sonda. O 12 de novembro intentouse un novo descenso. Nesta ocasión a sonda liberou o pequeno satélite Minerva, que exploraría a superficie pola súa conta. Por desgraza un erro fixo que o pequeno satélite fallara a superficie do asteroide, perdéndose no espazo. Hayabusa non chegou a tocar a superficie e volveu á súa posición orixinal sobre o asteroide. Sucedéronse dous descensos exitosos ata a superficie, o 20 e o 25 de novembro, pero o mecanismo de recollida de mostras non funcionou completament. O sistema, composto por un funil e proxectiles disparados contra a superficie para enviar mostras cara ao interior da nave, fallou en canto os proxectiles non chegaron a dispararse. O control de terra decidiu de calquera modo que a sonda debía regresar á Terra para recuperar a cápsula de mostras e examinala.[2][4][5]

O 9 de decembro perdeuse contacto coa sonda debido á perda de propelente, empuxando á nave e facendo que a súa antena deixara de apuntar cara a Terra. As comunicacións recuperáronse a principios de marzo de 2006. Nese momento a situación da sonda era realmente mala, co propelente químico perdido no espazo debido á fuga, dous dos tres volantes de inercia inoperativos e 4 das 11 baterías de ión litio avariadas. Os controladores de terra idearon un sistema para controlar a actitude da nave usando o sistema de propulsión iónico. A sonda iniciou o seu regreso á Terra, conseguindo liberar a cápsula de retorno, que reentrou na atmosfera terrestre o 13 de xuño de 2010 e caendo no lugar previsto, cerca de Woomera, en Australia. A propia Hayabusa reentrou na atmosfera, destruíndose. O posterior exame da cápsula de mostras, aparentemente baleira, atopou 1500 partículas de po procedente da superficie de Itokawa que seguramente chegaron ao interior da nave durante o impacto contra a superficie durante as aterraxes.[2][4][5]

Vídeo da reentrada

Hayabusa tiña forma de caixa, cun 1,5 m de lado e 1,05 m de alto. A masa durante o lanzamento, con propelente incluído (50 kg de propelente químico e 65 kg de xenon para os motores iónicos), era de 530 kg. A enerxía era producida por dous paneis solares, que tiñan unha superficie total de 12 m2. As comunicacións coa nave tiñan lugar principalmente a través da antena de alta ganancia, un disco parabólico de 1,5 m de diámetro. O funil de recollida de mostras sobresaía da parte de abaixo da sonda. O aterrizador Minerva ía acoplado nun dos laterais. Os catro motores iónicos da sonda, que usaban xenon ionizado, producían un pulo máximo de 20 mN consumindo 1 kW de potencia. Os propulsores químicos estaban alimentados tetróxido de nitróxeno e hidracina e producían ata 22 N de pulo. Entre os instrumentos científicos atopábase unha cámara, un LIDAR e espectrómetros para o infravermello próximo e raios X. A cápsula de entrada tiña 40 cm de diámetro, 25 cm de altura e unha masa de 20 kg. O seu escudo térmico estaba formado por material ablativo de 3 cm de grosor para protexer as mostras durante a reentrada, a unha velocidade de 13 km/s.[2][4][5]

Resultados das análises das mostras

[editar | editar a fonte]

Os resultados das análises das mostras publicáronse na revista Science (na súa edición do 26 de agosto de 2011, vol. 133, número 6046, páxinas 1113-1136). Os resultados sinalan que a mineraloxía e química mineral das partículas do 25153 Itokawa son idénticas a das condritas LL (condritas con baixo contido en ferro), transformadas termicamente polo impacto secular da materia do asteroide que foi recocido varias veces (un vertedoiro recocido). Os resultados acreditan que os meteoritos mais númerosos recollidos na Terra (as condritas ordinarias) proceden de asteroides tipo S, coma o 25143 Itokawa.

  1. N2YO (2020). Real Time Satellite Tracking, ed. "HAYABUSA (MUSES C)" (en inglés). Consultado o 9 de maio de 2020. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 NASA (17 de abril de 2020). "Hayabusa" (en inglés). Consultado o 9 de maio de 2020. 
  3. Claude Lafleur (2020). "MUSES C / Hayabusa" (en inglés). Consultado o 9 de maio de 2020. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "Muses C (Hayabusa)" (en inglés). Consultado o 9 de maio de 2020. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 Mark Wade (2020). "Hayabusa" (en inglés). Consultado o 9 de maio de 2020. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]