Saltar ao contido

Golpe de Estado en Tailandia en 2006

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Carros de combate vixiando a capital, Bangkok durante a noite do 19 de setembro de 2006.

O golpe de estado en Tailandia en 2006 tivo lugar o 19 de setembro,[1] e foi levado a termo por un grupo de militares pertencentes a forzas especiais integradas no Real Exército Tailandés durante a ausencia do Primeiro ministro, Thaksin Shinawatra, e logo dunha lenta crise larvada desde xaneiro polas operacións financeiras persoais de Thaksin. O golpe de estado produciuse un mes antes da convocatoria de eleccións xerais que estaba prevista para o día 15 de outubro. A xunta militar suspendeu a Constitución, disolveu o Parlamento e o Tribunal Constitucional e decretou a lei marcial.

Os golpistas declararon a súa lealdade ao rei Bhumibol Adulyadej e a creación dun "Consello Administrativo para a Reforma" que asumiu os poderes executivos e lexislativos e que foi recoñecido oficialmente como «goberno provisional» polo Rei o 22 de setembro. Entre as demais medidas adoptadas polas autoridades militares encontrábase a creación dunha Comisión Anticorrupción dirixida polo Presidente do Tribunal Supremo de Tailandia, que investigaría as operacións económicas e financeiras do gabinete deposto e dos seus familiares, con capacidade para formular acusacións e requisar bens. Detivéronse varios ministros que ficaron no país, así como dirixentes do partido do Primeiro Ministro, Thai Rak Thai.

A comunidade internacional reaccionou condenando o golpe de estado de maneira case xeral, aínda que con distintos matices. Estados Unidos, a Unión Europea e Rusia mostráronse contrarios e solicitaron un inmediato restablecemento da legalidade e regreso á democracia; China manifestou que, conforme á súa política de non inxerencia, non se pronunciaba sobre a situación; as Nacións Unidas, a través do seu Secretario Xeral, Kofi Annan, pediron o retorno á normalidade democrática.

A Bolsa de Nova York e outras da zona asiática reaccionaron con baixas xeneralizadas no primeiro día do golpe de estado, aínda que estas estabilizaron no transcurso da semana seguinte. O Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial amosaron a súa preocupación, mais descartaron un impacto notábel sobre a economía da zona.

As organizacións de dereitos humanos como Human Rights Watch, a Comisión Asiática de Dereitos Humanos e Amnistía Internacional, criticaron con dureza o golpe e a consecuente limitación de dereitos fundamentais como a liberdade de prensa e a liberdade de expresión.

No ámbito interno, os resultados das enquisas elaboradas os días inmediatamente posteriores á asonada, daban un masivo apoio da poboación á mesma, aínda que tamén se produciron manifestacións, limitadas máis ben á capital, Bangkok. Activistas procedentes de distintas universidades contrarios ao golpe, pero tamén ao propio Thaksin, opuxéronse á sublevación e aos recortes das liberdades públicas. A economía tailandesa viuse afectada por un descenso continuado da bolsa de valores de Bangkok desde o día 21 de setembro e a depreciación da moeda, o baht, se ben os analistas destacaron que a situación só mantería efectos negativos no cuarto trimestre do ano 2006, esperándose tamén que fose menor que nas anteriores crises políticas do país. Todas as previsións apuntaban cara a unha recuperación no 2007.

O 1 de outubro aprobouse unha Constitución provisional que foi asinada e ratificada polo Rei e nomeouse Primeiro Ministro interino ao xeneral retirado, Surayud Chulanont, quen dirixiu o goberno provisional.

Acontecementos

[editar | editar a fonte]

Rumores antes do golpe de estado

[editar | editar a fonte]

Os días e meses anteriores ao golpe de estado —desde a celebración das eleccións do 2 de abril, máis tarde invalidadas polos tribunais— circularon rumores sobre un posíbel intento militar. En maio, o xeneral Sonthi Boonyaratglin aseguraba que os militares non intervirían na situación política. O 20 de xullo, unha centena de oficiais leais ao Primeiro Ministro Thaksin, que lle manifestaron a súa adhesión, foron reasignados en diferentes destinos polo Alto Mando, o que acentuou as sospeitas de que se estaban dividindo aos membros segundo a súa lealdade ao Goberno. En agosto, producíronse movementos de tanques onda Bangkok, pero os militares indicaron que eran simples manobras de rutina. A principios de setembro, a policía detivo a cinco militares tras interceptar a un deles cunha bomba no interior dun vehículo. O mesmo 14 de setembro, o xeneral Sonthi reiteraba a súa posición contraria á intervención militar.[2]

19 de setembro

[editar | editar a fonte]
  • Entre as 18:30 e as 21:00, hora local, unidades dos Corpos Especiais do Exército Tailandés procedentes da II Rexión Militar, dirixíronse desde a provincia de Lopburi cara Bangkok.
  • Arredor das 21:30 horas, a radio estatal interrompeu as súas emisións na capital, e o canal 5 de televisión, rexido polo Exército, substituíu a programación habitual por imaxes de arquivo da Familia Real Tailandesa e música.[3] Inmediatamente despois, a programación nos outros catro canais de ámbito nacional foron suspendidas. Ao mesmo tempo, estendéronse os rumores de que o Viceprimeiro Ministro, Chitchai Wannasathit, e o Ministro de Defensa, Thamarak Isarangura, foran detidos.
  • Ás 21:40 horas, comandos do Exército chegaron á residencia do Primeiro Ministro Thaksin Shinawatra, mentres carros de combate se despregaban e tomaban posicións na capital e nos seus arrabaldes. Unha decena de tanques cercou a sede do Goberno e unidades de infantaría ocupárona.
  • Entre as 22:15 e as 23:00 horas, o Primeiro Ministro, que se encontraba en Nova York asistindo á Asemblea Xeral das Nacións Unidas, decretou por teléfono o estado de emerxencia e ordenou a destitución do Comandante en Xefe do Exército, quen estaba dirixindo o golpe, o xeneral Sonthi Boonyaratglin. Este á súa vez asumiu de facto o goberno, declarou a lei marcial, revogou a Constitución vixente desde 1997, disolveu a Asemblea Nacional de Tailandia e o Tribunal Supremo.[4]
  • Nun intento por frear o golpe, tropas leais ao Primeiro Ministro Thaksin tomaron posicións noutros edificios gobernamentais, aínda que finalmente non lle prestaron oposición aos sublevados.
  • Ás 23:00 horas, a Comandancia Suprema das Reais Forzas Armadas, seguindo ordes do xeneral Ruangroj Mahasaranon, ordenáballe a todas ás unidades, pouco antes de interromper a programación do seu canal de televisión, que estiveran atentas ao anuncio oficial que se fixo público poucos minutos despois:
«O comandante das Forzas Armadas e o comandante da Policía Nacional tomaron con éxito Bangkok e os seus arredores para manter a paz e a orde. Non houbo ningún enfrontamento. Pedimos a cooperación do pobo e o voso perdón polos inconvenientes»[5]
Pouco despois ampliábase o comunicado para xustificar o golpe de estado:
«Produciuse unha división social como nunca antes. Cada parte tratou de conquistar á outra por todos os medios posibles e a situación tende a empeorar a causa das dúbidas sobre a Administración no medio da estendida corrupción. As unidades do Estado e as organizacións independentes foron politicamente incapaces de prestar os seus servizos como especifica a Constitución»[6]

Desde o inicio das operacións militares ás 18:30, até a toma da capital, o control das institucións públicas e a comunicación á poboación do golpe de estado pasaron, aproximadamente, catro horas e media.[7]

Creouse un Consello para a Reforma Democrática baixo a Monarquía Constitucional (posteriormente denominado simplemente Consello para a Reforma Democrática ) para evitar suspicacias con respecto á situación da Monarquía, ante o que debían presentarse ao día seguinte todas as altas autoridades dos ministerios e funcionarios de maior rango, e que asumía o poder executivo colexiado até a transición política. O portavoz do Exército comunicaba que o xeneral Sonthi asumía todas as facultades como Primeiro Ministro interino.[8]

Segundo diversas fontes, ese mesmo día os xefes dos tres exércitos (Terra, Aire e Armada) reuníronse co Rei para propor un gabinete co xeneral Surayud Chulanont, home de confianza do conselleiro real Prem Tinsulanonda, como Primeiro Ministro interino.[9]

Un soldado tailandés armado.

20 de setembro

[editar | editar a fonte]

Durante a madrugada do 19 ao 20 de setembro emitiuse un terceiro comunicado do Consello para a Reforma Democrática no que se decretaba, agora de forma colexiada, a lei marcial, disolvíase o Parlamento e o Tribunal Constitucional, abolíase a Constitución de 1997 e confirmábase a detención dos ministros Chitchai e Thammarak.[10]

Na mañá do mércores, 20 de setembro, as páxinas web dos diarios máis importantes do país (Bangkok Post, The Nation e Thai Rath) daban a noticia do golpe de estado con aparente normalidade de funcionamento (Bangkok Post e The Nation mantiñan duras críticas periodísticas contra o goberno de Thaksin). A web de Daily News en Tailandia incluía unha ampla cobertura gráfica das operacións militares, o que suxería nun primeiro momento que non fora imposta ningún tipo de censura xornalística. Pero horas máis tarde, os canais de noticias de medios en inglés, como CNN e BBC, non puideron seguir dándolle información á poboación tailandesa e todos os medios do país foron sometidos a censura.[11]

O xeneral Sonthi asegurou, pola mañá, durante unha conferencia televisiva, que a duración do novo goberno sería de tan só dúas semanas, tempo no que se elaboraría unha nova Constitución, aínda que non se especificou como ía ser. Afirmou que, ao final de dito prazo, daríase paso a un goberno provisional por determinar e que ficaba suspendida durante un ano a celebración de comicios, previstos para o 15 de outubro. Sonthi explicou que as funcións executivas as estaba a exercer o Consello de Reforma Administrativa que el mesmo presidía e anunciou que o anterior Primeiro Ministro, «podería ser perseguido pola xustiza».

Mentres que se lle comunicaba á poboación as primeiras medidas do Consello e a intención do mesmo de permanecer só dúas semanas no poder, suxeriuse desde The Nation e outros medios, que o Gobernador do Banco de Tailandia, Pridiyathorn Devakula, que se encontraba en Singapur nunha reunión do Fondo Monetario Internacional, podía ter aceptado ser o Xefe do Goberno provisional.[12][13]

No transcurso da mañá, o rei Bhumibol Adulyadej, expresou por medio dun anuncio televisivo do seu portavoz, o seu apoio ao líder do golpe nos seguintes termos:

«Co obxectivo de crear paz no país, o rei nomea ao xeneral Sonthi Boonyaratglin como cabeza do Consello Administrativo para a Reforma. Toda a xente debe permanecer en calma e os servidores públicos deben escoitar as ordes do xeneral Sonthi Boonyaratglin»

Esa tarde, o xeneral Sonthi anunciou que fora nomeado oficialmente polo Rei como Xefe do Consello para a Reforma Democrática, prometendo a restauración da democracia.

Tamén pola tarde, o deposto Primeiro Ministro Thaksin voou de Nova York a Londres, para instalarse na súa residencia de Kensington. Antes de partir declarou que non predicira estes acontecementos, e que chegara aos Estados Unidos como Primeiro Ministro e que se ía como un desempregado.

21 de setembro

[editar | editar a fonte]
Lazos amarelos (cor símbolo do rei Bhumibol) enfeitan a boca dos fusís dos soldados.

Despois da xornada festiva do día anterior, decretada pola Xunta Militar, os comercios, entidades financeiras, empresas e transportes internacionais funcionaban con normalidade. O Exército reduciu a súa presenza nas rúas de Bangkok, e nos arredores da residencia do Primeiro Ministro só permanecían catro carros de combate da decena do día anterior.[14]

A Xunta Militar prohibiu todas as actividades políticas, así como a creación de novos partidos de calquera signo ou orientación.[15]

O Consello destituíu e ordenou o arresto do director dos servizos de intelixencia, do subxefe da policía nacional, así como do terceiro oficial do poder policial; comunicou a detención do secretario do gabinete do derrocado Primeiro Ministro e ordenou que acudiran á sede do Consello situada na sede do Alto Mando os ministros Newin Chidchob e Yongyuth Tiyapairat. Do mesma xeito, a Xunta Militar considerou que posuía facultades para a promulgación de leis, co que asumiu o poder lexislativo do disolto Parlamento.

«Polo ben do país, dado que xa non hai Cámara de Deputados nin Senado, as leis que requiran ser adoptadas pola Cámara de Deputados e polo Senado serán promulgadas» (polo Consello Administrativo para a Reforma)

Desde Londres, o Primeiro Ministro deposto instou á convocatoria de eleccións xerais canto antes: «Esperamos que o novo réxime prepare sen demora novas eleccións xerais e que preserve os principios da democracia» e asegurou descoñecer nos días previos ao 19 de setembro que se preparaba un golpe de estado.[16]

O papel do Rei

[editar | editar a fonte]
Efixie do rei Bhumibol Adulyadej. O seu apoio ao golpe de estado lexitimou o réxime militar.

A maioría dos medios de comunicación internacionais sostiveron que o Rei Bhumibol tiña coñecemento previo do golpe de estado. Entre os argumentos feitos valer para manter dita opinión destacaban que o día 18 de setembro o Rei reunírase con oficiais das Forzas Especiais que, procedentes da provincia de Lopburi, foron os que levaron a cabo o golpe ao día seguinte.[17]

Tamén as palabras do comunicado do Rei de lexitimación do xeneral Sonthi como xefe do Consello golpista, usando os poderes extraordinarios que como monarca lle concedía a constitución, e animando á poboación a seguir as instrucións dos golpistas, reforzaron o parecer de conivencia do monarca, que se acentuou o día 22 de setembro ao nomear á xunta militar como «goberno provisional» mediante decreto real e sen ter realizado ningunha manifestación contraria ao golpe.[18] Non obstante, non existen evidencias que demostren sen lugar a dúbidas o apoio previo do monarca ao golpe de estado.

Moitos analistas tailandeses consideraron, como por exemplo Thitinan Pongsudhirak, da Universidade de Chulalongkorn, que o papel do Rei foi determinante na crise, elixindo a opción menos prexudicial logo de saber que o exército estaba disposto a tomar o poder. «A xente quería a Thaksin, pero ama ao rei», manifestou. No mesmo sentido, Sulak Sivaraksa, un coñecido crítico social, dixo que «sen a súa participación (a do rei), o golpe tería sido imposible».[19]

Durante o seu reinado, o Rei Bhumibol interveu directamente nas protestas dos estudantes de 1973, permitíndolles entrar no Palacio Real e nomeando reitor da universidade ao entón Primeiro Ministro. Tamén fixo valer a súa autoridade apoiando o golpe militar de 1992. Cando a situación social debilitou a ditadura, o Rei convocou en audiencia oficial, retransmitida por cámaras de televisión en directo, ao líder da oposición e ao xeneral Suchinda Kraprayoon. Na retransmisión viuse como Kraprayoon se axeonllaba ante o Rei, e ao día seguinte dimitiu.[20]

Antecedentes

[editar | editar a fonte]
O derrocado Thaksin Shinawatra durante unha visita a Estados Unidos.

En xaneiro de 2006, Ample Rich, unha compañía rexistrada nas Illas Virxes Británicas propiedade do fillo e filla máis vella de Thaksin, e membros de familia Damapong (familia da esposa Thaksin) venderon o 49,6% das accións de Shin Corporation. A venda realizouse á compañía Temasek Holdings, propiedade pública do Goberno de Singapur. Temasek fixo uso de testaferros locais para adquirir estas e máis accións, pois a lexislación tailandesa non permitía o alleamento dunha cantidade igual ou superior ao 50% das accións de empresas locais. Ademais, a venda, por un valor de 1.880 millóns de dólares realizouse sen mostrar ganancias de capital, aplicándose a exención total de impostos derivados da transmisión. As protestas sucedéronse ao coñecer os feitos e o amplo beneficio fiscal que se deducía do alleamento.[21] Shinawatra decidiu entón disolver o Parlamento en febreiro e convocar eleccións para o 2 de abril. O boicot da oposición ás eleccións baseouse en que a proposta electoral de Shinawatra trataba, no seu xuízo, de dar validez ás vendas e exencións ilegais que directamente lle afectaban. Presentado recurso, o Tribunal Constitucional resolveu o 8 de maio anular o resultado e fixar para o 15 de outubro nova convocatoria electoral.[22][23]

A todo isto sumouse a decisión do Primeiro Ministro de destituír ao comandante da rexión de Bangkok para nomear a un compañeiro de promoción, dentro dun conxunto de cambios que se sucederon nunha pugna entre o Primeiro Ministro e o Alto Mando.[3]

O último golpe de estado en Tailandia tivera lugar en 1992, contra o goberno do Primeiro Ministro Chatichai Choonhavan, pero a partir da morte o ano seguinte de activistas partidarios da democratización, os militares fóronse apartando gradualmente da política.

Situación política interna

[editar | editar a fonte]

Reaccións públicas

[editar | editar a fonte]
Grupos de cidadáns mostrándolle o seu apoio aos militares e fotografándose con eles.

Unha enquisa elaborada o 20 de setembro entre a poboación tailandesa lanzaba unha porcentaxe de apoio ao golpe de estado do 83,19% do total de 2.019 enquisados. Tres cuartas partes dos mesmos confiaban en que a asonada fose unha oportunidade para a reforma política das institucións públicas. Só o 5% do total de entrevistados condenaron o golpe.[24] A sondaxe foi publicada o 21 de setembro polo Bangkok Post e destacaba que só un 20,2% da poboación consideraba que a situación social e política permanecería igual e un 4,7% que o golpe empeoraría o estado das cousas.[25]

Moitos cidadáns de Bangkok e das zonas limítrofes saíron á rúa desde o primeiro día para expresarlle o seu apoio ao Exército. Incluso os tanques foron en moitas ocasións decorados, e entregáronlle aos soldados rosas marelas, cor símbolo da Monarquía tailandesa. Os soldados foron reclamados como atractivo turístico para posar en fotografías xunto a nenos e adultos. Alumnos da Universidade de Rajamangala trataron de convencer aos seus compañeiros das universidades de Thammasat e Chulalogkorn de que non se opuxeran aos golpistas.

Un grupo civil autodenominado Campaña Popular pola Democracia, que coordinaba 32 organizacións civís, seis universidades e 169 Organizacións Non Gobernamentais, apoiaron o golpe. Algúns políticos como o senador Chatichai Choonhavan, fillo do deposto Primeiro Ministro Chatichai Choonhavan en 1991, e membros da Alianza do Pobo para a Democracia como Suriyasai Katasila, tamén manifestaron o seu apoio explícito.[26] Surayud Chulanont dixo, o 27 de setembro, que «o problema máis importante [agora] é construír a unidade no país».

Protestas

[editar | editar a fonte]
  • 20 de setembro: Thanaphol Eiwsakul, editor da revista Fah Diew Kan, que fora censurada polas novas autoridades, realizou un chamamento urxente aos cidadáns para resistir fronte aos golpistas exercitando o seu dereito de protesta o día 21 ao amparo do artigo 65 da suspendida Constitución. Tamén foron detidos varios activistas defensores dos dereitos humanos que protestaron nos arredores do Monumento á Democracia en Bangkok.[27]
Manifestantes contrarios ao golpe no centro de Bangkok o 22 de setembro.

O mesmo día, o Vicepresidente da Unión de Estudantes da Universidade de Thammasat comunicou que estaba en contacto con agrupacións de estudantes doutras universidades para preparar unha resposta ao golpe. O grupo de sátira política da mesma universidade mostrou un gran cartel de protesta no Rangsit Center da capital.

  • 22 de setembro: a autodenominada Rede 19 de setembro contra o golpe de estado, un grupo de 80 activistas, protestou nun coñecido centro comercial de Bangkok e algúns dos seus membros foron moi críticos coa posición adoptada pola Comisión Nacional de Dereitos Humanos de Tailandia, que non condenou expresamente o golpe.[28]
  • 23 de setembro: produciuse unha concentración en Bangkok de cidadáns convocados a través de Internet, e cuxo número non pasou, segundo a fonte máis favorable, de 300 persoas, algunhas delas arrestadas. Entre os lemas que se podían ler en inglés estaban Non a Thaksin, non ao golpe e Non chamalo reforma, isto é un golpe. O profesor de Ciencias Políticas Giles Ungpakorn, da Universidade de Chulalongkorn, indicou que «as medidas que adopten para intentar silenciar á oposición, actuarán en detrimento da xunta militar».
  • 24 de setembro: a Rede Civil para a Reforma Política e Social, condenou formalmente o golpe militar criticando o recorte de liberdades ao dicir que «se non podemos reunirnos para falar de política, tampouco será posible presentar recomendacións políticas», en palabras de Saree Ongsomwang, líder do grupo.[29]
  • 25 de setembro: unha vintena de académicos e activistas pro dereitos humanos solicitáronlle á xunta militar a eliminación dalgunhas das resolucións da mesma que violaban dereitos humanos básicos (dereitos políticos, liberdade de expresión, censura). Así mesmo fixeron un chamamento á participación de todos na redacción do novo texto constitucional.
  • 26 de setembro: catro escolas foron incendiadas no oeste de Tailandia, na provincia de Kamphaengphet, zona de influencia do Thai Rak Thai, no que as autoridades sospeitaron podía ser un acto de resistencia de leais a Thaksin.[30]
  • 27 e 28 de setembro: rexistráronse protestas menores na cidade de Chiang Mai e no interior da Universidade de Chulalongkorn, onde se concentrou unha centena de persoas nunha conferencia política do profesor Prapas Pintobtaeng, que denunciou os abusos do Exército nas zonas rurais para acalar aos partidarios de Thaksin.[31]
Opinións contrarias ao golpe da clase política e social
[editar | editar a fonte]
Centro comercial Siam Paragon. A terraza aberta que comunica os centros comerciais Siam Discovery e Siam Paragon foi escena dunha das primeiras protestas.

Entre influentes tailandeses da clase política e social manifestáronse certas posturas contrarias ao golpe de estado, algunhas delas matizadas pola crise previa do país.

O ex Primeiro Ministro, Chuan Leekpai, comentou que «como políticos, non podemos darlle o noso apoio a ningún tipo de golpe, pero durante os pasados cinco anos, o goberno de Thaksin creou moitas das condicións que forzaron aos militares dar o golpe. Thaksin foi o causante da crise no país».[32]

Anand Panyarachun, un dos máis respectados intelectuais, ex Primeiro Ministro, Director do Banco Comercial de Siam e que encabezou o comité redactor da Constitución de 1997, foi parcialmente crítico co golpe nunha entrevista á revista Far Eastern Economic manifestando que «débese recordar que desde 1992 tivemos catro eleccións xerais; transferencias pacíficas de poder; gobernos que cumpriron o seu mandato de catro anos. Os militares en 1992 regresaron aos cuarteis e até fai poucos meses non existiron especulacións ou rumores sobre un posible golpe de estado. As Forzas Armadas, particularmente o Exército, volveran aos cuarteis e convertéranse en auténticos soldados profesionais. Así que para min, o que ocorreu, é extremadamente desafortunado. Espero que haxa un novo goberno civil, totalmente comprometido con algunhas medidas reformadoras, incluíndo a revisión da actual Constitución (a de 1997)».[33]

Abhisit Vejjajiva, líder do Partido Demócrata de Tailandia, manifestou que non se lle podían dar apoios a este tipo de solucións fóra da Constitución, pero tamén lle pedía á Xunta Militar que levantase o antes posible as restricións aos dereitos e liberdades. Indicou tamén que non había necesidade de redactar unha nova Constitución, bastando reformar a de 1997 nun prazo curto.

As dúas asociacións de xornalistas máis importantes, a Thai Journalists Association e a Broadcast Journalists Association, non condenaron o golpe de estado nin as restricións impostas aos medios de comunicación aínda que lle reclamaron á Xunta Militar nun comunicado feito público o 25 de setembro que transferira o poder ao pobo tan pronto como fose posible e advertía da necesidade de que a nova Constitución mantivese os dereitos e liberdades previstos na abolida.

Situación do Goberno deposto

[editar | editar a fonte]

O deposto Primeiro Ministro atopábase en Londres tras abandonar precipitadamente Nova York, onde acudira para participar na Asemblea Xeral de Nacións Unidas xunto ao Viceprimeiro Ministro Surakiart Sathirathai, promovendo a súa candidatura para Secretario Xeral de Nacións Unidas. Este último permaneceu nos Estados Unidos. Aínda que nun primeiro momento creuse que a esposa de Thaksin fuxira o día do golpe cara Singapur, máis tarde sóubose que ela e o seu fillo máis novo se encontraban en Tailandia e que partiran para Londres o 25 de setembro.

Dos restantes membros do gabinete, o Ministro de Defensa, Thamarak Isarangura, que se cría fóra do país, foi un dos detidos xunto a Chitchai Wannasathit, ex Primeiro Ministro, e Prommin Lertsuridej, Secretario Xeral da Oficina do Primeiro Ministro, con rango de Viceministro.

Somkid Jatusripitak, Ministro de Comercio, encontrábase en París, pero regresou a Tailandia o día 21.[34] En Francia encontrábase tamén Kantathi Suphamongkhon, Ministro de Asuntos Exteriores, que se desprazou despois a Londres. O Ministro de Finanzas, Thanong Bidaya, atopábase en Singapur na reunión anual do FMI e o Banco Mundial. O Ministro de Agricultura, Sudarat Keyuraphan, fuxiu a París coa súa familia e o Ministro de Interior, Kongsak Wantana, fíxoo á Alemaña tamén cos seus familiares.

Do Ministro de Industria, Suriya Jungrungreangkit, e do ministro Watana Muangsook, informouse de que poderían estar en Tailandia nun lugar descoñecido.

A cúpula militar ordenou que Newin Chidchob, exviceministro de Agricultura, e Yongyuth Tipairat, exministro de Recursos Naturais, se presentasen ante as autoridades militares o día 21, e foron retidos no Alto Mando.[35] No caso de Chidchob, a Xunta Militar sospeitaba a posibilidade de que organizara unha marcha cara Bangkok desde as zonas rurais do nordeste, partidarias de Thaksin.

O 1 de outubro, coa aprobación da nova Constitución e o nomeamento do Primeiro Ministro interino, o Consello para a Reforma Democrática liberou a Chitchai Wannasathit, Newin Chidchob, Yongyuth Tipairat e Prommin Lertsuridej, sen que se tiveran noticias sobre o destino do único ministro que quedaba arrestado, Thamarak Isarangura.

As sedes do Partido Thai Rak Thai foron cerradas e informouse de que algúns membros da súa executiva fuxiran para Alemaña. Outros solicitaron autorización ao Xeneral Sonthi para poder visitar o deposto Chitchai Wannasathit mentres se encontraba detido en instalacións militares.[36]

Limitacións políticas, censura de prensa e comunicacións

[editar | editar a fonte]
Estudio da BBC Asian Networks. As emisións da BBC en inglés para Asia foron intervidas en varias ocasións desde a madrugada do 19 ao 20 de setembro.

O 21 de setembro o Consello para a Reforma Democrática prohibiu todas as actividades políticas, incluídas as reunións dos partidos legalmente constituídos. O Consello informou que «os grupos políticos actuais non serán disoltos, pero non poden levar a cabo ningunha actividade até novas instrucións». Tamén lle ordenou aos medios de comunicación local cumprir coas novas directrices para a restrición da información. Entre estas incluíase a censura de comentarios e opinións.

«Para asegurar que a monarquía constitucional siga funcionando despois de que as reformas sexan levadas a cabo, o Consello para a Reforma Democrática baixo a Monarquía Constitucional ordena aos partidos políticos deter todas as reunións e actividades políticas»

A xunta ampliou despois as limitacións das actividades políticas ditadas os primeiros días a todas as provincias e municipios.[37]

As autoridades militares deberon reiterar «aos responsables dos medios de comunicación a súa obrigación de cumprir as novas normas, a infracción pode ser o peche». Anunciouse o día 21 que a Xunta Militar bloquearía a emisión dos canais de televisión e cortaría o sinal das radios que «difundan mala información e rumores». A censura estivo centrada nos medios audiovisuais tailandeses e internacionais, como BBC e CNN, cuxas imaxes foron bloqueadas en varias ocasións desde o día 19.[38]

Os servizos técnicos do Ministerio de Información comunicaron que as restricións alcanzaban á difusión de mensaxes SMS en televisión ou chamadas en directo á radio. Os webmaster foron obrigados a pechar as páxinas de Internet de contido político durante doce días baixo ameaza de clausura permanente. Tras o bloqueo militar dos medios de comunicación, blogs como Bangkok Pundit narraron con detalle os acontecementos que afectaban a todo o país. En Flickr, varios usuarios colocaron fotografías con escenas das horas anteriores e posteriores ao golpe, e en YouTube apareceron algúns vídeos onde se vían as rúas de Bangkok tomadas polos militares.[39]

Palanggoon Klaharn, portavoz dos golpistas, manifestou que se «actuará preventivamente» contra a prensa estranxeira que cobre a situación en Tailandia pola desinformación dos xornalistas non tailandeses que insultan á monarquía do país», sen especificar cales eran eses insultos.[40]

Depuración do Exército

[editar | editar a fonte]

Os sublevados iniciaron desde os primeiros momentos un proceso de depuración de membros do Exército vinculados ao anterior Primeiro Ministro. A medida afectoulle a varios Tenentes Xerais e Xenerais e altos xefes da policía, incluídos todos aqueles que foran compañeiros de armas de Thaksin. Os traslados afectaron á xefatura de dúas divisións e á case totalidade da organización da Policía de Bangkok. Oficialmente, a disposición que legalizou o proceso entrou en vigor o día 1 de outubro e afectou a un total de 612 Xefes e Oficiais.<

Tailandia baixo goberno da Xunta Militar

[editar | editar a fonte]

A Xunta Militar foi nomeada de maneira oficial e mediante decreto real como goberno provisional a partir do 22 de setembro. Nese momento, o Consello para a Reforma Democrática anunciou que mantiña o propósito de redactar unha nova Constitución que eliminase os baleiros legais que, ao seu xuízo, era imprescindible amañar para que os futuros gobernantes fosen máis responsables; sostivo o carácter democrático do país, a suspensión das eleccións previstas para outubro de 2006 que serían celebradas en outubro de 2007 así como que en dúas semanas se nomearía un Primeiro Ministro civil interino.[41][42]

O nomeamento oficial e a composición do Consello para a Reforma Democrática en calidade de goberno interino foi transmitido por todos os medios de comunicación do país mentres que se ofrecía na televisión a imaxe do xeneral Sonthi ante un retrato do monarca, acompañado de todos os integrantes do Consello en traxe de gala. O 1 de outubro fíxose público o nomeamento do Primeiro Ministro interino, Surayud Chulanont, e o texto constitucional que rexería até a redacción dun definitivo. No articulado estableceuse unha amnistía ante calquera acusación posterior contra os militares golpistas e que alcanzaba a todas as accións, medidas e ordes ditadas desde o 19 de setembro. Esta protección fronte a futuras accións xudiciais foi denunciada como ilegal pola Comisión Asiática de Dereitos Humanos, instando ao Colexio de Avogados e aos xuíces, en especial á Corte Suprema, a perseguir os implicados polas súas accións e a declarar como non válida -e non aplicar- a nova Constitución interina, salvagardando o principio de independencia e separación de poderes.[43]

Futuro goberno

[editar | editar a fonte]

A Xunta Militar, que xa mantivera contactos co Rei de maneira informal o mesmo día 19, reuniuse de forma oficial o 22 de setembro co obxecto de propoñerlle ao monarca un conxunto de posibles candidatos entre os que se debería elixir o Primeiro Ministro de transición. Entre os medios de comunicación baralláronse distintos nomes, dos que destacaban o xeneral Surayud Chulanont, membro do Consello Privado do Rei, o Gobernador do Banco Nacional de Tailandia, Pridiyathorn Devakula, Supachai Panitchpakdi, ex director xeral da Organización Mundial do Comercio e Secretario xeral da UNCTAD, Charnchai Likhitchittha, o expresidente do Senado, Meechai Richuphand, e o presidente da Corte Suprema, Akkharathorn Chularat.[44]

Sobre o futuro da Xunta Militar, o xeneral Sonthi declarou o 26 de setembro que «é necesario conservar o Consello [Militar] co fin de que non haxan carencias no Executivo» aínda que se elixa un novo Primeiro Ministro, e a súa función sería a dun Consello Nacional de Seguridade.[45]

O 1 de outubro o Consello para a Reforma Democrática comunicou oficialmente a elección do xeneral retirado, Surayud Chulanont, como novo Primeiro Ministro interino durante un ano até que se celebrasen eleccións no outubro de 2007. O xeneral Sonthi, declarou «que o pasado día 28 fun á súa casa e tardei media hora en convencelo de que acepte o cargo mentres o país está en crise». Co novo texto constitucional aprobado, a Xunta Militar converteuse en Consello de Seguridade Nacional, con amplas facultades de control sobre o poder executivo, lexislativo e xudicial.[46][47]

Investigación por corrupción

[editar | editar a fonte]

A Xunta Militar resolveu a creación dun comité especial anticorrupción formado por nove membros que investigaría os posibles delitos financeiros do anterior Primeiro Ministro Thaksin.[48][49] O que foi o primeiro Presidente da nova Comisión Contra a Corrupción Nacional, Parnthep Klanarongran, manifestou que «calquera grave dano que se cometera contra o país deberá ser investigado. Se alguén cometeu un delito, deberá ser xulgado». Outras fontes próximas á Xunta sinalaron que «hai probas suficientes para crer que (os membros do anterior goberno) abusaron do seu poder para o seu beneficio persoal, e causaron un serio dano para o país. O Consello, polo tanto, ordena que (a comisión) investigue o desempeño e os proxectos que foron aprobados ou atribuídos polo gabinete», sendo emitida parte da nota nun comunicado televisado a todo o país. A Comisión foi investida con potestade para confiscar as propiedades das que fosen titulares os membros do anterior goberno e os seus familiares e que puideran ser adquiridas de forma ilícita. [50][51][52] Antes do relevo ao goberno interino fixouse de maneira definitiva como Presidente ao xuíz retirado da Corte Suprema de Tailandia, Nam Yimyaem.[53]

O mesmo día, deuse a coñecer por Europa Press, que, segundo fontes anónimas da compañía aérea Thai Airways, Thaksin, cando organizou a súa xira internacional que empezaba cunha visita a Finlandia días antes do golpe, puido ter levado parte da súa fortuna ao estranxeiro en dous avións que partiron de Bangkok os días 9 e 10 de setembro.[54]

Atentados en Bangkok

[editar | editar a fonte]

Na noitevella de 2006 e o 1 de xaneiro de 2007 producíronse unha serie de atentados en Bangkok. Catro explosións case simultáneas en diferentes partes da cidade ás 6:00 p.m. hora local (11:00 UTC), seguidas de moitas máis explosións no intervalo de 90 minutos. Tras a medianoite producíronse outras dúas explosións. Na mañá de aninovo certifícase a morte de 3 persoas e de 38 feridos.

As autoridades atribuíronlle as accións a persoas e organizacións vinculadas ao anterior goberno deposto, aínda que Thaksin Shinawatra e membros do Thai Rak Thai negárono. Días despois as autoridades retractáronse das acusacións contra o deposto goberno.[55][56]

Reaccións internacionais

[editar | editar a fonte]

O Secretario Xeral de Nacións Unidas, Kofi Annan manifestou nas primeiras horas que «como dixo a Unión Africana, por exemplo, non apoiamos a aqueles que chegan ao poder a punta de pistola. Non teño todos os detalles, pero o que pasou non é unha práctica que teñamos que alentar». Nun comunicado oficial o 24 de setembro, indicouse que «o secretario xeral está seguindo os acontecementos de Tailandia con preocupación despois do derrocamento do Goberno electo ... (e esixía) un retorno inmediato á normalidade civil e democrática».[57] O 25 de setembro a Alta Comisionada das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, Louise Arbour, considerou que «varios decretos presentados polo Consello para a Reforma Democrática baixo a Monarquía Constitucional restrinxen os dereitos humanos básicos, como os da liberdade de reunión, opinión e expresión, así como os relacionados coas detencións e arrestos arbitrarios», e instou ás autoridades militares a garantir ditos dereitos.[58]

Canadá. Un comunicado de prensa do Ministro de Relacións Exteriores canadense, Peter McKay, afirmou que «Canadá está moi preocupada por este episodio. Exhortamos a achar unha solución pacífica a esta crise, conforme á Constitución Tailandesa. O país fixera significativos progresos en termos de respecto polos dereitos humanos e do imperio da Lei, e Canadá invita a todos os partidos a seguir mantendo estes valores».

Comunidade Andina. Os chanceleres dos países membros da Comunidade Andina, reunidos na sede das Nacións Unidas en Nova York, condenaron o golpe de estado e fixeron un chamamento para o rápido restablecemento da democracia. «Os Gobernos de Bolivia, Colombia, Ecuador e Perú, Membros da Comunidade Andina, expresan a súa condena pola interrupción da institucionalidade democrática no Reino de Tailandia... Os países membros da Comunidade Andina fan unha chamada para que no máis breve prazo posíbel se acuda á vía constitucional para o pronto restablecemento da democracia no Reino de Tailandia».

Costa Rica. O Ministro de Economía de Costa Rica, Guillermo Zúñiga, deplorou que houbese xente que crese que «este tipo de métodos (os golpes de Estado) sexan a solución aos problemas».

Estados Unidos. O Departamento de Estado dos Estados Unidos comunicou que estaban observando a evolución da situación e que agardaban que o pobo tailandés resolvera de forma pacífica a crise institucional e as diferenzas políticas conforme aos métodos democráticos e o respecto ao Estado de Dereito. Posteriormente a condena foi máis dura ao manifestar que «non hai xustificación para un golpe militar en Tailandia ou en calquera outro lugar», ao tempo que se pedía rapidez na celebración de eleccións democráticas. Pola súa parte, o Secretario de Prensa da Casa Branca, Tony Snow, manifestou o desacordo do Goberno dos Estados Unidos co golpe e poñía en dúbida a viabilidade dun Tratado de Libre Comercio de non restablecerse a democracia. Sobre as restricións dos dereitos políticos dixo que «mentres avanzamos e contemplamos novas eleccións en Tailandia, iso quere dicir tamén que ten que haber unha participación sen restrición de todos os partidos políticos e dos medios na vida democrática do país».[59] O 28 de setembro o Goberno estadounidense adoptou a decisión de conxelar as axudas militares —24 millóns de dólares— que recibía Tailandia «até que non haxa un goberno democraticamente elixido». O portavoz do Departamento de Estado afirmou que tan pronto asumira o poder un goberno escolleito democraticamente, o goberno dos Estados Unidos levantaría as sancións.[60][61][62]

China. A axencia oficial de noticias da China, Xinhua, deu a coñecer o parecer do Goberno chinés a través dun portavoz do Ministerio de Relacións Exteriores que calificou como «asuntos internos» o golpe de estado e non valorou a situación seguindo a política de «non inxerencia».[63]

Corea do Sur. Un portavoz surcoreano dixo que esperaba que Tailandia restaurase a paz rapidamente acudindo aos procedementos legais.

Hong Kong. Ambrose Lee, Secretario de Seguridade de Hong Kong, seguindo as liñas do Goberno chinés, manifestou o 20 de setembro que os residentes de Hong Kong en Tailandia debían adoptar precaucións respecto dos súas propiedades e a súa seguridade persoal. O Departamento de Seguridade advertiulle aos que viaxasen a Tailandia que debían manterse informados dos últimos acontecementos, e dixo que o seu goberno se mantería en alerta acerca da situación.[64][65]

India. Nova Delhi publicou unha declaración ordenando a todos os cidadáns indios que se presentasen ante a Embaixada india en Bangkok. O Ministro de Asuntos Exteriores condenou todo acto que ameazase á democracia e expresou a súa esperanza de que houbese unha transición pacífica do poder desde os militares aos representantes electos no último comicio.

Indonesia. O Goberno de Indonesia comunicou —a través do seu portavoz ministerial Desra Percaya—, que o país «espera que os principios da democracia se manteñan, e espera ademais que a crise política tailandesa se poida resolver de maneira amigable e democrática en interese do pobo tailandés».

Filipinas. Gloria Macapagal-Arroyo, Presidenta de Filipinas, afirmou, xunto con numerosos lexisladores, que estaban moi preocupados. Ademais, dixo, confiaban na lealdade das Forzas Armadas Filipinas. A Presidenta encontrábase nese momento na sede de Nacións Unidas en Nova York.

Xapón. O Ministerio de Relacións Exteriores nipón dixo que o golpe militar era algo lamentable e esixiu os máximos esforzos para restaurar o antes posible o sistema democrático.

Malaisia. O Primeiro Ministro, Abdullah Ahmad Badawi, expresou que «este [golpe] non era o camiño para un cambio de goberno». O Ministro de Asuntos Exteriores, Syed Hamid Albar, engadiu que «un cambio de goberno a través dun golpe militar non é unha solución aceptable».[66][67]

Singapur. O Ministro de Relacións Exteriores declarou que o seu país «desexa que as partes involucradas cheguen a unha solución positiva, esperando que a situación volva á normalidade o antes posíbel».

Unión Europea. A Unión Europea, a través do Primeiro Ministro finlandés, presidente de quenda da Unión, Matti Vanhanen, pediu a restitución da orde democrática «sen demora».[68] O día 21, nun comunicado, a Unión expresaba que «Tailandia viviu varios anos sen ningún conflito político importante. A Presidencia desexa que poida volver pronto a orde democrática». O 24 de setembro reuníronse en Bangkok os embaixadores dos 25 membros da Unión acreditados en Tailandia para avaliar a situación e efectuar as recomendacións que considerasen oportunas aos seus respectivos gobernos.

Dinamarca. O Chanceler de Dinamarca, Per Stig Møller, denunciou o golpe, denominándoo «episodio de república bananeira», no cal os militares asaltan o poder mentres o Primeiro Ministro se encontra ausente do país. O Goberno ten moito apoio fóra de Bangkok, polo que esperamos ver o que pasa cando o gobernante regrese. Só espero que isto non acabe en violencia, e que se restableza a democracia».

Noruega. O Ministro Jonas Gahr Støre expresou que «as Forzas Armadas deben dar un paso para ao lado para permitir que regrese o goberno electo democraticamente». Esperaba «que a situación se resolva pola vía da paz e que o país retorne á orde democrática o máis pronto posíbel».[69]

Países Baixos. O portavoz do Ministerio de Asuntos Exteriores neerlandés, Herman van Gelderen, dixo que estaba moi preocupado pero que non podía opinar con autoridade debido a falta de información.

Reino Unido. A Ministra británica, Margaret Beckett, dixo que «nunca estamos contentos cos intentos militares de avasalar aos gobernos, se é iso o que está sucedendo. Pero esperamos con ansiedade que haxa paz e que a situación se amañe de forma pacífica». Unha portavoz da chancelería agregou que había eleccións previstas para outubro e novembro, e «estamos intentando descubrir se se realizarán ou non. Obviamente, esperamos que si».

Rusia. Sergéi Lavrov, titular do Ministerio Exterior ruso, fixo notar que «a miña opinión é que todos deberan traballar para fortalecer o réxime constitucional nese país».

Suecia. O Ministro de Asuntos Exteriores de Suecia, Jan Eliasson, —que foi Presidente da Asemblea Xeral da Nacións Unidas—, declarou «que estaba moi preocupado polas noticias que lle chegaban desde Bangkok. A situación aínda non está clara, pero é imperativo que as diferenzas políticas se resolvan dentro do marco constitucional, pacificamente e de acordo cos principios democráticos e o respecto polos dereitos humanos».

Australia. O ministro australiano, Alexander Downer, dixo que «queremos ver un retorno ao imperio democrático. Ver un goberno derrocado deste xeito representa unha gravísima preocupación para nós. Esperamos que se leven a cabo as eleccións de fin de ano, ademais de que nos preocupa que os militares tomen o poder». O Partido Laborista do seu país indicou, a través do seu portavoz, Kevin Rudd, que o golpe debía ser inequivocamente condenado, agregando que «a maneira de resolver este tipo de problemas é botar man dos mecanismos democráticos e constitucionais. Un golpe de estado é un ataque directo á democracia mesma, e a rexión non pode permanecer inerte, deixando este tipo de actos sen condenar».

Nova Zelandia. Helen Clark, Primeira Ministra de Nova Zelandia sumouse á condena contra á asonada, «como calquera outro proceso que intente derrocar a un goberno mediante actos antidemocráticos e inconstitucionais». Dixo ademais que Nova Zelandia esixía ás partes políticas e militares involucradas que resolveran as súas diferenzas pola vía da paz e de acordo coa constitución tailandesa e os principios democráticos.

Reaccións de organizacións defensoras de dereitos humanos

[editar | editar a fonte]

Contrarios ao golpe mostráronse distintos grupos e activistas defensores dos dereitos humanos, e en concreto a Comisión Asiática de Dereitos Humanos, argumentando que a suspensión da vixencia da Constitución e os seus dereitos non era xeito de resolver a situación creada polo anterior Primeiro Ministro. En termos parellos se expresou desde Nova York Human Rights Watch: «suspender os dereitos constitucionais non é a resposta. Tailandia necesita resolver os seus problemas a través do respecto á lei e do exercicio dos cidadáns do dereito a cambiar os seus propios líderes» dixo o delegado para Asia da organización.

Amnistía Internacional comunicou o día 21 de setembro a súa «especial preocupación» pola adopción de medidas como a lei marcial, a prohibición de reunións políticas, a anulación da Constitución e as restricións de acceso a Internet como a censura de prensa, reclamando que as autoridades militares cumpriran cos tratados internacionais que Tailandia tiña asinados sobre dereitos humanos e as normas de dereito internacional sobre a materia.

«Ninguén debe ser castigado polo exercicio pacífico dos dereitos de liberdade de expresión, de asociación e de reunión.... Toda persoa detida baixo custodia militar debe ser acusada formalmente dun delito común recoñecible nun prazo razoable ou posta en liberdade»[70]

Impacto económico

[editar | editar a fonte]

Axencias de risco

[editar | editar a fonte]

As axencias de medición de riscos, que fixan as cualificacións dos Estados, e as compañías internacionais, adoptaron diversas medidas. As tres entidades de maior prestixio posicionáronse publicamente nas 24 horas seguintes ao golpe.

Fitch colocou no que se denomina baixo observación negativa o risco do país para a emisión de non pagamentos BBB+ de divisa estranxeira e A da divisa nacional de Tailandia a causa do golpe de estado.[71]

Standard & Poor's Rating Service notou baixo observación os valores BBB+, A, A1 e A2, o que indicaba a posibilidade dunha substancial deterioración da situación política. Non obstante, os analistas da empresa dixeron que unha rápida volta á normalidade e estabilidade permitiría manter a avaliación previa do 19 de setembro.

Moody's Investors Service, pola súa parte, manifestou que a situación financeira do país e a súa posición para afrontar os pagos ao exterior podían estar provisionalmente afectados, pero non modificou ningún dos cocientes para Tailandia.

Mercados de valores e divisas estranxeiros

[editar | editar a fonte]

O baht, a moeda local, caeu nos mercados de divisas durante o día 20 no que supuxo a maior caída en tres anos, a pesar de que non houbo cambio de moeda en Tailandia debido á declaración de día festivo polas novas autoridades.[72]

A Bolsa de Toquio, seguindo a outros mercados financeiros asiáticos, caeu un 0,98% no índice Nikkei e un 1,37% no indicador Topix, os niveis máis baixos desde a segunda semana de agosto, debido á incerteza tras o golpe de estado, refuxiándose o diñeiro en bonos públicos.[73]

A Bolsa de Nova York sufriu un forte impacto as primeiras horas, aínda que finalmente cerrou con perdas do 0,60% no índice NASDAQ, menores das previstas nas primeiras horas. O día 21 recuperou as cotizacións.

O conxunto dos mercados financeiros asiáticos finalizaron a primeira semana tras o golpe de estado con perdas nas prazas máis importantes: Toquio, Seúl, Singapur e Bangkok. Entre aquelas que operaban un maior volume de accións, só Hong Kong non tivo perdas, aínda que a situación non só se atribuíu á inestabilidade política en Tailandia, senón tamén á posible desaceleración do mercado estadounidense.

Evolución xeral da economía tailandesa

[editar | editar a fonte]
Rodrigo Rato, Director do Fondo Monetario Internacional, declarou desde Singapur unha moderada preocupación sobre o impacto do golpe de estado na economía da zona.

A Bolsa de valores de Tailandia abriu a sesión do día 21 de setembro con fortes perdas que alcanzaron o 4,2%, aínda que pouco despois reducíanse á metade. No peche da xornada a baixada só supuxo un 1,4%. O indicador SET da bolsa tailandesa descendeu de novo un 0,29% ao inicio da sesión do luns, 25 de setembro, para pechar ao final do día cunha subida dun 0,74%, o que constituíu a primeira repunta da bolsa tailandesa desde o golpe de estado.[74][75] Durante o golpe de estado de febreiro de 1991, o índice da bolsa tailandesa baixou un 7,3% o primeiro día, chegando ao 24% dous meses máis tarde.[76]

Segundo as previsións anunciadas polo Banco Central de Tailandia o día 24 de setembro, a economía do país diminuiría o seu crecemento no cuarto trimestre do ano a causa da incerteza provocada polo golpe de estado. Tamén se prevía un alto grao de volatilidade da moeda local a curto prazo. Non obstante, os distintos informes públicos e privados consideraron que no 2007 se produciría unha recuperación. A Comisión Económica e Social para Asia Pacífico (UNESCAP), axencia da ONU, fixo unha estimación de crecemento do 4,7% para o país no 2007 se se mantiña a estabilidade política, segundo informe feito público o 29 de setembro.[77]

O Goberno dos Estados Unidos ameazou con non proseguir co Tratado de Libre Comercio con Tailandia, que fora froito dun acordo entre o Presidente dos Estados Unidos, George W. Bush e o primeiro Ministro Thaksin durante unha visita do primeiro ao país o 19 de outubro de 2003.

A economía de Tailandia mantén un Produto Interior Bruto de 180.000 millóns de dólares, do que o sector servizos representa o 46% do total. Tailandia creceu un 5,5% no primeiro semestre de 2006. Morgan Stanley rebaixou a previsión de crecemento ao 2,4% para o segundo semestre como consecuencia do golpe, e Citigroup ao 2,9%.[78]

Organismos internacionais

[editar | editar a fonte]

O FMI, a través do seu Director, Rodrigo Rato, manifestou o día do golpe que «certamente de momento non observamos ningunha consecuencia financeira» durante a reunión a que asistía en Singapur con motivo da asemblea xeral anual conxunta que celebraban este órgano e o Banco Mundial. O día 20 reiterou «que as economías de Asia son resistentes aos impactos externos, pois nos últimos anos fortaleceron os seus marcos macroeconómicos, aumentando a flexibilidade do seu tipo de cambio e reducindo a vulnerabilidade externa» e que a economía tailandesa ten unha «base robusta».[79] Na mesma reunión, Daniel Kaufman, do Banco Mundial, si que sinalou que o último informe da entidade sobre as prácticas de bon goberno da semana anterior alertaba sobre un elevado risco político en Tailandia, país que aparecía á cola en canto a estabilidade política con 29 puntos nunha escala de 100 fronte a outros competidores da zona asiática como Singapur, que tiña 84 puntos, ou Malaisia, con 62.[80]

  1. (en castelán) Intento de golpe de Estado en Tailandia en BBC Mundo. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  2. (en inglés) Thai arrests over Thaksin plot, BBC News, 7 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  3. 3,0 3,1 (en castelán) El Ejército Tailandés da un golpe de Estado en ausencia del primer ministro en elmundo.es. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  4. (en castelán) Tailandia.- El comandante del Ejército asume el poder, declara la ley marcial y revoca la Constitución, Europa Press, 19 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  5. (en castelán) El Ejército Tailandés da un golpe de Estado y declara una autoridad provisional leal al Rey, Europa Press, 19 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  6. (en castelán) Golpe de Estado en Tailandia, Terra Actualidad, 16 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  7. (en inglés) Coup as it unfolds Arquivado 29 de setembro de 2007 en Wayback Machine., The Nation, 20 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  8. (en castelán) El general golpista asume como Primer Ministro interino Europa Press, 19 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  9. (en castelán) Los jefes militares se reúnen con el Rey para proponer gobierno en Terra Actualidad, o 19 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  10. (en inglés) Thai coup leader delays elections for a year, USA Today, 20 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  11. Tailandia: Golpistas devolverán poder' en BBC, 20 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  12. (en castelán) Los golpistas tailandeses aseguran que cederán el poder en dos semanas, 20 minutos, 20 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  13. Gobernador Banco de Tailandia será Primer Ministro, dice diario, Terra Actualidad, 20 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  14. Ejército reduce la presencia de tropas en las calles de Bangkok, Terra Actualidad, 21 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  15. (en castelán) La cúpula militar golpista que rige Tailandia prohíbe todas las actividades políticas, 20 minutos, 21 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  16. (en castelán) Shinawatra insta a convocar cuanto antes nuevas elecciones generales, El Diario Montañés, 22 de setembro. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  17. (en inglés) Coup as it unfolds Arquivado 29 de setembro de 2007 en Wayback Machine., The Nation, 20 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  18. (en inglés) Thai king endorses authority of coup leader, Peoples Daily On Line, 21 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  19. (en inglés) Thai king remains centre stage BBC News, 21 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  20. (en castelán) Bhumibol, el eterno rey del tablero Arquivado 30 de maio de 2020 en Wayback Machine., El País, 24 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  21. (en inglés) Analysis: Complex transaction a model for avoiding tax, ownership law Arquivado 12 de xullo de 2007 en Wayback Machine., The Nation, 27 de xaneiro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  22. (en inglés) Thailand: All the king's men Arquivado 24 de xuño de 2011 en Wayback Machine., Asian Times, 21 de setembro de 2006. Consultado o 12 de setembro de 2011.
  23. (en inglés) Thai military revives Thaksin corruption inquiry, The Guardian, 25 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  24. (en neerlandés) Máis do 80 por 100 dos tailandeses apoian o golpe de Estado Arquivado 12 de novembro de 2007 en Wayback Machine., Nieuws, 20 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  25. (en castelán) La junta golpista prohíbe mítines políticos y asume el papel del Parlamento para preservar el orden, Europa Press, 21 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  26. (en inglés) Military has until Oct 1 Arquivado 24 de novembro de 2006 en Wayback Machine., The Nation, 25 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  27. (en inglés) Activists, former MP arrested after staging protest Arquivado 13 de xaneiro de 2007 en Wayback Machine., The Nation, 20 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  28. (en inglés) Activists to hold anti-coup gathering Arquivado 05 de outubro de 2006 en Wayback Machine., The Nation, 22 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  29. (en castelán) Denuncian recortes a las libertades en Tailandia desde el golpe, Terra Actualidad, 24 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  30. (en castelán) Incendian cuatro escuelas en aparente respuesta a golpe militar, Terra Actualidad, 27 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  31. (en inglés) Anti-coup protesters again defy ban on assemblies Arquivado 12 de marzo de 2007 en Wayback Machine., The Nation, 28 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  32. (en inglés) Thai Military Leader Pledges Elections by 2007 Day After Coup Arquivado 17 de outubro de 2012 en Wayback Machine., Fox News, 20 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  33. (en inglés) Entrevista de Anand Panyarachun, Far Eastern Economic Review, 20 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  34. (en castelán) Somkid Jatusripitak, quien se encontraba antes en Francia con motivo de una misión comercial, regresó a Tailandia Arquivado 19 de agosto de 2014 en Wayback Machine. Pueblo en Línea, 22 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro.
  35. (en castelán) Dos ministros depuestos se presentan ante autoridad marcial Arquivado 19 de agosto de 2014 en Wayback Machine., Pueblo en Línea, 22 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  36. (en inglés) Govt heavies flee after many held Arquivado 11 de outubro de 2006 en Wayback Machine., The Nation, 20 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  37. (en castelán) Tailandia: los golpistas elaboraron una lista de candidatos para reemplazar al derrocado primer ministro Arquivado 16 de setembro de 2009 en Wayback Machine., Diario Clarín, 23 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  38. (en castelán) El Rey de Tailandia nombra formalmente al nuevo Gobierno tras el golpe, 20 minutos, 22 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  39. (en castelán) La censura en Tailandia tras el golpe no puede con Internet, 20 minutos, 22 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  40. (en castelán) La junta golpista dice que "actuará preventivamente" contra la prensa externa Arquivado 12 de maio de 2015 en Wayback Machine., Larioja.com, 23 de setembro de 2006. Consultado o 13 de setembro de 2011.
  41. (en inglés) Updated: Civilian govt in 2 weeks Arquivado 11 de marzo de 2007 en Wayback Machine., The Nation, 20 de setembro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  42. (en inglés) Thai coup leader unveils PM plans, BBC News, 20 de setembro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  43. (en inglés) Human Rights organization urges Superior Courts in Thailand to declare power grab and interim constitution illegal Arquivado 04 de abril de 2018 en Wayback Machine., Asian Tribune, 7 de outubro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  44. (en castelán) La junta militar se reúne para seleccionar un primer ministro, Terra España, 23 de setembro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  45. (en castelán)Los golpistas de Tailandia anuncian que seguirán gobernando al lado del nuevo primer ministro Arquivado 30 de maio de 2020 en Wayback Machine., El País, 26 de setembro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  46. (en castelán) La Junta Militar de Tailandia confirma a un general retirado como primer ministro interino, 20 minutos, 1 de outubro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  47. (en castelán) La Junta Militar confirma que el general retirado será primer ministro, Terra Actualidad, 1 de outubro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  48. (en castelán) La junta cambiará la Constitución a fin de que los futuros dirigentes sean más responsables de sus actos, Europa Press, 22 de setembro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  49. (en castelán) 'La junta constituye un comité especial anticorrupción para investigar los presuntos delitos de Thaksin, Europa Press, 22 de setembro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  50. (en castelán) Tailandia: corrupción en la mira BBC Mundo, 24 de setembro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  51. (en castelán) La junta militar establece una comisión para investigar la corrupción en el anterior gobierno tailandés, Europa Press, 24 de setembro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  52. (en castelán) Junta militar empieza examinar supuesta corrupción de Shinawatra. Terra Actualidad, 25 de setembro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  53. (en inglés) More powers for investigators Arquivado 31 de outubro de 2006 en Wayback Machine., The Nation, 2 de outubro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  54. (en castelán) Thaksin podría haber sacado sus bienes de Tailandia antes del golpe de Estado, Europa Press, 24 de setembro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  55. "Thai PM blames rivals for blasts" (en inglés). BBC News. 01-01-2007. Consultado o 14 de setembro de 2011. 
  56. "Surayud qualifies remarks about bombers" (en inglés). The Nation (Tailandia). 04-01-2007. Arquivado dende o orixinal o 28-01-2007. Consultado o 14 de setembro de 2011. 
  57. (en castelán) Kofi Annan pide la vuelta "a la normalidad civil y democrática" en Tailandia, Europa Press, 24 de setembro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  58. (en castelán) ONU dice medidas Junta Militar tailandesa van en contra derechos, Terra Actualidad, 25 de setembro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  59. (en castelán) EEUU advierte a Tailandia contra restrición de actividades políticas Arquivado 23 de febreiro de 2014 en Wayback Machine., Pueblo en Línea, 21 de setembro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  60. (en castelán) EE.UU. suspendió el envío de fondos para el Ejército de Tailandia Arquivado 26 de xaneiro de 2010 en Wayback Machine., Clarín, 29 de setembro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  61. (en castelán) EEUU suspende ayudas militares a Tailandia por valor de 24 millones de dólares, 20 minutos, 29 de setembro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  62. (en castelán) EEUU suspende la ayuda militar a Tailandia hasta que haya «un Gobierno democráticamente elegido» El Mundo, 29 de setembro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  63. (en castelán) China considera que sucesos de Tailandia son asuntos internos[Ligazón morta], spanish.xinhuanet.com, 20 de setembro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  64. "S for S urges Hong Kong residents in Thailand to be careful", Gobierno de Hong Kong, nota de prensa, 20 de setembro de 2006. Consultado o 14 de setembro.
  65. "Hong Kong residents reminded about situation in Thailand", Goberno de Hong Kong, nota de prensa, 20 de setembro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  66. (en inglés) Monitor Thai situation before going, says PM Arquivado 31 de outubro de 2012 en Wayback Machine., The Star, 20 de setembro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  67. (en inglés) PM: Nobody is marginalised in Malaysia Arquivado 31 de outubro de 2012 en Wayback Machine., The Star, 23 de setembro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  68. (en castelán) La UE pide la vuelta al orden democrático sin demora, Europa Press, 19 de setembro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  69. (en inglés) Norway condemns Thai military coup, Ministro de Asuntos de Exteriores noruegués, 20 de setembro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  70. (en castelán) Amnistía lamenta la limitación de las libertades y las detenciones tras el golpe de Estado en Tailandia, Europa Press, 21 de setembro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  71. (en castelán) Fitch pone calificaciones de Tailandia en «observación negativa», Terra Actualidad, 20 de setembro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  72. (en castelán) Tailandia/mercados: pérdidas limitadas, BBC Mundo, 20 de setembro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  73. (en castelán) El Nikkei en el mínimo en seis semanas por golpe en Tailandia, en Terra España, 20 de setembro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  74. (en castelán) Jornada bursátil comienza con tendencia a la baja, Terra Actualidad, 25 de setembro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  75. (en castelán) Cierres alcistas en sesión de espera a datos económicos de EEUU, Terra Actualidad, 26 de setembro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  76. (en inglés) Thai Stocks Escape Rout After Coup; Thaksin-Linked Shares Slide, Bloomerg.com, 23 de setembro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  77. (en castelán) El golpe militar en Tailandia no ha afectado a su economía, según la ONU, Terra Actualidad, 29 de novembro de 2006. Consultado o 14 de setembro 2011.
  78. (en castelán) Reportaje: Tailandia capea el temporal Arquivado 30 de maio de 2020 en Wayback Machine., El País, 1 de outubro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  79. (en castelán) FMI dice que golpe en Tailandia tuvo un impacto financiero "limitado Arquivado 28 de setembro de 2007 en Wayback Machine., Venevisión, 20 de setembro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.
  80. (en castelán) Reunión anual FMI y BM acaba con sombra golpe estado en Tailandia, Terra Actualidad, 20 de setembro de 2006. Consultado o 14 de setembro de 2011.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]