Grade
A grade é un instrumento agrícola tradicional constituído por unha armazón de trabes que se entrecruzan en ángulo recto, que está dotado de dentes, máis ou menos próximos uns aos outros, e situados na súa parte inferior, e que permite traballar a terra superficialmente, achairándoa, rompendo os terróns e recubrindo o solo, de xeito que fique preparada para o sementado e a xerminación. Adoita ser arrastrada por un animal grande (cabalaría, boi) e cargado, con grandes pedras polo normal, se se busca que posúa un maior peso. O enganche efectúase entón cun pau ou cadea, denominado soliño ou cambón.
As grades modernas adoitan ser enteiramente metálicas e están deseñadas e preparadas de xeito diferente para efectuar labores especializados.
Étimo
[editar | editar a fonte]O nome galego grade procede de crate(m), caso acusativo do substantivo latino cratis, -is ou crates, -is que tiña o significado de "canizo; rastrelo".
Historia
[editar | editar a fonte]A grade semella ser unha evolución do primitivo canizo, un simple entrelazo de canas ou varas, que se empregou en principio, cargado de pedras, coa mesma finalidade, e de feito subsistía, no século XX aínda, no mundo rural galego. O entramado de madeira, coas puntas ou dentes inferiores, debeu ser ideado durante a Idade Media. Desde aí evolucionou para aparellos máis complexos e totalmente metálicos.
Diferentes tipos de grades
[editar | editar a fonte]Entre as grades modernas especializadas pódense indicar:
- grade de dentes ríxidos;
- grade de dentes vibrantes ou móbeis;
- grade amolecedora
- grade rotativa
- grade alternativa
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Grade |